Célula estrelada hepática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación esquemática de células estreladas hepáticas (HSC) situadas ao lado de hepatocitos (PC) entre as células hepáticas endoteliais (EC). S – sinusoide hepático; KC – célula de Kupffer. Debaixo á esquerda células hepáticas estreladas cultivadas vistas con microscopio óptico, e abaixo á dereita unha imaxe de microscopio electrónico no que se ven as numerosas gotas de graxa (L) dunha célula estrelada hepática, nas cales se almacenan retinoides (vitamina A).
Estrutura básica do fígado.

As células estreladas hepáticas, tamén chamadas células perisinusoidais ou células de Ito (en honor do xaponés Toshio Ito) [1], e antes coñecidas como lipocitos hepáticos ou células almacenadoras de graxa hepáticas, son un tipo de pericito que se encontran nos espazos de Disse ou espazos perisinusoidais do tecido hepático (pequenos espazos que quedan entre os sinusoides e os hepatocitos). Son menos frecuentes na zona central do lobuliño hepático ca no resto do lobuliño. A célula estrelada hepática é o principal tipo celular implicado na fibrose hepática, que consiste na formación de tecido cicatricial en resposta a danos hepáticos.

Características histolóxicas[editar | editar a fonte]

A súa característica máis distintiva nas preparacións histolóxicas é a presenza no seu citoplasma de multitude de gotas lipídicas. Estas células poden ser tinguidas selectivamente con cloruro de ouro.[2] Ocupan pequenos ocos entre as células do parénquima hepático, pero estenden longas prolongacións, que se poñen en contacto co endotelio e polas que reciben o nome de células estreladas. Un marcador fiable para distinguilas doutras células tipo miofifbroblasto é a expresión nas células estreladas hepáticas de reelina.[3] A expresión da reelina increméntase despois de sufrir danos hepáticos.

Funcións[editar | editar a fonte]

No fígado normal, as células estreladas hepáticas descríbense como células en estado quiescente. As células estreladas hepáticas quiescentes representan do 5 ao 8% do total das células hepáticas [4]. As gotas de lípido que conteñen almacenan vitamina A. A función das células estreladas hepáticas non está clara. Evidencias recentes suxiren que poderían exercer a función de ser células presentadoras do antíxeno residentes no fígado, que presentarían os antíxenos lipídicos e estimularían a proliferación das células NKT.[5]

Cando o fígado sofre danos, as células estreladas poden cambiar a un estado activado. Neste estado caracterízanse pola súa proliferación, contractilidade, e quimiotaxe. A cantidade de vitamina A almacenada decrece progresivamente nos casos de danos hepáticos.[2] As células hepáticas estreladas activadas son tamén as responsables de secretar o coláxeno do tecido de cicatrización, o cal pode orixinar unha cirrose. Estudos recentes mostraron que a activación in vivo das células estreladas hepáticas por axentes que causan a fibrose hepática pode finalmente levar á senescencia destas células, que se pon en evidencia polo incremento da marcaxe de SA-beta-galactosidase, e pola acumulación de p53 e a activación de marcadores Rb indicativos de senescencia celular. As células estreladas hepáticas senescentes limitan a fibrose hepática ao estimularen o sistema inmunitario por medio da activación das interaccións coas células NK.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Suematsu M, Aiso S (2001). "Professor Toshio Ito: a clairvoyant in pericyte biology" (PDF). The Keio Journal of Medicine 50 (2): 66–71. PMID 11450594. 
  2. 2,0 2,1 Stanciu A, Cotutiu C, Amalinei C (2002). "New data about ITO cells". Rev Med Chir Soc Med Nat Iasi 107 (2): 235–239. PMID 12638266. 
  3. Kobold D, Grundmann A, Piscaglia F, Eisenbach C, Neubauer K, Steffgen J, Ramadori G, Knittel T. (2002). "Expression of reelin in hepatic stellate cells and during hepatic tissue repair: a novel marker for the differentiation of HSC from other liver myofibroblasts". J Hepatol 36 (5): 607–13. PMID 11983443. doi:10.1016/S0168-8278(02)00050-8. 
  4. Geerts A (2001). "History, heterogeneity, developmental biology, and functions of quiescent hepatic stellate cells". Semin Liver Dis 21 (3): 311–35. PMID 11586463. 
  5. Winau F, Hegasy G, Weiskirchen R; et al. (2007). "Ito cells are liver-resident antigen-presenting cells for activating T cell responses" 26 (1): 117–29. PMID 17239632. doi:10.1016/j.immuni.2006.11.011. 
  6. Krizhanovsky V, Yon M, Dickins RA; et al. (2008). "Senescence of activated stellate cells limits liver fibrosis" 134 (4): 657–67. PMC 3073300. PMID 18724938. doi:10.1016/j.cell.2008.06.049. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]