Banato (rexión histórica)
O Banato[1] (Banat en romanés e alemán, Банат / Banat en serbio, Bánát ou Bánság en húngaro) é unha rexión histórica do sueste de Europa, actualmente dividida entre tres países:
- Banato romanés, que pertence a Romanía (Timiş, Caraş-Severin, Arad e Mehedinţi).
- Banato serbio, que pertence a Serbia (en Voivodina e no distrito de Belgrado).
- Banato húngaro, que pertence a Hungría (ao condado de Csongrád).
É unha parte da chaira de Panonia, limitada polos ríos Danubio ao sur, Tisza ao oeste, Mureş ao norte e os Cárpatos meridionais ao leste. A súa capital histórica é a cidade de Timişoara, no distrito de Timiş, en Romanía.
O termo Banato designaba en principio a unha provincia fronteiriza gobernada por un ban.
No Reino de Hungría había varios banatos: o de Dalmacia, o de Bosnia e o de Croacia. Pero o Banato por antonomasia é o Banato de Timişoara (ou Banato de Temesvar) que, curiosamente, empezou a denominarse así tras o Tratado de Passarowitz (1718), cando non estaba gobernada por ningún ban.
Historia
[editar | editar a fonte]Antigüidade
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Celtas, Dacia e Imperio romano.
Os primeiro habitantes coñecidos do que hoxe chamamos Banato foron varias tribos neolíticas. Nos séculos IV-II a.C., varias tribos celtas emprazáronse na zona, especialmente os escordiscos e tauriscios da confederación dos volcae.
A rexión formou parte do reino de Dacia, baixo Berebistas, no século I a.C. Este rei atacou os boios e aos tauriscios, exterminándoos, o que causou espanto aos romanos. Aos escordiscos non lles quedou mais remedio que recoñecerse submisos sexa a Burebistas, ou aos romanos. O 10 a.C. Augusto enviou unha expedición contra a Dacia, pero non tivo consecuencias. Nestes tempos os dacios enfrontáronse frecuentemente cos romanos sen resultados decisivos para ningunha das dúas partes, até que os dacios, baixo o rei Decébalo, derrotaron ao emperador Domiciano e o obrigaron a negociar a paz en condicións desfavorábeis, incluso coa obriga do pagamento dun tributo anual a Dacia.
- Véxase tamén: Decébalo.
O reino dacio era en verdade unha confederación de tribos de distintas procedencias. Dende oeste ao leste da Dacia vivían tribos celtas, dacias, xetas, xermánicas e escitas. Decébalo foi posibelmente de procedencia escordisca, e parente de Escorilo. Os romanos prepararon a vinganza, que levou a cabo Traxano. O ano 101 a primeira gran batalla cos dacios librouse preto de Thorda, nun lugar que aínda hoxe se denomina Prato de Trajano (Pratum Trajani). Decébalo puido renegociar as condicións da paz en 104, pero converteuse en tributario de Roma, e unha gornición romana se estableceu na súa capital, dirixida por Lonxino. Traxano tomou o título de "Dácico".
Decébalo utilizou a paz para rearmarse. Atacou os iacixes, que eran aliados dos romanos, acolleu desertores romanos e, finalmente, arrestou a Lonxino e fixo saber que non o liberaría até a evacuación romana do país e a compensación polos gastos militares. Durante esta segunda guerra dacia (105), Traxano atravesou o Danubio polo lugar chamado Portas de Ferro, onde fixo construír a célebre ponte flotante (iniciada contra o 103), e dirixiuse contra a capital de Decébalo (que os dacios non puideron defender e incendiaron antes de fuxir ás montañas) e entrou nela o ano 106.
-
Antigos pobos indoeurpeos no Banato
-
Antigas cidades romanas no Banato
A dominación romana tivo un grande impacto. Os romanos estableceron fortificacións (castra) e construíron vías e numerosos edificios públicos. Tamén estableceron os establecementos de baños públicos de Ad Aquas Herculis, hoxe Băile Herculane. Algúns dos asentamentos importantes romanos no Banato foron Arcidava (hoxe Vărădia), Putea Centum (hoxe Surducu Mare), Berzobis (hoxe Berzovia), Tibiscum (hoxe Jupa), Agnaviae (hoxe Zăvoi), Ad Pannonios (hoxe Teregova), Pretorio (hoxe Mehadia) e Dierna (hoxe Orșova).
Cando en 273 Aureliano retirou o exército romano de Dacia, a zona, moi romanizada, quedou en mans de foederatii como os sármatas (iacixes, roxoláns, agaragantes limigani) e, máis tarde, dos hunos.
Alta Idade Media. Período búlgaro
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Alta Idade Media, Pobos eslavos e Historia dos eslavos do sur#Os primeiros eslavos.
Os godos foron desprazados polos hunos, que instalaron o seu centro de decisión na chaira panónica, nunha zona que incluía a parte noroeste do Banato de hoxe. Tras a morte de Atila, o Imperio huno desintegrouse en poucos días, e os anteriormente sometidos xépidos formaron un novo Reino que durou 100 anos, cando foron derrotados polos ávaros.
Os ávaros xogaron un importante papel na rexión, sostendo guerras cos bizantinos. No curso das primeiras migracións medievais, os eslavos instaláronse no Banato no século VI e, no século IX, o territorio do Banato formaba parte do Imperio Búlgaro. Unha inscrición nun dos buques do tesouro de Sânnicolau Mare (que é presumibelmente de orixe ávara) rexistra os nomes de dous gobernantes locais, Butaul e Buyla, que levaban o título dos gobernantes eslavos: župan. A crónica histórica húngara Gesta Hungarorum fala dun duque chamado Glad, soberano do territorio do Banato, que era vasalo do tsar Simeón I de Bulgaria. O dominio dos ávaros sobre a zona durou até o século IX, coas campañas de Carlomagno.
Período húngaro (século X - século XVI)
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Reino de Hungría e Historia dos eslavos do sur#Serbia.
