Apareceu o 3 de outubro de 1910[1] co subtítulo de Diario católico con censura eclesiástica, que cambiou por Diario católico antiliberal, e logo polo de Diario católico y antiliberal e a partir de 1920 cualifícase exclusivamente como Diario Católico.[1] De tendencia católica, xorde por iniciativa das Damas de la Buena Prensa e co apoio de Acción Social Católica, organismo do que se fai portavoz.
En 1921 foi adquirido pola Editorial Católica Lucense e publicouse baixo censura eclesiástica, como toda a prensa confesional. En 1930 mercárono entre varios particulares aínda que, posteriormente, quedou como único propietario e director Luis Sánchez Arrieta.[2] A maioría das novas que aparecen no xornal proceden da Agencia Católica de Prensa Asociada. Segue unha tradición antiliberal e tradicionalista e na II República, acabou converténdose no voceiro da CEDA.[3]
Cesou a súa publicación o 15 de xaneiro de 1937 polas dificultades económicas derivadas da guerra civil, ao non poder conseguir papel para continuar coa publicación.[2] Tiña a redacción e a administración, na rúa San Pedro, nº 28;[4] os talleres da imprenta estaban na rúa conde Pallares nº 9.[5]
Era o xornal competidor e contrario a El Progreso (liberal).[6]
Comezou cun formato saba con 4 páxinas a 5 columnas mais en 1931 mudou o formato a tamaño tabloide e aumentou a 8 páxinas.[2] ao publicarse baixo censura eclesiástica, en ocasións, algúns exemplares presentan espazos en branco por mor desa censura.[4]
Teijeira, Mari Paz; De la Torre, María (1997). A prensa en Lugo, dous séculos de historia. Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo. ISBN 84-8192-110-6.