Selim III

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Selim III
Nacemento24 de decembro de 1761
Lugar de nacementoIstambul
Falecemento29 de xullo de 1808
Lugar de falecementoConstantinopla
Causaferida de arma branca
SoterradoMustafa III Mausoleum
NacionalidadeImperio Otomán e Turquía
RelixiónSunnismo
Ocupacióncompositor e Sultán
PaiMustafa III
NaiMihrişah Valide
CónxuxeSafizar Kadın, unnamed senior consort of Selim III, Zibifer Kadın, Tabısafa Kadın, Refet Kadın, Nuruşems Kadın e Hüsnümah Kadın
IrmánsHatice e Emine
Na rede
Musicbrainz: 1ab5a8c5-4693-43e4-809d-353990423938 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Selim III (en turco otomán: سليم ثالث Selīm-i sālis), nado en Istambul o 24 de decembro de 1761 e finado na mesma cidade o 28 ou o 29 de xullo de 1808, foi un sultán do Imperio Otomán de 1789 a 1807.[1] Foi fillo de Mustafa III (1757-74) e sucedeu o seu tío Abdülhamid I (1774-89).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos: reformas[editar | editar a fonte]

Subiu ao trono otomán o 6 de abril de 1789, nun momento de crise para o imperio.[2] Este perdera os territorios ao norte do Danubio agás os principados do Danubio en 1699 (Tratado de Karlowitz) e estaba ameazado pola expansión rusa, reflectida pola cesión de territorios bañados polo mar Negro no Tratado de Küçük Kaynarca de 1774.[2] Os plans de Catarina de Rusia de desmembrar o imperio e crear no seu lugar un novo estado grego suscitaran unha nova guerra que dende 1787 libraban os otománs contra Rusia e Austria, que non concluíu ata 1792.[2] Para entón os rusos ocuparan Besarabia e Moldavia e aos poucos meses venceron aos otománs nas batallas de Focșani, Rymnik e Belgrado.[2] Para evitar a derrota total, Selim pactou cos austríacos a Paz de Sistova (1791) e, deseguido, concentrouse en combater os rusos, cos que asinou finalmente a paz de Iași (1792).[2] Como consecuencia dos dous tratados, a fronteira imperial quedou fixada ao longo do Sava e do Danubio no oeste dos Balcáns e no Dniestr no leste.[2] Os otománs perderon as terras entre este e o río Bug, mais conservaron Serbia, Bosnia e os principados do Danubio.[2]

Durante a guerra, os xanízaros demostraron ser incapaces de vencer os exércitos europeos, máis modernos, mais negáronse a aceptar as reformas que desexaba implantar o sultán.[2] Contaban aínda co apoio de elementos conservadores, de suficiente forza para facer desistir o monarca.[3] Por entón formaban aínda o groso do exército regular otomán.[4] Incapaz de renovar as unidades xanízaras, Selim optou por formar un exército moderno paralelo, o Nizam-ı Cedid, co obxectivo de desfacerse, chegado o momento, dos xanízaros.[4] Formalmente, a nova unidade creouse o 14 de maio de 1792, aínda que existía xa de xeito oficioso dende meses antes.[5] Estas tropas estaban tan ben organizadas que foron capaces de defenderse contra os xanízaros rebeldes nas provincias europeas, onde os gobernadores descontentos non dubidaron en empregalos como arma de lanzamento contra o novo sultán reformista. A reforma militar comezou en 1792 e en 1807 o sultán contaba xa con vinte e dous mil cincocentos soldados adestrados segundo o modelo europeo.[1]

O talento e a enerxía cos que estaba dotado fixo que o pobo depositase as súas esperanzas na súa ascensión ao trono. Foi fortemente persuadido da necesidade dunha reforma no seu estado.

Guerras e rebelións[editar | editar a fonte]

Entre 1798 e 1802, participou nas guerras napoleónicas aliado co Reino Unido e Rusia contra Francia, como consecuencia das invasión francesa de Exipto e Siria.[6]

En 1806, Rusia invadiu novamente os principados do Danubio, o que desencadeou outra longa guerra co imperio veciño, que durou ata 1812.[6]

Ademais das guerras contra potencias estranxeiras, o sultán houbo de afrontar o xurdimento de caudillos e movementos rebeldes que dominaban distintas rexións do imperio: Alí Paxá no sur de Albania e o Epiro; Pazvantoğlu de Vidin na Bulgaria occidental, parte de Valaquia e Serbia; Ismail Aga e logo Alemdar Mustafa Bakha en Ruse, que dominaban como señores o centro e o leste de Bulgaria e parte da Tracia oriental; a familia Karaosmanoglu que dominaba o suroeste de Anatolia; os Chapanoglu da meseta anatolia; os rebeldes janikli Tayyar Paxá e Battal Paxá no nordeste do imperio; Cezzar Ahmed Bajá no Levante; Suleyman Bakha o Grande de Iraq; o movemento wahabí-saudita, que se fixera con gran parte de Arabia, incluídas as dúas cidades sagradas do islam; e Murad Bey e Ibrahim Bey en Exipto.[6] En 1802, Serbia tamén se alzou.[6]

Os rebeldes estorbaban a recadación de impostos e obrigaban o goberno otomán a sufragar onerosas expedicións para sometelos.[6] As reformas enfrontábanse ademais coa hostilidade de gran parte da poboación, reaccionaria.[7]

Frustrado nos seus esforzos reformistas, o sultán foise sumindo cada vez máis na apatía.[7] Para dominar o Goberno, favoreceu ademais as disputas entre as distintas faccións reformistas, o que debilitou aínda máis as transformacións.[7] Ante calquera oposición firme, o soberano cedía.[7]

Declive[editar | editar a fonte]

Retrato de Selim III

Selim III ordenou en xullo de 1807 que no futuro se debería seleccionar anualmente un certo número de homes de entre os xanízaros para servir nos seus exércitos.[1] O sultán aceptou disolver o novo exército, cedendo de novo ante os conservadores.[1][7] Os xanízaros alzáronse novamente nunha revolta, impulsaron o shayj al-islam a promulgar unha fatwa contra as reformas, destronaron e apresaron a Selim III, e situaron o seu sobriño Mustafa no trono, que pasou a tomar o nome de Mustafá IV (1807-08).[1][7] Selim quedou preso no harén do palacio.[1]

O paxá de Ruse, Mustafa Bayrakdar, un importante partidario das reformas, reuniu un exército de corenta mil soldados que marcharon ata Constantinopla co propósito de restaurar a Selim III.[1] Porén, chegaron moi tarde, pois o sultán reformista foi apuñalado polo eunuco negro xefe e os seus homes,[8] así que o único recurso de Bairakdar foi dirixir a súa vinganza contra Mustafa IV e situar no trono a Mahmud II (1808–39), o único membro sobrevivente da casa de Osman.[1][nota 1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segundo Brewer, Selim foi estrangulado cun cordel de seda, non apuñalado.[1] Mahmud tamén debía ser asasinado, mais logrou fuxir.
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Brewer 2001, p. 102.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Stanford 1965, p. 291.
  3. Stanford 1965, pp. 291-292.
  4. 4,0 4,1 Stanford 1965, p. 292.
  5. Stanford 1965, p. 295.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Stanford 1965, p. 303.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Stanford 1965, p. 304.
  8. Goodwin, Jason: "Lords of the Horizons", Capítulo 24: The Auspicious Event, 1998

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Abdülhamid I
Sultán otomán
1789–1807
Sucesor:
Mustafá IV