Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.
Gabinete de Medallas da
Biblioteca Real de Bélxica
––
Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale de Belgique
––
Koninklijke Bibliotheek van België Penningkabinet
Royal Library of Belgium, main entrance.jpg
Acceso principal da sede do
Gabinete de Medallas da
Biblioteca Real de Bélxica
Coordenadas50°50′36.039″N 4°21′21.884″L / 50.84334417, -4.35607889
PaísBélxica Bélxica
CidadeGreater coat of arms of the City of Brussels.svg Bruxelas
Inauguración8 de agosto de 1835
Sitio WebSitio web oficial

O Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica (en francés: Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale de Belgique; en neerlandés: Koninklijke Bibliotheek van België Penningkabinet) é un gabinete numismático dependente desa institución belga, que ten a súa orixe no antigo Gabinete de Medallas da Bruxelas, unha colección pública de numismática estabelecida o 8 de agosto 1835 como parte do Museo de Armas Antigas, Armaduras, Obxectos de Arte e Numismática.[1][2]

A colección numismática do Gabinete componse de máis de 220.000 obxectos, entre moedas, medallas, billetes, fichas comerciais, pesos monetarios, balanzas, condecoracións e outras pezas.[3]

O Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica comparte a súa sede coa Sociedade Real de Numismática de Bélxica, no edificio da Biblioteca Real de Bélxica.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

Polo Real decreto do 8 de agosto de 1835, instituíase en Bruxelas o Museo de Armas Antigas, Armaduras, Obxectos de Arte e Numismática. Naquela época, o Estado belga non posuía aínda colección ningunha de moedas nin medallas, polo que se concedeu un crédito para a adquisición de dúas coleccións. A compra encomendóuselle ao gravador da Casa da Moeda Real de Bélxica Joseph-P. Braemt, quen se encargou de mercar as pezas en varias poxas numismáticas. Braemt adquiriu 3.570 pezas e entregoullas en 1840 á Biblioteca Real, á que finalmente se lle adxudicara a colección de medallas do Estado, polo Real decreto do 2 de agosto de 1838.[1][2][5]

O historiador e numismático polaco (1786-1861) Joachim Lelewel elaborou en 1842 un detallado catálogo da colección, que se conserva manuscrito no Gabinete de Medallas.[1][2]

A partir de 1851 o Gabinete de Medallas abriuse ao público e en 1875 pasou a ser unha sección propia dentro da Biblioteca Real, que tivo a Camille Picqué como primeiro conservador.[2]

A primeira intención era construír unha colección importante de moedas dos Países Baixos, aínda que se foi enriquecendo tamén con moitas moedas clásicas e de diferentes países europeos. O seu número de pezas medrou axiña grazas á sucesiva adquisición de diversas coleccións especializadas, por iniciativa do propio Picqué e de Frédéric Alvin, quen o sucedeu como conservador en 1902. Neste sentido, en 1889 producíronse a adquisición e a doazón máis importantes de todas as que enriqueceron os fondos do Gabinete de Medallas: a colección Albéric du Chastel e a colección Lucien de Hirsch.[6][7] Esta última, doada ao Estado belga pola nai do coleccionista á súa morte (1899), entrou na colección da Biblioteca Real en 1900 e destaca sobre todo polo exemplar único do tetradracma de Etna, cuñado por Hiéron de Siracusa (476-461 a. de C.), a peza máis senlleira da colección do Gabinete.[1][2][8][9][10]

Ademais, en 1971 o Banco Nacional de Bélxica encomendoulle ao Gabinete Numismático da Biblioteca Real a custodia do "tesouro de Liberchies", consistente en varios centenares de áureos romanos.[1]

Adquisicións de coleccións salientables[editar | editar a fonte]

Grupo de estateros do Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica, procedente dun achado monetario