O Banato estivo baixo administración de Hungría desde o século X até 1552, cando os otománs tomaron a rexión de Timişoara. O duque banatense Glad sometérase aos maxiares tras ser derrotado polos comandantes Boita, Zuard e Cádusa. O estado maxiar, que pasou a denominarse Hungría non estaba aínda organizado daquela. A zona do río Temes, hoxe chamada Banato estaba acaudillada no comezo do século XI polo duque Ahtum, descendente de Glad, dende o case milenario castro Morisena. Ahtum recibiu o bautismo na cidade búlgara de Vidin xunto a toda a súa familia, incluído o seu curmán e sucesor Csanád, ou Chanadino. Ahtum trouxo entón monxes bizantinos a Morisena onde estes fundaran o mosteiro de San Xoán o Bautista. O bautismo de Ahtum porén foi só de forma xa que o duque seguía mantendo sete esposas e venerando os deuses ancestrais.
Ao mesmo tempo xorde o proceso da consolidación do novo reino de Hungría con San Estevo I. Estevo levaba moito tempo loitando contra os duques rebeldes, como pode ser o pretendente pagán Koppány, ou o mesmo curmán da súa nai, Xilas II duque de Transilvania. A vida de San Xerardo cóntanos como o duque Ahtum confiando na multitude do seu exército e dos seus cabalos púxolle cara ao Rei cobrando unha peaxe polo paso dos barcos con sal. Ademais Ahtum desterrara ao seu curmán Chanadino, temendo a que este lle puidera quitar o trono. Chanadino, sendo ao mesmo tempo sobriño do Rei, acaudillou as tropas cristiás en contra do seu curmán na batalla de Tomnatic en 1028. Ahtum perdeu a vida e Chanadino sucedeuno no ducado. Conta a lenda que antes da batalla a Chanadino apareceulle San Xurxo baixo a forma dun león asegurándolle a vitoria. Como agradecemento, o duque Chanadino construíu o mosteiro de Oroszlámos (palabra húngara por «león») que se convertera na necrópole da familia ducal. Alí foron mudados os monxes bizantinos traídos polo seu curmán dende Vidin. Non se sabe exactamente canto tempo e como foron caudillos os duques descendentes deste, xa que a invasión dos mongois no século XIII supuxo unha grande perda de documentos. Certo é que no sur do Banato reinaban os duques do clan Osl, supostamente vasalos dos Chanadinos. Máis tarde, a partir do século XIII outros grandes terratenentes da rexión serán os membros do clan Bor-Kolan, antigos duques das rexións veciñas de Csongrád e Baranja. Como organizacións políticas fúndanse sete condados entre os séculos XI-XIII:
- Chanad (coa sede na cidade de Chanad, antiga Morisena).
- no século XIV, a rexión de Temes (coa sede en Timisoara).
- Arad (coa sede en Arad).
- Covin (coa sede na fortaleza de Covin, antiga fortaleza de Glad).
- Caras (coa sede na fortaleza de Caras ou Horom).
- Torontal (coa sede en Becicherec).
- A Marca de Severino (coa sede na cidade de Severino).
Esta última era a marca de defensa que tiña Hungría con Bulgaria. Co tempo converteríase na prioridade principal para a monarquía húngara, porque a fronteira sur do Banato era a máis importante liña defensiva contra a crecente expansión dos otománs.
Como organización eclesiástica, San Estevo I fundara a diocese de Chanad, na antiga cidade ducal, renomeada así en honor a Chanadino. Esta diocese era de rito latino e o seu primeiro bispo foi San Xerardo, un monxe bieito de Venecia. Baixo a tutela da dinastía ducal Chanadina, así como a dos reis húngaros, asentouse no Banato tamén o rito bizantino, e posteriormente ao ano 1054 a Igrexa Ortodoxa.
-
Ducado de Glad,
século IX -
Ducado de Ahtum,
século XI -
O Banato no século XVI (mapa Tabula Hungariae)
Período otomán (1552 - 1716)
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Imperio Otomán, Imperio Austríaco e Historia dos eslavos do sur#Idade Moderna: entre turcos e austríacos.
Conquista
[editar | editar a fonte]No ano 1354 iniciouse a conquista turca da Europa balcánica e, en tan só unha centuria, a práctica totalidade da península pasou a mans dos invasores asiáticos. Unha coalición de pobos balcánicos, liderada polo príncipe serbio Lázaro Hrebeljanović, foi esmagada en Kosovo Polje (1389)[2].
A finais do século XIV Bulgaria, Tracia, Macedonia e o norte de Grecia foran xa ocupadas, e Serbia e Bosnia pagaban tributo ao Sultán. O sucesor de Lázaro, Estevo (1389-1427), proclamouse déspota e, aliado de Hungría, estableceu a súa capital en Belgrado (1412). Este esforzo efémero contra a presión otomá foi continuado por Xurxo Branković (1427-1456), que trasladou a Semendria a capital da zona serbia por el controlada, e propuxo a unión de Bosnia, Serbia e Hungría contra os turcos. Pero as súas peticións non acharon eco, e os esforzos de Hungría para galvanizar os cristiáns balcánicos e promover unha cruzada europea contra o islam foron anulados polo desastre de Varna (1444), que abriu definitivamente aos otománs a posesión dos Balcáns ao derrotar as tropas de Murad II ás de Ladislau III de Polonia e a Janós Hunnyadi de Hungría.[3] Serbia converteuse nun paxalato otomán (1459), mentres que o último déspota se retiraba a Bosnia que, catro anos despois (1463), tamén pasou a mans turcas, a pesar de que o seu voivoda se proclamara vasalo do Sultán. Herzegovina caeu en 1482 e, nese mesmo ano, outro paxalato uniu esta rexión con Bosnia. Croacia foi aniquilada na batalla de Krbasko Polje (1493), o que orixinou un desprazamento de croatas a Eslovenia e Hungría, onde tamén se refuxiaran numerosos serbios[4].
