Guerra do fletán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A guerra do fletán de 1995 foi unha disputa diplomática e pesqueira entre Canadá e a Unión Europea que tivo como punto álxido a abordaxe do barco galego Estai, e a subseguinte detención da tripulación en augas internacionais fronte ás costas de Terra Nova.

Introdución[editar | editar a fonte]

No mapa vese con claridade a plataforma continental (zona punteada en azul) e a zona económica exclusiva das 200 millas, zona en amarelo. Nas zonas onde se superpoñen as dúas áreas foi onde tiveron lugar os conflitos entre pesqueiros galegos e patrulleiras canadenses.

O concepto de augas territoriais, e conseguintemente, o de augas internacionais mudou ao longo da historia. Dende o século XVIII ata mediados do século XX, as augas territoriais comunmente aceptadas eran as que se atopaban a menos de tres millas da liña da costa coa marea alta, ou sexa, o hipotético territorio que podía ser defendido dende terra disparando un canón. Iso era así para Francia e o Imperio Británico, por exemplo, aínda que había países que fixaban as augas territoriais en menos distancia e algúns en máis, como España, que consideraba seis millas. A partir da segunda guerra mundial comezou a considerarse habitual definir as augas territoriais como as comprendidas por baixo das 12 millas de distancia da costa, e esa referencia foi elevada ao rango de lei internacional pola Convención das Nacións Unidas para o Dereito Marítimo, celebrada en 1982. Tamén se dispuxo na Convención que existía ademais unha zona de 200 millas contadas a partir da liña de costa (370 km), denominada zona económica exclusiva (EEZ), onde os barcos dos demais países non podían obter beneficio económico, pero pola que si podían circular. Estas distancias entraron en vigor con carácter definitivo o 14 de novembro de 1994.[Cómpre referencia]

As augas territoriais canadenses[editar | editar a fonte]

Pola súa banda, a política exterior do territorio de Terra Nova e Labrador, como o do resto do Canadá, foi rexida dende Londres ata o Estatuto de Westminster de 1931, pero non pasou ao dominio completo canadense ata 1949. Nesa data, Canadá recoñeceulle a Terra Nova e Labrador algúns privilexios e disposicións que lle foran outorgados por Londres. En paralelo, a costa da illa de Terra Nova comezou a partir dos anos cincuenta a aumentar a súa importancia pesqueira, tanto nas augas territoriais por baixo das doce millas, como para alén delas, e tanto grazas aos mariñeiros canadenses como aos pertencentes a outras frotas.[Cómpre referencia]

Entre 1977 e 1994[editar | editar a fonte]

Aínda que os resultados da Convención das Nacións Unidas non se fixeron formais ata 1982, as conclusións preliminares coñecíanse xa dende 1977, o que levou aos estados e aos mariñeiros a preparárense para a disposición das 200 millas. Con respecto aos países que tiñan grandes recursos pesqueiros pero pouca frota, como era o caso do Canadá, o estabelecemento dunha zona económica exclusiva era unha medida proteccionista moi favorable; pola contra, para os países que tiñan poucos recursos pesqueiros pero unha grande frota, como Galicia, a medida obrigaba a reestruturar os caladoiros ou a chegar a acordos de explotación mixtos. En 1979 creouse ademais a NAFO, a Organización para as Pesquerías do Atlántico Noroccidental, e onde estaban representados Canadá, Estados Unidos de América, Noruega, os países da Unión Europea e países do bloque oriental, como a URSS ou Bulgaria. España non entraría como membro ata 1983, e foi substituída pola Unión Europea en 1986, na data da súa adhesión.[Cómpre referencia]

Pero o problema maior pola acción duns e doutros na costa de Terra Nova foi a sobrepesca. Ao final da década dos oitenta o número de capturas de bacallau, a principal especie desas augas, descendera considerablemente. O goberno canadense non toma medidas ata 1992 cando declara unha moratoria ilimitada á pesca de bacallau. A NAFO tamén acorda unha prohibición das capturas. A medida tivo rápida repercusión económica en Terra Nova e na costa atlántica de Nova Escocia, cun aumento do paro e da contestación política.[Cómpre referencia]

O bacallau non tiña un substituto inmediato, e fixéronse diversos ensaios con especies novas. Unha desas era o fletán negro un peixe ata daquela sen valor comercial que había que pescar a grandes profundidades.[Cómpre referencia]

En 1994 entra en vigor con carácter definitivo a definición da zona económica exclusiva, algo que na práctica levaba case vinte anos existindo entre as 12 e as 200 millas da costa. Nese ano, o goberno do Canadá e a NAFO tiveron constancia de 50 casos de violación do espazo económico exclusivo. Pero o maior impacto estábase producindo xusto por fóra das 200 millas, en dúas pequenas áreas onde a plataforma continental excede a zona económica exclusiva, e chamada en inglés nose (fociño) e tail (rabo), fociño e rabo que estarían supostamente sometidas a sobreexplotación. Esa sobreexplotación produciríase tanto polo número de capturas como polo emprego de mallas de tamaño ilegal (máis pequeno do permitido).[Cómpre referencia]

O Estai[editar | editar a fonte]

Brian Tobin en 1998.

