Ramiro Díaz Baliño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaRamiro Díaz Baliño

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de maio de 1902 Editar o valor em Wikidata
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Morte18 de abril de 1973 Editar o valor em Wikidata (70 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndebuxante Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsIndalecio Díaz Baliño, Camilo Díaz Baliño e Lolita Díaz Baliño Editar o valor em Wikidata

Ramiro Díaz Baliño, nado na Coruña o 15 de maio de 1902[1] e finado na mesma cidade o 18 de abril de 1973,[2] foi un comerciante e siluetista galego, irmán de Camilo Díaz Baliño.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixes familiares[editar | editar a fonte]

Fillo do urticariense Germán Díaz Teijeiro, dedicado ás obras públicas,[3] e da ferrolá Camila Melitona Baliño López, en 1897 o matrimonio trasladouse desde a cidade departamental ata A Coruña, onde naceron catro dos seus nove fillos[4][5]. Ramiro foi o penúltimo fillo en facelo, irmán de Camilo Buenaventura (pintor e escenógrafo), Camila Melitona (chamada Miluca, casou cun redactor de El Eco de Galicia), Germán (falecido sendo un bebé), Gonzalo (comerciante), Indalecio (delineante e escultor), Germán (comerciante e músico), Joaquín (que emigrou a Cuba e, máis tarde, Miami) e Dolores (chamada Lolita, pintora e profesora). Tíos seus foron o deputado provincial Indalecio Díaz Teijeiro e o empregado do Goberno Civil da Coruña Gustavo Díaz Teijeiro. Por fin, cabe salientar a súa relación familiar co escritor Ramón Armada Teixeiro, primo carnal seu.[6]

Até a guerra civil[editar | editar a fonte]

Os irmáns Díaz Baliño demostraron ser unha familia con innegables calidades artísticas, que abrangueron diversas artes: escultura, pintura, escenografía, cartelismo, deseño... Porén, Ramiro decidiuse por unha disciplina que, aínda que practicada desde comezos do século XVIII e precursora do fisionotrazo, á súa vez antecedente conceptual da fotografía, non gozaba da reputación daqueloutras: o siluetismo, emparentado co retrato en miniatura. Non obstante, acadou ao longo da súa carreira un certo éxito e unha depurada técnica. O soporte sobre o que traballou foi tanto a madeira como o papel. Neste sentido, o obxecto das súas representacións foron non só retratos (bustos, torsos ou figuras completas), senón tamén paisaxes dunha certa beleza. As persoas que representaba, como mandan os canons do siluetismo, mostrábanse de perfil, tamén desenvolvendo accións cotiás. O artista que desenvolve esta arte persegue unha certa profundidade na interpretación do obxecto retratado, o que lle afasta do esquematismo e o achega polos seus trazos simples a manifestacións como a caricatura.

A primeira exposición da que se ten noticia é a inaugurada o 11 de xaneiro de 1934 na Sociedade Filharmónica da Coruña,[7] de siluetas en madeira. Presentou cento unha imaxes de personalidades ben coñecidas na cidade, como Arturo Osuna (director da revista madrileña Gráfico), Alejandro Barreiro Noya (director de La Voz de Galicia), José Martínez Pereiro (director de El Ideal Gallego), Ricardo Camino Calvo (pintor), José Seijo Rubio (pintor), Manuel Abelenda Zapata (pintor), Senén Constenla (cóengo), Pedro Barrié de la Maza (empresario), Fernando Martínez Morás (xeógrafo e presidente da Asociación da Prensa), Arcadio Vilela Gárate (xornalista) e César Alvajar Diéguez (xornalista), entre outros. Foi cualificado neste primeiro encontro co público como «excelente artista» cun «gran temperamento artístico», vendendo a meirande parte das obras.[8] A crónica sinalaba que «nuns segundos perfila sobre a madeira, e de corpo enteiro a todo o que o desexe, e se isto é difícil polo exacto parecido das siluetas en tan pouquiño tempo, elo tamén o recortado da táboa que ten de facer con exquisito coidado».[9]

