País Vasco
Euskal Herria (eu) Euskadi (eu) País Vasco (es) Euskadi (es) | |||||
Himno | Eusko Abendaren Ereserkia | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | España | ||||
Capital | Vitoria | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.213.993 (2021) (306,05 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua castelá lingua éuscara | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 7.234 km² | ||||
Bañado por | Mar Cantábrico | ||||
Altitude | 876 m | ||||
Punto máis alto | Aketegi (1.551 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Lehendakari | Iñigo Urkullu (2012–) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | ES-PV | ||||
Código NUTS | ES21 | ||||
Páxina web | euskadi.eus |
O País Vasco[1] ou Euskadi[2] (en éuscaro tamén: Euskal Herria), tamén coñecido como Comunidade Autónoma Vasca (en éuscaro: Euskal Autonomia Erkidegoa, en castelán: Comunidad Autónoma Vasca), é unha comunidade autónoma española situada no extremo nororiental da costa cantábrica. Limita con Cantabria e Castela e León (provincia de Burgos) ao oeste, con Navarra ao leste, coa Rioxa ao sur, e co Golfo de Biscaia (mar Cantábrico) e Francia ao norte.
Está formado por tres provincias, tamén coñecidas como territorios históricos, que son Guipúscoa, Biscaia e Áraba. As súas respectivas capitais son Donostia, Bilbao e Vitoria. A capital e sede do Parlamento e Goberno autonómicos é Vitoria, mentres que a cidade máis poboada é Bilbao.
Ten unha historia milenaria de orixes incertas e a súa lingua propia, o éuscaro[3], é a lingua máis antiga de Europa falada hoxe en día e a única illada do continente. É considerado unha nacionalidade histórica recoñecida na Constitución española con estatuto de comunidade autónoma. A constitución tamén recoñece os seus foros históricos, de orixe medieval. Hai unha forte forza do nacionalismo e independentismo, tanto politicamente de esquerdas (chamado abertzale) como de dereitas.
Xeografía
[editar | editar a fonte]A orografía do País Vasco é principalmente montañosa, está conformada polos Montes Vascos e a impoñente Serra de Cantabria no sur, co Toloño como máxima altitude, os contrafortes dos Pireneos chegan de Navarra. O punto máis alto do País Vasco é o monte Aitxuri, cunha altitude de 1.551 metros, está situado no Parque Natural de Aizkorri.
En Euskadi pódense distinguir a grandes liñas catro zonas climáticas: a vertente atlántica ao norte, unha zona de clima subatlántico (Vales occidentais de Áraba e a Chaira arabesa), unha zona de clima submediterráneo e, o extremo sur, entrando na depresión do Ebro e Rioxa Arabesa, onde se pasa xa a un clima con verán claramente seco e caloroso de tipo continental.
Esta rexión participou no Programa Mundial de Avaliación dos Recursos Hídricos (WWAP) da Unesco, razón pola cal instaláronse máis de 300 centros de información que serviron para elaborar un informe sobre a situación actual da rexión.
Organización territorial
[editar | editar a fonte]A Comunidade Autónoma Vasca comprende tres provincias, as cales reciben a denominación de territorios históricos no ordenamento autonómico:
Provincia | Capital | Extensión (km²) |
Poboación 2018 (hab.) |
Densidade (hab./km²) |
---|---|---|---|---|
Áraba (Araba) | Vitoria-Gasteiz | 3.037 | 328.868 | 107,53 |
Biscaia (Bizkaia) | Bilbao | 2.217 | 1.149.628 | 518,55 |
Guipúscoa (Gipuzkoa) | Donostia/San Sebastián | 1.997 | 720.592 | 360,84 |
Divídese, á súa vez, en 251 municipios (udalerriak), 51 en Áraba, 88 en Guipúscoa e 112 en Biscaia, que se agrupan en 20 comarcas. O territorio de Áraba divídese en sete cuadrillas (eskualdeak). As comarcas de Guipúscoa e Biscaia, con todo, non conforman divisións administrativas.
