Historia urbana de Barcelona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Plano de Barcelona (1806) coa Cidadela e a Barceloneta; dividindo a cidade amurallada en dúas; les Rambles.

A historia de Barcelona esténdese ao longo de 4.000 anos, desde finais do neolítico, cos primeiros restos atopados no territorio da cidade, até a actualidade. O substrato dos seus habitantes une os pobos íberos (da tribo dos laietanos), cartaxineses, romanos, xudeus, visigodos, musulmáns e cristiáns. Con todo, e tendo en conta a presenza de vestixios de asentamentos íberos e cartaxineses, o verdadeiro nacemento de Barcelona como cidade tivo lugar en época romana, evolucionando desde o seu primeiro momento de esplendor até converterse nun dos principais portos do mar Mediterráneo occidental, chegando na idade media a primacía sobre o resto dos condados cataláns e converténdose en capital da Coroa de Aragón. Logo da unión do reino de Aragón coa coroa de Castela, malia perder a capitalidade Barcelona mantivo unha posición de gran relevancia no desenvolvemento político, social e económico do estado español. Na actualidade, acontecementos como os Xogos Olímpicos de 1992 ou o Fórum Universal das Culturas 2004 situaron Barcelona como unha cidade mundialmente recoñecida e loada, importante foco turístico e cultural, así como centro financeiro e de congresos de recoñecido prestixio.

Historia[editar | editar a fonte]

Orixes[editar | editar a fonte]

Territorio dos laietanos.

As orixes da cidade de Barcelona son confusas. Antes da romanización da península Ibérica, a área de Barcelona e zonas colindantes entre os ríos Llobregat e Besòs conserva restos de finais do neolítico e principios do calcolítico. Os primeiros asentamentos permanentes datan dos séculos VII e VI a.C., cando o pobo íbero dos laietanos ocupaba a zona. Hai constancia de dúas poboacións veciñas cara aos séculos III e II a.n.e., ambas as dúas con certa actividade comercial: Barkeno, situada sobre el monte Tàber (Ciutat Vella) e Laie (ou Laiesken), situada posiblemente na aba da montaña de Montjuïc[1]. Ao parecer había tamén un pequeno poboado grego chamado Καλλίπολις (Kallípolis, "cidade fermosa"), aínda que non está clara a súa localitación. Atopáronse dúas cecas deste período. Entre os séculos III e II a.n.e. circularon dracmas de imitación ampuritana, coa lenda íbera Barkeno. Laiesken acuñou tamén moedas de uso común durante o primeiro período romano[2].

Durante a Segunda Guerra Púnica (218-202 a.n.e.), Cartago, liderado por Aníbal, ocupou a poboación no curso da súa marcha cara aos Pirineos logo de cruzar o río Ebro, que eraaté entón a fronteira do dominio cartaxinés. Por este motivo, en ocasión adoita sinalarse a data desta ocupación (218 a.n.e.) como a de fundación da cidade.

Lendas sobre a súa fundación[editar | editar a fonte]

Hai dúas lendas destacadas sobre a orixe da cidade:

A lenda de orixe romana atribúe a fundación a Hércules (Heracles na mitoloxía grega), 400 anos antes da fundación de Roma. Cóntase que Hércules, despois da cuarta proba, uniuse aos argonautas liderados por Xasón na procura do vélaro de ouro, cruzando o Mediterráneo en nove naves. Unha tormenta dispersa a flota preto da costa catalá, e consiguen reagrupar todos os barcos agás un. Xasón encárgase xunto a Hércules de buscar o noveno navío, e descobren o naufraxio da Barca Nona (novena) ao pé dun outeiro (Montjuïc). Aos tripulantes gústalles tanto o lugar que coa axuda de Hércules e Hermes fundan unha cidade co nome da Barca Nona, Barcanona. Esta historia representa unha variación do mito orixinal en que o vélaro se atopana en Cólquida, un territorio situado no Cáucaso (actualmente parte de Xeorxia), mais segundo a adaptación da mitoloxía romana de Heracles a Hércules, os feitos localízanse na parte occidental do Mediterráneo.

