Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia
Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia –– Gabinet Numizmatyczny Mennicy Polskiej | |
---|---|
Unha das salas do Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia | |
Coordenadas | 52°14′03″N 20°59′33″L / 52.2341, 20.9926 |
País | Polonia |
Cidade | Varsovia |
Inauguración | 1928 |
Na rede | |
http://www.mennica.com.pl/historia/gabinet-numizmatyczny/ekspozycja-stala_805.html | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia (en polaco: Gabinet Numizmatyczny Mennicy Polskiej) é un museo numismático dependente da ceca pública polaca, sito no número 11 da rúa Waliców, en Varsovia. Desde abril de 2017 o museo está temporalmente pechado ao público.
Historia
[editar | editar a fonte]O Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia estableceuse en 1926, baixo a coordinación do numismático e coleccionista de Varsovia Karol Plage, como o seu primeiro conservador.[1] Outras fontes dan como data da súa fundación 1924 ou 1928.[2][3][4]
A colección do Gabinete chegou a alcanzar máis de 70.000 pezas, principalmente moedas (tanto circulantes como de colección), aínda que tamén abrangueu numerosas medallas e diversos artefactos, ferramentas e equipamentos utilizados na súa cuñaxe. Outra parte dos seus fondos corresponde aos libros da ceca, nos que quedou constancia de todos os artigos fabricados pola Casa da Moeda de Polonia desde a época do reinado de Stanisław August Poniatowski, fundador da ceca en 1766.[4][5]
Porén, a ocupación alemá en 1939, na segunda guerra mundial, non só provocou a grave deterioración dos edificios da Casa da Moeda, senón tamén a confiscación de metais preciosos e dos fondos do Gabinete Numismático polas autoridades do Terceiro Reich, que foron trasladados a Alemaña e diseminados. Soamente puido conservarse arredor do 10 % dos fondos das coleccións, que foran ocultadas polo daquela conservador W. Terlecki; estes fondos permaneceron desde entón en Polonia.[6] En épocas máis recentes engadiuse á colección unha serie de medallas dedicadas á figura do papa Xoán Paulo II.[7]
Os fondos conservados do Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia estiveron expostos na planta baixa dun edificio de oficinas no número 11 da rúa Waliców, en Varsovia, ata o 1 de abril de 2017, cando a instalación pechou ata novo aviso para a realización de labores de inventario.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "History of the Mint of Poland: 1924-1939 The second Polish Republic". Sitio web da Casa da Moeda de Polonia.
- ↑ Folga-Januszewska, D. (2012). Páxina 12.
- ↑ Encyklopedia Warszawy. Varsovia. Wydawnictwo Naukowe PWN. 1994. Páxina 479. ISBN 83-01-08836-2
- ↑ 4,0 4,1 "Gabinet Numizmatyczny Mennicy Polskiej". Turystyka360.pl
- ↑ "History of the Mint of Poland: 1764-1797 Beginnings of the Mint". Sitio web da Casa da Moeda de Polonia.
- ↑ "History of the Mint of Poland: 1939-1945 German occupation". Sitio web da Casa da Moeda de Polonia.
- ↑ "Gabinet Numizmatyczny Mennicy Polskiej". Museo.pl
- ↑ "Gabinet Numizmatyczny - Inwentaryzacja". No sitio web da Casa da Moeda de Polonia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabinete Numismático da Casa da Moeda de Polonia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Folga-Januszewska, D. (2012). Muzea Warszawy. Przewodnik. Olszanica. Wydawnictwo BOSZ. Páxina 12. ISBN 978-83-7576-159-7