Doutra banda, segundo as Directrices de Ordenación do Territorio do Goberno Vasco existen 15 áreas de funcionais no País Vasco que constitúen a base de referencia para o desenvolvemento harmónico e coordinado da Comunidade e fundaméntanse en criterios de interconexión e integración, de tal xeito que os plans territoriais e sectoriais, así como a achaiadura municipal, non sexan elaborados de forma independente entre si, senón que todos persigan obxectivos coherentes.
Demografía
[editar | editar a fonte]Grazas a ser un dos focos iniciais da revolución industrial en España, a poboación do País Vasco tivo un gran crecemento desde mediados do século XIX ata principios dos anos 1970, recibindo unha grande inmigración doutras rexións españolas. Con todo, a reconversión industrial derivada da crise industrial da década de 1980 e o descenso da natalidade provocaron que o País Vasco retrocedese demograficamente e fose unha rexión con crecemento negativo desde a Transición, manténdose esta tendencia a pesar da bonanza económica experimentada desde mediados da década de 1990 con indicadores de PIB superiores á media europea.
Así, mentres no período 1981-2006 a poboación española crecía nun 18,46%, o País Vasco presentaba unha recesión demográfica do -0,05%. Áraba, a provincia que menos creceu en termos demográficos coa revolución industrial, é a única que non perdeu poboación desde 1970, mentres que a que porcentualmente máis perdeu foi Biscaia, que foi a que máis creceu nesa época. A taxa de crecemento de poboación actualmente é do 0,54%, e a esperanza de vida é de 76,4 anos para os homes e 83,7 anos para as mulleres.[4]
Segundo o censo do INE de 2007, Euskadi conta cun 4,6% de estranxeiros, o que representa unha das porcentaxes máis baixas do Estado español e constitúe menos da metade da media nacional (10,0%)[5]. Entre estes, son predominantes os iberoamericanos, os marroquís, os romaneses e os portugueses.
Cidades máis poboadas
[editar | editar a fonte]Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Bilbao Vitoria Donostia |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Bilbao | Biscaia | 353.187 | 11 | Leioa | Biscaia | 30.262 | |
2 | Vitoria | Áraba | 238.247 | 12 | Galdakao | Biscaia | 29.254 | |
3 | Donostia | Guipúscoa | 185.506 | 13 | Sestao | Biscaia | 29.224 | |
4 | Barakaldo | Biscaia | 99.321 | 14 | Durango | Biscaia | 28.261 | |
5 | Getxo | Biscaia | 80.277 | 15 | Éibar | Guipúscoa | 27.378 | |
6 | Irún | Guipúscoa | 60.938 | 16 | Erandio | Biscaia | 24.294 | |
7 | Portugalete | Biscaia | 47.856 | 17 | Zarautz | Guipúscoa | 22.658 | |
8 | Santurtzi | Biscaia | 47.101 | 18 | Arrasate | Guipúscoa | 22.011 | |
9 | Basauri | Biscaia | 42.452 | 19 | Hernani | Guipúscoa | 19.285 | |
10 | Errenteria | Guipúscoa | 39.020 | 20 | Laudio | Áraba | 18.420 | |
Censo 2010 [6] |
Economía
[editar | editar a fonte]Importantísimo centro industrial da península, basea a súa produción na siderurxia, nos bens de equipo como automóbiles, electrodomésticos (Fagor ou cooperativa Mondragón) ou industria pesada, no viño e a súa denominación de orixe "Rioxa arabesa", e na banca, con importantes entidades como BBVA ou a Kutxa. Por isto foi un importante centro de recepción da emigración galega na segunda metade do século XX.
O País Vasco alcanzou á media europea en gasto I+D+I/PIB en innovación (1,85% do PIB en 2007), superando a media atópase o territorio histórico de Guipúscoa con 2.27% do PIB en 2008.[7] Grazas ao impulso da sociedade vasca, as súas institucións e organismos públicos e privados (empresas, universidades) o País Vasco será líder da innovación en Europa en 2020, grazas ás accións impulsadas pola fundación Innobasque.
