Lolita Díaz Baliño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "María Dolores Díaz Baliño")
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Lolita Díaz Baliño
Lolita Diaz Baliño-1926.jpg
Lolita Díaz Baliño en 1926[1]
Nome María Dolores Díaz Baliño
Nacemento 6 de xaneiro de 1905
Lugar A Coruña
Falecemento 3 de novembro de 1963 (58 anos)
Lugar A Coruña

María Dolores Díaz Baliño, mais coñecida polo hipocorístico Lolita Díaz Baliño, nada na Coruña o 6 de xaneiro de 1905[2] e finada o 3 de novembro de 1963 na mesma cidade[3], foi unha pintora e profesora galega, primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes, xunto a Carmen Corredoyra.

Orixes familiares[editar | editar a fonte]

Filla do ortigueirés Germán Díaz Teijeiro, dedicado ás obras públicas[4], e da ferrolá Camila Melitona Baliño López, en 1897 o matrimonio trasladouse desde a cidade departamental ata A Coruña, onde naceron catro dos seus nove fillos[5][6]. Dolores foi a última filla en facelo, sendo irmá de Camilo Buenaventura (pintor e escenógrafo), Camila Melitona (chamada Miluca, que casou cun redactor de El Eco de Galicia), Germán (falecido sendo un bebé), Gonzalo (comerciante), Indalecio (delineante e escultor), Germán (comerciante e músico), Joaquín (que emigrou a Cuba e, máis tarde, Miami) e Ramiro (siluetista e comerciante). Tíos seus foron o deputado provincial Indalecio Díaz Teijeiro e o empregado do Goberno Civil da Coruña Gustavo Díaz Teijeiro. Por fin, cabe salientar a súa relación familiar co escritor Ramón Armada Teixeiro, primo carnal seu[7].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A primeira nova que menciona a Lolita Díaz Baliño data do entroido de 1917, no que participou dentro dunhas das carrozas cando contaba 12 anos. Acompañábana na tarde do 18 de febreiro, nunha «carroza de flores e mascaróns de cor amarelo, de moito efecto», entre outras, as súas tías Asunción (de 66 anos) e Dolores Díaz Teijeiro (de 44 anos)[8]. Destas festas, o fotógrafo coruñés Pedro Ferrer fixo un feixe de fotografías dentro da súa colección "Pueblos, Paisajes, Arte y Costumbres de Galicia", retratando o conxunto de rapazas na carroza[9].

Porén, a primeira posta a proba de Lolita Díaz nas artes seica non foi na pintura, senón na fotografía. Ao carón da Sociedade Fotográfica da Coruña, o Circo (ou Reunión) de Artesáns desta cidade organizou para mediados de maio de 1924 un concurso e exposición de fotografías. Neste evento participaron fotógrafos da talla de Buch e afeccionados como o meteorólogo Pío Pita, o avogado Gabriel Monelos Rodríguez, o técnico de aduanas e coñecido editor de postais Juan Coma, o membro da Comisión Xeográfica de Galicia, escritor e poeta Máximo Navarro, e o avogado José García Vidal, que resultou gañador da medalla de ouro do certame. Díaz Baliño participou cunha «graciosa cabeciña de nena», que chamou a atención «pola xusteza da gama de grises da máscara e a oportunidade en sorprender [sic] co obxectivo un simpático xesto na retratada»[10], pola que obtivo unha medalla de prata[11].

Anuncio en El Compostelano da Exposición de Arte Galega, celebrada en Santiago en 1926[12].

Desde o seu número 21, do 1 de novembro de 1925, comezou a colaborar cos seus debuxos na revista sadense Mariñana, onde tamén o facía desde tempo antes Máximo Navarro[13]. Porén, a súa colaboración foi ben cativa, publicando só outros dous debuxos repartidos entre os números 22 e 23. Son debuxos de innegable influencia folclorista na temática e que retratan o universo feminino, aínda que cun recoñecible estilo común a outros artistas de publicacións coetáneas.

