Sociedade Numismática Brasileira
Sociedade Numismática Brasileira | |
---|---|
Tipo | sociedade científica |
Campo de traballo | numismática |
Área de operación | Brasil |
Data de fundación | 19 de xaneiro de 1924 |
Sede | São Paulo |
País | Brasil |
Na rede | |
http://www.snb.org.br | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Sociedade Numismática Brasileira (SNB) é unha entidade asociativa sen ánimo de lucro de carácter cultural, instituída na cidade brasileira de São Paulo en 1924 e recoñecida de utilidade pública en 1951, que ten como obxectivo a promoción e o desenvolvemento da investigación numismática e do coleccionismo de moedas, medallas e billetes.[1][2]
Na procura dos seus obxectivos, a SNB mantén, na súa sede no número 247 da rúa 24 de Maio de São Paulo, un museo numismático, unha importante biblioteca especializada en numismática e disciplinas anexas, con máis de 2.000 volumes, e publica periodicamente un boletín con artigos relativos á súa área de estudo.[1][3][4][5] Así mesmo, organiza dous encontros semanais, así como outros de carácter extraordinario, para fomentar as relacións e os intercambios entre os seus asociados, e emite medallas conmemorativas de diversos eventos relacionados coa numismática.[6][7][8]
Historia
[editar | editar a fonte]Contexto previo á SNB
[editar | editar a fonte]Xa a mediados do século XIX, coñécense algunhas referencias en xornais dos primeiros coleccionistas de moedas no Brasil, case sempre residentes nas zonas máis desenvolvidas do país. É salientable, tamén, o acervo numismático dos emperadores, que logo pasou ao Museo Nacional, e a colección da Biblioteca Nacional de Río, que en 1922 pasou ao Museo Histórico Nacional e que alberga a maior colección numismática do Brasil.[9][10]
No coleccionismo privado tivo unha relevancia singular a figura de Julius Meili (1839-1907), un coleccionista de orixe suíza, estudoso e divulgador numismático, autor dunha obra de referencia na numismática luso-brasileira, en tres volumes, titulada O Meio Circulante no Brasil 1645 a 1900. Parte da colección Meili constituíu os alicerces do fondo numismático do Museo do Banco do Brasil.[9][10]
Fundación da SNB
[editar | editar a fonte]Neste contexto, en 1922 un grupo de sociois da Sociedade Philatelica Paulista creou nesa institución unha sección de numismática, que se constituíu no xermolo da Sociedade Numismática Brasileira.[11][12]
Naquela época probablemente houbese en todo o Brasil arredor dunha centena de coleccionistas numismáticos, moitos dos cales comezaron a reunirse na rúa São Bento de São Paulo, no consultorio dun dos que logo sería membro da sociedade, o doutor Raul Whitaker. A partir daquelas xuntanzas organizouse a dirección provisional da incipiente sociedade, presidida por Agostinho Pardini, que exerceu ata a elección da definitiva, baixo a presidencia de José Vieira da Costa Valente, coa que se aprobaron os estatutos e se formalizou a constitución da Sociedade Numismática Brasileira, o 19 de xaneiro de 1924.[11][12]
Sedes da sociedade
[editar | editar a fonte]Nos seus inicios, os lugares de reunión seguían a ser salas prestadas por algúns dos seus asociados mais, co aumento da masa social, a dirección decidiu alugar dúas salas do Instituto Histórico Xeográfico de São Paulo. Desde a presidencia de José Benedito de Moura en 1964 comezouse a xestar a idea da disposición dunha sede propia e en 1968 inaugurouse a sede do número 488 da rúa Libero Badaró, onde a sociedade radicou durante un decenio, ata a adquisición dunha sede en propiedade. Os boletíns da Sociedade deses anos salientaron a estrea e a cerimonia de inauguración: " A SNB adquiriu en febreiro de 1979 un local de 150 m2 no edifício Adelilda, situado no número 247 da rúa 24 de Maio, no centro de São Paulo e a poucos pasos da praza da República”. Ese espazo foi posteriormente ampliado coa adquisición en 1992, de novos locais anexos, de xeito que a SNB pasou a ocupar todo o segundo andar do edificio, cunha superficie de 245 m2.[13]
Presidentes da sociedade
[editar | editar a fonte]Esta é unha listaxe dos presidentes da entidade desde a súa fundación:[14]
- Agostinho Pardini (xaneiro de 1924 - febreiro de 1924).