Á parte das periódicas adquisicións de moedas concretas e de pequenos lotes, ao longo da súa historia o Gabinete foise nutrindo mediante a adquisición de importantes coleccións numismáticas, procedentes tanto de particulares como de tesouros aparecidos en Bélxica. Estas son algunhas das coleccións máis salientables das adquiridas polo Gabinete de Medallas:[1][2]

Data Colección Contido
1862
Colección De Coster. Moedas carolinxias.
1865
Colección De Coster. Moedas de Brabante.
1865
Colección Geelhand. Medallas dos Países Baixos.
1868
Colección Renier Chalon. Moedas de Hainaut.
1883-1892
Colección Chestret de Haneffe. Moedas de Liexa.
1887
Colección Geelhand. Fichas dos Países Baixos.
1893
Colección Maurice de Robiano. Moedas de diversos países europeos.
1897
Colección Van den Broeck. Fichas comerciais de Bruxelas.
1899
Colección Albéric du Chastel. Moedas da Antiga Grecia e da Antiga Roma.
1922
Parte do "tesouro de Arras". 18 moedas de ouro da Antiga Roma.
1924
Colección Baudouin de Jonghe. Moedas galas, merovinxias, carolinxias e dos Países Baixos.
1949
Achado de Tell-el Maskhouta

(Exipto).

Tetradracmas da Antiga Grecia.
1976
Colección Dom Grégoire De Clercq. Condecoracións.

Doazóns de coleccións salientables[editar | editar a fonte]

Reverso do tetradracma de Etna, peza única incorporada ao Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica, procedente da doazón da colección Lucien de Hirsch
Reverso da moeda.

Entre as doazóns de coleccións de particulares cabe salientar as sguintes:[1][2]

Data Colección Contido
1875
Colección Julien Adrian. Moedas chinesas.
1899
Colección Lucien de Hirsch. Moedas da Antiga Grecia.
1902
Colección Charles Van Schoor. Moedas dos Estados Pontificios.
1904
Colección Surmont de Volsberghe. Composición variada.
1905
Colección Eugène Slosse. Moedas chinesas.
1908
Goberno da China. Moedas chinesas.
1910
Colección Giovanni Dattari. Moedas de bronce da Antiga Roma.
1940
Colección Edouard Bernays. Moedas do ducado de Luxemburgo e do ducado de Namur.
1952
Colección Paul Tinchant. Moedas do Alto Imperio Romano.
1962, 1963, 1966
Colección Pierre Bastien. Moedas do Baixo Imperio Romano.
1964
Colección Paul De Baeck. Moedas británicas.
1998, 1999 Colección Claude Roelandt. Milleiros de moedas dos séculos XVIII, XIX e XX.

Entre 1914 e 1954, os orzamentos do Gabinete de Medallas reducíronse notablemente, e os conservadores que o administraron neste período centraron os seus esforzos en completar os fondos relativos ao obxectivo orixinario da colección: as moedas e medallas dos Países Baixos. De feito, o Gabinete de Medallas da Biblioteca Real de Bélxica alberga a colección máis completa do mundo deste xénero.[2]