Houbo que agardar aínda ata mediados do ano seguinte para encontrar a Lolita Díaz na súa primeira participación nunha exposición colectiva como pintora. Co gallo das Festas do Apóstolo Santiago, organizouse unha Exposición de Arte Galego (ao estilo das que xa levaban celebrándose na Coruña desde moitos anos antes) coa intención de exhibir «importantes obras os mais xeniais artistas da Rexión» e ofrecer «conferencias os máis reputados críticos da Arte»[14]. A data inicialmente prevista para dar inicio ao certame foi o do 15 de xullo de 1926, porén finalmente se inaugurou o 21 de xullo[15] no Colexio de San Clemente, que en 1909 xa fora sede da sección arqueolóxica na Exposición Rexional daquel ano. Estivo aberta ata o 15 de agosto[12].

Lolita Díaz Baliño, retrato en Vida Gallega, 1929.

Dividíronse as vinte salas da mostra en tres seccións: Arte contemporánea; Obras de pintores falecidos; e Retratos de personalidades extintas de Galicia (sic). Na primeira, participaron, ademais de Díaz Baliño, Sotomayor, Juan Luis, Lloréns, Sobrino, Castelao, Corredoira, Fernández, Elvira Santiso García, Abelenda, Suárez, Mayer, Castro Gil, Souto e Ramón Torrado. Entre os segundos, os falecidos, cabe salientar a Parada e Fierros. Tamén foi exposto mobiliario do ebanista Anido[16], así como unha mostra da obra do arquitecto Rafael González Villar[1].

O seu paulatino acercamento aos movementos rexionalistas, porén a súa educación e pensamento conservadores, materializouse na participación en manifestacións como a homenaxe tributada ao coral Cántigas da Terra, que se levou a cabo no desaparecido Teatro Linares Rivas (no actual nº 7 dos Cantóns coruñeses entre 1920 e 1940) na tarde do 3 de febreiro de 1927, cando por petición da Asociación da Prensa da Coruña colocou ao seu estandarte unha gravata pintada por ela[17]. Pouco despois, foi encargada polo concello de Cesuras de confeccionar un pergameo caligráfico por mor da visita do rei Afonso XIII a finais do mes de setembro[18], polo que detalles como este e o anterior dan conta dunha crecente consideración no eido público da súa faciana artística.

O 30 de maio de 1929 a Deputación da Coruña concedeulle unha pensión de pouco máis de 1.250 pesetas «para que poida perfeccionar os seus estudos de pintura, en conformidade ao proposto pola Real Academia de Belas Artes da Coruña, a cuxo informe se pasou a solicitude da interesada»[19]. Esta axuda puido resultar decisiva para o desenvolvemento da súa carreira, como un recoñecemento desde o eido institucional á súa valía.

