Guerra de Sucesión Española

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Guerra de Sucesión»)

A guerra de Sucesión española foi un conflito armado que se desenvolveu entre 1701 e 1713, se ben os últimos focos de resistencia en Cataluña e Mallorca non foron eliminados até 1715. A guerra orixinouse trala morte sen descendencia de Carlos II, rei de España. A coroa era disputada polo arquiduque Carlos de Austria (quen se convertería en emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico co título de Carlos VI) e Filipe de Anjou, neto de Lois XIV de Francia. Foi este último, Filipe V, quen saíu vencedor do conflito.

Secasí, a guerra tiña outras motivacións. Xogábase, por un lado, o control do comercio coa América española. Tratábase tamén dunha disputa sobre o modelo político: a subida de Filipe V ao trono auguraba o desenvolvemento dunha monarquía absoluta como a francesa, mentres que o arquiduque Carlos representaba a defensa dunha monarquía composta e, sobre todo, das institucións de goberno da Coroa de Aragón. Así mesmo, a sucesión ao trono hispánico implicaba o repartimento de poder en Europa: se Filipe V de Borbón conservaba o trono a alianza entre España e Francia tería a hexemonía en Europa.

Na guerra participaron case todos os estados de Europa occidental e central. Atendendo ao número de falecidos (un millón duascentas mil persoas, contando as baixas civís) foi a maior guerra europea entre a Guerra dos Trinta Anos e as Guerras napoleónicas. En 1710, no momento de maior actividade, un millón trescentos mil soldados estaban mobilizados. As operacións de guerra estendéronse ás colonias dos países participantes. A guerra activou outros conflitos, como a causa do pretendente Xacobe III Estuardo ao trono inglés, a guerra de independencia húngara, a revolta dos camisards en Francia ou as hostilidades entre Suecia e Rusia[1].

A sucesión de Carlos II[editar | editar a fonte]

A incapacidade de Carlos II para ter descendencia fixo que as potencias europeas tratasen en numerosas ocasións sobre o seu sucesor ao trono. En 1697 concluíuse a paz de Rijswijk para poñer fin á Guerra dos Nove Anos. No tratado aprobábase a elección como sucesor por parte de Carlos II de Xosé Fernando, príncipe elector de Baviera e fillo de Leopoldo I de Austria e a infanta Margarida, irmá de Carlos. Os outros candidatos ao trono eran compensados con territorios españois. O arquiduque Carlos recibirían Milán e o Delfín Nápoles, Sicilia e Guipúscoa.

O pacto quedou anulado coa morte en febreiro de 1699 de Xosé Fernando. A inicios de outubro de 1700, menos dun mes antes da súa morte, Carlos II asinou un testamento en que nomeaba sucesor a Filipe de Anjou, neto de Lois XIV.[2]

Causas da guerra[editar | editar a fonte]

Árbore xenealóxica ascendente de Filipe V e do arquiduque Carlos de Austria, pretendente ao trono de España como Carlos III

A comezos do século XVIII Francia era a potencia continental hexemónica de Europa. Malia non contar cunha gran mariña de guerra (como España ou Inglaterra), o país fortemente centralizado e unido (sen alfándegas interiores como España ou o Imperio Alemán), contara tamén nos anos anteriores cunha estabilidade política sen precedentes (lémbrese a revolución en Inglaterra ou os cambios de validos en España).

Que o herdeiro de Carlos II fose un membro da casa real francesa non foi visto con bos ollos polas restantes potencias europeas. O lexítimo herdeiro francés do trono español chegou a Madrid o 18 de febreiro de 1701. Paralelamente, o rei de Francia Lois XIV, prevendo a colaboración lóxica que ía ter co seu neto, mandou o seu exército ás prazas españolas en Flandres. Esta foi a faísca que prendeu a mecha das inquedanzas europeas contra o predominio francés.

A agresiva política francesa tivo como resposta a sinatura do Tratado da Haia, que constituíu a Grande Alianza entre Inglaterra, Países Baixos, Savoia, Portugal, Dinamarca, Austria e varios estados alemáns.

Decorrer da guerra[editar | editar a fonte]

Guerra europea[editar | editar a fonte]

Malia o nome desta guerra, é considerada basicamente unha guerra continental na que se buscará o impedimento do xurdimento dunha gran potencia en Europa e polo tanto o equilibrio de poder que se mantiña nos decenios anteriores. A gran potencia era Francia, que viu rodeadas as súas fronteiras polos integrantes da Grande Alianza. As batallas centráronse nas súas fronteiras e apenas entraron no seu territorio. Non foi así no caso de España, xa que un dos pretextos da guerra era impedir o fortalecemento de Francia evitando un rei da casa de Borbón no trono español.

A Grande Alianza apoiou polo tanto a candidatura do Arquiduque Carlos de Austria á coroa española, aínda que o anterior rei español -Carlos II- deixara nomeado no seu testamento a Filipe de Anjou como lexítimo herdeiro.

