Ceca de Soho

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ceca de Soho
Soho Mint
Soho Manufactory

Edificio de Soho Manufactory en 1773, onde se estableceu a Soho Mint.

TipoCasa de moeda
Fundación1788
MatrizSoho Manufactory.
LocalizaciónBirmingham
Inglaterra Inglaterra
FundadorMatthew Boulton.
Persoas claveJames Watt.
ProdutosMoedas públicas e privadas e medallas.
editar datos en Wikidata ]

A ceca de Soho (en inglés: Soho Mint) foi unha fábrica dedicada á cuñaxe de moeda instituída polo industrial británico Matthew Boulton en 1788, nos albores da Revolución Industrial, no seo da súa empresa Soho Manufactory, na contorna de Birmingham, en Inglaterra. [1][2][3][4][5]

A ceca, instalada nas mesmas instalacións da factoría de Boulton, contaba con oito máquinas de deseño propio, movidas por un motor de vapor, capaces de cuñar entre 70 e 84 moedas por minuto.[1][4][6]

Historia[editar | editar a fonte]

Retrato de Matthew Boulton (ca.1775), propietario da ceca de Soho.

Matthew Boulton introduciu en 1788 na cuñaxe de moeda as novas técnicas industriais e a maquinaria movida por vapor desenvolvidas en virtude da súa asociación co enxeñeiro escocés James Watt.[1][2][3]

En 1786, dous terzos das moedas en circulación en Gran Bretaña eran falsificacións, e a Royal Mint respondeu a esta crise cesando as súas emisións, o que agravou aínda máis a situación.[4][7] Ante esta situación, Boulton focalizou o seu interese na moeda miúda a mediados da década de 1780, como extensión dos pequenos produtos metálicos que xa estaba a fabricar na súa factoría de Soho. Isto levouno á instalación da súa ceca privada en 1788, dentro da súa planta industrial. Inventou entón unha prensa de torno impulsada por vapor, que funcionaba pola presión aplicada a un pistón.[1][3][4][8]

Outra das importantes innovacións tecnolóxicas foi a introducida por Jean Pierre Droz, un franco-suízo vinculado á fábrica de Boulton que ideou un colar para a cuñaxe de inscricións nos cantos das moedas e asegurar así tamén a súa forma circular que, malia non ser axeitado para un gran número de moedas, se mantivo en uso nos anos posteriores na Soho Mint.[2][9][8][10]

Marca de ceca (SOHO abaixo e á dereita do escudo) nunha moeda de dous peniques

A empresa tivo un escaso éxito inmediato, aínda que conseguiu asinar un contrato coa Royal Mint o 3 de marzo de 1797 para a cuñaxe de moeda oficial británica. Ao pouco tempo conseguiu ampliar o contrato ás moedas da Compañía Británica das Indias Orientais, de Serra Leoa e mesmo de Rusia, e tamén comezou a producir discos en branco de moi alta calidade destinados a seren cuñados noutras casas de moeda.[11] A Soho Mint enviou máis de 20 millóns destes discos a Filadelfia para seren cuñados con valores dun centavo e de medio centavo de dólar na casa de moeda dos EEUU (United States Mint), cuxo director, Elias Boudinot, os consideraba "perfecta e fermosamente puídos".[2][4][12]

A produción masiva de moedas con máquinas impulsadas con vapor supuxo o logro dunhas dimensións estandarizadas e dun peso e unha redondez uniformes, algo que os falsificadores poderían conseguir moi dificilmente.[4]

Logo do cesamento de actividade da ceca de Soho a súa maquinaria foi vendida en poxa pública en 1850, e parte dela foi adquirida polo industrial Ralph Heaton II para a súa nova ceca Birmingham Mint, a maior ceca privada do mundo do século XIX.[4][13]

Produción[editar | editar a fonte]

Cuñaxes privadas (tokens)[editar | editar a fonte]

Anverso dunha moeda privada (token) de 1793 co busto de John Wilkinson, cuñada na Soho Mint.