Logo da II Guerra Mundial, o Gabinete de Medallas comezou a adaptarse á evolución sufrida pola numismática moderna, do mesmo xeito que outras institucións similares en distintos países (Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia, Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, etc.). Á medida que a numismática se foi desenvolvendo como ciencia auxiliar da historiografía, os gabinetes numismáticos nacionais deixaron de ser unicamente conservadores de moedas e medallas fermosas ou escasas e convertéronse en centros orientados á posta dos seus fondos ao dispor dos investigadores. Esta nova orientación plasmouse na publicación de estudos en profundidade dos achados de moedas efectuados en Bélxica e, desde o punto de vista das coleccións, na adquisición de series que lles faciliten o traballo aos investigadores, en contacto directo coas pezas do seu interese. O persoal científico do Gabinete de Medallas desenvolve investigacións relativas aos fondos da colección e colabora con especialistas doutras institucións en proxectos de investigación e en coloquios que o Gabinete organiza con regularidade.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Historique du Cabinet des Médailles". Bibliothèque Royale de Belgique.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Lallemand, J. (1969).
  3. "La collection". Bibliothèque Royale de Belgique.
  4. "Quelques renseignements utiles". No sitio web da Sociedade Real de Numismática de Bélxica.
  5. "Réunion des manuscrits de la bibliothèque dite de Bourgogne, et de la collection des médailles appartenent à l'État". En Namur, P. (1840). Páxinas 265-267.
  6. Callataÿ, F.; Van Heesch, J. (1999).
  7. Naster, P. (1959).
  8. "Tetradrachm of Aetna". Europeana Collections.
  9. Leyder, D.; Iammens, S. (2005). "Honderd schatten uit de Koninklijke Bibliotheek van België : een wandeling door de tentoonstelling". En Bibliotheek & archiefgids. Vol. 81. Nº 4. Páxinas 7-13.
  10. Callataÿ, F. (1996).
  11. "Recherche scientifique". Bibliothèque Royale de Belgique.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brigault, L. (2003). "Monnaies des nomes au Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique". En Revue Belge de Numismatique. 149. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 43-58.
  • Callataÿ, F. (1983). "Un trésor de drachmes aux types d'Alexandre le Grand conservé au Cabinet des Médailles à Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 129. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 23-60
  • Callataÿ, F. (1996). "L'importance des collections du Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 142. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 255-267.
  • Callataÿ, F. (1996 -b-). "Le développement de la collection de monnaies byzantines du Cabinet des Médailles de la Bibliothèque Royale Albert Ier". En Belgisch Tijdschrift voor Oudheidkunde en Kunstgeschiedenis. 65. Bruxelas. Páxinas 17-26.
  • Callataÿ, F.; Van Heesch, J. (1999). Greek and Roman Coins from the Du Chastel Collection: Coin Cabinet of the Royal Library of Belgium. Spink. Londres. ISBN 978-1902040233
  • Callataÿ, F. (2002). "Une institution à découvrir : le Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Arts Antiques Auctions. 335. Outubro. Páxinas 11-13.
  • Callataÿ, F. (2009). "Le Cabinet des Médailles de Bruxelles et les fausses monnaies grecques". En Schweizerische Numismatische Rundschau. 88. Sociedade Suíza de Numismática. Páxinas 289–298
  • Callataÿ, F. (2010). "Quarante ans d’acquisitions patrimoniales au Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique ". En En Revue Belge de Numismatique. 156. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Páxinas 175-188.
  • De Jonghe, Baudouin. (1911). "Les monnaies de Térina de la collection de Hirsch au cabinet royal des médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 67. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 5-18.
  • Lallemand, J. (1969). "Le Cabinet des Médailles". En Bibliothèque Royale. Mémorial 1559-1969. Páxinas 297-309. Bruxelas.
  • Landrain, Y. (2002). "Monnaies des Pays-Bas espagnols: nombreuses variétés inédites acquises par le Cabinet des Médailles de Bruxelles". En Revue Belge de Numismatique. 148. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 131-138.
  • Lauwers, C. (2013). "Het Penningkabinet van de Koninklijke Bibliotheek van België. Vertrekpunt voor numismatisch, financieel of economisch onderzoek". En Tijd-schrift. Ano 3. Número 1. Páxinas 29-39.
  • Namur, P. (1840). Histoire des Bibliothèques Publiques de Bruxelles. Bruxelas.
  • Naster, P. (1959). La collection Lucien de Hirsch: catalogue des monnaies grecques. 2 volumes. Bibliothèque royale de Belgique. Cabinet des médailles. Bruxelas.
  • Tourneur, V. (1934). "Quelques bulles byzantines du Cabinet des Médailles de la Bibliothèque royale de Belgique". En Revue Belge de Numismatique. 86. Sociedade Real de Numismática de Bélxica. Bruxelas. Páxinas 89-96.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]