A lenda da orixe cartaxinesa di que foi fundada por Amílcar Barca, pai de Aníbal, cara ao 230 a.n.e co nome de Barkenon, Barcelino ou Barcia Nova en relación coa súa liñaxe. Esta etimoloxía tamén é atribuída ao propio Aníbal Barca.

Outra versión relaciona as dúes lendas mediante unha fundación de Hércules e unha reconstrución posterior por parte de Amílcar. En calquera caso, estas orixes están baseadas en conxeturas sen base arqueolóxica nin histórica, e foron propostas por historiadores medievais do século XV como Pere Tomic ou Jeroni Pau. A orixe etimolóxica está ben funamentada no topónimo laietano e ibérico, e é defendido por lingüístas e etimólogos recoñecidos como Joan Coromines.

Fundación romana[editar | editar a fonte]

Plano de Barcino superposto ao plano actual do Barrio Gótico.

No 15 a.C., a romanización progresiva dos asentamentos iberos termina coa refundación no lugar do Táber da Colonia Iulia Augusta Faventia Paterna Barcino[3]. Eran apenas 12 hectáreas arrodeadas por 1,5 quilómetros de muralla con cardo e decumano máximos cruzándose no foro (a carón da actual Praza de Sant Jaume[4]), onde se erixía o templo de Augusto, e catro portas nas principais direccións.

O auxe de Barcino acadouse nos séculos II e III (ata 8.000 habitantes). Contaba con acuedutos e termas e a muralla reforzouse fortemente (81 torres de 18 m) entre o ano 270 e o 300, nunha obra que falaba da relevancia da cidade, que rivalizaba mesmo con Tarraco[5].

A decadencia do poder imperial romano foi substituída polo fortalecemento do cristianismo. A finais do século IV documéntanse xa bispos e iníciase a construción dun templo paleocristián: basílica da Santa Cruz, con baptisterio e pazo episcopal, orixe da actual catedral, xunto a muralla. O centro de poder trasládase así ao nordeste do recinto intramuros dende o foro, que comeza a ser abandonado[6].

Período visigodo e musulmán[editar | editar a fonte]

No 415 os visigodos de Ataúlfo e Gala Placidia establecen unha modesta corte en Barcino como capital do seu futuro reino na Península Ibérica, só uns meses ata en catro ocasións nos séculos seguintes, posiblemente pola súa situación e forte muralla. De culto arriano, desprazarán da basílica aos católicos indíxenas, orixe da igrexa de San Xusto e Pastor ao sur do foro. Pero contra o ano 600, no canto da existente e xa convertidos, os visigodos van construír en dous tempos unha nova basílica onde se celebran dous concilios[7]. Seica xunto ao complexo episcopal estaba o pazo condal do delegado rexio, co poder militar e civil da que xa era coñecida por Barchinona.

No 718 produciuse a conquista musulmá e no 985 o saqueo e incendio da cidade por Almanzor. Entremedias, dende o 801, un bastión de fronteira na Marca Hispánica do Imperio Carolinxio. Edifícase un novo pazo condal (século IX) sobre o visigodo e os condes van ser cada vez máis independentes.

Esplendor da Barcelona condal[editar | editar a fonte]

Situación da catedral románica (século XI, en vermello) respecto á catedral gótica (s.XIV).

Xa en 1046 dan inicio as obras dunha catedral románica en substitución da destruída por Almanzor. A economía comeza unha progresiva recuperación da man do comercio nas feiras e as vías marítimas. Fóra das murallas aparecen xunto as portas arrabaldes ben desenvolvidos arredor de igrexas e mosteiros (o Mercadal e Vilanova do Mar, el Pi, os Arcos Antigos.[8] Os primeiros conventos foron os das ordes militares, despois viñeron franciscanos e dominicos (Santa Catarina). Na segunda metade do século XIII, Pedro o Grande manda erixir unha muralla defensiva arrodeando o conxunto (150 hectáreas). Polo oeste o límite será a canle dun arroio (riera, actuais Ramblas).

Dende 1162 a cidade era ademais residencia real da coroa de Aragón. O pazo condal foi ampliado (Palau Reial Maior), trasladándose o episcopal á porta norte da muralla romana. O corazón da actividade urbana era entón o "Mercadal" coa praza do mercado (Plaça del Blat) fronte a antiga porta leste. De alí partía a rúa do mar (Argenteria), con artesáns, mercadores e comerciantes, ata o barrio da Ribera, cos mariñeiros e pescadores e onde uns primeiros estaleiros (drassanes) anunciaban o futuro inmediato de Barcelona.

