Saltar ao contido

Museo Numismático de Lobios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo Numismático de Lobios
Placa na sede do
Museo Numismático
Coordenadas
PaísGalicia
CidadeLobios
DirectorJaime Paz Molina
Inauguración1996
Na rede
http://www.lobios.org/ga/deporte-e-cultura/museo/
editar datos en Wikidata ]

O Museo Numismático situado no concello ourenán de Lobios é unha exposición permanente de moedas de Galicia impulsada polo numismático natural desa vila Jaime Paz Bernardo, que se inaugurou en 1996.[1][2]

A sede do museo está no edificio do propio Concello e o seu horario de visita é de luns a venres, de 9 a 14 horas.[3]

A idea da creación dun museo especializado en moedas de Galicia xurdiulle en 1993 a Jaime Paz Bernardo, numismático profesional orixinario de Quintela, e daquela residente en Cataluña. Paz centrábase nese tipo de moedas, non só como coleccionista senón tamén como comerciante, no seu establecemento comercial en Barcelona.

Co apoio inicial do entón alcalde Antonio Ferreira López, continuado polo seu sucesor Benito Vázquez Vázquez, o 30 de xullo de 1996 produciuse a inauguración do museo, da man do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.[4]

No mesmo ano da súa inauguración, o museo recibiu o premio Excelente Numismático 1996, outorgado pola Asociación Numismática Española.[5]

Nos últimos anos, as desavinzas entre a familia do desaparecido fundador (representada polo seu fillo, do mesmo nome) e o Concello dirixido por María del Carmen Yáñez, baseadas no posible incumprimento do contrato de cesión e nas deficiencias no mantemento das pezas, fixeron que se chegase a considerar a posibilidade de trasladar a colección a outra localidade.[6][7][8][9]

Ás de Octavio Augusto cuñado en Lucus Augusti ca. 25 a. de C., durante as Guerras Cántabras.

O Museo Numismático de Lobios alberga unha colección cronoloxicamente ordenada de moedas cuñadas, usadas ou relacionadas con Galicia, desde a Antigüidade ata a Idade Moderna, disposta en paneis e acompañadas de fichas didácticas na que se describen e se contextualizan as pezas.

É de salientar a presenza dun exemplar do ás de Octavio Augusto cuñado en Lucus Augusti cara ao 25 a. de C., no contexto das Guerras Cántabras, considerada como a primeira moeda cuñada en Galicia. De época medieval destacan pezas como un diñeiro de billón cuñado en Santiago de Compostela por Afonso IX de León, ou catro marabedís da Real Casa da Moeda da Coruña a nome dos Reis Católicos. É de sinalar, así mesmo, a importante representación de moedas da Real Casa de Moeda de Xuvia, xa do século XIX.[10]

  1. "Museo Numismático de Lobios Arquivado 08 de outubro de 2018 en Wayback Machine.". En Visitar Galicia.
  2. "Museo Numismático". En www.turismo.gal
  3. "Museo Numismático". En Escapada Rural.
  4. "Museo numismático do Concello de Lobios". No sitio web do Concello de Lobios.
  5. "Museo Numismático de Lobios Arquivado 05 de xullo de 2017 en Wayback Machine.". En Numismática Paz.
  6. "Lobios está a punto de quedar sin el Museo Numismático". En La Región, 26 de xuño de 2006.
  7. "El director del numismático de Lobios denuncia un ataque contra el patrimonio por el deterioro de piezas". En Faro de Vigo. 25 de xuño de 2015.
  8. "La Asociación Numismática se interesa por el Museo de Lobios". En La Región. 3 de xullo de 2015.
  9. "Malestar en Lobios por la gestión del Museo Numismático". La Región. Consultado o 05-02-2021. 
  10. "Museo Numismático de Lobios". En As Fontes. Casa de Turismo Rural.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]