Dacia (provincia romana)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Provincia de Dacia no Imperio romano.

Dacia é unha antiga rexión europea, cuxo territorio coincide con Romanía e Moldavia, delimitada ao norte polos Cárpatos e ao sur polo Danubio. A rexión foi conquistada polo Imperio romano tras as Guerras Dacias na primeira década do século II (anos 100) e incorporada ao mesmo como provincia romana.

Os seus habitantes foron denominados xetas polos gregos, mentres que o nome latino era o de dacios. Suponse que proviñan dos tracios.

Conquista romana[editar | editar a fonte]

No 87, o emperador Domiciano decidiu enviar ao seu prefecto e xefe da Garda Pretoriana, chamado Cornelius Fuscus, a castigar e conquistar aos dacios con catro ou cinco lexións (entre estas a V Alavdæ), as cales caeron nunha emboscada e foron vencidas en Tapae (preto da actual Bucova). En tal combate pereceu o propio Fuscus. Foi tras esta vitoria que Dirpanneus, transliterado como Dirpaneo (como até entón o chamaban os romanos), trocou o seu nome polo de Dekebal, cuxo significado sería: forte como dez (homes).

Influencia romana en azul, influencia dos dacios ceibes en vermello (aproximativo e variable).

No 88, Tettius Iulianus comandou outro exército romano que foi novamente derrotado na zona de Tapae. Case ao mesmo tempo, os xermanos rebeláronse na fronteira do Renvs (Rin) e para frealos o Imperio Romano debeu distraer forzas dende a Moesia, forzas que estaban até ese intre encargadas de reprimir aos dacios. Ante tal conxuntura, os romanos víronse forzados a comprar a paz aos dacios mediante o pago de importantes sumas de diñeiro en forma de tributo. Os romanos mesmo deberon enviar enxeñeiros e arquitectos para embelecer e fortalecer a capital dacia en Sarmizegetusa (tratado do ano 89). A situación humillante para os romanos durou ata que o hispano Traxano accedeu ao título de emperador no 98, quen inmediatamente dispuxo unha serie de moi ben concertadas campañas militares que levaron ao Imperio Romano a acadar a súa máxima extensión xeográfica.

Diupanneo-Decébalo foi entón derrotado polos romanos, quen invadiron a Dacia logo da terceira batalla de Tapae ocorrida no 101. Con todo, os romanos impuxeran un rei monicreque ("cliente") para os dacios baixo "protectorado" romano; tres anos despois Decébalo venceu novamente ás tropas romanas establecidas en Dacia, co que os romanos víronse obrigados a enviar enormes reforzos.

Logo dun prolongado asedio a Sarmizegetusa e unha longa guerra, os romanos conquistaron Dacia. Tras ser capturado e aprisionado polos soldados romanos, Diupanneo-Decébalo viuse obrigado a suicidarse no ano 106.

O emperador Traxano converteuna nunha provincia romana tras as vitorias obtidas nas campañas coñecidas como Guerras Dacias, que tiveron lugar no período comprendido entre (101-102) e (105-107). Dos 2 millóns de dacios preto de 500 mil foron vendidos como escravos.

Ordenación territorial[editar | editar a fonte]

A ordenación territorial da nova provincia foi definida só no 117 polo emperador Hadriano.

Rexeitando algunhas franxas do territorio conquistado polo seu predecesor, Hadriano dividiu a zona en dúas provincias: Dacia Inferior e Superior (máis ou menos correspondentes ás actuais Oltenia e Transilvania), das que no 159 separouse unha terceira unidade administrativa no norte, a Dacia Porolisense, pasando a chamarse as outras dúas Dacia Apulensis e Dacia Malvensis, cun gobernador á fronte, antes de reunificarse no 168 nunha provincia única baixo Marco Aurelio.

As subdivisións facíanse en función da eficiencia defensiva: máis ben contrario á política expansionista de Traxano, Hadriano decatouse dos delicados problemas xurdidos coa nova adquisición territorial que, penetrando no territorio bárbaro alén do límite natural do Danubio, corría o risco de converterse nunha zona de tensión, máis que nun reforzo das posicións romanas nos Balcáns. Ademais, como consecuencia da súa posición xeográfica, a provincia seguía descentrada respecto das arterias do tráfico do Imperio.

A capital foi Sarmizegetusa, inicialmente chamada Ulpia Traiana, e fundada como colonia a 30 km ao norte do oppidum dacio. Outras cidades desenvolvéronse gradualmente ao redor dos emprazamentos militares: na Dacia Superior, Apulum, Napoca, Potaissa, Porlissum, e na Dacia Inferior, Romula e Drubeta.

Recursos naturais[editar | editar a fonte]

Os principais recursos naturais da provincia, abondosamente explotados polos romanos, foron o sal e a minería, especialmente o ouro, até o punto de que se di que tras a anexión da Dacia procedeuse a unha rebaixa de impostos en todo o Imperio.