Aínda houbo unha terceira vaga de conquistas turcas, no século XVI. Tras a caída do reduto de Belgrado (1521), formouse un estado "tapón" para protexer a fronteira húngara que, porén, non puido conter as emigracións de serbios a dito país. Finalmente, chega o desastre húngaro de Mohács (1526), que comportou a perda de Eslavonia (parte oriental de Croacia) e a maior parte da propia Hungría.
Despois da derrota de Mohács, os croatas preferiron pasar a seren súbditos dos Habsburgo de Austria[5].
O Banato foi incorporado ao Imperio Otomán en 1552 e converteuse nunha provincia denominada Vilaiato de Temeşvar. O Banato estaba poboado principalmente por rascios (serbios) no oeste, e valacos (romaneses) no leste.
Os musulmáns asentáronse, en gran número, principalmente nas cidades.
En 1594, os serbios do Banato levantáronse contra os turcos, apoiadois polos romaneses.
Durante un curto período de tempo, no século XVI, tamén existiu unha entidade administrativa no Principado vasalo otomán de Transilvania coñecido como Banato de Lugos e Karansebes.
-
Vilaiato de Temeşvar e Banato de Lugos e Karansebes en 1568
-
Vilaiato de Temeşvar a mediados do século XVII
-
Vilaiato de Temeşvar en 1699
Consecuencias da ocupación otomá
[editar | editar a fonte]A conquista turca tivo profundas e duradeiras consecuencias para os eslavos balcánicos e os romaneses. Os vencedores non só eliminaron a súa organización política, senón que transformaron as relacións sociais e económicas e provocaron considerábeis movementos de poboación. Como os restantes cristiáns do Imperio, os balcánicos convertéronse en reaia, súbditos propiedade do Sultán, que dispoñía libremente das súas vidas e facendas. Grandes extensións da península foron entregadas en feudo (timar)[6] a soldados otománs que, a cambio do servizo de armas, recibían os beneficios da explotación da terra e do traballo dos campesiños a ela adscritos. O sistema social sufriu cambios importantes. Aínda que no mundo rural se mantivo o modelo de comunidades campesiñas gobernadas patriarcalmente por xuíces que respondían ante o paxá otomán, a vida urbana sufriu un importante retroceso en case todos os Balcáns[7].
Porén, o proceso de islamización foi mínimo e circunscribiuse ao asentamento de campesiños anatolios nalgunhas zonas de Tracia e Montenegro e á conversión ao islam de gran parte da poboación de Albania e de parte da de Bosnia[8].
O que si tivo unha gran transcendencia foron os desprazamentos de poboación provocados pola conquista e despois polas reiteradas sublevacións contra o dominio otomán. Durante os séculos XIV e XV foron moitos os cristiáns, fundamentalmente católicos romanos de Bosnia e Eslavonia, que buscaron refuxio en Croacia, Hungría, a República de Ragusa e as posesións venecianas en Dalmacia. Tamén os serbios realizaron grandes migracións. No norte, miles deles cruzaron o Danubio fuxindo da conquista turca establecéndose na rexión húngara de Voivodina (hoxe provincia de Serbia), poboada por romaneses e maxiares, e nas zonas orientais de Eslavonia, entre Osijek e Belgrado, onde a poboación serbia chegaría a ser maioritaria (isto orixinaría un dos conflitos contemporáneos entre Serbia e Croacia).
- Véxase tamén: Fronteiras Militares.
As prolongadas guerras entre austríacos e turcos provocaron novas migracións en masa cara aos territorios dos Habsburgo, como a encabezada, contra 1690, polo patriarca Arsenij Čarnojević, ou a que seguiu ao fracasado levantamento proaustríaco de 1787. O resultado destes movementos foi unha relativa ruptura do equilibrio étnico na área danubiana que daría lugar, xa no século XX, a non poucos conflitos entre serbios, húngaros e croatas. A islamización contribuíu a complicar aínda máis este panorama.
Período austríaco. Administración dos Habsburgo (1716 - 1918)
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Casa de Austria.
No século XVII algunhas zonas do Vilaiato de Tremeşvar foron incorporadas polos Habsburgo de Austria, pero o Banato permaneceu baixo administración otomá. En 1716 o príncipe Uxío de Savoia culmina a conquista de todo o Banato para Austria. A rexión pasa a denominarse Banato de Temesvar e, tras o Tratado de Passarowitz (1718) convértese nunha provincia da monarquía dos Habsburgo, sometida a administración militar até 1751, cando a emperatriz María Tareixa introduciu a administración civil. A provincia suprimiuse en 1778. A parte sur do Banato quedou integrada na Fronteira Militar (a Krajina do Banato) até que as fronteiras militares foron suprimidas en 1871.
Durante a dominación otomá algunhas partes do Banato tiñan moi baixa densidade de poboación, despois de anos de guerra e tamén debido a que gran parte da zona eran bosques e marismas case deshabitados. O conde Claudio Mercy (1666–1734), que foi nomeado gobernador do Banato de Temesvar en 1720, tomou numerosas medidas para a súa rexeneración. Desecáronse marismas do Danubio e o Tisza, cunstruíronse camiños e canles, empregándose grandes cantidades de man de obra, e impulsouse a agricultura e o comercio, o que atraeu a moitos campesiños e artesáns alemáns, que colonizaron o distrito.[9]
María Tareixa tamén amosou un grande interese polo Banato; colonizou a rexión con campesiños alemáns, alentou a explotación da riqueza mineral do país e desenvolveu moitas das iniciativas do conde Mercy.[9] Os alemáns chegaron desde Suabia, Alsacia e Baviera, así tamén de Austria, polo que moitos asentamentos no Banato oriental estaban habitados na súa maioría por alemáns, que foron coñecidos como os suabos do Danubio ou Donauschwaben. Tamén había unha minoría de fala francesa, descendentes de colonos chegados de Lorena, que mantiveron a lingua francesa durante varias xeracións e desenvolveron unha identidade étnica específica, que máis tarde foi etiquetada como o Banato francés, ou os franceses do Banato[10].
