Hiperión (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía grega, Hiperión (en grego antigo Ὑπερίων, que camiña nas alturas, ou que vai por riba) é un dos Titáns, fillo de Urano (o Ceo) e Xea (a Terra).

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

Segundo Hesíodo, casou coa súa irmá a titánide Tía (ou Tea) (tamén chamada Eurifaesa), coa que tivo tres fillos: Helios (o Sol), Selene (a Lúa) e Eos (a Aurora):

"Tea, dominada polo amor de Hiperión, enxendrou ó grande Helio, á brillante Selene e a Eos, que lucen para tódolos que habitan na Terra e para os inmortais deuses que ocupan o ancho ceo".
(Hesíodo: Teogonía 372-374)

Hiperión desenvolve un papel practicamente nulo nos cultos gregos e na súa mitoloxía, limitándose a aparecer na lista dos doce Titáns. Polo seu nome, o que vai por riba da Terra, foi identificado con Helios e, finalmente, con Apolo. Na Teogonía de Hesíodo e na Odisea de Homero, o sol recibe o nome de Hyperonides (fillo de Hiperión) [1]. Na literatura grega posterior, Hiperión sempre se distingue de Helios.

Non se conservou ningunha imaxe de Hiperion, pero no friso sur do altar de Pérgamo si que se representa a súa esposa, Tía, acompañada das figuras dos fillos Helios e Selene.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Circe, a filla do Hiperiónida Helios, unida amorosamente ó valoroso Odiseo..." (Hesíodo: Teogonía 112-113).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto]
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA