Historia da pirataría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A pirataría, entendida como práctica de delincuencia no mar, foi unha constante na historia dende a antigüidade ata os nosos días.

Antigüidade[editar | editar a fonte]

As zonas de maior actividade dos piratas coincidían coas de maior tráfico de mercadorías e de persoas. Aínda que os datos non son moi abondosos, polos mitos sabemos que os gregos clásicos foron bos piratas. Un dos máis famosos foi Xasón, quen guiou os argonautas ata a Cólquida á procura do vélaro de ouro, e que poderiamos entender como un acto de pirataría. Tamén Ulises realizou varios actos de pirataría no seu regreso a Ítaca, como narra Homero na Odisea. Nestes dous exemplos vemos unha constante que se repetirá ao longo dos séculos: os piratas son a miúdo considerados heroes nacionais nos seus países malia practicaren o que en terra se chamaría roubo e secuestro.

Un dos piratas gregos máis famosos dos que si se teñen referencias foi Plutarco de Samos, quen no século VI a.C. saqueou Asia Menor en diferentes expedicións e chegou a reunir máis de 100 barcos.

Trirreme romano nun mosaico tunisiano

No Mediterráneo, baixo o dominio de Roma, os piratas chegaron a converterse nun problema de estado ao impediren o comercio e o fornecemento de produtos. As bases piratas estiveron na súa orixe ao sur de Asia Menor, nas montañosas costas de Cilicia e máis tarde por todo o Mediterráneo. Os piratas da antigüidade adoitaban ser escravistas e a captura de persoas para seren vendidas resultaba unha práctica altamente lucrativa. Pero tamén se buscaban pedras preciosas, metais, esencias, seda, sal, tinguiduras, viño e outros tipos de mercadorías que se transportaban en barcos, e dos que os fenicios eran dominadores.

Dun dos casos máis coñecidos de pirataría contra as liñas de navegación foi vítima o daquela mozo Xulio César, que caeu prisioneiro dos piratas cilicios no ano 75 a.C. Plutarco conta a historia nas súas Vidas paralelas, e sinala que o xefe cilicio estimaba o rescate en 20 talentos de ouro, e que César lle retrucou: «¿Vinte? Se coñeceses o teu negocio saberías que vallo polo menos 50». O cativerio durou 38 días, durante os cales o refén ameazou os seus captores con crucificalos. Finalmente o rescate pagouse e César foi liberado; cando recobrou a liberdade organizou unha expedición durante a cal apreixou os seus captores e os crucificou.

A pirataría, sobre todo a perpetrada polos cilicios, acadou niveis preocupantes contra o final da República. No 67 a.C., o senado romano nomeou a Pompeio "procónsul dos mares", outorgándolle o mando supremo do Mediterráneo e das súas costas ata 75 km mar dentro. Concedéronlle o mando de todos os exércitos costeiros (150 000 efectivos), así como orzamento libre e unha frota ben armada. En diversas operacións eliminou en corenta días todos os piratas de Sicilia e Italia e, tras o asedio e toma de Coracesium, tamén os piratas de Cilicia, acabando en 49 días cos piratas da zona oriental do Mediterráneo.

Pero só uns anos despois, no 30 a.C. o romano Sexto Pompeio levantouse contra Roma e realizou accións que lle permitiron reunir riquezas e armar unha frota propia. Con esta escuadra tomou Sicilia e Sardeña ata que Octavio Augusto lanzou contra el unha frota que o derrotou e o obrigou a navegar ata o Mediterráneo Oriental para pedir refuxio a Marco Antonio. Este, aínda non enfrontado con Octavio, executouno e envioulle a cabeza ao segundo triunvirato de Roma.

Os viquingos[editar | editar a fonte]

Modelo de barco viquingo

No 793 os viquingos realizan o primeiro ataque na costa norte de Inglaterra e dous anos despois en Irlanda. Desde esa data ata pouco despois do ano 1000 os pobos do norte realizaron todo tipo de incursións no mar do Norte, o Cantábrico e o Mediterráneo (tanto oriental como occidental). O radio que alcanzaban as súas excursións foi aumentando progresivamente conforme medraban os seus coñecementos da costa e dos ríos navegables. Así, entre outras accións, podemos apuntar:

A formación de grandes partidas para realizar ataques costeiros coincide cando en Escandinavia a poboación comeza a organizarse en reinos extensos e consolidados. As expedicións viquingas adoitaban formalas ducias ou centos de buques navegando e atacando xuntos. Debe terse en conta que o barco viquingo, o drakkar, podía transportar uns 32 ou 35 homes, como o testemuña o barco de Oseberg atopado na granxa Oseberg de Vestfold (Noruega) en 1903.