O País Vasco concentra un gran volume de industrias, é unha das rexións máis ricas de Europa e pasou do 89,6% en 1990, ao 117,1% da media europea de PIB per cápita no ano 2002, a un 125,6% no 2005 e a 137,2% en 2008 (industria e construción supón o 38,18% do PIB), segundo datos do Eustat, crecemiento só superado na Unión Europea por Luxemburgo e Irlanda. A pesar da súa extensión relativamente pequena e unha poboación do 4,9% respecto de España, o País Vasco achega o 6,2% do PIB, o 10,45% do PIB industrial e o 9,2% das exportacións.[8]
A mediados dos anos oitenta, en plena crise económica, produciuse a reconversión industrial e a reindustrialización, o cal produciu un importante receso e, xa recuperada desta situación desde hai anos, é na actualidade unha das rexións máis desenvolvidas de España atopándose á cabeza desta en renda per cápita con 32.133 euros, un 33,8% superior á media nacional e 1.023 euros por encima da seguinte comunidade, Madrid. Segundo un estudo do Instituto Vasco de Estatística seguindo metodoloxía da ONU a rexión alcanzou en 2004 un dos Índices de Desenvolvemento Humano máis altos do mundo.[9] O País Vasco tiña unha taxa de paro do 3,5%, que seguiu mantendo ata outubro de 2008 a pesar da desaceleración da economía. A taxa de paro segundo a Enquisa de Poboación Activa no segundo trimestre de 2010 era do 10,40%.[10]
Política
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2019.) |
O País Vasco accedeu á súa autonomía coa aprobación do Estatuto de Autonomía en 1979. Este Estatuto distínguese da maioría dos estatutos das autonomías españolas non no número das competencias transferidas ou transferibles antes no feito de que a autonomía vasca constitúa unha actualización do réxime foral das tres provincias vascas no marco da Constitución Española (segundo a disposición adicional primeira desta). Así, o País Vasco, ademais de recibir as competencias sobre a educación, obtén un procedemento de financiamento exclusivo baseado na actualización dos concertos económicos das Provincias Vascongadas establecidos na abolición dos foros de 1876 e que se conservaron en Áraba, pero foron derrogados en Guipúscoa e Biscaia polo réxime franquista ao finalizar a Guerra Civil. O Estatuto permite, ademais, unha policía propia, a Ertzaintza, un corpo de policía integral e despregado en todo o territorio. Ao tratarse dunha actualización dos réximes forais, as deputacións forais de cada unha das provincias que integran o País Vasco conservan unhas atribucións e competencias moi amplas con respecto ao propio Goberno Vasco.
Os poderes do País Vasco exércense pola vía do Parlamento, o Goberno e o seu Lehendakari:
- Parlamento Vasco (Eusko Legebiltzarra): é o órgano que exerce a potestade lexislativa do País Vasco. Aproba os orzamentos e impulsa e controla as accións do Goberno Vasco. Está integrado por 75 deputados, e por disposición estatutaria, cada provincia constitúe unha circunscrición electoral e elixe o mesmo número de representantes (25). Os representantes son elixidos pola vía da representación proporcional por un período de catro anos.
- Goberno vasco (Eusko Jaurlaritza): é o órgano colexiado que ostenta as funcións executivas e administrativas do País Vasco. Está integrado polo lehendakari e por conselleiros.
- Lehendakari: é o xefe de goberno. Elixe e cesa aos membros do seu goberno e dirixe a súa acción. Ostenta, ademais, a máis alta representación do País Vasco e a ordinaria do Estado español no territorio. É designado polo parlamento e nomeado polo rei de España.
- Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco (Euskal Autonomia Erkidegoko Auzitegi Nagusia): é a máis alta instancia xudicial da comunidade autónoma.
- Ararteko: é o Defensor do Pobo vasco, nomeado polo Parlamento.
- Administración Xeral do Estado: representada pola Delegación do Goberno e subdelegacións provinciais.
