Stuart Rigold

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaStuart Rigold
Biografía
Nacemento8 de decembro de 1919
Morte1980
21º President of the British Numismatic Society (en) Traducir
1971 – 1975
← Colin Stewart Sinclair Lyon (en) TraducirPeter Woodhead (en) Traducir → Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidade Británica
Educación St Peter's College Universidade de Oxford.
Universidade de St Andrews.
Actividade
Campo de traballoNumismática, arqueoloxía e fotografía.
Ocupaciónarqueólogo , numismático Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua inglesa Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeEleanor Pike (1955).
Premios
(1977): Medalla Sanford Saltus (BNS).


Stuart Eborall Rigold, nado o 8 de decembro de 1919 en Blackheath, Gran Londres, e finado en 1980, foi un arqueólogo, numismático e fotógrafo británico, especialista na moeda e na arquitectura altomedieval.

Entre outros cargos, Rigold presidiu a Sociedade Numismática Británica (1971-1975) e encabezou a Inspección Central de Monumentos de Inglaterra (1976-1978).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e educación[editar | editar a fonte]

Stuart Rigold naceu nunha familia con orixes en Austria ou en Alemaña. O seu pai, Ernest Rigold, era un enxeñeiro de minas, e Stuart colleu o seu segundo nome (Eborall) do apelido da súa nai. A súa infancia transcorreu na contorna de Rolvenden, no condado de Kent, e cursou a súa educación secundaria en Sutton Valence School, en Maidstone. Nesta etapa padeceu unha tartamudez que superou en anos posteriores.[1]

En 1936, aos 17 anos, Stuart iniciou a súa formación superior na Universidade de St Andrews, onde estudou Xeoloxía, así como Inglés, Francés e Estudos Clásicos, aínda que este período se viu interrompido pola segunda guerra mundial, na que participou nos servizos de intelixencia británicos co rango de suboficial maior, traballando en Bletchley Park, no seo do equipo Enigma, e tamén nun destino en Dinamarca.[1][2]

Concluída a guerra, en 1946 continuou a súa formación no Saint Peter's College, da Universidade de Oxford, onde en 1948 se licenciou en Literae humaniores (cultura clásica, grego, latín e filosofía).[1]

Carreira profesional[editar | editar a fonte]

Logo de rematar os seus estudos, Rigold ingresou na Inspección de Monumentos Antigos, onde desenvolveu a súa vida profesional nas seguintes tres décadas, ata se converter no inspector principal para Inglaterra durante os seus dous derradeiros anos de exercicio.[1]

Os dous focos principais das súas investigacións foron as moedas sceatta do século VIII e as fichas comerciais da baixa Idade Media, que aparecían adoito nas escavacións en Inglaterra. Mais non descoidou tampouco outras épocas da moeda, interesándose sempre pola interacción entre a historia numismática, a política e a económica. No entanto, os resultados das súas investigacións numismáticas non foron obxecto de publicacións monográficas; nalgúns casos permanecen inéditos e noutros cómpre procuralos en artigos específicos e nos informes publicados das súas escavacións.[3]

En 1963 Rigold foi elixido membro da Sociedade de Anticuarios de Londres, de cuxo consello de goberno formou parte dez anos despois. Tamén foi un membro destacado doutras entidades académicas e asociativas, como a Sociedade Arqueolóxica de Kent (en cuxa publicación Archaeologia Cantiana contribuíu con numerosos artigos), a Sociedade de Arqueoloxía Medieval (tamén dentro do seu comité editorial), a Real Sociedade de Numismática ou a Sociedade Británica de Numismática. Desta última entidade ocupou a presidencia entre 1971 e 1975, e acadou o seu máximo galardón en 1977.[1][4][5]

Stuart Rigold foi un asiduo visitante da Burlington House, onde se albergan tanto a Academia Británica como diversas sociedades científicas, e tamén do Warburg Institute; en ambos participaba en coloquios e encontros de todo tipo acerca da cultura clásica.[1]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

A figura de Stuart Rigold foi honrada coa publicación de senllos libros de homenaxe, o primeiro deles en 1981, a cargo de A. Detsicas, publicado pola Sociedade Arqueolóxica de Kent, e o segundo en 1982, dirixido por Peter E. Leach e publicado polo Consello da Arqueoloxía Británica.[6][7]

Premios[editar | editar a fonte]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Stuart Rigold casou en 1955 con Eleanor Pike, con quen non tivo descendencia.[1]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Stuart foi autor dun bo número de artigos en diversas revistas especializadas da súa época, entre as que cabe salientar Archaeologia Cantiana, British Numismatic Journal, The Archaeological Journal, Medieval Archaeology e Journal of the British Archaeological Association. Os seus traballos monográficos están maioritariamente vinculados ao seu labor profesional na Inspección Central de Monumentos de Inglaterra.[8][9][10][11]

Serie Department of the Environement Official Handbook[editar | editar a fonte]

  • (1949). The Pyx chamber, Westminster Abbey. HMSO, Londres.
  • (1952). The Chapter House, Westminster Abbey (con J. G. Noppen). HMSO, Londres.
  • (1952). Totnes Castle, Devonshire. HMSO, Londres.
  • (1956). Nunney Castle, Somerset. HMSO, Londres.
  • (1958). Maison Dieu, Ospringe, Kent. HMSO, Londres.
  • (1960). North Elmham Saxon Cathedral. HMSO, Londres.
  • (1962). Temple Manor, Strood, Rochester, Kent. HMSO, Londres.
  • (1963). Eynsford Castle, Kent. HMSO, Londres.
  • (1965). Portchester Castle, Hampshire. HMSO, Londres.
  • (1966). Baconsthorpe Castle, Norfolk. HMSO, Londres.
  • (1969). Lilleshall Abbey, Shropshire. HMSO, Londres. ISBN 9780116700216
  • (1969). Titchfield Abbey, Hampshire. HMSO, Londres. ISBN 9780116700032
  • (1974). Bayham Abbey, Sussex. HMSO, Londres. ISBN 9780116704382
  • (1976). The hapter House and the Pyx Chamber, Westminster Abbey. HMSO, Londres. ISBN 978-0116703378
  • (1978). Yarmouth Castle, Isle of Wight. HMSO, Londres. ISBN 9780116703507
  • (1979). Totnes Castle. HMSO, Londres. ISBN 9780116714510

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Blunt, C. E. (1981). Páxina 211.
  2. "Humanities scholars who worked in military intelligence in the Second World War". The British Academy.
  3. Blunt, C. E. (1981). Páxina 212.
  4. "History: Presidents of the Society". British Numismatic Society.
  5. 5,0 5,1 "Sanford Saltus Gold Medal". British Numismatic Society.
  6. Detsicas, A. (1981). Collectanea historica : essays in memory of Stuart Rigold. Kent Archaeological Society. ISBN 9780906746028.
  7. Leach, P. E. (1982). Archaeology in Kent to AD 1500 : in memory of Stuart Eborall Rigold. Council for British Archaeology. ISBN 9780906780183.
  8. Na obra citada de Detsicas, A. (1981), publícase unha bibliografía completa de Rigold, con máis de 300 referencias.
  9. "Rigold, Stuart Eborall 1919-1980 Arquivado 04 de agosto de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.
  10. "Rigold, S. E.". WorldCat Identities.
  11. "[http://opac.regesta-imperii.de/lang_en/autoren.php?name=Rigold,+Stuart+Eborall Rigold, Stu art Eborall]". Regesta Imperii.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]