Repoboamento e colonización[editar | editar a fonte]

Guerreiro dacio no Arco de Constantino, procedente do Foro de Traxano

Debido á súa propia situación xeográfica e estratéxica, así como á importancia económica do territorio, a provincia de Dacia non quedou como unha mera avanzada de fronteira, senón que requiriu unha intensa colonización, que foi incentivada polo goberno. Unha fonte tardía fala de innumerables colonos chegados de todo o Imperio. De feito, unha rica documentación epigráfica confirma que a provincia tiña unha poboación cosmopolita.

O proceso de colonización durou 165 anos. A destrución das cidades dacias e a reconstrución segundo o modelo urbanístico da cidade romana, así como a introdución do latín como lingua oficial, aceleraron o proceso de romanización e, posteriormente, da cristianización. Nas cidades, os veteranos de guerra licenciados das lexións contribuíron igualmente á difusión da cultura e civilización romanas.

O abandono da provincia[editar | editar a fonte]

Co proceso das invasións bárbaras a partir do século III, as tribos xermánicas exerceron presión sobre as provincias fronteirizas do Imperio romano, á vez que os recursos militares do Imperio comezaban a estar sobrecargados. De feito, aínda que o emperador Aureliano logrou derrotar aos godos na zona no 271, tomou a decisión de abandonar a provincia, iniciando ese mesmo ano a evacuación do Exército romano e da administración civil cara á provincia de Moesia, evacuación completada no 272.

Descubrimento das antigüidades romanas[editar | editar a fonte]

As antigüidades romanas de Transilvania foron os primeiros testemuños arqueolóxicos de Romanía que suscitaron interese na época moderna.

A historia dos estudos comezou no século XV, cando a rexión en parte pertencía ao reino de Hungría. As ruínas de Sarmizegetusa, aínda visibles, xurdían a pouca distancia do castelo de Hunedoara, unha das residencias do rei Matías Corvino. A súa corte era unha das máis brillantes de Europa e acollía a diversos humanistas, co que ao advertir os restos comezouse a recoller as inscricións e a transcribilas. A obra destes primeiros eruditos forma parte da historia xeral da cultura, máis que da arqueoloxía.

De feito, os intereses dos anticuarios contribuíron tamén a destruír os derradeiros restos das cidades romanas que aos poucos eran redescubertas, xa que deron lugar a espoliacións masivas. O fenómeno medrou entre o século XVIII e o XIX, cando os descubrimentos de Transilvania foron engrosar as coleccións imperiais de Viena, mentres que no Principado de Valaquia formábanse, segundo o modelo da Europa occidental, as primeiras coleccións aristocráticas. En Transilvania, a máis importante era a do barón Brukenthal, primeiro núcleo do Museo de Sibiu.

Ferdinando Marsigli (1658-1730) foi un enxeñeiro militar de Bolonia que percorreu Transilvania, Hungría e Valaquia co exército austríaco co encargo de precisar os límites das provincias anexionadas facía pouco ao Imperio austrohúngaro tras as guerras austro-turcas. Marsigli rexistrou e debuxou todas as antigüidades que se atopou, compilando un mapa arqueolóxico do que saíron varias edicións. Traballo útil aínda debido aos restos que documentou e que foron destruídos posteriormente.

En 1843 foi fundado o Museo de Bucarest concibido non como pura colección de arte, senón como recolección sistemática do material arqueolóxico. Na segunda metade do século XIX comezan as escavacións nas cidades da Dacia meridional, realizadas por Grigore Tocilescu, cuxo nome está vencellado á publicación do monumento triunfal de Adamclisi en Dobruia.

Sarmizegetusa[editar | editar a fonte]

Declarada zona de interese nacional e sustraída así das rapinas dos buscadores das antigüidades, a Sarmizegetusa romana foi obxecto de escavacións sistemáticas a partir de 1924. Hai poucos vestixios, mais foi posible precisar máis ou menos a súa extensión. Fundada sobre terreo virxe, tiña unha planta regular, case cadrada, e estaba amurallada. Posteriormente, construíronse fóra da cidadela un anfiteatro e algúns templos.

No centro da cidade acháronse o foro e un vasto edificio anexo, que unha inscrición permitiu identificar coa sede do colexio dos augustais, os sacerdotes municipais encargados do culto ao emperador. O edifico é posterior ao foro, que se remonta á fundación de Sarmizegetusa.

No lado sur do Foro, unha serie de tendas foron transformada nunha sala basilical, dende a que se accedía ao complexo adxacente. O acceso principal á sede dos augustais estaba no lado oposto e daba a un gran patio cun altar no centro. De alí, a través dun pórtico, pasábase a un segundo patio máis pequeno, cuxo lado posterior estaba bordeado por un corpo de edificación cunha fachada monumental de arcadas cegas, que comunicaba coa sala basilical do foro e estaba subdividido nunha serie de estancias; a central facía de templo.

O complexo está inspirado na arquitectura militar, xa que representa, na distribución dos ambientes que gravitan sobre o patio interior, a planta típica do pretorio castrense. Por dimensións e dignidade arquitectónica é o máis notable dos identificados na cidade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]