Potencia do Mediterráneo[editar | editar a fonte]

Santa María do Mar

No século XIV[9], con Xaime II de Aragón e Pedro o Cerimonioso, a cidade acada a súa máxima expansión marítima. Novos estaleiros (Reials Drassanes) e Lonxa fornecen o axetreo do porto[10]. A muralla complétase na segunda metade do século, cercando tamén o arrabalde do oeste (Raval).

A prosperidade procura os fondos precisos para desenvolver un ambicioso plan construtor. O estilo vai ser o gótico pero con características idiosincrásicas que fan lexítimo falar dun gótico catalán. Unha nova catedral, erixida canda a vella románica, será o seu magnífico estandarte [11]. Outro exemplo, sinxelo e soberbio, é a igrexa dos mariñeiros, Santa Maria del Mar, no barrio de Vilanova, a carón do barrio da Ribera.

Do gótico civil destacan, ademais das anteditas Drassanes e a lonxa, o Pazo Real, que continúa a ampliarse (capela de Santa Ágata [12] e o impoñente Saló del Tinell) en torno á Plaça del Rei.[13] Por outra banda, a casa do concello (Casa de la Ciutat co Saló de Cent) e o xerme do Palau da Generalitat comezan a configurar a futura Plaça de Sant Jaume (século XIX), xusto no centro da cidade histórica.[14]

Evolución da liña de costa en Barcelona.

Despois de que a peste negra decimase a poboación apareceu a decadencia. O século XV foi o da consecución dun porto a altura da importancia marítimo comercial da cidade. Coa construción dun dique ata a illa de Maians (1477) comezaba o abrigo definitivo do fondeadoiro da costa sempre exposto aos temporais de levante. O efecto secundario foi a acumulación de limos do río Besós no leste do dique, que foi creando unha península de futura significación urbana.[15][16]

Séculos de estancamento[editar | editar a fonte]

O matrimonio dos Reis Católicos e o descubrimento de América van estancar a economía barcelonesa. Agora Aragón é parte da coroa española [Cómpre referencia] e o océano Atlántico (Cádiz e Sevilla) vai substituír o Mediterráneo na primacía comercial (35.000 h en 1150, 20.000 en 1492, 36.000 en 1715). Barcelona manterase ata o século XIX nas murallas medievais, que se reforzan con bastións renacentistas.[17] A vella muralla romana foise subsumindo en construcións aledañas.

Trala final da Guerra de Sucesión coa capitulación de Barcelona e a perda dos foros, en 1716 o rei Filipe V ordena a construción da maior cidadela de Europa, a Ciutadella, para o control da cidade. Derrúbase gran parte do barrio de Ribera e para os pescadores desaloxados planificarase despois (1753) o barrio da Barceloneta no recheo ao sur que tiña provocado o dique do porto.[18]

Por outra banda, no interior da vila, o tramo das vellas murallas de Pedro o Grande é substituído progresivamente (1777-1854) por un paseo arborado, la Rambla. Ademais de se converter no principal da cidade, pola súa posición central vai xogar un papel fundamental na articulación do conxunto urbano, ao permitir o pleno remate do Raval, que ata entón aínda persistía con hortas. No contorno do paseo, e como consecuencia da desamortización de 1835, aparece a Plaça Reial (1848) no lugar do convento dos Capuchinos, e o Mercado da Boquería no canto dos Carmelitas Descalzos.

O Eixample de Cerdà[editar | editar a fonte]

Plan Cerdà, 1859.

Barcelona estaba a crecer dende a fin do século XVIII coa aparición dunha cada vez máis puxante industria téxtil.[19] O ferrocarril comezou a súa andaina en 1848. Aínda pechada nas murallas históricas a cidade non daba máis de si. Foron derrubadas en 1854 á vez que o enxeñeiro Ildefons Cerdà presentou un ambicioso e coidado plan de eixample que permanece como un dos paradigmas do tipo na historia do urbanismo.[20]

Sobre unha cuadrícula hipodámica de 7,5 km² trázanse grandes eixos que comunican a cidade coa rexión circundante: Diagonal e Paralelo co val do Llobregat, Meridiana co do Besós e Gran Vía tanxente a cidade histórica e paralela ao mar.[21] As mazás, de 113 metros de lado, contan con cadanseus chafráns co fin de facilitaren o tránsito nos cruceiros, onde se crean pequenas prazas octogonais.[22] Deseñadas por Cerdá abertas con xardín interior, co tempo foron enchéndose pola especulación das parcelas.

