Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal
Musée du Château Ramezay.jpg
O castelo Ramezay, sede da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal
TipoSociedade científica
Campo de traballoNumismática
Área de operaciónQuebec
Data de fundación1862
Fundador(es)Stanley Clark Bagg
PaísCanadá
editar datos en Wikidata ]

A Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal (francés: Société d'archéologie et de numismatique de Montréal; inglés: Antiquarian and Numismatic Society of Montreal) é unha entidade asociativa sen ánimo de lucro, instituída na cidade canadense de Montreal en 1862, que ten como obxectivo a valorización e a protección do patrimonio histórico, arqueolóxico e numismático.

A sociedade ten a súa sede no castelo Ramezay, do que é propietaria e administradora, que alberga tamén un importante museo sobre a historia de Montreal.

Historia[editar | editar a fonte]

Stanley Clark Bagg (1820-1873), fundador da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal

A sociedade foi fundada en 1862 por un grupo de intelectuais de Montreal afeccionados á numismática, vinculados á Sociedade Histórica de Montreal,[1] encabezado por Adélard Joseph Boucher e Stanley Clark Bagg. O seu obxectivo era fomentar os estudos numismáticos e, por tal motivo, o nome inicial da entidade foi Société de Numismatique de Montréal. Non obstante, axiña, en 1866, ampliou o ámbito das súas actividades para abranguer tamén os estudos sobre arqueoloxía, o que deu lugar ao nome actual.[2][3]

Á maneira das sociedades eruditas e das sociedades históricas estadounidenses do século XIX, tanto o consello de dirección como outros membros da sociedade participaban en escavacións arqueolóxicas e mesmo dirixiron algunhas delas. Como medio para a difusión dos resultados das súas investigacións comezaron a publicar o Canadian Antiquarian and Numismatic Journal, a partir de 1872.[2][3] Esta publicación apareceu cunha periodicidade irregular ao longo de seis décadas.[1]

O 1 de maio de 1895, a Sociedade instalouse no castelo Ramezay, logo de arrendarlle ao Goberno municipal en 1893 o edificio, que daquela estaba en perigo de demolición. No castelo estableceu a súa sede social e en 1896 inaugurou o seu propio museo sobre a historia do Canadá.[2] Finalmente, en 1929 a Sociedade adquiriu o edificio en propiedade, a cambio dunha doazón de 10.000 dos seus libros á biblioteca municipal de Montreal.[1][3] O museo do castelo dispón duns importantes fondos numismáticos, procedentes en gran parte da adquisición da colección de Robert W. McLachlan.[4][5]

Baile no castelo de Ramezay para celebrar o 75º aniversario da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal (9 de decembro de 1937).

A crise económica, seguida ademais pola segunda guerra mundial, afectou moi seriamente as actividades da Sociedade, que fixo todo o posible por manter aberto ao público o castelo Ramezay. As décadas de 1940 e de 1950 foron moi sombrías para o patrimonio de Montreal; no entanto, as décadas de 1960 e de 1970 a situación mellorou e, grazas ao mecenas David M. Stewart, entusiasta da historia e da conservación do patrimonio, e membro da Sociedade desde había vinte anos, tanto o museo como as mellores pezas da súa colección foron completamente restaurados, e a colección ampliouse mediante numerosas adquisicións.[1][3]

Os fondos de arquivo da Sociedade de Arqueoloxía e de Numismática de Montreal consérvanse na Biblioteca de Arquivos Nacionais do Quebec, en Montreal.[6]

En 2021, a Sociedade celebrou o 125º aniversario do seu establecemento no castelo Ramezay, motivo polo cal emitiu unha serie de medallas conmemorativas en prata e en bronce.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Gagnon, H.; Delisle, A. (2013).
  2. 2,0 2,1 2,2 "La Société d’Archéologie et de Numismatique de Montréal". Mémoires des Montréalais (Ville.montreal.qv.ca).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Société d'archéologie et de numismatique de Montréal". Repértoire du patrimoine culturel du Québec.
  4. 4,0 4,1 "125th Anniversary of the Antiquarian and Numismatic Society of Montreal Medals Available". Jacop Lipson Rare Coins. 26 de abril de 2021.
  5. "The McLachlan Collection Sold as an Entirety". The Numismatist. 35 (1922): 553-554.
  6. Sitio web da BAnQ: https://www.banq.qc.ca/accueil/

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]