Cneo Pompeio Magno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cneo Pompeio Magno, coñecido como Pompeio o Magno, nado o 29 de setembro de 106 a.n.e. e finado en Exipto o 28 de setembro de 48 a.n.e.) foi un político e xeneral do Imperio romano.

Desde moi novo tivo vocación política e militar e grande ambición por conseguir unha boa carreira e chegar ao mandato supremo de Roma. Os seus comezos nesta carreira foron xunto ao cónsul de Roma, Sila, como oficial do seu exército. Casou cunha muller chamada Antistia, á que repudiou anos máis tarde para casar de novo con Emilia (fillastra de Sila). Tivo unha terceira muller, Xulia, que era filla de Xulio César, o home con quen Pompeio formou o primeiro triunvirato de Roma.

Moitos foron os méritos militares que levaron a Pompeio ao triunfo de ser nomeado cónsul romano no ano 71 a.n.e.. O devandito nomeamento foi unha excepción na que o Senado se saltou as normas das leis polas que se rexían entón para obter este título, é dicir, o que se chamaba cursus honorum.

Éxitos militares[editar | editar a fonte]

Guerras sertorianas[editar | editar a fonte]

Cando Roma se deu conta de que Quinto Sertiorio, pretor da Hispania Citerior, se engrandecía e pretendía chegar a ser un monarca independente nesta provincia, mandou a Pompeio para que axudase ao procónsul Quinto Cecilio e xuntos venceran a Sertorio. Deste xeito Roma expresaba o seu desexo de quitar plenamente o poder a Sertorio, que se fora facendo cada vez máis grande e perigoso.

Para este empeño Roma creou un exército especial e pediu aos cónsules que se fixesen cargo, pero os cónsules negáronse a emprender esa campaña. Con todo, ofreceuse voluntario un xeneral novo e ambicioso, que xa triunfara á beira de Lucio Cornelio Sila na reconquista de África e por cuxos méritos o propio Sila deulle o apelativo de Magno, e o Senado honroulle co triunfo (espectacular desfile que se organizaba en ofrenda cara a algún xeneral que o merecese) no 79 a.C. Este xeneral era Cneo Pompeio o Grande.

En primeiro lugar, Pompeio e o seu exército fixeron a grande obra de construír unha calzada no monte Xenebra, que foi o primeiro camiño artificial que houbo nos Alpes, o mesmo que anos máis tarde, no 58 a.n.e., utilizaría César para levar as súas lexións á Galia. Foi necesario construír esta rota porque o camiño da costa estaba ocupado polo pobos dos salvios (bárbaros veciños de Marsella), que estaban en pé de guerra. Ao pasar Pompeio pola nova ruta construída sorprendeu aos salvios polo flanco e venceunos sen dificultade, podendo así seguir pola estrada da costa, cruzar os Pireneos e entrar na Hispania o ano 77 a.n.e..

A guerra contra Sertorio comezou e nos primeiros tempos o triunfo deste último foi considerable. As súas forzas militares e o seu talento eran moi superiores ás de Pompeio e Metelo]], que tamén loitaba contra el desde o extremo meridional do oeste. Pompeio edificou un campamento de inverno á vista de que a guerra sería dura e que se alongaría. O campamento chamouse Pompaelo, e así naceu a futura cidade de Pamplona. Pola súa banda, Metelo tamén edificara o seu propio campamento, que se chamou Metellinum, e que co tempo sería Badaxoz.

A guerra contra Sertorio terminouse no ano 71 a.n.e., co absoluto triunfo de Pompeio e Metelo.

Os piratas[editar | editar a fonte]

O Senado de Roma levaba moitos anos sen ocuparse da mariña e do coidado das súas costas, feito que os numerosos piratas aproveitaron para vivir a doután e actuar en consecuencia. O Mediterráneo estaba invadido por estes fuxidos aventureiros que procedían case todos das costas de Cilicia, en Asia Menor (no golfo de Alexandreta, fronte á illa de Chipre). A súa audacia e a súa seguridade eran tal que chegaron a desembarcar na desembocadura do río Tíber, internándose ata as proximidades de Roma sen seren molestados.

Dadas as circunstancias, no ano 67 a.C. a Asemblea do pobo aprobou unha lei pola cal outorgábase a Pompeio ata 200 naves e autorización para aumentar o seu exército, cousa que non se facía normalmente con ningún xeneral. No término de 40 días, Pompeio varreu de piratas as costas do Mediodía occidental e noutros tantos días limpou a parte oriental ata chegar ás costas de Cilicia, onde tamén fixo un bo escarmento.

O regreso a Roma[editar | editar a fonte]

Logo da campaña contra os piratas Pompeio dirixiuse a Siria loitando e vencendo ao rei Mitrídates, campaña bélica que durou desde o 67 a.C. ata o 62 a.C.. No 61 regresou a Roma de forma triunfal por terceira vez. Licenciou ao seu exército e pediu ao Senado que lle concedese terras para os seus lexionarios, como paga e recompensa. Pero o Senado non fixo caso da súa petición, polo que Pompeio, que era altivo e orgulloso e coñecía os seus propios méritos en todas as campañas anteriores, volveuse contra o partido aristocrático dos senadores, e no ano 60 declarouse abertamente enimigo do Senado, poñéndose de acordo co político Marco Licinio Craso e co xeneral Xulio César para formar o primeiro Triunvirato, cuxos triunviros eran estes tres xenerais. Nun principio este acordo careceu do apoio do Senado e non tivo soporte legal ningún. O seu programa estaba concibido para engrandecer Roma aínda a costa da oposición dos senadores. Tiñan da súa parte ao pobo e aos soldados e por un tempo os tres xenerais foron os donos de Roma.

Cos anos, a relación dos tres xenerais foise deteriorando. No ano 53 a.C. morreu Craso en Carres (cidade próxima a Harran, na actual Turquía, ao sueste), loitando contra os partos. No ano 52 a.C., o Senado decidiu destituír a César do seu cargo de cónsul coa idea de que quedase un só, Pompeio. Este feito foi o comezo da grande enemizade entre César máis os seus partidarios e Pompeio máis os seus.

A fin de Pompeio[editar | editar a fonte]

Cando lle chegaron as noticias do seu cesamento a César, decidiu regresar a Roma co seu exército e defender os seus dereitos coa súa axuda. Cruzou no 49 a.C. o antigo río Rubicón, que marcaba a fronteira entre Italia e a Galia Cisalpina, e presentouse nas proximidades de Roma desafiando ao Senado e ao propio Pompeio. Ante esta audacia de César, Pompeio optou por retirarse a Brundisium (actual Brindisi, ao sur de Italia) e máis tarde a Grecia, onde contaba cun exército que lle era fiel; tiña tamén moitos partidarios seguidores de Hispania e contaba así mesmo coa frota que mandara na campaña contra os piratas. Malia todo, César tomou o control da península Itálica e perseguiu a Pompeio, derrotándoo na soada batalla de Farsalia (antiga cidade ao norte de Grecia), no 48 a.C. (Esta batalla tenna na Historia como unha das máis interesantes da antigüidade, desde o punto de vista da arte militar).

Pompeio puido fuxir dirixíndose a Exipto, onde lle esperaba a morte a mans dun sicario do rei Tolomeo XIII (irmán da soada Cleopatra), cando desembarcou en Pelusio o 28 de setembro do ano 48 a.C. Tolomeo quixo deste xeito render tributo a César, de quen se sentía grande amigo político.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]