As zonas verdes previstas non chegaron a se realizar na súa maior parte pero, en compensación, o derrubamento da odiada Ciutadella en 1868 deu lugar ao parque homónimo. Tampouco prevista no plan inicial, a Plaça de Catalunya (1892) serviu de gonzo entre a cidade medieval e o grande ancheamento configurándose como novo centro urbano. Dúas avenidas parten dela cara á poboación de Gràcia ao norte (anexionada xunto a outros cinco concellos veciños en 1897), a Rambla de Catalunya continuando o eixo de les Rambles e o Passeig de Gràcia, o gran bulevar da rica burguesía do cambio de século [23][24].

Unha segunda compoñente do Plan Cerdá era a reforma da cidade vella coa apertura de grandes vías no seu heteroxéneo tecido. Só a Via Laietana, e cincuenta anos despois (1908-1812), comezou a facerse realidade.[25]

Do modernismo ás grandes exposicións[editar | editar a fonte]

O estilo arquitectónico que vai expresar o novo status será o modernismo catalán (tamén unha variante idiosincrásica do movemento internacional). Xusto no Passeig de Gràcia eríxense os mellores exemplos residenciais (Casa Milá e Casa Batlló de Antoni Gaudí; Casa Amatller de Josep Puig i Cadafalch). A rentes de alí a Sagrada Familia de Gaudí e a carón da Via Laietana o Palau de la Música Catalana de Lluís Domènech i Montaner.

Ao tempo, esa mesma elite burguesa celebra o seu éxito industrial organizando dúas exposicións universais que porán Barcelona na escena internacional: en 1888 no Parque da Ciutadella,[26] que ademais de consolidar o maior parque da cidade serviu para ordenar e urbanizar o seu contorno (Mercat del Born) e a fronte marítima ata les Rambles, unha vez derrubado o último tramo da muralla do mar, co Passeig de Colom e o monumento homónimo.[27] En 1929, a Exposición Internacional estendeuse polas abas do Montjuïc ata a Plaça de Espanya, no encontro de Paral·lel e Gran Via, abrindo así no oeste un foco de desenvolvemento urbano.[28] Co gallo do acontecemento foron postas en marcha as primeiras liñas do metro (1924-1926). No campo da arquitectura foi notable o pavillón alemán obra de Mies van der Rohe (reconstruído recentemente).

Desenvolvemento incontrolado[editar | editar a fonte]

O desastre da Guerra Civil parou en seco o desenvolvemento, volvendo nos anos da ditadura franquista en forma dunha reindustrialización (polo de desenvolvemento, zona franca do porto) que atraeu grandes continxentes de inmigración do resto do país (fundamentalmente o sur e Galicia). Foron aloxados en barrios obreiros sen planificación nin condicións axeitadas.[29] Produciu ademais a aparición dunha coroa metropolitana de cidades dormitorio nos concellos da periferia.[30]

Capital de Cataluña e dos Xogos Olímpicos[editar | editar a fonte]

Dende 1980 capital de Cataluña na España democrática das autonomías, en 1992 foi designada sede dos Xogos Olímpicos. E novamente un grande evento mundial serviu para dar un forte pulo á renovación urbanística, en moitos aspectos sinalada como modélica.[31]

Alén da área propiamente deportiva en Montjuïc arredor do remodelado estadio olímpico da Expo do 29, a actuación máis salientable foi a da vila olímpica,[32] que supuxo a recuperación da fronte marítima ao leste da Barceloneta e o Parque da Ciutadella, no degradado distrito industrial de Poblenou.[33]

Así mesmo, iniciouse un labor de rexeneración no tecido marxinal do Raval co obxectivo de recuperalo socialmente. Así, apareceron o CCCB (centro de cultura contemporánea) e o MACBA (museo de arte contemporánea), xunto coa Facultade de Historia da Universidade de Barcelona. E, asemade, as instalacións caducas do porto histórico (Port Vell) foron rehabilitadas ou substituídas por áreas comerciais e lúdicas.