As primeiras moedas cuñadas na ceca de Soho, antes das emisións regulares británicas, eran cuñaxes privadas, coñecidas no mundo numismático como tokens, normalmente con valores dun e de medio penique. Porén, a factoría de Boulton non foi a primeira en levar a cabo estas cuñaxes, nin tampouco a máis prolífica. Durante a idade de ouro das cuñaxes de tokens británicos, a ceca de Soho encargouse das cuñaxes destas moedas privadas para setenta empresas, particulares e institucións das Illas británicas, para o que se utilizaron arredor de 70 toneladas de cobre, cantidade que se pode comparar coas 300 toneladas cuñadas por Thomas Williams nos tokens da compañía mineira de Anglesey. Pero, á marxe da súa cantidade, estas primeiras cuñaxes da Soho Mint foron as máis significativas, xa que desencadearon o desenvolvemento das novas técnicas de cuñaxe industrial.[2][14][15]

As primeiras destas moedas privadas cuñadas na factoría de Boulton foron unha modesta cantidade de pezas dun penique para Charles Mordaunt, propietario dun muíño, establecido nunha pequena vila de Lancashire, segundo consta en documentos datados en 1783, data previa ao establecemento da ceca, o que fai pensar que Boulton comezou as súas cuñaxes noutros lugares. A estas primeiras emisións seguíronas outras moitas, entre as que cabe salientar as cuñadas para o industrial do aceiro John Wilkinson, para a Parys Mine Company, de Anglesey, para a Cornish Metal Company ou para a compañía Gilbert Shearer & Company, de Glasgow, entre outras moitas.[14][15]

Monneron de 1791, cuñado na ceca de Soho.

Na ceca de Soho cuñáronse tamén en 1791 e 1792 as moedas de necesidade privadas francesas coñecidas como monneron, emitidas pola compañía Monneron Frères Negociants, propiedade dos irmáns Monneron. Estas moedas tiñan valores de dous e de cinco soldos (sols). O deseño das de cinco soldos e o gravado dos seus cuños correu a cargo de Augustin Dupré, e o das de dous soldos a cargo de Ponton, en tanto que do proceso de cuñaxe se ocupou Jean Pierre Droz, vinculado a outras cuñaxes da ceca de Boulton.[15][16][17][18] [19]

Moeda de cobre oficial británica[editar | editar a fonte]

Desde 1754, A Royal Mint non realizara máis cuñaxes das moedas de cobre máis comúns, con valor en peniques, que as emisións de cuartos e medios peniques de 1770-1775.[6]

Moeda de dous peniques da ceca de Soho a nome de Xurxo III.

Nese contexto de escaseza de circulante, eran moi comúns as falsificacións; por iso, cando se lle encargaron á Soho Mint novas emisións de moedas de cobre, estas fixéronse cun valor facial tan próximo ao valor intrínseco do cobre puro que contiñan (unha onza de peso as dun penique) que a falsificación cesou por resultar antieconómica.[20][6] A ceca de Soho cuñou pezas de 2 e 1 penique, de medio penique e dun cuarto de penique (farthing).[21][22][23][24][25]

Canto ao seu diámetro, estableceuse que as de dous peniques medisen exactamente unha polgada e media, en tanto que 16 peniques aliñados debían medir dous pés.[4]

Con deseños de Heinrich Küchler, as primeiras moedas con valores dun penique e de dous peniques saíron da ceca de Soho en 1797, en tanto que as denominacións máis baixas non se cuñaron ata anos máis tarde.[26] Tratábase de moedas dun gran tamaño e cun listel moi elevado. En dous anos cuñáronse arredor de 45 millóns de pezas.[3][4][27]

Anverso da medalla de Seringapatam, cuñada na Soho Mint

Medallas[editar | editar a fonte]

Ademais de moedas de cobre para uso interior en Inglaterra, nesta ceca labráronse tamén algunhas medallas.[28][2] Entre as máis senlleiras fabricadas en Soho cómpre salientar a coñecida como "medalla Seringapatam" feita para a Compañía Británica das Indias Orientais en 1801 e 1802 para premiar os participantes na batalla de Seringapatam (5 de abril a 4 de maio de 1799) na India.[29][30]

