Asociación Numismática Española

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Asociación Numismática Española
Presentación
Data fundación27 de marzo de 1955.
FundadorCarlos Ruiz de Larramendi y Catalán (1º presidente).
LocalizaciónEscut de Barcelona.svg Barcelona
España España
Area servidaEspaña
MétodoInvestigación, publicacións, biblioteca e organización de eventos.
Páxina webhttp://www.numisane.org/Ane.htm
PremiosOutorgados:
- Javier Conde Garriga.
- Medalla presidencial.
- Premio Internacional de Honra.
- Juan Baucis.
- Ruiz de Larramendi.
- Excelente ao Mérito Numismático.

A Asociación Numismática Española (ANE) é unha das entidades asociativas españolas máis importantes no eido da numismática. Fundouse en 1955 e ten a súa sede en Barcelona. Constitúena estudosos e afeccionados da numismática e outras disciplinas afíns, co interese común de fomentar o coleccionismo e o coñecemento numismático.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Prolegómenos[editar | editar a fonte]

A xestación da Asociación Numismática Española comezou coa constitución da súa comisión organizadora, o 6 de febreiro de 1954.

Nun informe de xestión desta comisión datado o 26 de xuño dese mesmo ano, o secretario provisional, Joan Baucis Tulla, expuña as intencións e as actividades que se estaban a levar a cabo para a constitución da nova sociedade, entre elas a adecuación dun local social e a adopción do logotipo, baseado no anverso do dracma de Roses (Xirona), considerado como a primeira moeda emitida en España, que amosa a cabeza de perfil dunha divindade helénica e o nome da asociación arredor (o logo non se rexuistrou ata 1960). Tamén se prevía a posta en marcha de exposicións públicas, concursos, poxas, publicacións, conferencias e unha biblioteca, entre outras actividades, así como a cuñaxe dunha medalla conmemorativa, que, posteriormente, se realizou en bronce, cun módulo de 70 mm e un peso de 249 g, nos talleres Exametal, de Barcelona, cunha tirada de 300 exemplares, en cuxo reverso se glosou o verso de Ovidio: ... novus accensu fungitur igne focus ("o novo fogar se inflama coa chama acesa").

Nese informe indicábase que o número de adhesións o 21 de xuño de 1954 era de 156 (15 de socios fundadores protectores, 46 de socios fundadores, 87 de socios de número e sete aspirantes).[2]

Logo da súa fundación[editar | editar a fonte]

Finalmente, a Asociación Numismática Española (ANE) foi fundada o 27 de marzo de 1955, coa aprobación dos seus estatutos e a súa inscrición do rexistro correspondente, e a inauguración oficial efectuouse os días 25 de maio e 6 de xuño dese mesmo ano. O 18 de decembro de 1979 modificouse o primeiro artigo dos estatutos da asociación para engadir o seu carácter de "sen ánimo de lucro".

No mesmo ano da súa fundación, o 30 de setembro, acordouse a creación dun boletón boletín que daría lugar posteriormente á revista Gaceta Numismática, cuxo primeiro número viu a luz o 25 de abril de 1967 e que continúa vixente máis de cincuenta anos despois.[3]

En 1959 creáronse os faladoiros de numismática (Tertulias Numismáticas) da man de Leandre Villaronga i Garriga.

Durante os anos 1962 e 1963, a entidade vinculouse ao Instituto Antonio Agustín de Numismática, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e asinouse un convenio polo que a revista Numario Hispánico, dese instituto, pasaba a ser, pola súa vez, un órgano da ANE.[4]

En 1963 abríronse camiños de colaboración internacional coa integración na Comission de lutte contre les falsifications modernes e na Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais (AINP) ambas con sede en Amsterdam, que solicitaron axuda á entidade e cuxa reunión se celebrou en París en 1965.

O 14 de xullo de 1977 creáronse as Semanas Nacionais de Numismática, de celebración anual, con ocasión das cales a ANE emite unha medalla conmemorativa.[5]

En 1989 iniciouse un proceso de informatización a través dun convenio con IBM, que levou a contar, xa en 1990, con toda a documentación social informatizada.

Ese mesmo 1990 asinouse un convenio de colaboración coa área de Historia Medieval da Universidade Autónoma de Barcelonae en 1992 creoue o padroado da entidade para a publicación de libros.[2]

Sedes[editar | editar a fonte]

Na fundación da asociación, en 1955, estableceuse como sede social o número 12 da rúa Moncada, e en 1957 a ANE trasladouse a un novo local no número 25 do Paseo de Gracia.

En 1960 produciuse un novo traslado de sede, ao número 53 da rúa Lauria.