Un exemplo destas expedicións témolo nas crónicas sobre a primeira incursión normanda á Península Ibérica no 840. Un número indeterminado de naves bordearon a costa asturleonesa ata chegar á torre de Hércules e saquearon a pequena aldea emprazada aos seus pés. Ordoño I tivo noticias da expedición e levou o seu exército contra dela, recuperando boa parte do botín e apreixando ou afundindo entre sesenta e setenta das súas naves, o que quizais non constituía nin a metade da forza desprazada pola expedición, posto que seguiron a súa campaña de saqueos. En Lisboa, os cronistas falan dunha escuadra composta por 53 barcos.

Entre outras expedicións viquingas pode contarse a súa primeira incursión en Al-Ándalus, onde tomaron Cádiz e subiron o Guadalquivir, saquearon Sevilla e foron derrotados por Abd ar-Rahman II; o ataque de París e de York; a captura do rei de Navarra, García Íñigo, no asedio de Pamplona no 858; ou a pretensión ao trono inglés polo rei viquingo Harald III de Noruega derrotado finalmente por Harold Godwinson na batalla da Ponte de Stamford en 1066, onde morreu o monarca pirata.

Numerosas naves normandas eran comandadas e tripuladas por mulleres. É o caso de Rusla de Noruega, filla do rei Rieg e irmá de Tesandus, desposuído do seu trono polo rei Omund de Dinamarca. Rusla armou unha frota coa que atacou todas as naves dinamarquesas que puido, para vingarse da afronta realizada ao seu irmán. Ao remate, Tesandus, posto do lado do rei de Dinamarca, matou a súa irmá.

Non se sabe con certeza a causa do cese dos ataques viquingos. Algúns autores opinan que a aceptación da fe cristiá cara ao ano 1000 pola maioría freou o seu desexo de atacar outros cristiáns. De calquera modo os reinos nórdicos desexaban cada vez máis abrirse ao resto de Europa e comerciar con eles en lugar de invadilos, e un exemplo é o matrimonio do irmán do rei Afonso X o Sabio cunha princesa norueguesa o 31 de marzo de 1252.

Árabes e cristiáns[editar | editar a fonte]

Dhow mozambicano no océano Índico. Os dhows son embarcacións tradicionais árabes moi parecidas ás utilizadas por ese pobo en tempos dos abásidas, cando foron destros piratas e os mellores navegantes da súa época.

Se nos atemos á distancia das súas rutas, os árabes foron os mellores navegantes do seu tempo. Xa no século IX foron capaces de abrir a maior ruta comercial coñecida entre a península Arábiga e a China. A expedicións árabes buscaban materias primas que puidesen logo traballar ou vender, produtos de Oriente e escravos. A zona máis perigosa era o estreito de Malaca.

A toma de escravos pola forza foi progresivamente substituída en África pola compra a intermediarios africanos, conduta que acabou sendo unha práctica moi común e sanguenta para os reinos da África negra, debilitando as súas estruturas. Estas actuacións dos piratas ou comerciantes de escravos árabes contribuíron a expandir o islam en África. Debido a que as leis islámicas non permiten a escravitude entre musulmáns, moitos africanos convertéronse a esa relixión para salvagardar a súa liberdade.

Tras a caída do Imperio Romano a navegación marítima reduciuse no Mediterráneo occidental, pero sen deterse. Na parte oriental a comunicación continuou e con ela a actividade pirata. Roger de Flor, cabaleiro e aventureiro de orixe italiana-catalá, fixo carreira na pirataría antes de comandar os almogávares e entrar ao servizo do rei de Sicilia. En 1291 Roger de Flor marchou á última cruzada e nela revelouse como un gran mariñeiro, conseguindo evacuar coa súa frota a nobreza franca de Acre, ben para pedir rescate por eles ou ben confiando na súa xenerosidade, e transportounos de volta ao porto de Marsella.

