Ceca de Lucus Augusti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Na ceca de Lucus Augusti, se cadra unha ceca[1] móbil, cuñáronse as primeiras moedas que se bateron en Gallaecia, probablemente no ano 25 a. C., no marco das emisións provinciais romanas.

Historia[editar | editar a fonte]

O exército romano chegara ata o noroeste da Península Ibérica no marco das guerras cántabras desde a Lusitania o mando do legado imperial Publio Cornelio quen primeiro tivera o seu campamento en Astorga e máis tarde trasladárao a Lucus Augusti, alí no 25 a.C (ou quizais 23 a.C.) mandou cuñar moeda para pagar á media lexión (cinco cohortes) que estaba baixo o seu mando.

As moedas carecen de indicación de ceca polo que houbo autores como Borrell ou Mersan que atribuiron as cuñaxes a outras cecas da Península Ibérica; con todo, esa é hoxe unha opinión minoritaria.

Moedas cuñadas[editar | editar a fonte]

Imaxe Moeda Descrición Deseño
Denario

3.5 e 3.8 g

20 mm

prata
Denarios, teñen un peso aproximado entre 3,5 e 3,8 gr. e un diámetro de 20 mm. No anverso figura a cabeza do emperador Augusto mirando cara á esquerda e a lenda IMP.CAESAR.AVGVST, no reverso figuran motivos bélicos (caetras, cascos de guerra ou trofeos) e a lenda CARISIVS LEG.PRO.P. Caetra denario lucus augusti.svg
Quinario

1,8 gr.

10 mm

prata
Quinarios, teñen un peso aproximado de 1.8 g. e un diámetro de 10 mm. Hainos coa cabeza do emperador Augusto mirando cara á dereita e outros coa cabeza mirando á esquerda e a lenda AVGVST, no reverso figuran motivos bélicos e a lenda CARISIVS LEG.
Ás

10 gr.

26 mm

bronce
Ases, en troques das dúas moedas anteriores que eran de prata, os ases son pezas de bronce e é a cuñaxe máis numerosa. Hainos de dous tipos: a cuñaxe oficial e a cuñaxe de tipo bárbaro. A primeira presenta un busto estilizado e ben definido namentres que a segunda presenta unha factura descoidada, con múltiples variantes no cuño, teñen un peso aproximado de 10 g. e un diámetro de 26 mm. No anverso figura o emperador mirando cara á esquerda flanqueado por unha palma e un caduceo e a lenda IMP.AVG.DIVI.F. (Emperador Augusto, fillo da Divindade). Manuel Gago Mariño interpretou as imaxes da palma e o caduceo respectivamente como representacións da vitoria sobre as tribos galaicas e do acordo con elas[2]. No reverso figura o escudo denominado caetra, o escudo indíxena que aparece en estatuas de guerreiros galaicos coma o de Lesenho (Boticas) ou o do castro de Armeá (Allariz). Caetra plano lucus augusti as.svg
Caetra dupondio LUCUS AUGUSTI.jpg Dupondio

16 gr.

29 mm

bronce
Dupondios, teñen un peso aproximado de 16 g. e un diámetro de 29 mm. O anverso é igual ó dos ases e no reverso a caetra aparece acompañada por unha falcata, un puñal e no centro dúas soliferras. Caetra dupondio lucus augusti.svg
Sestercio

38 gr.

38 mm

bronce
Sestercios, peza moi rara e valiosa (soamente se coñecen tres exemplares) teñen un peso aproximado de 38 g. e un diámetro de 38 mm. O anverso e reverso son moi similares ós dos ases. No reverso a caetra está rodeada de dous círculos concéntricos con oito figuras xeométricas cada un, pequenos círculos cun punto central[3].

En marzo de 2022, a Xunta de Galicia iniciou os trámites para a declaración desta moeda como Ben de Interese Cultural.[4][5]

Caetra sextercio lucus augusti Gallaecia.svg

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV. AA. (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9914-070-4.
  2. "A mensaxe da moeda da caetra", artigo de Manuel Gago no blog Capítulo 0, 10 de xuño de 2012.
  3. Un sestercio romano oriundo de Lucus Augusti, robado y recobrado lavozdegalicia.es
  4. "Resolución do 28 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto". DOG nº 48, do 10 de marzo de 2022.
  5. "Declaran BIC un exemplar único da moeda da caetra". Culturagalega.gal. 11 de marzo de 2022.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]