Gothmog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gothmog
Personaxe de O Silmarillion

Gothmog, señor dos Balrogs.
Creador(es) J. R. R. Tolkien
Información
Sexo masculino
Idade inmortal
Falecemento 511 P. I.

Gothmog é un personaxe ficticio pertencente ao legendarium de J. R. R. Tolkien. Tamén coñecido como Señor dos balrogs, Gothmog era un líder importante das forzas de Morgoth.

Aparicións no legendarium[editar | editar a fonte]

A súa primeira aparición foi na Dagor-nuin-Giliath. Neste conflito, Fëanor, perseguindo as hostes de Morgoth, foi cercado cunha pequena garda ás portas de Angband. Entón, despois dunha violenta loita, foi ferido mortalmente por Gothmog.

Moito tempo despois, no ano 471 da Primeira Idade, na chamada Nirnaeth Arnoediad, a Batalla das Bágoas Incontables, Gothmog volveu asolar os elfos. Desta vez como líder dunha multitude de orcos, e cunha garda de setenta troles, el afastou a Turgon e a Húrin de Fingon.

Fingon combateu valorosamente a Gothmog, até que outro balrog lanzou lume ao redor de Fingon. Gothmog entón golpeouno co seu machado negro e unha chama branca saíu do helmo de Fingon, que partiu. Así caeu o Rei Supremo dos Noldor.

Cando chegou o ano 510 da Primeira Idade, Morgoth finalmente atacou Gondolin, e as hostes de orcos, troles, dragóns e balrogs tiñan a Gothmog como xeneral. No ataque á cidade, Gothmog acabou por ter que afrontar a resistencia de Ecthelion, que para dar unha oportunidade de fuga a Tuor, se colocou entre o fillo de Huor e o Rei dos Balrogs.

Nesa loita, acabaron por morrer Gothmog e Ecthelion, un dos máis valorosos dos Eldar.

Rematou así o horror dun dos máis perigosos servos de Morgoth, e un dos peores inimigos dos pobos libres da Terra Media.