Finalmente, en 1982 levouse a cabo a adquisición dun local para a sede na Gran Via de les Corts Catalanes.[2]

Premios[editar | editar a fonte]

  • Javier Conde Garriga. En1960 créase este galardón, que se lle outorga á mellor obra de numismática editada no ano anterior. Na primeira edición, o recoñecemento recaeu en Felip Mateu i Llopis.
  • Medalla presidencial da ANE. Instituíuse en 1967 para premiar os socios que realicen un traballo salientable a prol da ciencia numismática.
  • Premio Internacional de Honra. Creado en 1968.
  • Juan Baucis. Creouse en 1981 para recoñecer o mellor coleccionista.
  • Ruiz de Larramendi, instituído en 1982.
  • Excelente ao Mérito Nuimismático. Tomando o relevo do Premio Internacional de Honra, en 1995 instituíuse este galardón como o máis importante recoñecemento que outorga a ANE.[2]

Presidentes da ANE[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos presidentes e dos presidentes de honra da Asociación Numismática Española desde a súa fundación en 1955:[2]

Presidentes

  • 1955-1975: Carlos Ruiz de Larramendi y Catalán.
  • 1975-1982: Francisco José de Lacambra y Estany.
  • 1983-1996: Ramón Martí Cot.
  • 1996-2019: Josep Pellicer i Bru.
  • Desde 2019: Simeón García-Nieto- Conde.

Presidentes de honra

  • 1955-1975: Luis Auguet Durán.
  • 1975-1978: Carlos Ruiz de Larramendi y Catalán
  • 1978-1980: Juan Baucis Tulla.
  • 1980-1983: Xavier Calicó Rebull.
  • 1983-1984: Francisco José de Lacambra y Estany.
  • 1984-1988: Felip Mateu i Llopis.
  • 1988-2006: Antonio Beltrán Martínez.
  • 2006-2015: María Ruíz Trapero.

Publicacións[editar | editar a fonte]

Periódicas[editar | editar a fonte]

  • Gaceta numismática (desde 1967).[6]

Monografías[editar | editar a fonte]

A actividade editora da ANE foi, desde os seus principios, moi abundante. Recóllese aquí, a modo de escolma, unha obra representativa de cada lustro desde a súas primeiras edicións na década de 1960:[7]

  • (1964): Mateu i Llopis, F. Las Monedas de Alfonso el Magnánimo, rey de Aragón (1416-1458): exposición sintética.
  • (1968): Ruiz Trapero, M. Las Acuñaciones hispano-romanas de Calagurris : su ordenación cronológica y su trascendencia histórica.
  • (1971): Lluís y Navas, J. El Socialismo realista en el arte general de la moneda yugoslava titista.
  • (1978): Villaronga i Garriga, L. Las monedas ibéricas de Ilerda.
  • (1980): Ripollès Alegre, P. P. La circulación monetaria en tierras valencianas durante la Antigüedad. ISBN 9788485060160
  • (1988): Pellicer i Bru, J. Al-Andalus: las fuentes y la numismática. Síntesis cronológico-metrológica de las acuñaciones del Califato de Córdoba.
  • (1993): Villaronga i Garriga, L. Tresors monetaris de la Península Ibèrica anteriors a August: repertori i anàlisi.
  • (1996): Crusafont i Sabater, M. et al. Plomos y jetones medievales de la Península Ibérica.
  • (2000): Roma Valdés, A. Moneda y sistemas monetarios en Castilla y León durante la Edad Media (1087-1366). ISBN 9788493013424
  • (2007): De Francisco Olmos, J. M. et al. Referencias monetarias en la documentación del archivo de la Catedral de Córdoba (siglo XIV). ISBN 9788493013455
  • (2010): Pellicer i Bru, J. Ensayadores: las emisiones monetarias hispánicas (siglos XV-XX). ISBN 9788493013479
  • (2017): Amela Valverde, L. Las emisiones romanas pompeyanas de Hispania. ISBN 9788494660603

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A.N.E.". No sitio web da ANE.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Pellicer i Bru, J.; Casas Plá, J. (2005).
  3. "Gacetra Numismática". No sitio web da ANE.
  4. "Numario hispánico". En Datos BNE.
  5. Medallas conmemorativas da ANE.
  6. "Gaceta Numismática". No sitio web da ANE.
  7. "Asociación Numismática Española". En Worldcat.org.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Pellicer i Bru, J.; Casas Plá, J. (2005). ANE 50 aniversario 1955 - 2005. Asociación Numismática Española. DL: B-9713-2005

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]