Yavanna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Yavanna Kementári é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion. O seu nome significa "Doadora de froitos", e o seu sobrenome Kementári, "Raíña da Terra". Tamén é coñecida como Palúrien.

Personaxe[editar | editar a fonte]

Yavanna é unha dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien). É a esposa de Aulë e a encargada da Olvar (flora) e Kelvar (fauna) do mundo. As súas forma visíbeis son unha muller alta vestida de verde ou unha grande árbore que verte orballo dourado sobre a terra. A súa morada son os Pasteiros de Yavanna, situados ao sur de Valinor.

Cando Eru Ilúvatar (a versión de Deus de Tolkien) permite que as creacións de Aulë, os Ananos, sobrevivan, Yavanna teme que estes acaben tallando todas as árbores da Terra Media. Eru responde á súa pregaria creando aos Ents para protexeren as árbores. As Aguias tamén teñen a súa orixe na canción de Yavanna e Manwë. Tanto os Ents como as Aguias deben a súa existencia aos "espíritos vidos de lonxe" invocados pola mente de Yavanna para habitaren entre a fauna e a flora de Arda[1].

As Dúas Lámpadas son creadas por Aulë a petición de Yavanna, e a súa luz fai xermolar as sementes plantadas por ela. Logo de que Melkor, o Vala maligno, destruíse as Dúas Lámpadas e de que os Valar se retirasen ao afastado Oeste para fundar o reino de Valinor, Yavanna crea por medio do seu canto as Dúas Árbores de Valinor que iluminan a terra dos Valar.

Yavanna é unha dos poucos Valar que nunca abandonaron completamente a Terra Media, pois continuou viaxando a ela para arranxar os danos que Melkor, o Vala maligno, inflixía sobre as súas creacións. Por este motivo, tamén instou continuamente aos demais Valar a combater abertamente a Melkor, prevendo unha guerra que sería inevitábel antes da chegada dos Primeiros Nados (Elfos)[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 51
  2. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 45-46