Sociedade Numismática Romanesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sociedade Numismática Romanesa
Medalla emitida en 1984 pola 'Sociedade Numismática Romanesa Editar o valor em Wikidata
Tiposociedade científica
Campo de traballonumismática
Área de operaciónRomanía
Data de fundación28 de decembro de 1903
Fundador(es)Mihail C. Sutzu
EnBucarest
PaísRomanía
Na rede
http://www.snr-1903.ro/
editar datos en Wikidata ]

A Sociedade Numismática Romanesa (en romanés: Societatea Numismatică Română) é unha entidade asociativa establecida o 28 de decembro de 1903, fundada por iniciativa dun grupo de entusiastas da numismática coa finalidade de difundir esta disciplina en Romanía.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Xa desde principios do século XIX había en Romanía grupos de afeccionados que viña manifestando o seu interese pola numismática, non só no relativo ás súas coleccións senón desde unha perspectiva académica e científica. Nesta conxuntura cultural, o establecemento do Museo Nacional de Antigüidades supuxo un primeiro paso na creación de institucións baixo cuxo patrocinio xurdiron, xa na segunda metade do século, as primeiras coleccións públicas e a preocupación pola súa catalogación e pola investigación dos achados monetarios.[1]

Dimitrie A. Sturdza levou a cabo a primeira publicación sobre a numismática feudal romanesa (Viena, 1874), e dous anos despois doou á Academia Romanesa unha importante colección destas moedas, que se foi incrementando con posteriores doazóns ata constituír un gabinete numismático e que foi obxecto de diversos estudos de eruditos como Mihail C. Sutzu.[1]

Neste contexto, facíase perentoria a creación dunha sociedade ao estilo das xa existentes Sociedade Francesa de Numismática, Real Sociedade Numismática de Londres ou Sociedade Real de Numismática de Bélxica.[1]

Creación e primeira metade do século XX[editar | editar a fonte]

O 2 de decembro de 1903 establecéronse os alicerces da Sociedade Numismática Romanesa, nunha reunión entre os dezasete eruditos numismáticos máis salientables do país, e o 28 dese mesmo mes produciuse a súa asemblea xeral inaugural, na que se votaron os estatutos da sociedade e se elixiu o consello directivo, presidido por Mihail C. Sutzu e coa presidencia honoraria de Dimitrie A. Sturdza. Coa aprobación dos estatutos, estableceuse como obxectivo principal da sociedade o "desenvolvemento da ciencia e da arte numismática" en Romanía".[1][3][4]

En 1904, o consello de dirección da Sociedade Numismática publicou o primeiro número da revista Buletinul Societății Numismatice Române ("Boletín da Sociedade Numismática Romanesa"), inicialmente cunha regularidade de dous números por ano. A subscrición ao boletín custaba neses primeiros momentos tres leis anuais para Romanía e tres coroas para Austria-Hungría, aínda que as persoas asociadas á Sociedade Numismática Romanesa o recibían de xeito gratuíto.[1][5][6]

Durante as primeiras décadas do século X, a actividade da Sociedade Numismática Romanesa correu moi en paralelo coa do Gabinete Numismático da Academia Romanesa, que se constituíu formalmente o 1 de xaneiro de 1911.[7][8]

Unha personalidade salientable neste primeiro terzo do século foi a de George Severeanu, un coleccionista que reunira durante a súa vida máis de 11.000 moedas gregas, romanas, bizantinas e medievais. Desde 1905 dirixiu a editora do Boletín ata 1913, cando foi elixido secretario xeral da Sociedade Numismática Romanesa. Dentro do Museo Municipal de Bucarest fundou ademais unha sección numismática que supuxo a base da grande Exposición Numismática de 1956. Entre o seu traballo científico destacan os estudos sobre numismática antiga e medieval. En 1939 doou case 11.000 moedas ao municipio de Bucarest, que constituíu o fundamento da colección "María e George Severeanu", fundada 17 anos despois.[8][9]

Entre 1920 e 1945, a Sociedade publicou tamén a revista Cronica Numismatică și Arheologică ("Crónica Numismática e Arqueolóxica").[8][10]

Despois da II guerra mundial[editar | editar a fonte]

Despois de 1948 deuse un notable avance do desenvolvemento da numismática en Romanía, coa divulgación de importantes achados monetarios e a publicación de estudos moi exhaustivos por parte dunha nova xeración de investigadores.[11]

En 1947 suspendeuse o Boletín da Sociedade Numismática Romanesa e en 1972 retomouse a súa publicación, en forma de volume e cunha periodicidade irregular. Desde 1991, a revista adquiriu máis estabilidade ao pasar a ser patrocinada pola Academia Romanesa. Nesta nova etapa, ademais da numismática, ocúpase tamén doutras disciplinas como a metroloxía ou a sixilografía.[5][11]

Centenario da Sociedade Numismática Romanesa[editar | editar a fonte]

Co gallo do centenario da Sociedade Numismática Romanesa, o 22 de decembro de 2003, Banco Nacional de Romanía emitiu unha moeda de prata pura, co peso dunha onza troy, un diámetro de 37 mm e un valor facial de 500 lei, e cunha tiraxe reducida de 500 exemplares.[12][13][14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Numismatica în România: A doua jumătate a secolului al XIX-lea şi începutul secolului următor". En Numismatica în România.
  2. Preda, C. (1996). "Societatea Numismatică Română la 90 de ani de la înfiinţare". En Buletinul Societăţii Numismatice Române, nr. 140-141, anii 86-87, 1992-1993. Bucarest. Páxinas 9-17.
  3. "Scurt istoric al Societății Numismatice Române". En Buletinul Societății Numismatice Române. Nr. 81-82. 1933-1934. Páxina 2.
  4. Iliescu, O. (1992). "Societatea Numismatică Română în primul an de activitate (28 dec. 1903 – 31 dec. 1904)". En Buletinul Societății Numismatice Române. 1986-1991. 134-139. Páxinas 11-25.
  5. 5,0 5,1 "Buletinul Societății Numismatice Române". Sitio web da SNR.
  6. Buletinul Societății Numismatice Române. Ano X. Nº. 20. Xullo-decembro de 1913.
  7. Iliescu, O. (1968). "Cabinetul numismatic". En Biblioteca Academiei Republicii Socialiste România 1867-1967. Cartea Centenarului. Bucurest. Páxinas 211-225.
  8. 8,0 8,1 8,2 "Numismatica în România: Perioada interbelică". En Numismatica în România.
  9. Cojocărescu, M. (1981). "Dr. George Severeanu". En Buletinul Societăţii Numismatice Române. nr. 124-128. anii 70-74, 1976-1980. Bucurest. Páxinas 675-676.
  10. "Cronica Numismatică şi Arheologică". No sitio web da SNR.
  11. 11,0 11,1 "Numismatica în România: După 1945 până în prezent". En Numismatica în România.
  12. "Aniversarea Centenarului Societatii Numismatice Romàne (1903-2003)". Sitio web da SNR.
  13. "Centenarul Societăţii Numismatice Române Arquivado 17 de marzo de 2018 en Wayback Machine.". Banco Nacional de Romanía.
  14. "Emisiune numismatică - monedă din argint din emisiunea ,,Centenarul Societăţii Numismatice Române' Arquivado 16 de marzo de 2018 en Wayback Machine.'". Banco Nacional de Romanía.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]