Casa de Moeda da República Arxentina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 34°35′02″S 58°22′19″O / -34.5838101, -58.3720542

Casa da Moeda da República Arxentina
Sociedad del Estado Casa de Moneda

Casamoneda arg logo.png


Casa de Moneda (1946).JPG
Fachada da
Casa da Moeda da República Arxentina


TipoSociedade estatal
Fundación29 de setembro de 1875[1]
MatrizMinisterio de Economía
LocalizaciónEscudo de la Ciudad de Buenos Aires.svg Buenos Aires
Flag of Argentina.svg Arxentina.
FundadorGoberno da República Arxentina.
Persoas clavePresidente: Fernando Ernesto Pereyro.[2]
IndustriaCuñaxe e impresión.
ProdutosMoedas, medallas, billetes, etc.
Páxina webSitio web
editar datos en Wikidata ]

A Casa de Moeda da República Arxentina (formalmente Sociedad del Estado Casa de Moneda) é unha sociedade estatal dependente do Ministerio de Economía dese país suramericano, encargada da impresión de billetes e da cuñaxe de moedas de curso legal, ademais da impresión de selos de correos, pasaportes e formularios oficiais, e da cuñaxe de medallas.[3]

O edificio actual atópase no número 2.085 da avenida Antártida Argentina, en Buenos Aires.[4]

En 1927 inaugurou o seu museo, onde se conservan billetes, moedas e selos de gran valor histórico.[5]

Algúns dos seus deseños obtiveron recoñecementos internacionais, como o billete de Eva Duarte, premiado pola industria internacional durante a II Conferencia Internacional de Impresións de Alta Seguridade, en Bogotá (Colombia).[6]

Historia[editar | editar a fonte]

Creación[editar | editar a fonte]

A institución fundouse o 29 de setembro de 1875 co nome de Casa de Moneda de la Nación e inaugurou a súa primeira fábrica o 14 de febreiro de 1881.[1] A súa posta en funcionamento aprobouse mediante a Lei 1.130, de 1881, de Unificación Monetaria, que establecía un sistema monetario bimetalista, con base no chamado "peso ouro" ou "arxentino".[7][8][9][10]

Primeira sede[editar | editar a fonte]

Primeira sede da Casa de Moeda da República Arxentina

Aquela primeira sede ergueuse nuns terreos no cruzamento das rúas Defensa e México, no histórico barrio de San Telmo, en Buenos Aires, e foi proxectada polo enxeñeiro Eduardo Castillla, que foi o primeiro director da institución, nun estilo clásico italiano.[7][8][11]

Este primeiro edificio da Casa da Moeda ten unha planta simétrica con patio central e un primeiro piso, cunha estrutura realizada en ferro e ladrillos. Na fachada salienta o portal de acceso e o seu tímpano, que interrompe a balaustrada do remate cun friso con métopas e tríglifos adornados con figuras de abellas e flores de lis.[11]

Á cuñaxe de moedas, que se viña facendo desde o ano da súa apertura, en 1884 incorporouse a fabricación de medallas, para o que se adquiriron novas ferramentas e maquinarias, e se acondicionou un taller específico. En 1886 sumouse a impresión de selos fiscais, timbres e impresos do Estado á actividade da ceca. En 1897, a Casa de Moeda da República Arxentina converteuse na entidade pública encargada da impresión de billetes circulantes no país. Ademais, a partir de 1908 comezou aimpresión dos selos de correos arxentinos, actividade que mantivo ata 1998.[7]

Ademais da fabricación de diñeiro para Arxentina, en ocasións cuñáronse nesta factoría moedas para a súa circulación no veciño Paraguai, a primeira vez en 1889, cunha tiraxe de 603.880 moedas dun peso de prata.[12] A produción para Uruguai mantívose discontinuamente ata 1944 con diversos valores. En 1916 e 1917 tamén se cuñaron senllas series de moedas de medio peso para a República do Uruguai, cun total de seis millóns de pezas.[7][13]

Xa na década de 1910 o edificio resultaba insuficiente para as funcións da Casa de Moeda. Por ese motivo inaugurouse en 1915 un anexo ás instalacións orixinais nunha parcela de terreo adxacente, con saída pola rúa Balcarce; unha construción con fronte de ladrillos de influencia estilística inglesa. Alí instaláronse os talleres de impresión tipográfica e litográfica e o de galvanoplastia, unha sección para a contaxe de papel en branco e valores confeccionados, a intendencia e un depósito de papeis e outros materiais.[7]

Antonio A. García Morales, quen dirixiu a institución entre 1935 e 1946, tomou a decisión de construír unha nova sede para a Casa da Moeda. Así foi que, en 1937, se cedeu un terreo na zona reenchida da ribeira do Río da Prata, onde se construíra o porto novo, e en 1939 promulgouse o decreto 29.158, polo que se autorizaba a nova construción.[14]

Segunda sede[editar | editar a fonte]

Billete de 50 centavos de peso do Goberno de Perón, coa inscrición CASA DE MONEDA DE LA NACIÓN ao pé.

