Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia
Royal Numismatic Society of New Zealand
1969 James Cook NZ Bicentennial Silver Medal by James Berry. Obverse.jpg

Medalla da RNSNZ (1969). Bicentenario da descuberta de Nova Zelandia por James Cook
Presentación
Data fundación20 de xullo de 1931.
FundadorAlan Sutherland e D. C. Bates (1º presidente).
LocalizaciónWellington COA.gif Wellington
Nova Zelandia Nova Zelandia
Area servidaNova Zelandia
MétodoInvestigación, publicacións, biblioteca e organización de eventos.
Páxina webhttp://www.rnsnz.org.nz/

A Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia (Royal Numismatic Society of New Zealand -RNSNZ-) é unha sociedade erudita sen ánimo de lucro neozelandesa, con sede en Wellington, que se encarga do fortalecemento e a promoción do estudo da numismática e outros aspectos da historia relacionados con ela." Estableceuse en 1931, co nome de New Zealand Numismatic Society e adoptou a súa denominación actual en 1948, un ano despois de conseguir a concesión do título de Royal.[1][2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

A Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia fundouse na biblioteca Alexander Turnbull, de Wellington, o 20 de xullo de 1931, grazas ao impulso, entre outros, do xornalista Alan Sutherland. Nas actas das primeiras reunións figuran os nomes de persoeiros prominintes da sociedade neozelandesa da época.[3][4]

En palabras de Sutherland, que escribiu unha historia deses primeiros momentos da Sociedade, o obxectivo era reunir todas as persoas dispersas polo país interesadas no coleccionismo e o estudo das moedas, as medallas e os obxectos afíns.[3][4]

A biblioteca Turnbull continuou a ser a sede da sociedade ata o pechamento do edificio logo do terremoto acaecido en 2012, momento en que cambiou o seu lugar de encontro para unhas salas comunitarias en The Terrace.[4]

A RNSNZ xogou un importante papel na introdución das primeiras moedas circulantes de Nova Zelandia en 1933 (antes usábanse nos país os dólares australianos). Tanto Sutherland como o entón presidente da Sociedade, J. Rankine Brown, formaron parte dos comités que determinatron o proceso de introdución das novas moedas, así como o seu deseño, xunto cos seus billetes. A RNSNZ continúa a ter un papel consultivo respecto á cuñaxe de moedas en Nova Zelandia, para o que mantén contaco permanente co Reserve Bank.[3][4]

En 1966 constituíuse, de xeito alternativo á RNSNZ, o Wellington Coin Club ("Club de Moeda de Wellington"), fundamentalmente pola sensación reinante en moitos coleccionistas de moedas de que a Sociedade non atendía os seus verdadeiros intereses, senón que adoptara unha postura máis elitista e academicista. Finalmente, a situación reconduciuse coa fusión de ambas as entidades en 2005.[4]

En 2015 produciuse unha nova fusión, cando a Sociedade Numismática de Manawatu se incorporou á Royal Numismatic Society of New Zealand.[4]

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Os socios da Sociedade manteñen encontros ordinarios os derradeiros venres de cada mes, entre os meses de febreiro e novembro, nos que se abordan temas concretos propostos por algún dos seus membros ou por un orador invitado. Á parte, mantéñense outros encontros de periodicidade anual, con outras asociacións numismáticas do país.[5]

Ademais, todos os seus asociados reciben gratuitamente o New Zealand Numismatic Journal e outros boletíns da Sociedade, participan en poxas numismáticas e teñen acceso á área reservada da web social e á biblioteca da entidade[1]

Publicacións[editar | editar a fonte]

New Zealand Numismatic Journal (NZNJ)[editar | editar a fonte]

É o órgano de expresión da Sociedade, de publicación anual. Nel pubícanse artigos sobre temas que cobren todo o espectro do interese numismático, destacadamente os relativos a Nova Zelandia.[1][3]

Monografías[editar | editar a fonte]

Ao longo da súa historia, a RNSNZ publicou tamén algunhas monografías en materia numismática. Estas son algunhas delas:[6]

  • (1950): Thomas, E. R.; Dale, L. J. They made their own money : the story of early Canterbury traders & their tokens.
  • (1970): O'Shea, P. P. Captain James Cook, R.N., F.R.S. and his numismatic associations.
  • (1981): Lampard, W. H. Catalogue of New Zealand coins, currency tokens, Presbyterian communion tokens and bank notes. ISBN 9780473000950
  • (2005): Stocker, M. Numismatic birth of the Dominion : the 1933 New Zealand coinage designs.
  • (2011): McMaster, H.; Purdy, M. New Zealand Challenge coins : a catalogue. ISBN 9780473195410
  • (2014): McMaster, H.; Purdy, M. New Zealand commemorative medals : 1941-2014. ISBN 9780473287313

Presidentes[editar | editar a fonte]

A seguir, amósase unha listaxe dos presidentes da Royal Numismatic Society of New Zealand:

  • 1931-1932: D. C. Bates.
  • 1933-1935: J. Rankine Brown.
  • 1936-1938: James Elliott.
  • 1939-1945: J. C. Andersen.
  • 1946-1948: A. Sutherland.
  • 1949-1949: W. D. Ferguson.
  • 1950-1951: M. H. Hornblow.
  • 1952-1955: H. A. Murray.
  • 1956-1960: G. T. Stagg.
  • 1961-1961: J. Berry.
  • 1962-1963: L. J. Dale.
  • 1964-1967: B. G. Hamlin.
  • 1968-1969: N. R. A. Netherclift.
  • 1969-1969: T. Stagg.
  • 1970-1970: J. R. Graydon.
  • 1971-1971: A. F. Robb.
  • 1972-1972: A. J. Freed.
  • 1973-1979: I. Ranger.
  • 1980-1986: W. H. Lampard.
  • 1987-1988: R. T. Harwood.
  • 1989-2003: W. H. Lampard.
  • 2003-1006: M. L. Purdy.
  • 2006: D. A. Galt.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Introduction". No sitio web da RNSNZ.
  2. "Rules". No sitio web da RNSNZ.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 McLintock, A. H. (1966).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 "History". No sitio web da RNSNZ.
  5. "Member Benefits". No sitio web da RNSNZ.
  6. "Royal Numismatic Society of New Zealand". En WorldCat.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • McLintock, A. H. (1966). "Numismatic Society". En An Encyclopaedia of New Zealand. R E Owen, Government Printer. Wellington.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]