Segundo período húngaro
[editar | editar a fonte]En 1779, o Banato volveu pasar a depender do Reino de Hungría, creándose os condados de Torontal, Temes e Karasch.
Cando, a comezos do século XVIII, o Imperio Otomán empezou a decaer, o goberno comezou a vender a particulares feudos timar, que pasaban a ser propiedades hereditarias. Isto conduciu a unha certa reactivación económica, que favoreceu o xurdimento dunha minoritaria capa de propietarios cristiáns que, xunto con artesáns e mercadores, formaría a base sobre a que se ía asentar o desenvolvemento nacional dos pobos balcánicos na primeira metade do século XIX.
A Revolución Francesa supuxo un revulsivo para as minorías ilustradas eslavas, e tivo unha repercusión profunda, aínda que un algo tardía, nos Balcáns. No curso das guerras napoleónicas desapareceu o estado veneciano: o Véneto pasou a formar parte da República Cisalpina e Istria e Dalmacia pasaron a Austria (Paz de Campoformio, 1797) e, pouco máis tarde, a partir de 1805 (Paz de Presburgo), Istria, Dalmacia, Eslovenia e a Croacia occidental eran arrebatadas a Austria por Napoleón e incorporadas ao seu imperio, onde constituíron, desde 1809, as Provincias Ilirias. Durante varios anos (apenas seis), os habitantes destas rexións puideron familiarizarse cun sistema político e legal moi distinto do despotismo dos emperadores Habsburgo. Xurdiu o ilirismo, movemento que buscaba a recuperación do legado cultural esloveno e serbo-croata pero, tamén, a creación dunha nacionalidade común para os eslavos da antiga Iliria[11]. Tras a caída de Napoleón, no Congreso de Viena as cousas pareceron volver ao seu anterior estado. Pero no entanto, os pobos da península Balcánica comezaran a despertar do seu prolongado letargo.
Mentres os croatas intentaban recuperar o seu antigo autogoberno e loitaban por preservar a identidade nacional fronte á presión maxiarizadora, os serbios emprenderon unha longa guerra de liberación contra o ocupante otomán. No século XIX iniciáronse os movementos insurreccionais dos serbios. A primeira revolta serbia foi en 1804 pero, truncada nada máis nacer, provocou unha sanguenta represión otomá. Serbia era naquel momento teatro das loitas entre os rebeldes xanízaros, que se alzaran contra as reformas introducidas por Selim III, e as tropas imperiais. Aínda que en principio os serbios loitaban a favor do Sultán contra os xanízaros sublevados, non tardaron en xurdir os ideais independentistas.
Entre os seus xefes destacou Gjorgje Petrović, chamado Karagjorgje ("Xurxo o Negro"), un tratante de porcos que en 1805 convocou en Orašac unha Asemblea de xefes de aldea e popes rurais que o investiu como xefe nacionalista. Karagjorgje contribuíu decisivamente á vitoria do Sultán contra os xanízaros; o caudillo serbio pediu entón a concesión da autonomía para o seu país baixo garantía do goberno austríaco, cousa que non aceptou o Sultán. Tras as vitorias de Ivanovatz, Deligrad e, especialmente, Mišar (1806), os patriotas serbios conseguiron ocupar Belgrado e outras fortalezas do norte. Karagjogje solicitou sen éxito a axuda de Austria, aínda que obtivo apoio de Rusia. En decembro de 1808, Karagjorgje, animado polos seus triunfos, fíxose proclamar príncipe (knez) por unha Asemblea popular (Skuptstina). Isto provocou o desgusto do tsar. Finalmente, ante a ameaza dun ataque napoleónico, Rusia firmou a paz con Turquía en Bucarest (1812). Nicolao I abandonou a causa serbia a cambio dunha vaga promesa de autonomía.
Serbia encontrouse baixo a influencia de dúas grandes potencias, Rusia e Turquía, que a utilizaron como elemento negociador nas súas propias relacións. E así, no Tratado de Bucarest, só se concedeu a Serbia unha autonomía moi relativa. Isto provocou unha nova insurrección de Karagjorgje. Pouco despois, o exército otomán recuperaba o control do país sen que os rusos, ocupados en rexeitar aos franceses, auxiliaran aos patriotas. Os turcos entraron en Belgrado (1813) e Karagjorgje tivo que fuxir a Austria, mentres que os seus partidarios se refuxiaron nas montañas. As brutais represións exercidas sobre a poboación prenderon a mecha dunha nova sublevación, que estalou en abril de 1815 encabezada polo líder guerrilleiro Miloš Obrenović, que eliminou o seu rival, G. P. Karagjorgje, e derrotou aos turcos en Matsara. Os serbios conservarían o seu exército e a autonomía fiscal, política e relixiosa, e serían gobernados por un príncipe, vasalo do Sultán, e a Skuptstina.
Serbia convertíase a partir de 1830 nun principado autónomo dependente de Turquía, pero co protectorado de Rusia. Pese á súa axitada evolución interna, marcada polo enfrontamento entre as dinastías Obrenović e Karagjorgjević, os serbios foron capaces de ir ampliando en sucesivas etapas a súa reducida base territorial ao redor de Belgrado e de converter o seu pequeno país nun foco de difusión dos ideais paneslavistas que, baixo o amparo de Rusia, prendían en todas as nacionalidades eslavas. En Serbia despertaba nesta época un nacionalismo expansionista que tiña o seu principal animador en Ilija Garašanin, dirixente que propuxo en 1844 o Nacertanije, un programa de acción militar e idiomática que pretendía a creación dunha Gran Serbia que integrase a todos os estados balcánicos. Cando, en 1848, os serbios de Voivodina e Eslavonia fixeron causa común cos croatas contra os seus dominadores maxiares, Garašanin, ministro de Exteriores, apoiounos con armas e diñeiro, pero o goberno recoñeceu o dereito dos Habsburgo sobre a zona.
