Medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe
Medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe [1][2] | |
---|---|
A/: Bustos acaroados de James Monroe e de John Quincy Adams. Marca de ceca (S).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / 1923 / MONROE - ADAMS / HALF DOLLAR. |
R/: Dúas formas femininas que lembran a Norteamérica e a Suramérica. Marca de gravador (monograma CB).
Lendas: MONROE DOCTRINE CENTENNIAL /1823 1923 / LOS ANGELES |
|
O medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe foi unha moeda dese valor facial emitida en 1923 pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de San Francisco, en conmemoración do centenario da Doutrina Monroe.[3]
No seu anverso amósanse os bustos dos presidentes estadounidenses James Monroe e John Quincy Adams. Os deseños de ambas as faces da moeda son obra do escultor Chester A. Beach, aínda que o reverso parece estar baseado nunha obra anterior do pintor Raphael Beck.
En 1922, a industria cinematográfica enfrontouse a unha serie de escándalos, entre eles a acusación de homicidio involuntario contra a estrela do cime mudo Roscoe "Fatty" Arbuckle. Malia resultar absolto finalmente, os executivos do cine procuraron xeitos de limpar a imaxe de Hollywood cunha boa publicidade, e un dos medios foi unha exposición que se celebraría nos Ánxeles a mediados de 1923. Como pretexto para inducir o Congreso a autorizar a emisión dunha moeda conmemorativa como vía de financiamento desta feira, os organizadores decidiron asociar a exposición co centenario da Doutrina Monroe, co que lograron a aprobación da lei que autorizou a desexada moeda de medio dólar conmemorativa.
A exposición foi un fracaso financeiro. As moedas non se venderon ben e a maior parte das máis de 270.000 cuñadas acabaron póndose en circulación. Beach enfrontouse a acusacións de plaxio pola similitude do deseño do reverso coa obra de Beck, aínda que tanto el como o seu colega escultor James Earle Fraser negaron calquera irregularidade. Moitas das pezas que se venderan cun sobreprezo e que foran gardadas polos coleccionistas e os especuladores acabaron gastándose durante a Gran Depresión e a maioría das que sobreviviron amosan claros signos de desgaste pola circulación.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Doutrina Monroe.
A principios da década de 1820, os Estados Unidos consideraron inoportunas dúas inxerencias de potencias europeas na súa zona de influencia. A primeira foi a Ukase rusa de 1821, que reivindicaba dereitos territoriais e comerciais exclusivos ao longo de gran parte do que logo foi a costa canadense do Pacífico. Os Estados Unidos consideraban que esta zona formaba parte do País de Oregón e esperaban chegar a controlala. A segunda inxerencia derivaba das posibles ameazas europeas contra as nacións latinoamericanas, que acababan de independizarse de España. As autoridades estadounidenses temían que unha cuádrupla alianza de Prusia, Austria, Rusia e Francia lle devolvese a España o poder en América.[4]
Ao ministro de Asuntos Exteriores británico, George Canning, preocupáballe que, no caso dunha restauración española en América Latina, a súa nación perdese a capacidade de comerciar alí que gañara desde a expulsión dos españois. En 1823, propúxolle ao ministro estadounidense en Gran Bretaña, Richard Rush, que as súas dúas nacións emitisen unha declaración conxunta contra a retoma das antigas colonias españolas pola forza. Rush pediu instrucións ao presidente James Monroe, e este consultou cos seus predecesores, Thomas Jefferson e James Madison, que estaban a favor da declaración conxunta, xa que unha alianza con Gran Bretaña protexería os Estados Unidos. No entanto, o secretario de estado de Monroe, o futuro presidente John Quincy Adams, considerou que se os Estados Unidos ían expor os seus principios, debían falar por si mesmos e non parecer que seguían o exemplo de Gran Bretaña. En consecuencia, Rush recibiu instrucións de declinar a oportunidade de subscribir unha declaración conxunta, aínda que debía informar os británicos de que ambas as nacións estaban de acordo na maioría das cuestións.[6]