Os austríacos comezaron en 1702 atacando a Lombardía italiana, Filipe de Anjou foi defende-las posesións españolas en Nápoles e pacificou o chamado Reino das Dúas Sicilias. Volveu a España en 1703 recibindo a noticia de que a Grande Alianza tamén lle declarara a guerra a España. As primeiras vitorias dos aliados en Alsacia e Borgoña contrastaron coas bávaras (Baviera apoiaba a causa francoespañola) en Ulm e Memmingem.

Nesta situación comezaron a desembarcar nas costas españolas tropas austríacas e inglesas, que obtiveron o favor das Cortes de Aragón, pois Carlos prometéralles manter privilexios comerciais e alfándegas no sentido Castela-Aragón. A postura de Filipe de Anjou foi totalmente oposta: el quería imita-lo modelo francés de estado centralizado e elimina-las barreiras comerciais interiores en España e obtivo polo tanto o apoio das cortes de Castela.

O primeiro desembarco en Cádiz foi repelido, pero o segundo intento en Vigo non. Amais, os aliados fixeron presa de parte dun tesouro que acababa de chegar de América na batalla de Rande.

En 1703, Portugal e Savoia (ducado do sogro de Filipe de Anjou. De feito, a esposa de Filipe era coñecida en España como a savoiana) puxéronse de parte dos aliados. Diversas batallas na Península Ibérica rematan coa vitoria dos españois, exceptuando Xibraltar, que malia ser tomada en nome dun suposto rei español, izou o pavillón británico e ata hoxe ondea. Pero non todas foron boas noticias para a causa borbónica: en Baviera, Lois XIV perdeu 40.000 homes.

Apoio aragonés á causa do arquiduque[editar | editar a fonte]

Mapa dos movementos de tropas na guerra de sucesión española.

En 1705, o arquiduque Carlos, Inglaterra e Portugal asinaron un pacto (Pacto de Xénova), con representantes de Aragón polo que se comprometían a restaura-los foros nos territorios da Coroa de Aragón e enviar un exército de 8.000 soldados a apoia-la Generalitat que se alzaba contra o gobernador de Filipe nos condados cataláns. Efectivamente, un exército de 20.000 homes decantou a balanza a favor da causa austríaca, e o 9 de outubro de 1705 o arquiduque Carlos de Austria, co título de Carlos III de España, establecía a súa capital en Barcelona. O 16 de decembro as cortes valencianas tamén xuraron lealdade ó novo rei Carlos III de España. Nos territorios peninsulares de Aragón, só as cidades de Alacant e Rosas permaneceron fieis á causa filipista.

1706 sería o annus horribilis de Filipe. Reuniu un exército e unha escuadra e foi tomar Barcelona, pero ó mesmo tempo, os aliados atacaban dende Portugal, tomando Badaxoz. O Borbón deu marcha atrás e deixou o sitio de Barcelona para axudar a protexer Madrid. Pero as vitorias aliadas en Salamanca, Plasencia e Ciudad Rodrigo, obrigaron á corte a trasladarse de Madrid a Burgos. Zaragoza caeu nas mans de Carlos e o 29 de xuño o propio Carlos entrou en Madrid e fíxose ser coroado como Carlos III.

En Flandres, o duque de Malborough facía 15.000 prisioneiros na decisiva batalla de Ramillies e os Países Baixos cambiaron de mans españolas para mans inglesas. En Italia, o duque de Savoia tomaba Milán e Nápoles. Era o momento máis baixo para a causa borbónica. Pero semella que o pobo castelán quería a Filipe como rei, e partidas de voluntarios conformaron pequenos exércitos que, xunto coa axuda do batallón francés do duque de Berwick e a continua revolta popular en Madrid, conseguiron que o arquiduque abandonase a capital e se refuxiase en Valencia. Sucesivamente caeron Elx, Orihuela e Cartaxena.

Vitorias de Filipe V[editar | editar a fonte]

O 25 de abril de 1707, a batalla de Almansa supuxo o cambio do equilibrio de poder na guerra. A vitoria borbónica abriu o camiño á toma de Valencia, Dénia e ata Zaragoza. No inverno, Xàtiva e Lleida tamén foron reconquistadas. Filipe V, en represalia polo apoio de Aragón á causa austríaca, promulgou os Decretos de Nueva Planta nos territorios da Coroa de Aragón, agás no Val de Arán. En 1708 Filipe perdeu Orán, na costa alxerina, Sardeña e Menorca.

Pola súa banda, Lois XIV fracasou no intento de restablecer os Estuardo en Escocia e debilitar así Inglaterra. Mentres o arquiduque Carlos pedía o recoñecemento ó Papa, Lois XIV tratou de asina-la paz, pero sen resultado pois Carlos pedíalle que renunciase a nomear a Filipe de Anjou tamén como herdeiro de Francia e el negábase.

Filipe V de España.

Paradoxalmente, Filipe descubriu unha intriga francesa para sacalo do trono español. Filipe, ademais, cortou relacións co papado por recoñecer a Carlos como rei de España. Filipe V xa estaba completamente decidido a non unir Francia e España senón a gobernar en solitario esta última.