Co mesmo modelo histórico, aínda que de iniciativas e resultados máis polémicos, outro evento (o Foro das Culturas 2004) serviu para seguir remodelando a liña de costa ata o Besòs (plan Diagonal Mar e Fòrum).[34]

Neste tempo e cara ao futuro, Barcelona continúa a se construír con múltiples proxectos urbanos, entre eles a Plaça de les Glòries e barrio tecnolóxico 22@ ou o desvío do Llobregat para o novo desenvolvemento da Zona Franca.[35]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Roig (1995), p. 2-3.
  2. [http://www.tesorillo.com/hispania/2ibericas1.htm#laietans"Seques ibèriques a la zona catalana", en Tesorillo (en catalán).
  3. Esquema coa posición de Barcino.
  4. Animación sobre Barcino.
  5. Recreación de Barcino. No fondo o Montjuïc.
  6. Planta de Barcino sobreposta ao trazado medieval (Barchinona), coa situación do complexo episcopal no ángulo inferior dereito.
  7. Rexistro arqueolóxico dos primeiros complexos episcopais da cidade. Pdf (10Mb).
  8. Páxina interactiva co desenvolvemento da Barcelona medieval (Univ. de B).
  9. Recreación en perspectiva da cidade no comezo do século XIV.
  10. Maqueta da ribeira de Barcelona na baixa Idade Media.
  11. Gótico catalán no interior da catedral.
  12. Capela palatina de Santa Ágata sobre a muralla romana
  13. Composición fotográfica coa Plaça del Rei medieval e a arqueoloxía do seu subsolo: á dereita Santa Ágata, ao fondo o corpo de contrafortes do Saló del Tinell e o miradoiro do Rei Martín do século XV.
  14. Evolución urbana da Plaça Sant Jaume, Correa Lemos, L. Pdf (9Mb).
  15. Mapa do porto de Barcelona en 1439 e evolución subseguinte.
  16. Vista de Barcelona de 1572 inda nas murallas de Pedro o Cerimonioso; o porto á dereita.
  17. Mapa de Barcelona en 1700; du Bosc, ICC.
  18. Vista da Barceloneta nun gravado da época.
  19. Vista de Barcelona antes do ensanche con mostras dunha industria florecente; as Ramblas á esquerda e Gràcia no fondo. A.Guesdon, 1856.
  20. Padrés e Vela, Modelo teórico do Plan Cerdá. (Pdf).
  21. Vista xeral do Eixample: Gran Vía á dereita, Paseo de Gracia en primeiro termo, ao fondo Meridiana e Praza das Glorias no encontro coa Diagonal.
  22. As mazás e os encontros no Plan Cerdá.
  23. Plano de Barcelona en 1890 co progreso da urbanización do Eixample.
  24. Vista de satélite da Plaça de Catalunya e o Passeig de Gràcia.
  25. A Via Laietana por medio da cidade vella a carón da améndoa de Barcino; plano de 1944 do ICC.
  26. Plano xeral da Exposición Universal de 1888.
  27. Plano de Barcelona co detalle da zona entre o Parque da Cidadela e as Ramblas, 1900.
  28. Plano de Barcelona co recinto da Exposición Internacional de 1929 en Montjuic; ICC.
  29. Esquema co crecemento de Barcelona na etapa franquista.
  30. Animación co desenvolvemento da Área Metropolitana de Barcelona.
  31. Intervencións urbanas na Barcelona democrática.
  32. Plan da Vila Olímpica.
  33. Vista satelital da nova ribeira en Poblenou.
  34. Planta xeral do Forum das Culturas e Diagonal Mar; Arquitectura Viva nº84.
  35. Esquema cos plans para a Barcelona futura.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia urbana de Barcelona

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ferran Aisa: Una història de Barcelona (AEP 1902-1999). Editorial Virus, 2000.
  • Carles Fontseré: Memòries d'un cartelista català (1931-1939). Ed Pòrtic, Barcelona, maio 1995.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]