Xerardo Abad Conde
Xerardo Abad Conde | |
---|---|
![]() Xerardo Abad Conde, retrato en Vida Gallega, 1909. | |
Nacemento | 8 de agosto de 1881 |
Lugar de nacemento | Ordes |
Falecemento | 10 de setembro de 1936 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Ocupación | político, avogado e xurista |
[ editar datos en Wikidata ] | |
- Non confundir con Gerardo Abad-Conde y Sevilla (1909-1988), xurista.
Xerardo Abad Conde, nado en Ordes o 8 de agosto de 1881 e finado en Madrid o 10 de setembro de 1936, foi un político galego. Foi alcalde da Coruña a finais da década de 1910.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Marchou de neno a Cuba, regresando en 1889. Titulouse en Dereito e exerceu como avogado na Coruña. Desempeñou a cátedra de Lexislación Mercantil e Lexislación Marítima na Escola de Comercio da Coruña e na de Vigo e foi director da Escola Náutica da Coruña.
Pertenceu ao Partido Republicano Autónomo, do que xa era secretario en 1908, e despois ao Partido Radical de Alejandro Lerroux. Foi concelleiro na Coruña en varias etapas, e alcalde en 1918-19. Foi un dos participantes do Pacto de Lestrobe en marzo de 1930, onde foi designado polas súas calidades oratorias para asistir ao mitin de afirmación republicana que se ía celebrar en Madrid en setembro dese ano.
Ao proclamarse a Segunda República foi nomeado subsecretario do Ministerio de Comunicacións. Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 preséntase pola Coruña, pero non resulta elixido; porén, na repetición das eleccións en Lugo, en agosto, foi elixido deputado. En xullo de 1933 foi elixido vocal do Tribunal de Garantías Constitucionais e, a finais dese ano –ao non saír elixido nas eleccións xerais de 1933- foi nomeado presidente do Consello de Estado. A principios de 1935 foi nomeado ministro de Mariña nun dos gobernos de Lerroux, cargo que desempeñou durante tres meses. En agosto dese ano foi nomeado catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de La Laguna (Tenerife) pero renunciou ante as presións que recibiu.
En 1936 presentouse ás eleccións xerais de febreiro polo Partido Radical pero non resultou elixido. Logo do levantamento militar contra a República, foi detido e enviado ao cárcere de Porlier onde foi asasinado por gardas de asalto e milicianos o 10 de setembro.
Foi membro da loxa Suevia nº 4 da Coruña.
Predecesor: Santiago Casares Paz |
![]() Alcalde da Coruña 1918 – 1919 |
Sucesor: Juan González Rodríguez |
Obra[editar | editar a fonte]
- Institutos náuticos oficiales. Situación del personal docente en 15 de abril de 1920, con apéndice de las disposiciones legales dictadas desde 1º. de julio de 1918 hasta la citada fecha (A Coruña, 1920).
- El Salario (A Coruña, 1922).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Couceiro Freijomil, A. (1951). "ABAD CONDE, Gerardo". Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) I. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos. p. 1.
- Ledo Cabido, B. (dir.) (2010): "Abad Conde, Xerardo". Entrada en Dicionario biográfico de Galicia, tomo I. Vigo: Ir Indo Edicións.
- "Abad Conde, Xerardo". Diciopedia do século 21. Do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006.
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "Masones ilustres" logiaobradoiro.com (en castelán).
- "Gerardo Abad Conde" galegos.info