Durante os 20 anos seguintes loitou ao servizo do rei Federico II de Sicilia ata que foi recrutado polo emperador de Bizancio Andrónico II e mandou os almogáraves nas súas vitoriosas batallas contra os turcos. Saqueou Quíos e estableceuse en Galípoli ata ser asasinado por orde do emperador durante un banquete na súa honra.

Pola súa banda, os piratas bérberes e otománs atacaban a metade occidental do Mediterráneo dende os seus portos no norte de África: o sur da Península Ibérica, o arquipélago das Baleares, Sicilia e o sur da península Itálica. Eran organizacións tribais, sen un aparato de estado, mais perviviron como organizacións piratas ao longo de moitos anos ata practicamente o século XIX. Entre os berberiscos destacou sen dúbida Oruç Reis, chamado Barbarroxa, que conquistou Maó en 1535 e que recibiu do sultán de Tunisia en 1510 o goberno da illa de Xerba, para que puidese organizar as súas expedicións de saqueo. Tras a súa morte, o seu irmán Heiredín Barbarroxa continuou os seus ataques.

As naves bérberes e otomás eran galeras de pouca altura, propulsadas por escravos non musulmáns, algúns raptados de países europeos e outros comprados na África subsahariana. A galera xeralmente tiña un só mastro con vela cadrada. As accións berberiscas foron aumentando en número e ousadía chegando a tomar posesións en Eivisa, Mallorca e na península con ataques en Almuñécar ou Valencia. Tan intensa foi a sangría humana que se creou unha orde relixiosa, a dos mercedarios especializada en recoller diñeiro co que pagar rescates. Os reis de España loitaron contra deles fortificando a costa meditarránea, tomando Tunes e Alxer (Carlos I e Xoán de Austria), e disputando a batalla de Lepanto no episodio máis importante de loita contra a pirataría no Mediterráneo.

O apoxeo da pirataría bérber chegou no século XVII. Grazas ás innovacións de enxeñería naval os corsarios norteafricanos estenderon os seus ataques practicamente por todo o litoral do Atlántico Norte. Desta época datan ataques a Galicia (Cangas, entre outros), as illas Feroe e mesmo Islandia. É posible que algún destes barcos alcanzase as costas de Groenlandia de forma puntual. No século XVIII a práctica, lonxe de minguar, mantívose e ata aumentou nalgúns momentos grazas á diminución do dominio marítimo español sobre o Mediterráneo occidental coa perda de Orán e Mers-el-Kébir durante a Guerra de Sucesión Española de 1700 a 1714.

As accións dos piratas berberiscos non remitirían ata comezos do século XIX, cando países como Gran Bretaña e Francia deixaron de pagar tributos aos reis berberiscos e comezaron a realizar campañas de castigo contra a base pirata en Alxer. Destruíron gran parte da súa frota en 1816, e en 1830 Alxer rendeuse ás forzas francesas, que a usarían como punto de partida para crear a colonización de Alxeria ao longo do século seguinte. A presión internacional e a decisión do Imperio Otomán de acabar con esta práctica, levaron á fin da pirataría en Marrocos, Tunisia e Libia nos anos seguintes.

Os piratas cristiáns tamén atacaban os navíos musulmáns ás ordes dos seus monarcas. Desde as posesións españolas de Italia os piratas recrutaban militares para ataques por todo o Mediterráneo. O máis coñecido destes corsarios é Alonso de Contreras (século XVII).

No norte de Europa[editar | editar a fonte]

Reprodución dunha kogge, típica nave do Báltico medieval.

As cidades do mar Báltico e algunhas da parte oriental do mar do Norte comezaron a unirse comercialmente cara ao ano 1200 para regular primeiro e controlar despois o comercio na zona. Co tempo terminouse formando unha confraría de cidades portuarias chamada a Liga Hanseática, á que acabou pertencendo a práctica totalidade das urbes bálticas constituíndo un auténtico monopolio. A Liga comezou a obter beneficios rapidamente e a converterse nun coloso comercial.