- Jose Vieira da Costa Valente (febreiro de 1924 - agosto de 1924).
- Arthur Martins Passos (agosto de 1924 - xaneiro de 1925).
- Joaquim Marra (xaneiro de 1925 - febreiro de 1926).
- Arthur Martins Passos (febreiro de 1926 - xaneiro de 1933).
- Álvaro de Salles Oliveira (xaneiro de 1933 - xaneiro de 1943).[15]
- Zuinglio Marcondes Homem de Mello (xaneiro de 1943 - abril de 1953).
- Álvaro da Veiga Coimbra (abril de 1953 - xaneiro de 1959).
- Carlos Furtado de Mendonça (xaneiro de 1959 - maio de 1959).
- Antonio Luiz Ippolito (maio de 1959 - decembro de 1963).
- Alceu de Campos Pupo (decembro de 1963 - xuño de 1964).
- José Benedito de Moura (xuño de 1964 - xaneiro de 1987).[16]
- José Alcides Barrichello (xaneiro de 1987 - xaneiro de 1989).
- Wilson Honorato Rodrigues (xaneiro de 1989 - xaneiro de 1995).
- Manoel dos Santos (xaneiro de 1995 - xaneiro de 2003).
- Cláudio Patrick Amato (xaneiro de 2003 - xaneiro de 2007).[17]
- Cláudio Marcos Angelini (xaneiro de 2007 - xaneiro de 2011).
- Gilberto Fernando Tenor (xaneiro de 2011 - xaneiro de 2015).
- Ismael Toledo Jr. (xaneiro de 2015 - marzo de 2015).
- Gilberto Fernando Tenor (2015- ).
Medalla ao Mérito Numismático
[editar | editar a fonte]A xunta directiva da Sociedade Numismática Brasileira acordou o 13 de xullo de 2013 a creación da Medalla ao Mérito Numismático, de concesión anual, para o recoñecemento dos seus membros que destaquen por diferentes méritos. A medalla, cuñada en ouro e en prata, ten un diámetro de 35 milímetros, e amosa no seu anverso o escudo da sociedade rodeado pola lenda SOCIEDADE NUMISMÁTICA BRASILEIRA S. PAULO, en tanto que o reverso está ocupado por unha coroa de loureiro e un espazo interior para gravar o nome da persoa agraciada e a data de concesión, todo iso coa lenda MEDALHA AO MÉRITO NUMISMÁTICO no seu exterior.
- Medalla de ouro. Concédeselles aos expresidentes da entidade que, pola súa dedicación e capacidade profesional, contribuísen destacadamente ao seu prestixio.
- Medalla de prata. Concédeselles aos asociados cun mínimo de dez anos de afiliación que teñan destacado pola realización de accións a prol da SNB.[18]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Para levar a cabo o seu propósito de difusión da numismática, a SNB editou, ao longo da súa historia diversas publicacións de carácter tanto periódico como mográfico.[19][20]
Publicacións periódicas
[editar | editar a fonte]- Revista Numismática (1933-1954).
- Boletim (desde 1959). Ao longo da súa existencia alternou os seguintes nomes: Boletim da SNB (ata 1969), Boletim de Numismática (1970-1983), Notícias de Sociedade (1983-1991), Notícias de Sociedade/Boletim da SNB (1992-1995), Boletim da Sociedade (1996-1999) e Boletim (desde 1999). É unha publicación de periodicidade variable creada en 1959 por César Ferrari.[21]
Monografías
[editar | editar a fonte]- (1934): Lista official de preços de moedas brasileiras: prata, nickel, liga.
- (1937-1940): Anais do 1º Congresso de Numismatica Brasileira. Vol. I (1937); vol. II (1940).
- (1942): Catálogo oficial de preços de moedas brasileiras 1643-1942.
- (1952): Catálogo da Biblioteca da Sociedade Numismatica Brasileira.