A política que, uns 30 anos máis tarde, se coñecería como a Doutrina Monroe estaba contida na mensaxe anual do presidente ao Congreso o 2 de decembro de 1823, na que se advertía ás nacións europeas contra novas aventuras coloniais nas Américas e contra a interferencia cos gobernos do hemisferio occidental. A doutrina tivo pouco efecto práctico naquel momento, xa que os Estados Unidos carecían da capacidade para a facer cumprir militarmente e a maioría das potencias europeas a ignoraron, por consideraren que estaba por baixo da súa dignidade mesmo responder a tal proclamación. Cando varias potencias europeas enviaron homes a colonizar as Güianas na década de 1830, os Estados Unidos non emitiron ningunha protesta formal. A guerra entre México e os Estados Unidos de 1846-1848, e a conseguinte cesión mexicana, aumentou a desconfianza de Latinoamérica cara á doutrina, xa que moitos ao sur da fronteira pensaban que o propósito dos Estados Unidos, ao advertir ás potencias europeas de que se mantivesen arredadas, era adquirir as terras para si. Porén, a Doutrina Monroe converteuse nunha parte importante da política exterior dos Estados Unidos na segunda metade do século XIX e no século XX.[7]
Inicio
[editar | editar a fonte]En 1922, a industria cinematográfica de Hollywood tiña graves problemas. Establecida na zona dos Ánxeles durante a década de 1910, logo de se trasladar desde lugares do leste como Fort Lee, Nova Jersey, a industria vírase sacudida por unha serie de escándalos, entre eles a misteriosa morte a tiros do director de cine William D. Taylor e o posterior testemuño evasivo ao respecto da actriz Mabel Normand, que contribuíu a destruír a súa carreira. Outro escándalo notorio de principios dos anos vinte foi a morte da actriz Virginia Rappe logo dunha orxía nun hotel de San Francisco. O actor Roscoe "Fatty" Arbuckle, despois de tres xuízos, foi absolto de homicidio involuntario, mais a publicidade negativa acabou tamén coa súa carreira. Estes escándalos, xunto coa morte do protagonista Wallace Reid por unha sobredose de drogas e unha serie de casos de sexo explícito en pantalla, provocaron un boicot ás películas de Hollywood en todo o país.[8][9]
Os magnates do cine procuraron medios para controlar os danos producidos na industria. Contrataron o antigo director xeral do Servizo Postal dos EEUU Will H. Hays, como censor da industria, e a partir de entón o chamad Código Hays rexería o grao de explicitude das películas durante décadas. Outra das ideas que xurdiu para dignificar a industria cinematográfica foi a organización dunha exposición e un festival de cine que amosase a mellor das faces do sector, cuxos beneficios se destinarían á realización de películas educativas.[10] A planificación desta feira, que se celebraría nos Ánxeles a mediados de 1923, comezou en 1922. Do mesmo xeito que noutras feiras, como a Exposición Colombina e a Exposición Panamá-Pacífico, procurouse a emisión de moedas conmemorativas para recadar fondos; os organizadores buscarona aprobación dunha peza para a feira cinematográfica.[11][12] A cidade dos Ánxeles quería utilizar a feira para demostrar que alcanzara a maioría de idade, como fixeran Chicago e San Francisco coas súas respectivas grandes exposicións.[13]
Conscientes de que o Congreso dos Estados Unidos non aprobaría unha moeda para conmemorar unha celebración da industria cinematográfica, os organizadores procuraron un acontecemento histórico cun aniversario importante que tivese lugar en 1923 e que puidese ser homenaxeado tanto na feira como na moeda. O candidato obvio era a Boston Tea Party de 1773 pero, segundo os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen, no seu volume sobre moedas conmemorativas dos EEUU, ese episodio "non podía ser distorsionado para que tivese nin a máis vaga relevancia para California, e moito menos para Os Ánxeles".