Museo do Banco Nacional de Bélxica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo do Banco Nacional de Bélxica
––Musée de la BNB––
––Museum van de NBB––
Fachada do
Museo do Banco Nacional de Bélxica


CoordenadasCoordenadas: 50°50′56″N 4°21′35″L / 50.848934, 4.359805
PaísBélxica Bélxica
Cidade Bruxelas
Inauguración1982
Na rede
http://www.nbbmuseum.be/fr/ e http://www.nbbmuseum.be
editar datos en Wikidata ]

O Mueso do Banco Nacional de Bélxica (en francés: Musée de la Banque nationale de Belgique; en neerlandés: Museum van de Nationale Bank van België) é un museo numismático sito en Bruxelas que se constitúe como un departamento do Banco Nacional de Bélxica.

O museo amosa unha visión global da historia da moeda belga e do resto do mundo desde a práctica do troco ata o actual sistema do euro. Do mesmo xeito, nas súas instalacións explícanse as funcións e as tarefas do Banco Nacional de Bélxica.

Historia[editar | editar a fonte]

Desde 1982, o Banco Nacional de Bélxica posuía un museo que ata 2013 estivo situado na rue du Bois Sauvage, nun edificio que xa era propiedade do banco desde a súa primeira expansión en 1865. En 2013 cambiou a súa sede a outro edificio no Boulevard du Berlaimont, onde estivo ata o 1 de xullo de 2017, cando pechou as súas portas.[1][2]

O 1 de xaneiro de 2018 inaugurouse o novo Museo do Banco Nacional de Bélxica, no antigo edificio renovado na rúa Warmoesberg, do século XIX, onde xa tiña a sede a biblioteca do banco.[3]

A colección[editar | editar a fonte]

Visitantes nunha das salas do museo.

O museo contén obxectos que ilustran a vida financeira, económica e monetaria: billetes de banco, moedas, deseños e esbozos, pinturas, moblaxe bancaria, instrumentos de medida, balanzas, arquivos, fotografías, etc. Estas coleccións poden ser utilizadas por particulares, investigadores e outras institucións.[4]

  • Moedas-mercadoría. Este grupo abrangue máis de 300 obxectos, chamados así por teren sido utilizados como medio de pagamento ou de cambio, tanto na vida diaria como en operacións excepcionais (casamentos, cerimonias, etc.). Os seus formatos son moi diversos (produtos naturais, obxectos de artesanía, etc.) e proveñen de todas as partes do mundo. Aínda que só unha parte desta colección se expón no museo, a súa totalidade é consultable en liña.[5]
  • Moedas. A colección de moedas do Museo do Banco Nacional de Bélxica abrangue un período do máis de 2.500 anos: os exemplares máis antigos datan do reinado de Creso (560-547 a. de C.), derradeiro rei de Lidia, na Asia Menor, e os máis recentes son as moedas conmemorativas do sistema do euro. Outra serie de pezas que ilustra a evolución da moeda a través das épocas é a constituída polas moedas que foron circulando polo actual territorio belga. De toda a colección de moedas, só as pezas máis sobranceiras están expostas no museo.[6]
Espazo central do museo, a modo de distribuidor principal.
  • Papel moeda. Os billetes constitúen a parte máis importante da colección numismática. Máis de 24.000 valores faciais testemuñan a evolución económica e monetaria. A maioría dos billetes son belgas, aínda que hos hai provenientes de todo o mundo. Unha colección particular é a constituída polos billetes de necesidade emitidos durante a primeira guerra mundial (esta colección está consultable en liña).[7]
  • Aparellos e maquinaria. A gama de obxectos é moi diversa e vai desde pequenos portamoedas e huchas ata grandes e pesadas máquinas provenientes da antiga caixa central ou da imprenta (calculadoras, táboas de cambio, guillotinas, etc.).[8]
  • Documentos iconográficos. O museo posúe unha rica colección de documentos iconográficos relativos tamén á numismática e á historia económica e financeira, así como un bo número de mapas, planos e imaxes das principais cidades belgas, representados a través de diferentes medios: pinturas antigas, deseños, gravados, tapices ou fotografías. A colección abrangue igualmente unha serie de proxectos de billetes de banco, dos cales unha parte se expón no museo.[9]
  • Medallas. As coleccións do museo complétanse coa sección de medallas, emitidas en conmemoración de persoeiros e de acontecementos moi diversos.[10]

O edificio[editar | editar a fonte]

As caixas de seguridade, situadas nas bóvedas do edificio.

O edificio que alberga o Museo do Banco Nacional de Bélxica construíuse entre 1872 e 1874 para a Union du Crédit (rebautizada en 1901 como Union du Crédit de Bruxelles), un banco fundado en 1848 por Jonathan Bischoffsheim. O arquitecto encargado do seu deseño foi o belga Désiré de Keyser (1823-1897), que o concibiu cun estilo clásico, aínda que previu unha técnicas de construción modernas. As esculturas da súa fachada son obra do decorador francés Georges Houtstont (1832-1912), habitual colaborador de proxectos arquitectónicos en Bruxelas. O barrio onde se ergueu o edificio estaba preto dos bulevares máis transitados da cidade e estaba a experimentar un notable renacemento comercial.[11][12][13]

Logo dun longo período de actividade como banco independente, a Union du Crédit de Bruxelles foi absorbida en 1969 por United California Bank, que instalou unha filial no edificio. Pola súa banda, en 1979, o Banco Nacional de Bélxica adquiriu o inmoble, así como outros edificios adxacentes, para situar a súa sede central, e entre 2004 e 2009 levou a cabo importantes traballos de restauración.[11][12][13]

As caixas de seguridade situadas nos sotos constitúen un patrimonio bancario único. As dúas bóvedas onde se instalaron foron restauradas mantendo os seus trazos orixinais, de xeito que as caixas fortes ocupan tres laterais de cada unha das bóvedas.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Le Musée de la Banque nationale de Belgique". Musée de la Banque nationale de Belgique. Páxina 2.
  2. "Le Musée temporaire ferme ses portes Arquivado 26 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique. 22 de xuño de 2017.
  3. "Le musée de la Banque nationale rénové avec faste et technologies Arquivado 25 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". En Rtbf.be. 15 de xaneiro de 2018.
  4. "Collections Arquivado 02 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  5. "Monnaies-marchandise Arquivado 03 de abril de 2018 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  6. "Pièces Arquivado 13 de xuño de 2021 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  7. "Billets Arquivado 23 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  8. "Objets et machines Arquivado 14 de setembro de 2017 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  9. "Documents iconographiques Arquivado 14 de setembro de 2017 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  10. "Médailles Arquivado 14 de setembro de 2017 en Wayback Machine.". Musée de la Banque Nationale de Belgique.
  11. 11,0 11,1 11,2 "Le musée de la Banque nationale de Belgique,un bâtiment historique Arquivado 25 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Musée de la Banque nationale de Belgique. 2018.
  12. 12,0 12,1 "Bâtiments Arquivado 03 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Musée de la Banque nationale de Belgique.
  13. 13,0 13,1 "Le Musée de la Banque nationale de Belgique". Musée de la Banque nationale de Belgique. Páxina 3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]