Os serbios do Imperio austríaco convocaron unha Asemblea Nacional en Sremski-Karlowatz (maio de 1848),[12] que pediu a independencia e a confirmación do voivoda Estevo Šupljikac. Como no caso de Croacia, as escasas concesións foron pronto anuladas. O Banato occidental pasou a formar parte da Serbia Voivodina, unha rexión autónoma serbia dentro da monarquía dos Habsburgo.
Despois das revolucións de 1848–1849, o Banato (xunto con Syrmia e Bačka) converteuse nunha nova provincia austríaca coñecida como Voivodato de Serbia e Banato, pero en 1860 esta provincia foi suprimida e a maior parte do seu territorio foi incorporado de novo ao Reino de Hungría.
Despois de 1871 a exfronteira militar situada nas partes meridionais do Banato quedou baixo administración civil e incorporouse aos condados do Banato. Krassó e Szörény uníronse en Krassó-Szörény en 1881.
-
Banato de Temesvar, provincia da Monarquía dos Habsburgo, en 1739
-
Voivodato de Serbia e o Banato de Temesvar (1849-1860)
-
Condados do Banato, Bačka e Srem despois de 1881
Século XX
[editar | editar a fonte]- Artigos principais: Guerras balcánicas, Primeira guerra mundial, Gran Romanía, Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos e Segunda guerra mundial.
En outubro de 1918, en Timişoara, proclamouse a independencia da República do Banato, que foi recoñecida polo goberno de Hungría. Porén, despois de só dúas semanas, tropas do Reino de Serbia invadiron a rexión, o que foi o final da efémera República. Desde novembro de 1918 a marzo de 1919, as partes centrais e occidentais do Banato rexíanse por unha administración Serbia desde Novi Sad, como parte da provincia Banato, Bačka e Baranja do Reino de Serbia e, despois, do novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (máis tarde Reino de Iugoslavia).
A raíz da declaración da Unión de Transilvania a Romanía o 1 de decembro de 1918 e a declaración de unificación do Banato, Bačka e Baranja con Serbia o 25 de novembro de 1918, a maior parte do Banato, en 1919, dividiuse entre o Reino de Romanía (todo o Krassó-Szörény, dous terzos de Temes e unha pequena parte de Torontál) e o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (a maior parte de Torontál e unha terceira parte de Temes). Unha pequena zona cerca de Szeged foi asignada á nova Hungría que acababa de independizarse de Austria. Estes límites foron confirmados polo Tratado de Versalles de 1919 e 1920 Tratado de Trianon.
Na disolución do Imperio Austrohúngaro, os delegados romaneses do Banato e algunhas comunidades alemás votaron pola unión con Romanía,[13][14] os delegados de comunidades serbias, de Bunjevac e outras comunidades eslavas e non eslavas (incluíndo algunhas alemás) votaron pola unión con Serbia,[Cómpre referencia], mentres que a minoría húngara mantívose leal ao goberno de Budapest. Á parte destas votacións, non se realizou, no Banato, ningún outro plebiscito.
-
República do Banato (1918)
-
División do Banato en 1919-1923
No curso da segunda guerra mundial, o 6 de abril de 1940, tropas alemás, italianas, húngaras e búlgaras invadiron o Reino de Iugoslavia e, en poucos días, o goberno capitulou (18 de abril).
Iugoslavia desapareceu, desmembrada entre os seus veciños. O III Reich, herdeiro dos pretendidos dereitos austríacos, anexionou o sur de Estiria e a parte de Carintia que estaban integradas en Eslovenia. Italia fixo realidade unha antiga aspiración incorporando a outra provincia eslovena, Carniola (incluíndo a cidade de Liubliana, capital de Eslovenia), máis unha boa parte do litoral dálmata (a zona entre Zadar [Zara] e Split [Spalato], pertencente a Croacia, e Kotor [Cattaro], de Montenegro) e a rexión de Kosovo (Serbia), que foi incorporada á súa colonia albanesa. Os búlgaros obtiveron a Macedonia iugoslava, excepto unha pequena porción que se uniu á Albania italiana (que ademais recupera a súa saída ao Exeo, a costa de Grecia), e os húngaros varias zonas fronteirizas do norte (o extremo oriental de Eslovenia, o triángulo formado entre os ríos Drava e Danubio, que pertencía a Croacia), máis Voivodina (a parte Serbia do Banato), aínda que esta baixo control militar xermano-italiano, ao igual que quedou Montenegro.
Sobre solo iugoslavo só permaneceron dous estados teoricamente independentes. Croacia, que rompera os seus lazos con Belgrado ao producirse a invasión, constituíuse como reino, con inclusión da Eslavonia oriental (que pasara anteriormente a Serbia), é dicir, todo o territorio entre o Sava e o Drava, até as aforas de Belgrado, e de Bosnia-Herzegovina (pero sen a parte do litoral dálmata que pasara a Italia). Foi proclamado rei un italiano, o príncipe Aimone de Aosta, que tomou o nome de Tomislav II (en honor do fundador do primeiro estado croata). Gobernada ditatorialmente polo Poglavnik (Caudillo) Ante Pavelić, Croacia uniu a súa sorte á do Eixe. E ao leste quedou unha reducida Serbia, que recobrou unha sombra de soberanía baixo a protección alemá e o goberno autoritario do colaboracionista xeneral Milan Nedić.