[12] O 18 de decembro de 1922, o congresista californiano Walter Franklin Lineberger presentou un proxecto de lei para cuñar unha moeda de medio dólar en conmemoración do centenario da Doutrina Monroe, concedéndolle á Cámara de Compensación dos Ánxeles (Los Angeles Clearing House)[2] —unha asociación de bancos—[14] o dereito exclusivo de comprar as pezas ao Goberno ao seu valor nominal para logo as revender cunha prima e obter un beneficio. Lineberger afirmou que a Declaración de Monroe mantivera a California, daquela propiedade de México, fóra do alcance das potencias europeas. O proxecto de lei foi cuestionado na Cámara de Representantes polo congresista de Míchigan Louis Cramton, e no Senado por Frank Greene, de Vermont, quen declarou: "Coido que a cuestión non é vender unha moeda a un valor ou nun lugar determinados; a cuestión é se o Goberno dos Estados Unidos vai seguir ano tras ano sometendo a súa moeda a este latrocinio". Malia estas obxeccións, o proxecto de lei foi promulgado o 24 de xaneiro de 1923, e autorizouse a cuñaxe dun máximo de 300.000 pezas.[8][15]
Preparación
[editar | editar a fonte]Os organizadores da feira non esperaron a aprobación do Congreso para empezar a planificar a moeda. Segundo Swiatek e Breen, o director xeral da feira, Frank B. Davison, concibiu a idea dos deseños. O 7 de decembro de 1922, o presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, Charles Moore, escribiu ao deseñador da moeda de 5 centavos Buffalo e escultor membro da comisión, James Earle Fraser: "A xente dos Ánxeles está planeando celebrar o centenario da Doutrina Monroe. Van ter unha peza de 50 centavos e decidiron que no anverso estean as cabezas do presidente Monroe e de John Quincy Adams [...] No reverso estarán os continentes occidentais desde a Baía de Hudson ata o Cabo de Fornos con algúns puntos para as Indias Occidentais e algunha indicación da Canle de Panamá [...] Coido que, logo de que se establezan os deseños, os modelos [de xeso] poderían elaborarse con bastante facilidade, e que se podería facer unha cousa moi fermosa".[16][17]
Fraser púxose en contacto co escultor neoiorquino Chester Beach, que aceptou realizar o traballo. O 27 de decembro, Moore escribiu a Davison para o informar da contratación de Beach e de que Fraser e Beach decidiran cambiar o reverso. Moore citou a descrición de Beach do deseño revisado:[18]
“ | Mapa de América do Norte e do Sur. América do Norte ten a forma dunha figura drapeada, co loureiro da Paz [unha póla de oliveira], que chega ata América do Sur, tamén unha figura drapeada que leva un "cornucopiacorno da abundancia". As súas mans tócanse na Canle de Panamá. Indícanse as Indias Occidentais. Amósase lixeiramente a corrente dos océanos. Entre as datas 1823-1923 hai un pergamiño e unha pluma de ave, que simbolizan o tratado. | ” |
Moore informou a Davison de que a comisión dera o seu visto e prace á revisión e de que Beach recibira instrucións de terminar o traballo o antes posible para que as moedas estivesen dispoñibles axiña.[18] O 24 de febreiro de 1923, o secretario da comisión, Hans Caemmerer, ensinoulle os modelos terminados á subdirectora da Casa da Moeda, Mary Margaret O'Reilly, que se amosou satisfeita. O'Reilly suxeriu que, se Beach estaba seguro de que non habería máis cambios, enviase fotografías dos modelos ás oficinas da comisión, para seren remitidas co seu visto e prace ás oficinas da Casa da Moeda en Washington. Tal se fixo, e os deseños foron aprobados tanto polo director da Casa da Moeda, Frank Edgar Scobey, como polo secretario do Tesouro, Andrew Mellon, o 8 de marzo. Moore manifestouse exultante cos deseños e o 21 de marzo escribiu a Davison: "Estou moi entusiasmado co resultado do modelo [...] Non coñezo ningunha moeda conmemorativa que iguale a esta en beleza".[19]
Deseño