Partidos políticos
[editar | editar a fonte]Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
A opción política maioritaria desde a transición democrática é a do nacionalismo vasco, nas súas diversas variantes desde as máis moderadas ata as máis radicais e coas súas diferentes concepcións para a configuración da actual Comunidade Autónoma (independentista, autonomista, federalista...). Devandita opción dispútase o mapa electoral con outras ideoloxías denominadas "non nacionalistas", de amplo apoio na provincia de Álava, tradicionalmente castelán-falante.
Todos os lehendakaris do Goberno Vasco desde 1980 ata 2009 pertenceron ao Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV). De 2009 a 2012 foino Patxi López, pertencente ao Partido Socialista de Euskadi - Euskadiko Ezkerra (PSE-EE), sendo o primeiro lehendakari alleo ao nacionalismo vasco. Patxi López foi investido presidente vasco grazas aos votos do seu partido (PSE-EE), aos do Partido Popular do País Vasco e aos de Unión Progreso y Democracia. En 2012 o PNV recobrou a presidencia da man de Iñigo Urkullu.
O Parlamento Vasco vén celabrando sesións desde 1980, téndose celebrado dez comicios, sendo os últimos os de 2012.
Non está representado no Parlamento Vasco o partido Batasuna, ilegalizado xudicialmente por mor da súa relación coa organización terrorista ETA, por infrinxir a Lei de Partidos (Lei Orgánica 6/2002) e considerarse probado que a creación deste partido político foi un feito instrumental por parte de ETA e que forma parte dela. Pediu o voto para o Partido Comunista das Terras Vascas nas eleccións ao Parlamento Vasco de 2005, para Eusko Abertzale Ekintza/Acción Nacionalista Vasca (EAE/ANV), nas municipais e eleccións a Xuntas Xenerais do 2007. Nas eleccións vascas de 2009 intentou presentarse baixo as siglas Askatasuna e Demokrazia Hiru Milioi (D3M); sendo estas anuladas pola xustiza. En 2009 o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sentenciou que a ilegalización de Batasuna axustábase a dereito, sentenza que ratificou o Tribunal de Estrasburgo.
Cultura
[editar | editar a fonte]Lingua
[editar | editar a fonte]No País Vasco faláronse dúas linguas desde hai séculos, o castelán e o éuscaro, sendo as dúas orixinarias da rexión, pois o primeiro xurdiu nunha zona ampla que abarcaba tamén territorios do occidente das actuais Áraba e Biscaia. O éuscaro, a diferenza do resto de linguas españolas modernas, non procede do latín nin pertence á familia indoeuropea.
"Lingua de uso na casa por territorios. CAV, 2006" Estudo do Goberno Vasco[11] | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Provincia | Castelán | Éuscaro | Castelán e éuscaro | ||||
Áraba | 86,1% | 5,2% | 8,7% | ||||
Biscaia | 85,3% | 8,6% | 6,2% | ||||
Guipúscoa | 60,3% | 25,3% | 14,3% |
O castelán é a lingua maioritaria nos fogares do País Vasco: no ano 2001, e era a lingua falada no fogar polo 83,0% da poboación, mentres que o éuscaro era a lingua falada polo 11,8% e un 5,2% usaba ambas as linguas por igual no fogar.[12] Estas porcentaxes varían dunha provincia a outra, sendo Guipúscoa onde máis se fala éuscaro e Áraba onde menos.
As poboacións gasconas asentadas en Guipúscoa trouxeron consigo a súa lingua, o gascón (xa desaparecido do País Vasco, aínda que se conservaron algunhas comunidades ata o século XX).[13]
Deporte
[editar | editar a fonte]Os vascos son coñecidos por achegar importantes figuras ao deporte tanto nos deportes internacionais como no tradicional.
O deporte por excelencia dos vascos é o fútbol no que destacan: o Athletic Club de Bilbao, a Real Sociedad de Fútbol e o Deportivo Alavés. Outros importantes son o histórico Real Unión de Irún, a Sociedad Deportiva Eibar ou o Barakaldo Club de Fútbol. Destacan como instalacións deportivas o Estadio de San Mamés, coñecido como A Catedral, así como o Estadio Municipal de Anoeta en Donostia e o de Mendizorroza en Vitoria.