- (1960): Dessart, G. Ensaio histórico e descritivo das primeiras moedas cunhadas no Brasil. Moedas de obsidiana e de necesidade, acuñadas polos invasores holandeses, en Recife, Pernambuco, en 1645/1646 e 1654.
- (1978): Ferrari, C. Catálogo Manual CF das moedas do Brasil República.
- (1978): Ferrari, C. Moedas do Brasil: como iniciar uma coleção, método facil e prático, para principiantes.
- (1985): Ferreira Gomes, W. Curso de Classificação de Patacões.
Congresos nacionais e internacionais de numismática
[editar | editar a fonte]Congresos nacionais
[editar | editar a fonte]No Brasil leváronse a cabo ata 2018 vinte e dúas edicións do Congreso Brasileiro de Numismática; o primeiro en 1936, o segundo en 1986 e, a partir de aí, cunha periodicidade non fixa pero comunmente cada un ou dous anos (1988, 1989, 1992, 1994, 2000, 2002, 2003, [...] 2016, 2017, 2018...), todos eles contaron coa participación da Sociedade Numismática Brasileira. As actas do primeiro congreso foron editadas en dous volumes en 1937 e en 1940.
Congresos internacionais
[editar | editar a fonte]Ademais dos congresos nacionais, en 1988 comezou a proxectarse a celebración dun encontro internacional que reunise numismáticos do Brasil e de Portugal e, en colaboración coa Sociedade Portuguesa de Numismática, organizouse o I Congresso Luso Brasileiro de Numismática, que tivo unha primeira fase en 1999 en Portugal, na cidade de Porto, e unha segunda en 2000 no Brasil, entre São Paulo e Río de Xaneiro. O éxito deste congreso levou os organizadores a unha segunda edición en 2002, que tivo lugar en Brasilia, e, na procura da internacionalización da actividade da SNB, en 2003 organizou en São Paulo o I Congresso Latino Americano de Numismática, que viu o ano seguinte a súa segunda edición.[22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Schroeder, C. (2004). Páxina 41.
- ↑ "Estatuto Social Arquivado 21 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Biblioteca". En Schroeder, C. (2004). Páxina 50.
- ↑ "Biblioteca Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Boletín Arquivado 22 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Encontros especiais Arquivado 21 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Medalhas emitidas pela SNB". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 56-68.
- ↑ "Medalhas cunhadas pela SNB Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.": No sitio web da SNB.
- ↑ 9,0 9,1 "Historia: a coleção de moedas no Brasil antes da SNB Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNF.
- ↑ 10,0 10,1 "A colacção de moedas no Brasil antes da SNB". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 43-44.
- ↑ 11,0 11,1 "Historia: A fundação Arquivado 03 de abril de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNF.
- ↑ 12,0 12,1 Schroeder, C. (2004). Páxina 44.
- ↑ "A Sede Própria". En Schroeder, C. (2004). Páxina 47.
- ↑ "Galería de presidentes Arquivado 28 de decembro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Dr. Álvaro de Salles Oliveira, 1893-1946, Presidente da SNB entre 1922/1942". En Schroeder, C. (2004). Páxina 45.
- ↑ "José Benedito de Moura, 1909-1995. Presidente da SNB entre 1963-1986". En Schroeder, C. (2004). Páxina 46.
- ↑ "Claudio Patrick Amato, 1950- , Atual Presidente da SNB gestão 2003-2004". En Schroeder, C. (2004). Páxina 48.
- ↑ "Resolución do 13 de xullo de 2013 Arquivado 28 de decembro de 2018 en Wayback Machine., pola que se crea a Medalla ao Mérito Numismático.
- ↑ "Cronologia das publicações da Sociedade Numismática Brasileira". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 50-52.
- ↑ "Sociedade Numismatica Brasileira". En Worldcat.
- ↑ "Boletins Arquivado 22 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web da SNB.
- ↑ "Congressos de numismática no Brasil". En Schroeder, C. (2004). Páxinas 52-56.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Schroeder, C. (2004). "Sociedade Numismática Brasileira. 80 anos". En Boletim da Sociedade Numismática Brasileira. Nº 54. Páxinas 41-68.