As batallas continuaron en España. Carlos tomou unha vez máis Madrid e unha vez máis esta foi recuperada por Filipe. Ó contrario do exército de Carlos, o de Filipe formábano principalmente voluntarios, polo tanto sempre estaba preparado para suplir as baixas, mentres que a Carlos e aliados lles custaban unha fortuna en tempo e cartos.

O exército carlista (nada que ver coas guerras carlistas) dividiuse en dous corpos. Ó mando dun deles estaba Stanhope, que se estableceu en Brihuega no profundo dun val da Alcarria, para refuxiarse do xélido inverno. Os borbónicos, conscientes da situación, rodearon o pobo dende cotas superiores e o destruíron coa artillaría: vitoria completa e 4.000 prisioneiros. O outro corpo do exército austríaco dirixíao Starhemberg, quen acudiu alertado a socorrer ós de Stanhope en Villaviciosa de Tajuña foi detido polos borbónicos. As vitorias na Alcarria propiciaron as tomas sen batalla de Zaragoza e Xirona en 1714.

Causas da paz[editar | editar a fonte]

A morte en 1711 do emperador austríaco cambiou as regras políticas europeas. Moitos países viron na posibilidade dun Carlos emperador austríaco e rei de España algo moito peor ós seus intereses que un Filipe rei de España e Francia. Pola súa parte Lois XIV, quen xa non podía cos gastos da guerra, asinou un pacto con Inglaterra, comprometéronse á paz (é dicir, apoiar a Filipe como rei español) se Inglaterra ficaba con Xibraltar e Menorca. Ademais, despois pediron que non se puidesen unir as coroas de Francia e España, que había que atopar certo "equilibrio de poder" (esta política, en liñas xerais, ficaría en Europa ata a primeira guerra mundial).

O 9 de novembro de 1712, Filipe V de España renunciou ós seus dereitos ó trono de Francia. Pola súa banda, príncipes franceses xuraban renunciar ó trono español. O 27 de marzo de 1713 España e Inglaterra asinaron a paz.

Paz de Utrecht[editar | editar a fonte]

Retrato de Carlos VI de Alemaña (posterior á Guerra de Sucesión Española)

España asinou a paz con Inglaterra, pero non con Holanda, Portugal e o Sacro Imperio Romano Xermánico mentres Carlos seguise a reclamar o trono español. A esposa do arquiduque Carlos seguía en Barcelona (a "capital" da España de Carlos). O 11 de abril de 1713 acordouse unha nova repartición europea:

É difícil asegurar un claro vencedor desta longa contenda. Sen dúbida as perdas territoriais de España poderían verse coma unha derrota, pero eses territorios funcionaban de xeito autónomo e nos máis dos casos custaban máis cartos para manter gornicións leais que o recadado por impostos. Ademais, España asegurou en gran medida a protección dos territorios de ultramar coa paz con holandeses e ingleses. A partir de Filipe V, a época Ilustrada en España viu como melloraba a situación económica e política. O país, con novas institucións e sumido na corrente do pensamento ilustrado, con funcionarios capaces e un contido poder eclesiástico, mellorou substancialmente as condicións de vida.

Inglaterra aseguraría as súas posicións no que hoxe é Canadá, territorio que mantería ata mediados do século XX. Tras esta guerra xurdirán novos estados: Piemonte en Savoia e Prusia no Imperio Alemán, que serían as sementes das futuras Italia e Alemaña.

Unha cláusula do Tratado de Utrecht recoñecía a soberanía castelá sobre os condados cataláns e convertía o Pacto de Xénova en papel mollado. Pouco a pouco os funcionarios e a gornición austríaca en Barcelona abandonaron o territorio á súa sorte.

O 6 de maio de 1714 asinouse o Tratado de Ratstadt, polo que Carlos renunciaba ó trono español e á defensa dos foros cataláns. O problema español deixou de ser un problema europeo. Pero os representantes da Generalitat catalá descoñecían que Carlos xa non os axudaría, así que, para render Barcelona a Filipe, esixiron unha cantidade desorbitada de cartos e a promesa de mante-los foros.

O 11 de setembro de 1714 o duque de Berwick comezou o asalto á cidade (nesta data celebran os cataláns a Diada ou Día Nacional). O día seguinte Barcelona capitulou. Filipe V, de acordo co Decreto de Nova Planta, anulou as institucións forais e estableceu unha Real Xunta Superior de Xustiza e Goberno, á cabeza da cal nomeou a Xosé Patiño. Este é o derradeiro acontecemento que se engloba na guerra de sucesión española.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Albareda Salvadó, Joaquim (2010). "Guerra internacional, contienda civil". La Guerra de Sucesión en España (1700-1714). pp. 17–29. 
  2. Albareda Salvadó, Joaquim. "La crisis sucesoria a la corona hispánica". La Guerra de Sucesión en España (1700-1714). pp. 47–76. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]