Tamén é moi significativa unha medalla sobre a Batalla de Trafalgar, iniciativa do propio Matthew Boulton e sufragada por el mesmo para lles entregar a todos os participantes na batalla de 1805.[31][32]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das moedas e medallas producidas na ceca de Soho.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Tungate, S. (2010). "Matthew Boulton and Coining". Páxinas 18-35.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 McKivor, W. (2010).
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "Matthew Boulton Arquivado 28 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Birmingham Jewellery Quarter.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Rodgers, K. (2009).
  5. "Matthew Boulton the Man. Timeline Arquivado 13 de marzo de 2012 en Wayback Machine.". En SohoMint.info.
  6. 6,0 6,1 6,2 Dickinson, H. W. (1937).
  7. Lobel, R. (1999). Páxina 575.
  8. 8,0 8,1 Tungate, S. (2010). "The Technology of Coining". Páxinas 99-184.
  9. Tungate, S. (2010). Figura 3.17. Páxina 157.
  10. Tungate, S. "Droz's Collar. An Innovation in Minting Arquivado 07 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". Soho Mint.
  11. Tungate, S. (2010). "Catalogue of Foreign Coins and Medals". Páxinas 347-405.
  12. Symons, D. (2009). Páxina 94.
  13. Sweeny, J. O. (1981).
  14. 14,0 14,1 Tungate, S. (2010). "Catalogue of tokens". Páxinas 312-346.
  15. 15,0 15,1 15,2 "Matthew Boulton's Steam Mint. The Token Story - I Arquivado 20 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En SohoMint.info.
  16. Tungate, S. (2010). "Europe: Monneron Frères". Páxina 382.
  17. "Monneron". En Infonumis. Le site de la numismatique française moderne 1789-2001.
  18. Torres, J. (2012). "Auge y caída de la acuñación a volante. Jean-Pierre Droz y Philippe Gengembre". En Revue Numismatique. Nº 168. Páxinas 326-333.
  19. "Monnerons Issued! Arquivado 07 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En SohoMint.info.
  20. Tungate, S. (2010). "Sice of coins". Páxina 136.
  21. Tungate, S. (2010). "British Regal coinage and Bank tokens". Páxinas 263-311.
  22. "George III farthing 1771-1807". En COINSGB. Your guide to British coins.
  23. "George III halfpenny 1770-1807". En COINSGB. Your guide to British coins.
  24. "George III penny 1797-1808". En COINSGB. Your guide to British coins.
  25. "George III twopence 1797". En COINSGB. Your guide to British coins.
  26. Pollard, J. G. (1970). "Matthew Boulton and Conrad Heinrich Küchler". En The Numismatic Chronicle. Serie 7ª. Vol. 10. Páxinas 259-318.
  27. Skipp, V. (1980).
  28. Tungate, S. (2010). "Catalogue of Medals". Páxinas 406-449.
  29. "The Seringapatam Medal". The Victoria and Albert Museum.
  30. "Seringapatam Medal (Gold) Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.". The Fitzwilliam Museum.
  31. "Trafalgar Medal Arquivado 07 de setembro de 2019 en Wayback Machine.". En SohoMint.info.
  32. Joslin; Litherland; Simpkin. (1988). British Battles and Medals. Spink. Londres. 1988. Páxinas 24 e 27. ISBN 0907605257
  33. "18th Century Commemorative Medal. Victory of the Nile, 1798 Arquivado 23 de marzo de 2019 en Wayback Machine.". Birmingham Museums and Art Gallery.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dent, R. K. (1880). "The Story of Soho". En Old and New Birmingham: A History of the Town and its People. Houghton. Birmingham. Páxinas 138-141.
  • Dickinson, H. W. (1937). Matthew Boulton. Cambridge University Press.
  • Doty, R. (1998). The Soho Mint & The Industrialization of Money. Spink/British Numismatic Society. ISBN 9781902040035
  • Junge. E. (1977). Soho Mint. En Kroha, T. Lexikon der Numismatik. Bertelsmann-Lexikonverlag, Gütersloh. Páxina 410.
  • Lobel, R. (1999). Coincraft's 2000 Standard Catalogue of English and UK Coins, 1066 to Date. Standard Catalogue Publishers. ISBN 978-0-9526228-8-8
  • McKivor, W. (2010). "The Power of the Soho Mint". En Cons Weekly. 22 de setembro.
  • Rodgers, K. (2009). "Boulton father of mechanized press". En World Coin News. 27 de abril. Páxinas 1, 56-58.
  • Selgin, G. (2008). Good Money: Birmingham Button Makers, the Royal Mint, and the beginnings of Modern Coinage, 1775-1821. Independent Institute. ISBN 978-1598130430
  • Skipp, V. (1980). A History of Greater Birmingham - down to 1830. ISBN 0-9506998-0-2
  • Sweeny, J. O. (1981). A Numismatic History of the Birmingham Mint. The Birmingham Mint Ltd. ISBN 0-9507594-0-6
  • Symons, D. (2009). "'Bringing to Perfection the Art of Coining': What did they make at the Soho Mint?". En Mason, Shena (ed.). Matthew Boulton: Selling What All the World Desires. New Haven, Ct. Yale University Press. Páxinas 89-98. ISBN 978-0-300-14358-4
  • Tungate, S. (2010). Matthew Boulton and the Soho Mint: Cooper to Customer. Tese de doutoramento. University of Birmingham.

Ligazón externa[editar | editar a fonte]

  • "Coinage". En Archives of Soho. Birmingham City Council.