En 1993 o Partido Liberal do Canadá recuperara o poder nas eleccións, e nomeara un novo ministro de Pesca e Océanos, o terranovense Brian Tobin. Tobin mantivo duras conversas coas autoridades europeas e a comezos de 1995 dispuxo unha lei pola cal o goberno do Canadá podería apreixar barcos fóra das súas augas territoriais co propósito de preservaren as especies. O primeiro exemplo para aplicar esa política foi o barco vigués Estai. O 9 de marzo de 1995 unha patrulleira do Ministerio de Pesca e Océanos do Canadá, canda barcos da garda costeira canadense e da Armada do Canadá déronlle o alto e perseguiron o Estai en augas internacionais, fóra da zona económica exclusiva.[Cómpre referencia]

Para escapar das patrulleiras, o Estai cortou as redes e liscou nunha persecución que durou varias horas e que só rematou cando o buque Cape Roger disparou un canonazo de calibre 50 que cruzou pola ponte do Estai. Ademais, o barco gardacostas Sir Wilfred Gernell disparou canóns de auga sobre outros buques galegos que acudiran ao auxilio do Estai. Finalmente forzas do ministerio e da Policía Montada do Canadá abordaron o Estai, sempre en augas internacionais, apreixaron o buque e detiveron a súa tripulación.[Cómpre referencia]

A partir dese momento estourou o conflito diplomático entre a Unión Europea, liderada por España, e o Canadá. A Armada Española chegou a enviar a patrulleira P-74 Vigía para protexer os intereses pesqueiros. Os buques canadenses recuperaron a rede do Estai e acusaron a embarcación galega de usar redes dun tamaño ilegal, menor ao permitido para a pesca do fletán negro. A tripulación do Estai, integrada por 26 galegos[1] foi conducida ata o porto de St. Johns's, onde foi recibida con apupos por parte do xentío[2]. O barco foi saqueado no porto canadense e perdeu 200 toneladas de carga[3]. A Unión Europea ameazou cun boicot aos produtos canadenses se non se liberaban inmediatamente os detidos.

O ministro canadense de pesca, Brian Tobin marchou a Nova York, onde deu unha rolda de prensa nun barco fronte ao edificio das Nacións Unidas, e onde ensinou as redes, ilegalmente pequenas, que supostamente pertencían ao Estai. O goberno español nunca argumentou que as redes non fosen as do Estai, senón que concentrou a súa protesta na ilegalidade do emprego da forza e do secuestro en augas internacionais. Madrid acudiu tamén ao Tribunal Internacional da Haia, pero este tribunal non admitiu o caso a trámite. Seis días despois, o 15 de marzo, Canadá liberou a tripulación cunha fianza de cincuenta millóns de pesetas (300.000 euros). O barco chegou ao porto de Vigo o 23 de marzo, onde tivo un recibimento público[1]. Ese mesmo ano o Estai mudou o seu nome.

Outras embarcacións e a guerra[editar | editar a fonte]

A finais de mes, o día 26 de marzo de 1995, os acosos producíronse contra outros dous conxeladores galegos, o Verdel e o Magic IV; pero nestes casos non chegaron a producirse abordaxes nin apreixamentos[4], aínda que si lanzamento de auga dende canóns[2]. Nas semanas seguintes tamén sufriron intentos de abordaxe os pesqueiros Ana María Gandón e José Antonio Nores[5].

Nesas semanas prodúcese unha escalada da tensión, dado que o goberno de España, presidido por Felipe González envía dúas patrulleiras á zona en defensa dos pesqueiros. O 14 de abril de 1995, o goberno do Canadá anúncialle ao embaixador español a inminencia dunha declaración de guerra e ensínanlla, pero nunca se chega a facer efectiva[3]. Aos poucos días o goberno español decide retirar as patrulleiras, mentres en paralelo Canadá chega a un acordo de pesca coa Unión Europea.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

  • Brian Tobin presentouse nas eleccións de 1996 a primeiro ministro do estado de Terra Nova e Labrador, e conseguiu unha clara vitoria.
  • España capturaba cos seus barcos, na gran maioría galegos, unhas 40.000 toneladas de fletán en 1993, que na actualidade[cando?] se reduciron a 4.000. Pola contra, o Canadá non capturaba nada, e agora[cando?] captura entre 7.000 e 10.000 toneladas anuais[2].
  • O xuízo polo Estai celebrouse entre xaneiro e xuño de 2005. A Corte Federal do Canadá recompensou o armador galego con 180.000 euros por danos e perdas, lonxe dos 800.000 que reclamaba a empresa[1].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Héroes del Estai, por J. Otero Ricart, La Opinión de A Coruña, 14/3/2010.
  2. 2,0 2,1 2,2 Guerra del fletán, RTVE, 9/3/2009.
  3. 3,0 3,1 A guerra do fletán, capítulo 12 de A caixa negra. TVG, 11/8/2009.
  4. "Patrulleras canadienses intentan abordar un buque español en aguas internacionales", El País, 27/3/2009
  5. "Conflicto pesquero" El País, 7/4/1995.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]