Como noutros lugares da Europa ocupada, as duras condicións impostas polos alemáns provocaron a aparición da resistencia antifascista, que foi adquirindo progresiva importancia na fixación de unidades inimigas na retagarda. Esta resistencia non tardou en manifestarse en Iugoslavia; ao principio, en forma de sabotaxes e, máis tarde, dun poderoso movemento guerrilleiro. Nun primeiro momento a iniciativa correspondeu aos chetniks, patriotas serbios monárquicos dirixidos polo coronel Draza Mihailović, que actuaban apoiados polos británicos. Pero, tras a invasión alemá da URSS, en 1941, foron os comunistas quen asumiron un maior protagonismo e mantiveron o peso dunha guerra sen cuartel. Dirixidos polo croata Josip Broz, Tito, foron capaces de organizar un auténtico exército regular, que recibiu o apoio dos aliados, e que foi quen de liberar por si mesmo a maior parte do territorio nacional. Como é lóxico —dada a situación— a loita guerrilleira tomou visos de auténtica guerra civil, na que croatas e serbios, fascistas, chetniks e comunistas se combatían con enorme ferocidade.
Na actualidade, o Banato repártese entre os condados de Timiş, Arad e Caraş-Severin, en Romanía; a provincia de Voivodina e o distrito de Belgrado, en Serbia; e o condado de Csongrád en Hungría.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Banato romanés
[editar | editar a fonte]En 1938 uníronse os condados de Timiş-Torontal, Caraş, Severin, Arad e Hunedoara para formar o Ţinutul Timiş, que abarca o Banato romanés. O 6 de setembro de 1950, a provincia foi substituída pola rexión de Timişoara (formada polos actuais condados de Timiş e Caraş-Severin). En 1956, a metade sur da rexión de Arad foi incorporada á rexión de Timişoara. En decembro de 1960, a rexión de Timişoara pasou a denominarse rexión do Banato.
O 17 de febreiro de 1968 fíxose unha nova división territorial e formáronse os condados de Timiş, Caraş-Severin e Arad. Desde 1998, Romanía dividiuse en oito rexións de desenvolvemento, que actúan como divisións territoriais autónomas. A rexión de desenvolvemento Vest está composta por catro condados: Arad, Timiş, Hunedoara e Caraş-Severin; polo tanto ten case as mesmas fronteiras que a provincia de Timiş de 1929. A rexión de desenvolvemento Vest forma parte da eurorrexión Danubio-Kris-Mures-Tisza. As minorías étnicas na rexión inclúen húngaros (5,6 % da poboación), serbios, croatas, búlgaros, ucraínos e outros.
A actual "rexión do Banato" de Romanía inclúe algunhas zonas montañosas que no formaron parte do Banato histórico ou da chaira panónica. O Banato romanés é montañoso no sur e sueste; no norte, oeste e suroeste é chán e, nalgúns lugares, pantanoso. O clima, excepto nas zonas pantanosas, é xeralmente san. Cultívanse en grandes cantidades trigo, cebada, avea, centeo, millo, liño, cánabo e tabaco, e os produtos dos viñedos son de boa cualidade. A riqueza mineral é grande, incluíndo cobre, estaño, chumbo, zinc, ferro e, especialmente, carbón. Entre os seus numerosos mananciais, os máis importantes son os de Mehadia, con augas sulfurosas, que xa eran coñecidas na época romana como as Termae Herculis (Băile Herculane).
Banato serbio
[editar | editar a fonte]O Banato serbio (Banato occidental) foi parte da Serbia Voivodina (1820) e do Voivodato de Serbia e o Banato de Temesvar (1849–1860). Despois de 1860, o Banato serbio formou parte dos condados de Torontál e Temes (Reino de Hungría).
A rexión foi unha das provincias (banovine) do Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, entre 1918 e 1922 (en 1918-1918) a provincia formou parte da de Banato, Bačka e Baranja) e, de 1922 a 1929, foi dividida entre os óblast de Belgrado e Podunavlje. En 1929, a maior parte da rexión foi incorporada á banovina do Danubio (Banato do Danubio, provincia do Reino de Iugoslavia, mentres que a cidade de Pančevo incorporouse ao distrito autónomo de Belgrado.
Entre 1941 e 1944 o Banato serbio foi ocupado, como vimos, polo Eixe. Formalmente era parte da Serbia de 1941-1944, pero en realidade era unha rexión autónoma practicamente independente gobernada pola minoría alemá. Desde 1945, o Banato serbio (xunto con Bačka e Syrmia), formou parte, primeiro, da República Socialista de Serbia (provincia autónoma de Voivodina, despois da República Socialista Federal de Iugoslavia e, finalmente, da República Federal de Iugoslavia. Máis tarde, a partir da disolución desta República, formou parte de Serbia e Montenegro e, desde 2006, da Serbia independente.
Os distritos (okruj) de Serbia no Banato son:
- Banato Norte (no que se inclúen os municipios de Ada, Senta e Kanjiža, que están situados na rexión de Bačka).
- Banato Central.
- Banato Sur.
O Banato serbio tamén comprende a zona coñecida como Pančevački Rit, que pertence ao municipio de Belgrado (Palilula).
Banato húngaro
[editar | editar a fonte]O Banato húngaro consiste nunha pequena parte do norte da rexión, que forma parte do condado de Csongrád. Ademais da poboación húngara hai unha pequena minoría de serbios (por exemplo, en Deszk e Szeged).
Demografía
[editar | editar a fonte]Todo o Banato
[editar | editar a fonte]- 1660–1666
En 1660–1666, os serbios vivían na parte oeste (chá) do Banato, mentres que os romaneses vivían na parte leste (montañosa)[15].
- 1743–1753
En 1743–1753, a composición étnica do Banato era a seguinte:[16]
- Tres distritos orientais con poboación romanesa: Lugoj, Caransebeş e Orşova.
- Tres distritos occidentais con poboación serbia: Veliki Bečkerek, Pančevo e Velika Kikinda.
- Seis distritos centrais con poboación mixta serbo-romanesa: Timişoara, Lipova, Vršac, Nova Palanka, Ciacova e Cenad.
De acordo con algunhas afirmacións, algúns húngaros que sobreviviron no período otomán vivían nas chairas aluviais dos ríos Timiş, Begej, Arauca e Mureş.[Cómpre referencia] De acordo con outras fontes, os húngaros estiveron case totalmente ausentes da rexión desde a primeira metade do século XVIII.[17] Até 1789 aos húngaros dos veciños condados (Csongrád, Batsch, Kiskunság, Békés etc.) non se lles permitiu establecerse no Banato.
