Corrente oceánica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
All the world's currents on a continuos ocean map

A corrente oceánica ou mariña é un movemento de traslación, continuado e permanente dunha masa de auga determinada.

Correntes oceánicas en oceanografía son deslocamentos de augas oceánicas, ordenadas ou non, producidas pola inercia da rotación do planeta Terra. Os seus movementos non son ben definidos por haber continentes e illas ao longo do seu percorrido, polo tanto, corren en diversas direccións. Inflúen na pesca, na vida mariña e no clima.

As correntes mariñas presentan unha dirección distinta á do vento. O seu encontro con este, pode provocar variacións climáticas (Véxase clima). Polo xeral, nunha zona en que haxa, por exemplo, unha corrente mariña que vaia cara ó norte e teña ó leste un continente, cambiará a temperatura do vento do oeste, no caso de que este exista. Se a corrente mariña que se dirixe cara ó norte é fría, o vento do oeste (que viña de augas mas cálidas) vaise a arrefriar, de maneira tal que a humidade tomada das augas máis cálidas, se condensará, chovendo así sobre a corrente mariña. Cando o vento chega ó continente, chega seco.

Polo xeral, todo sector de terra que se encontre xunto a unha corrente mariña que free o vento, será seco.

As correntes oceánicas poden ter percorridos de miles de quilómetros. Inflúen determinantemente no clima dos continentes, sobre todo nas rexións que bordean os océanos. En particular a corrente do Golfo ou Gulf Stream, que nace no mar Caribe, proporciónalle á zona noroccidental de Europa uns invernos moito máis benignos do que lle correspondería pola súa latitude. Un exemplo oposto é o arrefriamento das illas Hawai pola corrente de California.

Tipos[editar | editar a fonte]

Correntes mariñas (1911)

As correntes oceánicas divídense en correntes frías e correntes quentes. As correntes frías encóntranse, máis frecuentemente no Hemisferio norte por seren as súas augas máis frías e con poucos peixes. As correntes quentes áchanse, máis frequentemente no Hemisferio sur por seren as súas augas máis quentes.

Correntes de superficie e correntes profundas[editar | editar a fonte]

As correntes próximas á superficie dos océanos débense en xeral aos ventos, e viran no hemisferio norte no senso do reloxo e no hemisferio sur en senso contrario. Nas correntes debidas ao vento, o efecto da espiral de Ekman provoca que as correntes avancen angularmente con respecto aos ventos que as producen. Os ventos non teñen influencia nas correntes por baixo dos 800 m de profundidade.

As correntes de profundidade están causadas polo gradiente de temperatura e salinidade, co consecuente gradiente de densidade. A circulación termohalina, unha circulación convectiva (conveccion debida á diferenza de densidades) afecta dun xeito global o conxunto das masas de auga oceánicas. É moi importante pola súa significativa participación no fluxo neto de calor desde as rexións tropicais cara ás polares, sen a que non se comprendería o clima terrestre. Ao fluír nas profundidades, tamén se chaman "ríos submarinos". É importante salientar que estas correntes de profundidade encóntrase interconectadas coas correntes de superficie, formando o chamado "cinto de convección", describindo o transporte de auga profunda do Atlántico ao Pacífico e o seu retorno pola corrente de superficie.

Influencia[editar | editar a fonte]

O coñecemento das correntes oceánicas é esencial na redución de custos de navegación, en canto ao aforro de combustible. Foi aínda máis fundamental cando a era da navegación a vela. Un bo exemplo é o da corrente das Agullas, no océano Índico, que entorpeceu a navegación portuguesa á India.

As correntes oceánicas son tamén moi importantes de cara ao esparexemento de moitas formas de vida. Un caso é o do ciclo de vida da anguía.

Medición[editar | editar a fonte]

As correntes oceánicas mídense en sverdrups, unidade que ten por símbolo Sv. Un Sv correspóndese cunha velocidade de fluxo de 106 metros cúbicos por segundo. O instrumento de medición de correntes chámase correntómetro. Os modernos acostuman utilizar o efecto doppler para realizar a medición.

Localización[editar | editar a fonte]

Circulación das correntes polo mundo.
  • Frías
  1. Corrente de California
  2. Corrente de Humboldt
  3. Corrente das Canarias
  4. Corrente de Labrador
  5. Corrente de Benguela
  6. Corrente de Groenlandia
  7. Corrente Oya Shivo
  • Quentes
  1. Corrente das Guianas
  2. Corrente do Brasil
  3. Corrente do Golfo
  4. Corrente Centro Ecuatorial
  5. Corrente Sur Ecuatorial
  6. Corrente Deriva Norte-Pacífico
  7. Corrente Kuro Shivo

Véxase tamén[editar | editar a fonte]