Meses despois, inaugurou o 1 de setembro unha nova exposición nos locais do xornal vigués Faro de Vigo,[10] no que, necesariamente por ter vendido todo o feito para a exposición coruñesa, tivo que presentar novas pezas, moitas delas retratos de personaxes locais ben coñecidos, acadando novamente un notable éxito de público. Contiña uns setenta retratos e unha decena de paisaxes, e outros "asuntos galegos"[11] e foi clausurada o 10 de setembro.[12] Sen dúbida a novidade (recobrada) do xénero artístico que Ramiro Díaz desenvolvía movía a curiosidade do público, porén a isto engadíaselle unha excelente capacidade de chegar a captar as características esenciais da persoa retratada, determinando que a crítica coeva falara de que as súas siluetas manifestaban o relevo da psicoloxía persoal do retratado[13]. Foron máis de duascentas as pezas que finalmente executou en Vigo, salientándose as pezas que representaron ao alcalde Ángel Campos Varela, Alfredo Pérez Viondi (político e presidente do Casino de Vigo), novamente aos pintores Ricardo Camino e Manuel Abelenda e o director de La Voz de Galicia, Alejandro Barreiro, así como ao seu pai, Germán Díaz, e a súa irmá Lolita Díaz Baliño. Entre as paisaxes cabe nomear "O cruceiro", "O convento" (coreado), "Noite de lúa" e "Camiño da igrexa". O tamén pintor Modesto Prieto Camiña dedicoulle unha apaixonada crítica[14] e mesmo un poema tras o peche do Salón del Faro de Vigo.[15] Desta exposición consérvase unha fotografía tomada por Jaime Pacheco e publicada en Vida Gallega.[16]

En xullo de 1935 participou, dentro da Sala Quinta, no II Certame do Traballo de Galicia, celebrado como o primeiro en Ferrol.[17] Nesta edición tamén se presentaron a concurso os seus irmáns Camilo, Indalecio e Lolita. Obtivo, novamente, moitos eloxios e numerosos encargos. Entre outros traballos, fixo siluetas dos comisarios do certame e outro moi celebrado pola súa boa factura e profundidade de Valle-Inclán, que visitaba nese momento a feira.[18] Para cumprir cos encargos, foi e volveu repetidas veces da Coruña a Ferrol.[19][20] Finalmente, o 18 de agosto obtivo un Diploma de Honor dentro da "Sección de caricaturas metálicas e siluetas en madeira" (Sección VI), mentres os seus irmáns Camilo e Lolita acadaron cadanseu terceiro premio na sección de Pintura,[21] e Indalecio obtivo outro Diploma de Honor na de Talla.[22]

Silencio e derradeiras exposicións[editar | editar a fonte]

Durante o subseguinte período bélico e os primeiros anos de represión non chegaron novas sobre Ramiro Díaz Baliño. O seu irmán Camilo foi "paseado" en xullo de 1936, mentres o seu irmán Gonzalo participaba nas Brigadas de Investigación e Vixianza franquistas.[23] Pola súa banda, Lolita e Indalecio puideron continuar coas súas exposicións.

Este alongado silencio artístico semella que foi consciente[24] e, seica, obrigado polas circunstancias políticas. Por fin, o 18 de marzo de 1949 inaugurou unha nova exposición de siluetas súas no local da Asociación de Artistas da Coruña,[25] contando coa presenza do alcalde da cidade, Alfonso Molina, e acadando novamente un notable éxito.[26] Nesta ocasión, ademais, xunto ás siluetas en madeira, presentou debuxos, tamén ben aceptados[24].

Pasaron seis anos ata que o siluetista Díaz Baliño deu novas mostras da súa arte. Semella que durante este tempo presentaba regularmente en escaparates de comercios e outros locais exemplos da súa obra, co obxectivo de obter ingresos, aínda que fosen ocasionais.[27] A principios de xullo de 1955 a Compañía de Comedias de María Jesús Valdés e José María Mompín achegouse ao Teatro Colón da Coruña para representar a obra de Graham Greene "O cuarto de estar" (The living room, 1953), adaptada por Álvaro de Zárate. Participaban no elenco a propia María Jesús Valdés (Premio Nacional de Teatro en 1954 e Medalla de Ouro das Belas Artes e de Valladolid), Adela Carbone (Medalla de Ouro das Belas Artes) e Mariano Asquerino (Premio Nacional de Teatro de 1953), entre outros actores, estando dirixidos por Luis Alonso (Premio Nacional de Teatro en 1955).[28] Aproveitando a presenza de Asquerino e Valdés na cidade herculina, Ramiro Díaz fíxolles senllas siluetas, que ficaron expostas nun comercio da rúa Real.[29] Quizais o cónsul da República de Venezuela, Eliseo Delgado Hidalgo (coñecido crítico taurino durante un cuarto de século, que asinaba co alcume de "El Conde Federico"),[30] viu esta pequena exposición no escaparate do comercio e gustoulle. O caso é que apenas un mes despois comunicouse que Díaz Baliño ía marchar ao país suramericano pensionado polo Goberno daquel país, o primeiro galego en obter esa distinción, para facer unha xira a partir do mes de outubro.[31] Non se coñece se, efectivamente, o siluetista emprendeu esta viaxe, aínda que si fixo unha exposición de despedida na Coruña.