- 1774
De acordo con datos de 1774, a poboación do Banato de Temesvar era de 375 740 habitantes, que se repartían así:[18]
- 220 000 (58,55 %) romaneses.
- 100 000 (26,61 %) serbios e gregos.
- 53 000 (14,11 %) alemáns.
- 2 400 (0,64 %) húngaros e búlgaros.
- 340 (0,09 %) xudeus.
- 1900
En 1900 a poboación de Banato alcanzaba 1 431 329 habitantes, incluíndo:[19]
- 578 789 (40,4 %) romaneses.
- 362 487 (25,3 %) alemáns.
- 251 938 (17,6 %) serbios.
- 170 124 (11,9 %) húngaros.
- 1910
De acordo co censo de 1910, a poboación da rexión do Banato (condados de Torontál, Temes e Krassó-Szörény) eran 1 582 133 habitantes, que se distribuían:[20][21][22]
- 592 049 (37,42 %) romaneses.
- 387 545 (24,50 %) alemáns.
- 284 329 (17,97 %) serbios.
- 242 152 (15,31 %) húngaros.
- Había tamén un pequeno número doutros grupos étnicos, como checos, eslovacos, croatas, rutenos, ucraínos, búlgaros etc.
Táboa de poboación
[editar | editar a fonte]Evolución da poboación da rexión do Banato en diferentes períodos
Ano | Total |
---|---|
1717 | 85 166 |
1743 | 125 000 |
1753 | 210 992 |
1774 | 375 740 |
1797 | 667 912 |
1900 | 1 431 329 |
1910 | 1 582 133 |
Banato romanés
[editar | editar a fonte]A evolución da poboación do Banato romanés (os condados deTimiş,[23][24] e de Caraş-Severin),[25][26] desde 188O até os nosos días foi a seguinte:
Ano | Total | Romaneses | Húngaros | Alemáns | Serbios | Romanís |
---|---|---|---|---|---|---|
1880 | 744 367 | 426 368 (57,3 %) | 37 586 (5,0 %) | 202 698 (27,2 %) | 46 983 (6,3 %) | s/d |
1890 | 812 799 | 446 816 (55,0 %) | 50 899 (6,3 %) | 233 006 (29,9 %) | 41 356 (5,1 %) | s/d |
1900 | 871 598 | 468 508 (53,8 %) | 78 656 (9,0 %) | 243 582 (27,9 %) | ,41 960 (4,8 %) | s/d |
1910 | 902 210 | 474 787 (52,6 %) | 109 873 (12,2 %) | 231 391 (25,6 %) | 44 598 (4,9 %) | s/d |
1920 | 822 639 | 450 817 (54,8 %) | 79 955 (9,7 %) | 208 774 (25,4 %) | s/d | s/d |
1930 | 878 877 | 473 781 (53,9 %) | 91 421 (10,4 %) | 215 031 (24,5 %) | 37 113 (4,2 %) | 16 471 (1,9 %) |
1941 | 898 262 | 505 448 (56,3 %) | 80 575 (9,0 %) | 213 840 (23,8 %) | s/d | s/d |
1956 | 896 668 | 589 369 (65,7 %) | 85 790 (9,6 %) | 137 697 (15,4 %) | 40 018 (4,5 %) | 9 309 (1,0 %) |
1966 | 966 322 | 674 062 (69,8 %) | 85 358 (8,8 %) | 133 197 (13,8 %) | 38 535 (4,0 %) | 6 769 (0,7 %) |
1977 | 1 082 461 | 796 007 (73,5 %) | 86 763 (8,0 %) | 119 972 (11,1 %) | 29 514 (2,7 %) | 15 755 (1,5 %) |
1992 | 1 076 380 | 886 958 (82,4 %) | 70 742 (6,6 %) | 38 658 (3,6 %) | 25 029 (2,3 %) | 22 612 (2,1 %) |
2002 | 1 011 145 | 859 690 (85,0 %) | 56 380 (5,6 %) | 20 323 (2,0 %) | 19 355 (1,9 %) | 23 998 (2,4 %) |
Banato serbio
[editar | editar a fonte]A evolución da poboación do Banato serbio desde 1910 até os nosos días foi:
Ano | Total | Serbios | Húngaros | Alemáns | Romaneses | Eslovacos |
---|---|---|---|---|---|---|
1910 | 566 400 | 229 568 (40,5 %) | 108 622 (19,2 %) | 125 374 (22,1 %) | 73 303 (12,9 %) | 16 223 (2,9 %) |
1921 | 559 096 | 235 148 (42,1 %) | 98 463 (17,6 %) | 126 519 (22,6 %) | 66 433 (11,9 %) | 17 595 (3,2 %) |
1931 | 585 579 | 261 123 (44,6 %) | 95 867 (16,4 %) | 120 541 (20,6 %) | 62 365 (10,7 %) | 17 900 (2,1 %) |
1948 | 601 626 | 358 067 (59,6 %) | 110 446 (18,4 %) | 17 522 (2,9 %) | 55 678 (9,3 %) | 20 685 (2,4 %) |
1953 | 617 163 | 374 258 (60,6 %) | 112 683 (18,4 %) | s/d | 55 094 (8,9 %) | 21 299 (3,4 %) |
1961 | 655 868 | 423 837 (64,6 %) | 111 944 (17,1 %) | s/d | 54 447 (8,3 %) | 22 306 (3,4 %) |
1971 | 666 559 | 434 810 (65,2 %) | 103 090 (15,5 %) | s/d | 49 455 (7,4 %) | 22 173 (3,3 %) |
1981 | 672 884 | 424 765 (65,7 %) | 90 445 (14,0 %) | s/d | 43 474 (6,7 %) | 21 392 (3,3 %) |
1991 | 648 390 | 423 475 (65,1 %) | 76 153 (11,7 %) | s/d | 35 935 (5,5 %) | 19 903 (3,1 %) |
2002 | 665 397 | 477 890 (71,8 %) | 63 047 (9,5 %) | 908 (0,1 %) | 27 661 (4,1 %) | 17 994 (2,7 %) |
Cidades
[editar | editar a fonte]As cidades máis importantes do Banato son:
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Ban". Digalego.xunta.gal. Consultado o 9 de agosto de 2019.