O pavillón Fernando Buesa Arena é outra importante instalación deportiva porque acolle os partidos do Saski Baskonia de Vitoria de baloncesto, o cal move unha importante afección e nos últimos anos consolidouse como un dos principais equipos da ACB e de Europa. O Bilbao Basket de Bilbao e o Gipuzkoa Basket Club de Donostia son máis novos pero xogan ambos tamén na liga ACB.
O ciclismo acapara unha gran tradición entre os vascos, achegando importantes ciclistas ao pelotón profesional e con competicións propias de importancia como a Volta ao País Vasco, a Euskal Bizikleta, ademais dunha proba do UCI ProTour, a Clásica de San Sebastián .
O remo de traiñeiras podería considerarse un deporte tradicional pola súa orixe baleeira, pero coa competición da Bandeira da Concha fíxose amplamente coñecido máis aló da Comunidade converténdose nun torneo amplamente seguido.
Tamén na tradición vasca está o montañismo. Montañeiros que destacan excesivamente na tradición deportiva vasca son Edurne Pasaban, Juanito Oiarzabal ou Alberto Iñurrategi. Tamén no boxeo destacou José Manuel Urtain.
Tamén hai que destacar a achega de numerosos deportistas vascos nos Xogos Olímpicos como o atleta Martín Fiz ou a ximnasta Almudena Cid.
Dentro do deporte rural hai que destacar a Pelota vasca, un xogo con diferentes modalidades que alcanzou seguimento e importancia en varias rexións de España e países de América Latina, sendo o Frontón Astelena de Éibar un dos seus verdadeiros santuarios.
Tamén hai outros deportes tradicionais como o arrastre de pedra, en diferentes modalidades e tamén practicado máis aló dos lindes da Comunidade de Euskadi. Igualmente hai que destacar aos cortadores de troncos, chamado aizkolari o que o practica, ou o acto do levantamento de pedras de grandes pesos por homes forzudos, chamado harri-jasotze. É fácil ver exhibicións ou competicións destes deportes nas festas das vilas de Euskadi.
Folclore
[editar | editar a fonte]A etnografía vasca foi estudada esencialmente por José Miguel de Barandiarán, Telesforo Aranzadi, Koldo Mitxelena e Julio Caro Baroja.
Actualmente de entre as festas populares máis importantes caben destacar a celebración da Semana Grande de Bilbao, as festas da Virxe Branca en Vitoria co seu Celedón, así como a festividade da Tamborrada de Donostia, o Alarde de Irún e o de Hondarribia. Ademais, Donostia é candidata a ser Capital Europea da Cultura en 2016.
As danzas vascas son unha parte importante da cultura e folclore da rexión. Cada pobo ten a súa danza que se afai a bailar nas súas festas maiores. Algunhas delas son moi antigas perdéndose a súa orixe nos tempos, outras son recreacións máis ou menos modernas de vellas danzas e algunhas son novas coreográfias con base popular.
Transporte
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Transporte no País Vasco.
Dentro do sector do transporte marítimo destaca o porto de Bilbao, con 37,2 millóns de toneladas en 2006,[14] sendo o Reino Unido, resto de España e a China os principais lugares de orixe ou destino; o porto contribúe con 419 millóns de euros ao PIB vasco e xera 9.500 postos de traballo. Despois está o porto de Pasaia en Guipúscoa.
Os aeroportos vascos de Vitoria, Bilbao, e Donostia sitúanse nun escaso raio de 60 quilómetros e desprazaron en 2006 a 4,41 millóns de viaxeiros.[15]
O transporte ferroviario da CAV está composto por varias operadoras.
- Renfe Operadora
- Euskotren Trena
- Núcleos de proximidade en Bilbao e Donostia.
- Liña rexional Bilbao - Donostia - Hendaia.
- Euskotren Tranbia
- Tranvía de Vitoria.
- Liña A (Tranvía de Bilbao).
