Aldán, Cangas
![]() |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2014.) |
Coordenadas: 42°16′45″N 08°48′57″O / 42.27917, -8.81583
Aldán | |
---|---|
![]() Igrexa parroquial e pazo-torre de Aldán
|
|
Concello | Cangas |
Poboación | 2.533 hab. (2013) |
Entidades de poboación | 6 |
San Cibrán de Aldán é unha parroquia que se localiza no norte do concello pontevedrés de Cangas, na comarca do Morrazo. Segundo o padrón municipal de 2013 tiña 2.533 habitantes distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.685 habitantes.
Está ligada ao mar, tanto polo seu porto e actividade pesqueira, do que depende a súa actividade económica, de longa tradición. Este recurso natural tamén se aproveita desde a década dos 80 para actividade hostaleira e turística, polas súas praias e clima excepcional.
Índice
Xeografía[editar | editar a fonte]
Sitúase preto do extremo da península do Morrazo. Enmarcada dentro do concello de Cangas, ocupa a súa parte Noroeste. Limita ao norte coa parroquia de Beluso, pertencente ao concello de Bueu, ao leste coa parroquia de Darbo, ao sur coa parroquia do Hío e ao oeste coa Ría de Aldán. Salvo por esta parte marítima na zona oeste, o resto da parroquia está rodeada por pequenas cadeas montañosas, destacando a Serra da Madalena.
Conta cun río principal, chamado río Orxas, que cruza grande parte do territorio de Aldán. Nace no polígono industrial de Castiñeiras, en Beluso, e desemboca no fondo da Ría de Aldán. O seu principal afluente é o río Fials, que fai o seu percorrido pola aldea de Herbello.
Ten varias praias e calas. Chámanse, de sur a norte, San Cibrán, Con de Sestadelo, Cova de Balea, Areacova, Francón, Sartaxéns, Menduíña, Margaritas e Lagoelas.
A praia de San Cibrán atópase ao fondo da ría e nela atópase a desembocadura do río Orxas, que a divide en dous. Ten un perfil plano, polo que en marea baixa aumenta moito a súa superficie e pode avanzarse grandes distancias camiñando cara ao mar ata que non faga pé. Posúe moita lama e parte da praia utilízase para o cultivo de berberechos, polo que constitúe un ecosistema natural rico. Non é un lugar moi axeitado para o baño. Serve tamén de punto de atraque de numerosas embarcacións pequenas. Está limitada pola estrada que conduce ao porto (Av. José Graña) e un paseo de madeira dende o que se pode apreciar ben a praia e o seu ámbito.
A praia de Areacova, na aldea de Espiñeira, é unha das que máis esperta atractivo turístico. É longa e estreita, rodeada de bosques con abruptas pendentes, o que fai que non teña accesos doados.
O mesmo sucede coa praia de Francón, moi próxima á de Areacova e máis pequena que esta.
A praia de Menduíña é a máis grande e popular. Luciu varios veráns a bandeira azul. Ten acceso por estrada. É a única que posúe vixilantes e biblioteca. Ten un pequeno porto en estado ruinoso.
Por último, está a praia de Lagoelas, no límite coa parroquia de Beluso. É a máis illada en canto a accesos, xa que non ten ningunha estrada preto.
Posúe dúas pequenas illas rochosas, chamadas Laxe do Aire, que ten un perfil chairo e baixo, e Niño do Corvo, cun perfil máis abrupto.
Demografía[editar | editar a fonte]
Constitúena as aldeas de San Cibrán, Herbello, Gandón, Menduiña, Piñeiro e Espiñeira. Ten unha poboación lixeiramente superior aos 2.500 habitantes, cunha diminución do número de empadroados e cun aumento do turismo.
San Cibrán atopa ao fondo da ría e é a aldea máis urbana. Nesta aldea está o porto, o centro de saúde (Casa do Mar), a desembocadura do río Orxas, a alameda, o colexio Sagrada Familia, o colexio público de Espiñeira a nave do club de Piragüismo Ría de Aldán e a igrexa parroquial.
Comunicacións[editar | editar a fonte]
Por estrada. O Corredor do Morrazo, unha vía para automóbiles que vai desde a Ponte de Rande ata Aldán, con conexións cara a Cangas e Moaña, que permite comunicar Vigo con Aldán en media hora.
De norte a sur é atravesado pola estrada C-550, o que lle dá acceso a Beluso polo norte e ó Hío polo sur. Polo leste, comunicando a aldea de Herbello coa parroquia de Darbo.
Existe unha liña de autobuses da empresa Cerqueiro que discorre pola C-550 que vai dende Bueu a Cangas. Ten paradas en A Cucaña, Panadaría San Amaro, Rozabales, Banco Galego, Veiga de Arriba e A Ponte en San Cibrán.
Economía[editar | editar a fonte]
Destacada a industria mexilloeira, que inclúe o cultivo en bateas e a súa depuración. Antigamente tamén se realizaba aquí o enlatado en conservas.
Historia[editar | editar a fonte]
A súa historia está escrita nas pedras de granito a través dos petróglifos da Idade de Bronce en Herbello, os seus sarcófagos suevos escavados no Outeiro do Pazo, e a propia pegada dos Aldao, familia que deu nome ao lugar. Os señores de Aldán, nobres que posuían as mellores terras, palacete-castelo, con frecuencia enfrontábanse a Pedro Madruga, Conde de Caminha e Soutomaior, na Idade Media. A industria pesqueira fixouse na bonanza das súas augas e instalou unha fábrica de conservas na praia de Menduíña no século XIX.