- ↑ Geoffrey Parker, The Reader's Companion to Military History, Houghton Mifflin Books Arquivado 16 de xullo de 2011 en Wayback Machine. The Battle of Kosovo: Early Reports of Victory and Defeat, by Thomas A. Emmert (en inglés) Consultada o 16/12/201.
- ↑ Harris, Jonathan (2010): The End of Byzantium. New Haven and London: Yale University Press. ISBN 978 0 30011786 8
- ↑ Imber, Colin (2002): The Ottoman Empire. London: Palgrave/Macmillan. ISBN 0 333 613872
- ↑ Andrew Archibald Paton, Researches on the Danube and the Adriatic; or Contributions to the modern history of Hungary and Translvania, Dalmatia and Croatia, Servia and Bulgaria, páx. 226 (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Nicoara Beldiceanu (1980): Le timar dans l'État ottoman (XIVe-XVe siècles) (en francés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ Halil Inalcik & Donald Quataert (1994): An economic and social history of the Ottoman empire: 1300-1914. Cambridge: Cambridge University Press.
- ↑ Brockett, L. P. Bogomils of Bulgaria and Bosnia. The Early Protestants of the East. (en inglés) Consultada o 16/12/2011.
- ↑ 9,0 9,1 Chisholm, Hugh, Encyclopædia Britannica (11ª ed.). Cambridge University Press.
- ↑ Smaranda Vultur, Do oeste ao leste e do leste ao oeste: os avatares identitarios dos franceses do Banato. "Visibles mais pas nombreuses: les circulations migratoires roumaines", Paris, 2001 (en francés) Consultada o 9/12/2011.
- ↑ Bundy, Frank J. (1988): The Administration of the Illyrian Provinces of the French Empire, 1809-1813. Taylor & Francis. ISBN 0-8240-8032-7
- ↑ Foi unha Asemblea Nacional dos serbios do Imperio austríaco, celebrada do 1 ao 3 de maio de 1848 en Sremski Karlovci, durante a cal los serbios proclamaron autónoma a Voivodina Serbia. Esta acción foi recoñecida posteriormente pola suprema autoridade austríaca en Viena. Esta Asemblea foi parte das Revolucións europeas de 1848
- ↑ http://www.cimec.ro/Istorie/Unire/rezo_eng.htm
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2011. Consultado o 10 de xaneiro de 2012.
- ↑ Dr. Dušan J. Popović, Srbi u Vojvodini, knjiga 2, Novi Sad, 1990.
- ↑ Dr. Dušan J. Popović (véxase arriba)
- ↑ Kocsis, Károly; Kocsis-Hodosi, Eszter (1998). Ethnic geography of the Hungarian minorities in the Carpathian Basin (en inglés). Budapest: Geographical Research Institute, Research Centre and Earth Sciences. p. 140. ISBN 978-963-7395-84-0. OCLC 49737692.
At the same time in Bánát and Syrmia the Hungarians were almost totally absent. In these border regions during the first half of the 18th century the Imperial Court, primarily the Imperial War Council in Vienna, prevented the return of Hungarians
- ↑ Miodrag Milin, Vekovima zajedno (iz istorije srpsko-rumunskih odnosa), Temišvar, 1995.
- ↑ Banatul.com - History and Information about Banat, Serbia and Banat, Romania
- ↑ "Torontál County". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2008. Consultado o 10 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Temes County". Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2006. Consultado o 10 de xaneiro de 2012.
- ↑ "Krassó-Szörény County". Arquivado dende o orixinal o 29 de marzo de 2008. Consultado o 10 de xaneiro de 2012.
- ↑ Ethnic composition of the Timiş County (1850-1992)
- ↑ Recensământ 2002, Census 2002: Timiş County Arquivado 26 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
- ↑ Ethnic composition of the Caraş-Severin County (1850-1992)
- ↑ Recensământ 2002, Census 2002: Caraş-Severin County Arquivado 26 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Banato |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Wolf, Josef (2004): Entwicklung der ethnischen Struktur des Banats 1890–1992 (Atlas Ost- und Südosteuropa / Hrsg.: Österreichisches Ost- und Südosteuropa-Institut; 2: Bevölkerung; 8 = H/R/YU 1, Ungarn/Rumänien/Jugoslawien). Gebr. Borntraeger Verlagsbuchhandlung, Berlin – Stuttgart. ISBN 3-443-28519-8
- Wolf, Josef (2006): Das Banat als historische Region, Thede Kahl, Michael Metzeltin, Mihai-Răzvan Ungureanu (ed.), Rumänien. Raum und Bevölkerung. Geschichte und Geschichtsbilder. Kultur. Gesellschaft und Politik heute. Wirtschaft. Recht und Verfassung. Historische Regionen, (= Österreichische Osthefte; 48). Wien / Münster. ISBN 3-7000-0593-8
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- E. Schweizerbart Desenvolvemento da estrutura étnica no Banato 1890 - 1992 (en inglés) Consultada o 10/1/2012.
- Smaranda Vultur, De l’Ouest à l’Est et de l’Est à l’Ouest : les avatars identitaires des Français du Banat (en francés) Consultada o 10/1/2012.
- Remembering Molidorf (en varias linguas) Consultada o 10/1/2012.
- Informacións sobre os alemáns do Danubio (en varias linguas) Consultada o 10/1/2012.
- Donauschwaben Villages (Vilas dos alemáns do Danubio) (en inglés) Consultada o 10/1/2012.
- Informacións sobre o Banato (en inglés) Consultada o 10/1/2012.