- Metro de Bilbao
- Rede composta por dúas liñas que vertebran o Gran Bilbao. Están en estudo e/ou construción outras 3 liñas.
- FEVE
Ademais, estase construíndo unha liña ferroviaria de alta velocidade que unirá ás tres capitais provinciais entre si e co resto de España, e que conectarán coa rede europea. Denominouse Y vasco debido á forma que adopta o seu percorrido.
Seguridade
[editar | editar a fonte]O País Vasco dispón dunha policía propia, a Ertzaintza, despregada en todo o territorio. Actualmente ten transferidas todas as competencias de seguridade cidadá, orde pública e tráfico, compartindo a loita antiterrorista coas Forzas de Seguridade do Estado.
Na Comunidade seguen estando presentes os dous corpos policiais do Estado (Corpo Nacional de Policía e Garda Civil) en labores antiterroristas e servizos policiais de carácter extracomunitario e supracomunitario.
A Garda Civil ten encomendados os labores de prevención e persecución do contrabando (tráfico ilícito de mercancías) e o resto de infraccións de carácter fiscal, a xestión sobre armas e explosivos, a vixilancia de portos, aeroportos, costas e fronteiras, sendo o corpo policial que ostenta as competencias de seguridade cidadá no mar territorial.
O Corpo Nacional de Policía ten encomendado a expedición do Documento Nacional de Identidade e dos pasaportes, o control de entrada e saída do territorio nacional español e as previstas na lexislación sobre estranxeiría, refuxio e asilo, extradición, expulsión, emigración e inmigración.
A presenza do Corpo Nacional de Policía no País Vasco redúcese a 4 comisarías, das cales dúas están en Guipúscoa (Donostia e Irún), unha en Biscaia (Bilbao) e outra en Áraba (Vitoria); e a 1 cuartel que se atopa en Biscaia (Basauri). Mentres, a Garda Civil dispón máis dunha vintena de cuarteis repartidos pola xeografía vasca cunha comandancia en cada capital.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vasco.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para nacionalidade.
- ↑ O éuscaro é unha lingua non indoeuropea que conta coa súa propia Wikipedia.
- ↑ "www.turismoa.euskadi.net. Euskadi en cifras: Radiografía física e sociodemográfica". Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2008. Consultado o 05 de novembro de 2010.
- ↑ Fonte: Explotación estatística do censo segundo o Instituto Nacional de Estadística de España. Poboación por nacionalidade, comunidades e provincias, sexo e idade Arquivado 12 de xaneiro de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ INE 2010
- ↑ Eurostat, INE, Eustat, IGko gastua BPGdaren herrialdearen arabera1996-2008/tbl0003292 e.html
- ↑ "www.turismoa.euskadi.net. Euskadi en cifras: Radiografía Económica". Arquivado dende o orixinal o 07 de decembro de 2008. Consultado o 23 de maio de 2011.
- ↑ El País.com. Euskadi alcanza un dos índices de desenvolvemento humano máis altos do mundo
- ↑ INE. "Encuesta de Población Activa" (PDF).
- ↑ Goberno vasco, ed. (2006). "IV Mapa Sociolingüístico" (PDF). IV Mapa Sociolingüístico. Consultado o 23 de outubro de 2009.
- ↑ "Goberno vasco: viceconsellería de política lingüística. Uso da lingua (2001)". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2011. Consultado o 05 de novembro de 2010.
- ↑ Desaparición do éuscaro polo norte e leste. Nafarrate (14-12-2005) Arquivado 06-09-2008 en Wayback Machine.}}
- ↑ El País, 30 de xullo de 2007
- ↑ "LRI - Os aeroportos vascos rexistraron 4,4 millóns de viaxeiros durante o ano pasado, un 4,2% máis que en 2005.". Arquivado dende o orixinal o 14 de xaneiro de 2008. Consultado o 24 de maio de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: País Vasco |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web do Goberno Vasco (en éuscaro) (en castelán)
- Euskadi (en éuscaro) (en castelán)
- Turismo no País Vasco (en inglés)