Por tanto, a derradeira exposición da que se ten noticia é a que se levou a cabo nas salas do ecléctico edificio d'A Terraza, sendo inaugurada o 14 de setembro de 1955.[32][33] Presentou nesta ocasión cento cincuenta e cinco retratos e unha trintena de paisaxes, que elaborou superpoñendo varias siluetas de madeira e conseguindo así un certo efecto de relevo e profundidade. Nesta ocasión non pintou a obra exposta doutras cores que non fose o negro. Como en tódalas ocasións previas, atribuíuselle unha sorprendente capacidade para afondar na psicoloxía do retratado a través do, aparentemente, inane retrato en silueta.[34] O 21 de setembro as pezas foron substituídas por outras novas,[35][36] o que da conta do éxito acadado nas vendas, ata a súa clausura.

Ramiro Díaz Baliño faleceu o 18 de abril de 1973, cando contaba 70 anos de idade. Foi Díaz Baliño un consumado mestre do siluetismo, arte na que non tivo rival nin foi quen de crear escola, sendo consideradas as súas orixinais obras a metade de camiño entre a xenialidade e a mera curiosidade.

Familia e vida persoal[editar | editar a fonte]

En decembro de 1923 comprometeuse con Josefina (Pepita) Varela Pardo,[37] coa que casou na igrexa de San Xurxo da Coruña o 27 de xaneiro de 1924.[38] Dela tivo dous fillos: María Dolores (nada en decembro de 1924)[39] e Ramiro (nado en 1931).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ramiro Díaz Baliño (dentro do portal "Galegos")". galiciadigital.com. Consultado o 6-5-2017. 
  2. Necrolóxica en La Voz de Galicia, 19-4-1973, p. 20.
  3. "Los que mueren". El Progreso (en castelán) (Pontevedra). 28-3-1929. p. 3. 
  4. Ortega sinala erroneamente que foron cinco os irmáns ((Ortega 1993, p. 377)), porén esquecendo ao primeiro Germán (falecido sendo un bebé) e ao segundo (que tamén faleceu antes da guerra civil), e mais a Joaquín. Non obstante, a falla mais estraña é a de Gonzalo, quen precisamente manifestouse como un entusiasta do novo réxime político, cousa que tamén parece suceder con Joaquín, quen manifestou as súas simpatías mentres vivía en La Habana.
  5. Suárez Sandomingo (José Manuel Suárez Sandomingo (29-3-2017). "Los Díaz Baliño (1)". GaliciaDigital.com (en castelán). Consultado o 26-5-2017. ) tamén afirma que só chegaron a ser sete irmáns, esquecéndose tamén do primeiro Germán, de Gonzalo e de Joaquín; secasí engade outro nome: Avelino, do que non atopamos referencias polo que pode ser algún destes tres mencionados, quizais un segundo nome dalgún deles. Suárez Sandomingo informa no seu artigo que «a pesar dos seus sete fillos, a familia Díaz-Baliño nunca puido presumir de ser numerosa, posto que, na súa época, ter un número tan elevado de membros era algo normal. De feito, nin sequera a finais dos anos vinte o Instituto Nacional de Previsión consideraba que unha familia fose numerosa se esta non superaba os oito descendentes»; non obstante, como temos visto, o número de fillos vivos ao mesmo tempo na familia acadou os oito (o único falecido sendo neno foi o primeiro Germán), polo que a non consideración de familia numerosa puido vir da posibilidade de non convivir todos eles xuntos.
  6. Así o mostra José Manuel Suárez Sandomingo no seu artigo "Los Díaz Baliño (I)".
  7. "Una exposición". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 12-1-1934. p. 7. 
  8. "La exposición de Díaz Baliño". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 17-1-1934. p. 8. 
  9. "Una gran exposición". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 13-1-1934. p. 4. 
  10. "Ramiro Díaz Baliño. Inaugura hoy su exposición de siluetas". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 1-9-1934. p. 2. 
  11. "Vida artística. Inauguración de la exposición Díaz-Baliño". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 4-9-1934. p. 2. 
  12. "Exposición Díaz-Baliño. Se clausura mañana, lunes". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 9-9-1934. p. 2. 
  13. "Díaz Baliño, siluetista genial". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). 10-9-1934. p. 6. 
  14. Modesto Prieto Camiña (10-9-1934). "Díaz Baliño y sus siluetas". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). p. 36. 
  15. Modesto Prieto Camiña (10-9-1934). "Las siluetas de Díaz Baliño". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). p. 31. 
