Museo Histórico e Numismático Héctor Carlos Janson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Museo Histórico e Numismático
Héctor Carlos Janson
Edificio sede do
Museo Histórico e Numismático
Héctor Carlos Janson


Coordenadas34°36′20″S 58°22′26″O / -34.60556, -58.37389
País Arxentina.
Cidade Buenos Aires.
TipoMuseo numismático
DirectorMabel Esteve.
Construción1862
Inauguración30 de maio de 1941.
Na rede
Sitio web oficial
editar datos en Wikidata ]

O Museo Histórico e Numismático Héctor Carlos Janson é unha institución museística da cidade de Buenos Aires, pertencente ao Banco Central da República Arxentina, que alberga coleccións de moedas, billetes e documentos diversos.

O museo ocupa o edificio da antiga sede da Bolsa de Comercio de Buenos Aires, no Barrio de San Nicolás, que foi declarado monumento histórico nacional en 2005.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Os antecedentes do museo remóntanse a 1906, coa colección de moedas e billetes reunida pola institución antecesora do Banco Central, a Caixa de Conversión. Coa creación do Banco Central da República Arxentina en 1935, este fíxose cargo da colección e incorporoulle pezas de gran valor histórico.[2]

Sobre a base desa colección creouse o museo histórico e numismático, que se inaugurou o 30 de maio de 1941,[3] e en 1968 tomou inicialmente o nome do seu impulsor, o primeiro vicepresidente do Banco Central da República Arxentina, José Evaristo Uriburu.[2] Finalmente, en 2017, cambióuselle o nome polo de Héctor Carlos Janson, que foi un dos máximos expoñentes dos estudos numismáticos na Arxentina, logo de que este lle doase ao museo a súa colección numismática persoal,[4] composta por 2.802 pezas de ouro, prata e cobre.[5][6]

Os fondos do museo, compostos por máis de 20.000 pezas, achegan unha panorámica da historia da moeda e doutros medios de pagamento utilizados no territorio arxentino desde os pobos primitivos ata a actualidade.[3][4]

Colección[editar | editar a fonte]

A exposición organízase en sete salas, repartidas entre dous andares, nas que se distribúen os fondos expostos seguindo un criterio mixto, cronolóxico e temático:[7][8]

  • Sala 1: expóñense medios de pagamento dos pobos primitivos e a moeda da etapa colonial, cuñada en ouro e prata na Casa da Moeda de Potosí para a súa circulación en América do Sur.
  • Sala 2: abrangue o período de 1810 a 1880, coas primeiras cuñaxes no novo Estado independente —escudos de ouro, e reais e soles de prata—, así como as emisións de papel moeda dos bancos provinciais.
  • Billete arxentino que forma parte da exposición do museo.
    Sala 3: ocúpase do período desde 1872 ata a fin do século XX, con rarezas como o exemplar único do peso —coñecido como "patacón"— cuñado en ouro en 1881,[9] ou o billete dun millón de pesos.
  • Sala 4: dedicada ao diñeiro arxentino actual e ao seu proceso de produción.
  • Sala 5: ocúpase ás entidades antecesoras do Banco Central da República Arxentina, como a Oficina de Crédito Público Nacional ou a Caixa de Conversión. Expóñense documentos relativos a estas entidades e tamén obxectos diversos, como as antigas balanzas para a pesaxe do ouro.
  • Sala 6: dedícase á actividade do Banco Central, desde a súa creación en 1935.
  • Sala Mariano Lovardo: expóñense nela tesouros de antigos naufraxios e diversas moedas e outros obxectos rescatados do mar.

Ademais da exposición permanente dos fondos da colección, o museo realiza periodicamente exposicións temporais dedicadas a temas concretos. [10]

A sede[editar | editar a fonte]

O antigo edificio da Bolsa de Comercio de Buenos Aires é a sede do museo.

O edificio que alberga o museo desde 1989,[2] situado na rúa San Martín, nas proximidades da Praza de Maio, foi construído como sede da Bolsa de Comercio de Buenos Aires en 1862,[3] sobre os planos elaborados polos arquitectos Enrique Hunt e Juan Schröeder. Posteriormente instalouse no alí a Caixa de Conversión, a Oficina de Crédito Público Nacional e o Banco Industrial, e en 1942 cedéuselle ao Banco Central.[4]

En 2005, o edificio foi declarado monumento histórico nacional.[1][3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Listado de monumentos". Comisión Nacional de Museos y Lugares Históricos. Páxina 16.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Museo Histórico y Numismático “Dr. José Evaristo Uriburu”". Buenosaires.travel
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Museo Histórico y Numismático "Héctor Carlos Janson" del Banco Central de la República Argentina". Google Arts & Culture (Artsandculture.google.com).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Museo Histórico y Numismático “Héctor Carlos Janson”". BCRA.gob.ar
  5. "Héctor Carlos Janson, el mayor numismático argentino". BCRA.gob.ar
  6. "Fallecimiento del señor Héctor Carlos Janson Arquivado 11 de agosto de 2023 en Wayback Machine.". Centro Numismático de Buenos Aires.
  7. "Exposición permanente". BCRA.gob.ar
  8. "Salas del museo". BCRA.gob.ar
  9. Dabbah, A. (2028). "Historia del único Patacón de Oro". Numismaticos.blog. 30 de agosto de 2018.
  10. "Exposiciones temporarias". BCRA.gob.ar

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]