[editar | editar a fonte]William E. Pike, no seu artigo de 2003 na revista The Numismatist sobre a moeda, considera que o deseño é "pouco inspirado" e quéixase de que o baixorrelevo da moeda a deixa sen suficientes detalles.[11] O comerciante de moedas e historiador numismático Q. David Bowers afirma que por mor da pouca profundidade do relevo, "as moedas acabadas de cuñar tiñan un aspecto insípido; poucos observadores, por non dicir ningún, as cualificaron como atractivas".[20] O historiador da arte Cornelius Vermeule tamén se queixou do relevo, afirmando que facía que as figuras alegóricas do reverso "parecesen recortes montados [...] A forma en que as mulleres están contornadas para lograr a súa aparencia de continentes é un enxeñoso tour de force do relevo caligráfico, pero unha monstruosidade estética, un mal xogo de palabras na arte". E non tivo máis eloxios para o anverso: "Adams, coa súa ollada fixa, é apenas un retrato, e Monroe non sería recoñecido nin sequera por un experto".[21]
As tenues liñas no campo arredor dos continentes representan diversas correntes oceánicas, coa Corrente do Golfo na parte superior dereita do reverso. Swiatek e Breen especulan coa posibilidade de que as correntes mariñas simbolizasen as rutas comerciais entre os continentes. Tamén consideran que o deseño ten un aspecto Art Déco, aínda que sinalan que as letras teñen máis ben un aspecto Art Nouveau máis antigo. O monograma de Beach (CB), convertido nun círculo, áchase na parte inferior dereita do reverso.[12]
O 23 de xullo de 1923, Raphael Beck, que deseñara o selo para a Exposición Panamericana de 1901, escribiu ao director da Casa da Moeda, Scobey, para lle indicar que o deseño do reverso se parecía ao seu selo, cuxos dereitos de autor rexistrara en 1899, e que Beach non debía recibir máis crédito por iso. A carta remitíuselle á Comisión de Belas Artes para que a comentase. En outubro, Fraser escribiu a Beck unha carta na que afirmaba que lle suxerira a Beach que utilizase figuras para representar os continentes en lugar de mapas, e que nunca vira o selo panamericano ata que Scobey lle enviou a carta.[22] Segundo Bowers, "así e todo, unha comparación dos deseños de 1901 e 1923 amosa que isto era moi pouco probable".[20]
Distribución e coleccionismo
[editar | editar a fonte]En maio e xuño de 1923 cuñáronse 274.077 dos novos medios dólares na Casa da Moeda de San Francisco. A maioría enviáronse á Cámara de Compensación dos Ánxeles,[20] aínda que se reservaron 77 pezas para o seu envío a Filadelfia, para seren examinados pola Comisión de Ensaios dos Estados Unidos na súa xuntanza de 1924.[23]
A chamada oficialmente Revista Histórica Americana e Exposición da Industria Cinematográfica (American Historical Revue and Motion Picture Industry Exposition) estivo aberta do 2 de xullo ao 4 de agosto de 1923. A feira estaba situada xunto á rúa Figueroa, no Parque das Exposicións, xusto ao leste do flamante Coliseo dos Ánxeles, onde todas as noites se ofrecía un espectáculo de balde para os visitantes á exposición, titulado "Moctezuma e a caída dos aztecas". A entrada á feira custaba medio dólar, aínda que os asistentes podían comprar un exemplar da moeda conmemorativa por un dólar no portelo e entrar sen pagaren máis. Tras a primeira semana, os organizadores decatáronse de que o público non estaba interesado no tema histórico, senón que estaba alí para ver as súas estrelas de cine favoritas. En consecuencia, os expositores ampliaron considerablemente o espazo dedicado ás atraccións cinematográficas, pero a exposición foi un fracaso financeiro. Os responsables da feira esperaban atraer un millón de visitantes, mais a asistencia real foi duns 300.000, moitos dos cales eran adolescentes que recibiron entradas gratuítas nas dúas últimas semanas da feira.[24][25][26]
Coa feira a un paso da insolvencia durante toda a súa duración, os responsables esperaban que a visita prevista do presidente Warren Harding o 6 de agosto aumentase a recadación, pero Harding enfermou en San Francisco e morreu o 2 de agosto.[26] Segundo Pike, no seu artigo: "o seu efecto na industria foi difícil de medir. No entanto, se Hollywood debe dalgún xeito o seu status actual ao acontecemento, daquela foi todo un éxito".[11]
Vendéronse aproximadamente 27.000 exemplares do medio dólar conmemorativo ao prezo dun dólar, tanto por correo, como en bancos e na feira. As vendas continuaron logo da súa clausura, pero en outubro de 1923 descenderan ata case desaparecer, e os bancos que os tiñan no seu poder puxeron en circulación as nove décimas partes restantes da tiraxe, o que explica o desgaste da maioría dos exemplares superviventes ata os nosos días.[25] Dos que se apartaran, miles máis foron gastados durante a Gran Depresión.[27]