Desgraciadamente a unión económica non se viu acompañada dunha sólida unión política, e os piratas foron a miúdo usados nos conflitos entre as cidades, con asedios e ataques. En 1392 ten lugar o sitio de Estocolmo polas tropas de Margarida I de Dinamarca, e os suecos contratan a irmandade vitaliana, uns navegantes independentes, para que cruzasen as liñas inimigas e lles trouxesen armas, información e sobre todo alimentos. Durante os seis anos seguintes fixéronse poderosos en todo o Báltico, axudando e cobrando por contrarrestar asedios en Rostock, Ribnitz, Wismar ou Stralsund, ata que foron derrotados en 1398 polo cabaleiro teutón Konrad von Jungingen.

Os vitalianos recompuxéronse en Frisia onde foron coñecidos coma os likedeelers, unha sociedade igualitaria que practicaba a pirataría, repartía o botín a partes iguais e non se estruturaba en clases. O seus principais líderes foron Gödeke Michels, Magister Wigbold e Klaus Störtebecker.

O acoso contra a irmandade vitaliana continuou e en 1400 as tropas de Hamburgo atacáronos na desembocadura do Ems e en 1401 primeiro na do Weser e logo a armada da Liga Hanseática, dirixida por Simón de Utrecht acurralounos no arquipélago de Helgoland e derrotounos. Os demais piratas, xa dispersos en pequenos grupos, foron capturados e executados nas seguintes décadas ata desapareceren en 1433.

A época do gran comercio[editar | editar a fonte]

Forte de Cartaxena de Indias. As fortificacións desta cidade foron reparadas e reforzadas polos mellores arquitectos españois, como Juan de Herrera.

As circunstancias políticas e económicas que lle deron fin á Idade Media tamén trouxeron canda elas unha revitalización do comercio marítimo e, conseguintemente, da pirataría.

O primeiro contacto con América realizárono os españois, a quen seguiron os portugueses, e entre eles dous repartiron o comercio co 'novo' continente. Xa que logo, as outras nacións europeas víronse privadas dunha importante fonte de riqueza, cando menos legalmente, e recorreron á pirataría. Estes piratas foron denominados corsarios por posuíren patente de corso, é dicir, un documento oficial asinado polo rei que lles daba permiso para roubar e saquear no seu nome e que os protexía legalmente a cambio de entregarlle ao monarca unha parte do seu botín. A percepción dos corsarios depende obviamente do observador: para os atacados son delincuentes, mentres que para o estado que os protexe son patriotas e fonte de ingresos. O primeiro rei que entregou patentes de corso foi Henrique VIII de Inglaterra. Os corsarios eran ingleses ou franceses. Dese tempo é o francés Jean Florin, que apreixou o tesouro de Moctezuma.

Os corsarios asemade eran comerciantes que vendían produtos moi necesarios para os colonos e compraban a bo prezo os artigos que estes debían venderlle en exclusiva á Casa de Contratación. Polo tanto, os corsarios tamén foron un motor comercial no Caribe e a el levaron os primeiros escravos da África subsahariana. Nalgúns casos, ao que expiraba a licenza ou acababa a guerra, os corsarios volvían a actividades empresariais e comerciais. O máis famoso dos corsarios do século XVI é, sen dúbida, Francis Drake honrado pola raíña Isabel I de Inglaterra en agradecemento aos servizos prestados e elevado á categoría de sir. Sobriño doutro pirata, tamén ennobrecido pola raíña, John Hawkins, xuntos asaltaron Veracruz en 1568, cando aínda carecía de fortificacións.

O rei español Filipe II, para evitar o ataque dos piratas aos seus navíos ordenou que ningún barco fixese a Rota das Indias sen protección. Para iso formou convois onde as carabelas e as naos eran escoltadas por poderosos galeóns e carracas. Este sistema constituíu un grande éxito e baixou considerabelmente a taxa de embarcacións capturadas.

Pero a existencia de corsarios non impediu que tamén continuase habendo piratas tradicionais, que pasarían a chamarse bucaneiros, que recrutaban a tripulación de entre os habitantes das illas, xente que preparaba e vendía a carne afumada (bucán, en caribe). Os bucaneiros centraron as súas accións no Golfo de México e no Caribe: Cuba, Santo Domingo ou a cidade de Cartaxena de Indias foron os lugares máis castigados. Por exemplo, Henry Morgan asaltou Portobelo (na actual costa panameña), o francés Jean David Nau chamado O Olonés, que atacou Maracaibo ou o neerlandés Laurens de Graff, que saqueou Veracruz foron algúns dos máis importantes.