O 13 de febreiro de 1938 produciuse o seu ingreso como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, co número de orde 102[20], baixo a presidencia do arquitecto Rafael González Villar. Coa mesma data deuse entrada a outros tres académicos, dous deles na Sección de Pintura (Alfredo Souto Cuero e Carmen Corredoyra) e outro na Sección de Escultura (o imaxineiro compostelán José Juan González García)[21][22]. O verdadeiramente salientable desta elección, ademais do que supón no persoal para Díaz Baliño, foi que ela e mais Corredoyra foron as primeiras mulleres en acadar o ingreso nesta institución. Carme Corredoyra tomou posesión ao día seguinte (14 de febreiro), non constando a data na que o fixo Lolita Díaz[23].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Exposición de Arte en Santiago. Artistas coruñeses". Galicia industrial y comercial: revista mensual ilustrada. 4-7-1926. p. 27. 
  2. Ortega, 1993, p. 376
  3. "Lolita Díaz Baliño, ha muerto". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). 4-11-1963. p. 10. 
  4. "Los que mueren". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 28-3-1929. p. 3. 
  5. Ortega Romero sinala erroneamente que foron cinco os irmáns (Ortega, 1993, p. 377), porén esquecendo o primeiro Germán (falecido sendo un bebé) e o segundo (que tamén faleceu antes da guerra civil), e mais a Joaquín. Non obstante, a falla máis estraña é a de Gonzalo, quen precisamente manifestouse como un entusiasta do novo réxime político, cousa que tamén parece suceder con Joaquín, quen manifestou as súas simpatías mentres vivía en La Habana.
  6. Suárez Sandomingo (José Manuel Suárez Sandomingo (29-3-2017). "Los Díaz Baliño (1)". GaliciaDigital.com (en castelán). Consultado o 26-5-2017. ) tamén afirma que só chegaron a ser sete irmáns, esquecéndose tamén do primeiro Germán, de Gonzalo e de Joaquín; secasí engade outro nome: Avelino, do que non atopamos referencias polo que pode ser algún destes tres mencionados, quizais un segundo nome dalgún. Suárez Sandomingo informa no seu artigo que «a pesar dos seus sete fillos, a familia Díaz-Baliño nunca puido presumir de ser numerosa, posto que, na súa época, ter un número tan elevado de membros era algo normal. De feito, nin sequera a finais dos anos vinte o Instituto Nacional de Previsión consideraba que unha familia fose numerosa se esta non superaba os oito descendentes»; non obstante, como temos visto, o número de fillos vivos ao mesmo tempo na familia acadou os oito (o único falecido sendo neno foi o primeiro Germán), polo que a non consideración de familia numerosa puido vir da posibilidade de non convivir todos eles xuntos.
  7. Así o mostra José Manuel Suárez Sandomingo no seu artigo "Los Díaz Baliño (1)".
  8. "El Carnaval en La Coruña. La fiesta de ayer tarde. Carrozas y coches". El Noroeste (en castelán) (A Coruña). 19-2-1917. p. 1. 
  9. Posiblemente, é a que leva o número 10029 da serie.
  10. Izquierdo y Vivas (15-5-1924). "Notas de Arte. La Exposición de Fotografías del Circo". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). p. 1. 
  11. "En la Reunión de Artesanos. Una exposición de fotografías". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 16-5-1924. p. 1. 
  12. 12,0 12,1 "Exposición de Arte Gallego (anuncio)". El Compostelano (en castelán) (Santiago de Compostela). 29-7-1926. p. 3. 
  13. "Nuevos colaboradores". Mariñana (en castelán) (Sada). 1-11-1925. p. 8. 
  14. "Grandes fiestas en Santiago de Compostela en honor del Apóstol Patrón de las Españas, que se celebrarán en la segunda quincena del mes de Julio del Año Santo de 1926, organizadas por el excelentísimo Ayuntamiento". El Compostelano (en castelán) (Santiago de Compostela). 22-6-1926. p. 2. 
  15. L. Olozaga (26-7-196). "Crónicas femeninas. Pequeñas cosas por L. Olozaga". El Compostelano (en castelán) (Santiago de Compostela). p. 5. 
  16. "La Exposición del Arte Gallego". El Compostelano (en castelán) (Santiago de Compostela). 28-7-1926. p. 3. 
  17. "La fiesta de mañana. Homenaje a "Cántigas da Terra"". El Orzán (en castelán) (A Coruña). 2-2-1927. p. 1. 
  18. "Pergamino para el Rey". El Eco de Santiago (en castelán) (Santiago de Compostela). 6-9-1927. p. 1. 
  19. "Comisión Provincial. La sesión de ayer". El Eco de Santiago (en castelán). 31-5-1929. p. 1.  De acordo a esta nova, o monto que percibiría era a parte proporcional aos meses que restaban do ano en curso dunha pensión de 2.000 pesetas.
  20. López Naya, Juan Raúl; Torres Casal, José (2006-2007). Síntesis histórica y relación de presidentes numerarios de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario, desde 1850 hasta el presente (PDF). Abrente (en castelán). 38-39 (A Coruña). p. 339. ISSN 0212-6117. 
  21. "La Coruña. Acuerdos de la Academia de Bellas Artes". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 17-2-1938. p. 7. 
  22. "Acuerdo de la Academia de Bellas Artes". El Progreso (en castelán) (Lugo). 18-2-1938. p. 2. 
  23. Ortega, 1993, p. 373

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]