A edición de 2015 de A Guide Book of United States Coins, de Richard S. Yeoman, atribúelle a esta moeda un prezo de 75 dólares en estado de conservación "sen circular" (MS-60).[28] Swiatek, no seu volume de 2012 sobre moedas conmemorativas estadounidenses, sinala que moitos exemplares foron tratados para que parezan máis brillantes ou menos desgastados; estes, do mesmo xeito que outras pezas en circulación, teñen menos valor.[29]
No entanto, os escasísimos exemplares en condicións e cun aspecto excepcionais, acadan prezos moi superiores. Un deles, certificado en estado MS-67, foi adxudicado nunha poxa numismática por 29.900 dólares en 2009,[30] e outro similar en 2019 por 18.000 dólares.[31] O maior prezo alcanzado por un exemplar desta moeda, certificado como estado MS-67+ por Professional Coin Grading Service, foi 102.000 dólares, na poxa de Stack's Bowers de primavera de 2022.[32]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "½ Dollar Monroe Doctrine Centennial". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 "1923 Monroe Doctrine Centennial Half Dollar". earlycommemorativecoins.com
- ↑ "Monroe Doctrine Centennial Half Dollar". United States Mint.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 56-57.
- ↑ "Monroe Doctrine, 1823". Granger. Historical Picture Archive.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 56.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 55-57.
- ↑ 8,0 8,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 167-168.
- ↑ Cregan, B. (2008). Páxinas 24-25.
- ↑ Cregan, B. (2008). Páxina 25.
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Pike, W. E. (2003). Páxina 48.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 166.
- ↑ Garofalo, M. (2015). Páxina 36.
- ↑ Swiatek e Breen suxiren que se designou a Clearing House como entidade patrocinadora para que o asunto parecese menos relacionado coa controvertida industria cinematográfica. Véxase Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 166-167.
- ↑ "Monroe Doctrine Centennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint.
- ↑ Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 167.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas 62-63.
- ↑ 18,0 18,1 Taxay, D. (1967). Páxina 63.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas 67-68.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 169.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 165.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 68.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 171-172.
- ↑ Cregan, B. (2008). Páxinas 25-26.
- ↑ 25,0 25,1 Swiatek, A. (2012). Páxina 142.
- ↑ 26,0 26,1 Garofalo, M. (2015). Páxina 40.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 168-171.
- ↑ Yeoman, R. S. (2014). Páxina 292.
- ↑ Swiatek, A. (2012). Páxina 143.
- ↑ Swiatek, A. (2012). Páxina 144.
- ↑ Roach, S. (2019). "Monroe Doctrine half dollar in MS-67". En Coin World. 13 de maio.
- ↑ "1923-S Monroe Doctrine Centennial. MS-67+ (PCGS)". Professional Coin Grading Service.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar do Centenario da Doutrina Monroe |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (1991). "1923-S Monroe Doctrine Centennial Half Dollar". En Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. Páxinas 167-172. ISBN 978-0-943161-35-8
- Bowers, Q. D. (2008). A Guide Book of United States Commemorative Coins. Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-2256-9
- Cregan, B. (2008). "The Monroe Doctrine commemorative half dollar". En The Commemorative Trail. 3. Páxinas 24-27.
- Garofalo, M. (2015). "Hooray for Hollywood!". En The Numismatist. Febreiro. Páxinas 34-40.
- Pike, W. E. (2003). "A silver half for the silver screen". En The Numismatist. Marzo. Páxinas 47-48.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2014). A Guide Book of United States Coins (68ª ed.). Whitman, Atlanta. ISBN 978-0-7948-4215-4