  16. "Vigo.- La interesantísima exposición...". Vida Gallega (en castelán) (Vigo). 20-9-1934. p. 34. 
  17. "El II «Certamen del Trabajo de Galicia»". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 11-7-1935. p. 1. 
  18. "Nuestras fiestas. Hoy y mañana dos días grandes. "II Certamen del Trabajo"". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 13-7-1935. p. 1. 
  19. "El Certamen del Trabajo". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 16-7-1935. p. 1. 
  20. "Llegó en el expreso de ayer...". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 19-7-1935. p. 1. 
  21. "Fallo del Jurado de la sección de Bellas Artes y Anexas". El Correo Gallego (en castelán) (Ferrol). 8-9-1935. p. 1. 
  22. "Ferrol. Premios que fueron concedidos en el II Certamen del Tabajo de Galicia". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 25-9-1935. p. 13. 
  23. Mera Costas, Pilar (2014). Perseguidos en el limbo. La primera represión de la masonería gallega (1936-1939) (en castelán). Historia Actual Online. pp. 93–105. ISSN 1696-2060. 
  24. 24,0 24,1 "Vida artística. Siluetas de Ramiro Díaz Valiño". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). 21-3-1949. p. 2. Ramiro Díaz Valiño ha vuelto a la vida activa del arte. Tiene ahora abierta una exposición de siluetas en madera que muestra en los salones de la Asociación de Artistas un animado grupo de personas del mundillo herculino. Ágil en el ritmo lineal, seguro en el parecido gracioso en la expresión, Díaz Baliño demuestra no haber perdido ninguna de las cualidades que le proporcionaron éxitos en su anterior y ya lejana etapa artística. Una corta colección de paisajes testifica la estética del expositor en terreno de más complejidad. Dibuja bien Díaz Baliño y mezcla los colores con valentía. En sus dos géneros obtendrá seguro éxito 
  25. "La Coruña. Esta tarde...". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 18-3-1949. p. 2. 
  26. "La Coruña. Inauguración de una exposición". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 19-3-1949. p. 2. 
  27. "Ramiro Díaz Valiño y sus siluetas". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). 22-8-1955. p. 7. [...] Díaz Baliño va a exponer para el mes que viene gran número de sus obras en La Terraza. Hasta ahora las dos o tres salidas a escena de Díaz Baliño constituyeron para él un triunfo y una saneada fuente de ingresos. Tuvieron tal acogida y fueron tan bien recibidas que los anhelados papelitos de "vendido" se prodigaron por toda la sala. Ahora presenta varias novedades [...]. 
  28. "La excelente Compañía de Comedias de María Jesús Valdés y José María Mompín. Debutará en Vigo pasado mañana con el estreno de "El cuarto de estar"". El Pueblo Gallego (en castelán) (Vigo). 16-6-1955. p. 3. 
  29. "La Coruña. Exhibición de siluetas". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 13-7-1955. p. 2. 
  30. "Peña Taurina Coruñesa". El Ruedo (en castelán) (Madrid). 5-4-1956. p. 22 e 25. Consultado o 7-5-2017. 
  31. "La Coruña. El artista gallego Ramiro Díaz Baliño marchará a Caracas, pensionado por el Gobierno venezolano". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 19-8-1955. p. 2. 
  32. "Exposición de siluetas de Ramiro Díaz Baliño". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). 12-9-1955. p. 7. 
  33. "La Coruña. Próxima inauguración de Ramiro Díaz Baliño". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 12-9-1955. p. 2. 
  34. J.L.B. (19-9-1955). "Exposición Provincial de Educación y Descanso y siluetas en madera de Ramiro Díaz Baliño". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). p. 7. 
  35. "Outra fase en la exposición de Díaz Baliño". La Noche (en castelán) (Santiago de Compostela). 21-9-1955. p. 2. 
  36. J.L.B. (26-9-1955). "Ramiro Díaz Baliño ha renovado...". Hoja Oficial del Lunes (en castelán) (Santiago de Compostela). p. 7. 
  37. "Petición de mano". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 27-12-1923. p. 3. 
  38. "En la iglesia de...". El Eco de Santiago (en castelán) (Santiago de Compostela). 28-1-1924. p. 2. 
  39. "Registro Civil". El Ideal Gallego (en castelán) (A Coruña). 5-12-1924. p. 5. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]