Construcións destacadas[editar | editar a fonte]
- No núcleo urbano de San Cibrán están o pazo-torre e a igrexa parroquial, construída en 1866 en estilo neoclásico. As rúas están empedradas, e consérvanse construcións tradicionais como casas mariñeiras con patín e hórreos. Nun outeiro está a necrópole sueva. Entre as construcións modernas destaca o centro de saúde.
- O pazo do Conde ou pazo de Aldán, tamén en San Cibrán, ten un acueduto e un muíño ameado. Os xardíns teñen camiños empedrados, mesas e bancos de pedra, fontes, campos de xogos, plantacións exóticas, pontes e unha illa artificial no río.
- En Menduíña está a capela de Santo Amaro. Preto do seu adro está o parque temático do Taragudo.
- En Marco do Saniño, atopamos o monumento en honor a Lando Carneiro, famoso trobador do século XII.
- En Espiñeira está o pazo de Boavista.
- No río Orxas hai unha ponte de pedra de orixe medieval, cun arco de medio punto. Existe un paseo fluvial desde A Sobreira até San Cibran, a rrente muíños cun camiño e pontes ben acondicionadas.
- A fonte da Maragotas, do ano 1800, foi feita polo mestre canteiro Pedro Penedo Pelouro.
- En Budiño consérvase un estaleiro de ribeira.
Deportes[editar | editar a fonte]
O deporte en Aldán destaca principalmente polos éxitos obtidos polo club de piragüismo Club de Mar Ría de Aldán, do que saíron campións do mundo e campións olímpicos, como David Cal, Teresa Portela e Carlos Pérez Rial.
Existe un club de fútbol na localidade chamado Rápido Baía, que na tempada 2011/2012 militaba no grupo IV da Primeira Autonómica de Galicia. O seu campo de xogo, o campo de San Amaro, atópase no extremo norte de Aldán, ao lado da C-550, xunto ao límite co municipio de Bueu. A primeiros de xullo, celébrase no campo de San Amaro o Mundialito de Aldán, unha competición que atrae todos os anos a máis de cincocentos xogadores.
Educación[editar | editar a fonte]
Existen dous colexios en Aldán, un público e outro privado. O CEIP de Espiñeira (Espiñeira, 4) posúe un pavillón de deportes. O colexio Sagrada Familia atopa na estrada de camiño ao porto (Avda. Xosé Graña, 4). Está dirixido polo padroado Fundación Sagrada Familia a dirección pedagóxica está a cargo das Cruzadas de Santa María, esta composto por tres unidades de Educación Infantil, seis unidades de Educación Primaria e catro unidades de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
Festas locais[editar | editar a fonte]
Santo Amaro. 15 de xaneiro. Na capela de Santo Amaro. Componse dunha romaxe durante a mañá e mediodía. Ao longo da mañá celébranse misas retransmitidas cara ao exterior por altofalante. A última misa é a misa maior xa a súa finalización se celebra unha procesión arredor da capela cos dous santos existentes nela: Santo Amaro e Santa Mariña.
San Sebastián (Día da Danza de Aldán). 20 de xaneiro. Danza voto, en honor de San Sebastián.
Festas do Carme (Festas maiores). Ultima semana de xullo. Durante a semana realízanse diversos actos culturais. A fin de semana polas noites, se ameniza as festas con orquestras na explanada do porto. A noite do sábado pola noite realízase a tiraxe de foguetes tradicional. O domingo ao mediodía celébrase unha profesión dende a igrexa ata o porto onde se celebra unha misa ao aire libre. Á súa finalización, celébrase unha procesión marítima pola Ría de Aldán coa maior parte da frota de barcos que se atopa no molle, na que todo o público pode participar. A imaxe da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, vai na procesión dende a igrexa ata o porto e participa da procesión marítima. Ao chegar ao punto da ría sobre a altura de Bon, tírase unha coroa de flores e os barcos dan media volta.
Santa Mariña. 18 de xullo. Na capela de Santo Amaro.
San Cibrán (patrón de Aldán). 16 de setembro.
Turismo[editar | editar a fonte]
As praias con maior interese turístico son Areacova, Francón e Menduíña. Existen pequenas calas como Cova de Balea ou Lagoelas.
Lugares a visitar: Porto pesqueiro, paseo marítimo, fonte e adro da capela de Santo Amaro, pazo (palacete) dos condes, igrexa de San Cibrán, pazo de armas, xardíns do conde (río e acueduto), ruínas doutro pazo e balcón de Montiño, Niño do Corvo, escola de Manuel Chouciño, cataratas do Fials, ponte e muíños do río Orxas, cova do Mouro Arturo, Duque de Tralalaxe.
Existen dous cámpings, o Cámping Aldán no cumio dunha pequena elevación, rodeada de bosques, e o Cámping Francón, ao lado da praia do mesmo nome.
O Cámping Aldán[1] (Rúa dous Casás 1, Espiñeira) está situado no medio dunha zona boscosa e lixeiramente montañosa. A praia está a menos de 500 metros.
O Cámping Francón (Baixada á Praia de Menduíña, s/n) sitúase preto da costa, entre as praias de Menduiña e Francón, cunha saída directa a esta última.
Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]
Lugares de Aldán[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Aldán, no concello pontevedrés de Cangas | |
---|---|
Erbello | A Espiñeira | Gandón | Menduíña | Piñeiro | San Cibrán |
Parroquias de Cangas[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cangas | |
---|---|
Aldán (San Cibrán) | Cangas (Santiago e San Salvador) | Coiro (San Salvador) | Darbo (Santa María) | O Hío (Santo André) |
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
|
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- "Aldán, una ría en miniatura" El País 10/9/05 (en castelán).
- Pazo Torre de Aldán en Turgalicia.
- Pazo Vista Alegre en Turgalicia.
- Igrexa de San Cibrán de Aldán en Turgalicia.
- Ponte de San Cibrán en Turgalicia.