A nova sede da Casa de Moeda inaugurouse o 27 de decembro de 1944.[7] É de estilo racionalista, malia reflectir referencias neoclásicas monumentalistas, como as columnas do pórtico, e posúe 40.913,11 de superficie cuberta, con catro plantas mais soto. É obra dos arquitectos Quincke, Nin Mitchell e Chute —cuxo proxecto foi elixido por concurso en 1939— e a súa construción estivo a cargo da construtora Curuchet, Olivera y Giraldez.[14]

O edificio está composto en realidade por dous corpos conectados, que comparten a composición de soto, planta baixa e tres pisos. Cara á Avenida Antártida Argentina está o acceso principal, xerarquizado por unha escalinata, que leva ao vestíbulo da sede administrativa. Do mesmo vestíbulo parte o corredor que conecta co sector industrial, que ten unha planta en forma de E, unida a unha máis pequena con forma de L.[14]

En 1946 emprendeuse na ceca un proceso de modernización para o que se contratou un grupo de profesionais estranxeiros que formasen unha escola e preparasen o persoal. Mario Balardi, Pietro Nicastro, Volumnio Carichelli ou Renato Garrasei foron algúns dos mestres máis salientables que se encargaron deste labor.[7]

En 1952 foi a primeira vez que a Casa de Moeda fixo o proceso completo de fabricación dunha tiraxe de billetes (con valor dun peso), desde o seu deseño ata a súa impresión, xa que ata entón algunha das fases se lle encargaba a empresas externas, tanto arxentinas como do estranxeiro.[7]

A transformación da ceca en Sociedade do Estado tivo lugar a través da Lei 21.622, do 19 de agosto de 1977.[15] Este novo status capacitábaa legalmente para desenvolver actividades de carácter industrial e comercial da mesma maneira que se se tratase dunha sociedade anónima.[7]

Durante a súa extstencia, a Casa de Moeda da República Arxentina adaptouse aos diferentes tipos e sistemas monetarios do país: o "peso ouro" ou "arxentino" (1881), o "peso moeda nacional" (1881), o "peso lei 18 188" (1970) , o "peso arxentino (1983)", o "austral" (1985) e o "peso convertible" (1992).[7]

Museo[editar | editar a fonte]

En 1927 creouse este espazo destinado a conservar e amosar o patrimonio histórico e cultural, tanto tanxible como intanxible, que a Casa de Moeda foi xerando desde a súa entrada en funcionamento en 1881. O museo conta cunha sala de exposición permanente, centrada nos procesos de fabricación de moedas, medallas e billetes, e tamén cunha biblioteca numismática especializada e un arquivo histórico.[5][16]

Ademais da moedas, medallas, billetes, etc., o museo exhibe un importante patrimonio industrial, constituído por maquinaria, equipamento e ferramentas, a través do cal se pode realizar unha visión do desenvolvemento das técnicas gráficas e de cuñaxe da fin do século XIX e de principios do século XX.[7][16]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Lei 733 da moeda nacional, o seu tipo, fabricación e valor". En Wikisource.
  2. "Nuevo Presidente de S.E. Casa de Moneda". En http://www.argentina.gov.ar. 7 de xaneiro de 2019.
  3. "Monedas", "billetes de banco", "medallas", "diplomas, títulos y certificados", "pasaporte electrónico". Sitio web da Casa de Moeda.
  4. "Contacto". Sitio web da Casa de Moeda.
  5. 5,0 5,1 "Museo". Sitio web da Casa de Moeda.
  6. "El nuevo billete de $50 sobre las Islas Malvinas recibió unha aceptación internacional". En Telam. 11 de abril de 2014.
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 "Línea de tiempo". Sitio web da Casa de Moeda.
  8. 8,0 8,1 "La Casa de Moneda". En Todoargentina.net
  9. "Lei 1.130. Lei Xeral de Moedas". En Wikisource.
  10. "5 Pesos / 1 Argentino". En Numista.
  11. 11,0 11,1 "Ex Casa de la Moneda". En Listado de Bienes de la Ciudad de Buenos Aires. Comisión de Museos y de Monumentos y Lugares Históricos. Páxina 31.
  12. "Paraguay: 1 Peso 1889". En Numista.
  13. "50 Centésimos". En Nunmista.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Casa de la Moneda Argentina Arquivado 02 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Comunidad Numismática Virtual.
  15. "Lei Nº 21.622, pola que se crea a Sociedade do Estado "Casa de Moeda". InfoLEG.
  16. 16,0 16,1 "Visita guiada educativa al Museo Casa de Moneda". En Agenda Escolar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]