Esta situación foi cambiando a medida que as colonias ían aumentando en poboación e a metrópole investía en frota, defensas e gornicións. Desta forma, a finais do século XVI os principais piratas e corsarios morreran ou foran feitos prisioneiros: Richard Grenville foi derrotado e executado en 1591 nos Azores, Thomas Cavendish morre en África logo do fracaso dunha expedición, George Clifford perdeu 14 das 28 naves que saíran de Plymouth na Operación Raleigh de 1595.

Ao ano seguinte da derrota da Armada española os ingleses atacan Galicia e saen derrotados. Ao tempo, a gravidade da derrota naval castelá fai que Filipe II invista moito diñeiro en seguridade, reforzando moitas das prazas de América, como Cartaxena de Indias, obra de Juan de Herrera.

A pirataría establece os seus cuarteis xerais nas illas de dominio inglés, como Barbados ou Xamaica, ou francés, como a Illa Tortuga, na costa oriental de Santo Domingo, onde perdurarán dirixindo o tráfico de escravos e realizando actos de pillaxe durante 200 anos máis.

Outro tipo de bandidos do mar foron os filibusteiros, especialistas tanto no roubo e pillaxe de barcos españois como en introducir mercadorías de contrabando, sobre todo en Cuba e nas illas próximas. Belize foi un importante refuxio filibusteiro durante o século XVII. Aínda que pertencía á Capitanía de Guatemala, ao estar a súa costa resgardada por arrecifes e de difícil acceso a través do continente, os filibusteiros atoparon fácil acomodo alí.

Porén, a incidencia económica directa da pirataría debeu ser bastante pouca en España. Coa decadencia económica, a pirataría perde importancia, e trasládase a outros escenarios coma o Índico e o Pacífico Oriental. Así e todo, o máis importante dos piratas galegos, Benito Soto, aínda estaba por aparecer na historia, así como a captura do Tesouro de Lima, feito que inspiraría a Robert Louis Stevenson na súa Illa do tesouro.

Os piratas de América do Norte[editar | editar a fonte]

O fenómeno da pirataría diminuíu a medida que os corsarios xa non eran necesarios para os estados, que dispuñan de exércitos e armadas oficiais e adestradas para defenderen os seus intereses. Con todo, as sucesivas independencias americanas, que tiveron lugar entre finais do século XVIII e todo o XIX, serviron de motor e de causa para moitas das accións piratas dese tempo. A independencia dos Estados Unidos tamén axudou á formación de grupos piratas, pois sumaban os seus intereses de riqueza ao expansionismo das colonias occidentais, que se dirixían cara ao oeste e cara ao sur.

O máis famoso daqueles filibusteiros foi o norteamericano William Walker que realizou tres expedicións para tomar distintas partes de América Central. Na primeira das incursións (1853) tomou A Paz, capital da península de California e proclamou a República da Baixa California. Pouco despois uniríaa á recentemente creada República de Sonora proclamándose presidente. O exército mexicano derrotouno e cruzou a Estados Unidos pola fronteira.

En 1855 tenta conquistar Nicaragua, vence o exército nicaraguano o 1 de setembro, e nomea presidente a Patricio Rivas. Nicaragua é invadida por 2 500 homes de Costa Rica, pero Walker vénceos en Santa Rosa. Finalmente os exércitos de Costa Rica e O Salvador derrótano e obrígano a fuxir en 1857. Na súa terceira expedición a Honduras en 1860 é capturado por Nowel Salman da Mariña Real Británica. Foi xulgado en Honduras e fusilado ese mesmo ano.

Na actualidade[editar | editar a fonte]

Durante o século XX a pirataría, exercida de forma sistemática, está concentrada en países subdesenvolvidos como Somalia, Indonesia e Malaisia, e as accións consisten no asalto de pequenas embarcacións, en moitos casos turísticas, co afán de roubar.

A finais do século XX producíronse determinados conflitos internacionais polo control e uso de caladoiros de pesca. Así, as actuacións das autoridades canadenses durante a chamada guerra do fletán, apreixando buques pesqueiros galegos (1994-95), foi cualificada de pirataría polo goberno español,[Cómpre referencia] que chegou a enviar buques de guerra á zona.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bandeira de Bartholomew Roberts.

Outros artigos[editar | editar a fonte]