Historia de Afganistán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Período Pre-Islámico[editar | editar a fonte]

O Afganistán antigo estivo moitas veces rexido por varias dinastías persas, coma a do Imperio Aqueménida (559–330 a.C.)
Alexandre o Grande loitando contra o rei persa Dario III (Mosaico de Pompeia do século IV a.C., peza grega orixinal, hoxe perdida).

Non está aínda claro ata que punto estes períodos eran contemporáneos no seu desenvolvemento aos similares noutras rexións xeográficas. A área que ocupa hoxe o Afganistán parece ter estado estreitamente relacionada tanto pola súa cultura e comercio coas rexións veciñas ao leste, oeste e norte, tanto na prehistoria coma nos tempos antigos e modernos. Hai que ter en conta que está situada estratexicamente na principal ruta terrestre á India e serviu durante 2000 anos de paso aos invasores.

A civilización urbana na meseta iraní, que inclúe a maior parte do Irán, Afganistán, e do Paquistán, pode ter comezado entre o 3000 e 2000 a.C. (véxase tamén Complexo Arqueolóxico de Bactria-Margiana e Civilización do Val do Indus). A cidade antiga de Mudigac pode ter sido unha colonia da Civilización do Val do Indus ou estar estreitamente relacionado, pero isto é en gran parte circunstancial e especulativo. Os achados arqueolóxicos tamén indican os principios posibles da Idade de Bronce que se estendería por tódalas partes do mundo antigo do Afganistán e do Paquistán. Tamén se cre que a rexión tivo dende tempos temperáns contactos comerciais con Mesopotamia.

A comezos do século V a.C. o territorio do actual Afganistán abranguía diversas satrapías do Imperio Aqueménida, despois da súa incorporación por Ciro I. No 330 a.C. Alexandre o Grande entrou no territorio afgán para capturar Bactria (actual Balkh), levoulle ata o 327 a.C. conquistar o que hoxe é Afganistán. Á morte de Alexandre (323 a.C.), os seléucidas fixéronse coa maior parte da actual Afganistán, que controlaron ata que a mediados do III a.C. se formou un reino grego independente en Bactria que durou ata o 170 a.C. no que desapareceu diante os ataques das tribos procedentes do norte, especialmente partos e sacas. No sur, o Imperio de Mauria tiña o control do que hoxe é o sur de Afganistán e nese territorio intruduciu o budismo.

A mediados do século II a.C. os Cuxanos, estableceron un imperio en Afganistán durante case catro séculos. O Imperio Cuxano espallouse dende o val do río Cabul cara ao río Indo, o deserto do Gobi e a Chaira iraniana. No século II d.C. con Canixca (Kanishka), o máis poderoso dos gobernantes cuxanos, o imperio conseguiu a súa máxima extensión: dende a foz do río Indo no Mar de Arabia ata Cachemira e norte do Tíbet, nese tempo foi cando o budismo Mahaiana chegou ao seu cumio en Asia Central.

No século III Cuxán fragmentouse en reinos semi-independentes, conquistados polo Imperio Sasánida no oeste e polo Imperio dos Guptas fundado no século IV. Unha nova vaga de invasións indoeuropeas chegou dende o norte no século IV, os Heptalitas ou Hunos blancos arrasaron o que quedaba dos reinos Cuxanos e Sasánidas. A mediados do século VI os Gokturks, pobo nómade de Asia Central, desfixo o poder heptalita ao norte do río Amú, mentres ao sur do río Amú rexurdía o poder sasánida.

Conquista Islámica[editar | editar a fonte]

No 637 os árabes vencen aos sasánidas nas batallas de Qadisiya e Nahawand, no seu avance cara ao leste capturan Herat no 651, entre o século VII e o IX a maioría dos habitantes convertíronse ao Islam Sunní e mentres os abásidas gobernan dende Bagdad o actual Afganistán. Nos séculos VIII e IX pobos de lingua turca aséntanse no Hindu Kush e comezan a asimilar a lingua e cultura pasthún, xa presentes alí. A mediados do IX, o goberno Abásida deixa paso a pequenos reinos semi-independentes; no Hindu Kush tres dinastías locais ascenden ao poder, a máis coñecida a Samínida (dinastía chíi) que abranguía dende Bukhara ata o sur da India e o oeste de Irán ata que a mediados do século X cae baixo os ataques de tribos turcófonas do norte e dos Ghaznavides polo sur.

O Imperio Ghaznavide controla os pequenos reinos no 998, Mahmud de Ghazni consolidou as conquistas dos seus predecesores e converteu Ghazni nun gran centro cultural e base das súas frecuentes expedicións á India, pero coa súa morte no 1030 o imperio comeza a decaer ata a súa desfeita definitiva en 1149 cando o reino de Ghor captura e queima Ghazni.

Os Ghors controlaron a maioría do que hoxe é Afganistán, leste de Irán e Paquistán, ata que entre o 1200 e 1205 a maioría do territorio Ghor foi conquistado polo shah do imperio Khwarezmid. En 1219 o imperio caeu en poder de Xenxis Khan, o que implicou a destrución de moitas cidades como Herat, Ghazni e Balkh e o espolio das zonas máis fértiles. Á morte de Genghis Khan en 1227 supuxo unha época de guerras constantes, nas que pequenos xefes e príncipes loitaron pola supremacía ata 1398 no que un dos seus sucesores, Tamerlán, incorporou o que é hoxe Afganistán ao seu imperio, o seu fillo Sha Ralj transladou en 1405 a capital dende Samarcanda ata Herat, converténdoa nunha das cidades máis cultas e refinadas da época.

Babur, descendente de Xenxis Khan e de Tamerlán, ao que os Shaybani usbecos botaran do poder no val de Fergana (Uzbequistán) cruza o Amu Daria en 1504 e captura Cabul ao derradeiro dos gobernantes mongois, dende ela en 1526 principia a conquista da India, onde fundou o Imperio Mogol, pero a área do que hoxe é Afganistán acabou sendo relegado polos seus sucesores a zona de confrontación entre os Moghuls e os Safávidas de Irán, debido á importancia estratéxica do eixo Cabul-Kandahar, mentres os usbecos loitaban polo control de Herat e rexións do norte.

A mediados do XVII os mongois abandonaron o norte de Cabul aos usbecos, e o persa Nadir Shah conquistou Kandahar e Cabul en 1738.

Imperio Durrani[editar | editar a fonte]

En 1747, tras a morte de Nadir Shah, unha Loya Jirga (xuntanza de xefes tribais abdalí pastúns) elixiu como rei a Shah Ahmed, a pesar de ser máis novo que outros pretendentes, Ahmad tiña moitos factores no seu favor, era descendente directo de Sado (epónimo dos Sadozai), era un líder carismático e un guerreiro terrible que tiña ao seu dispor unha ben adestrada forza móbil de varios milleiros de cabaleiros e posuía o tesouro de Nadir Shah. Unha das primeiras actuacións de Ahmed como xefe vai ser adoptar o título de Durr-i-Durrani (perla das perlas), ademais foi o primeiro gobernante pastún de Afganistán. Ahmed Shah comezou capturando Ghazni aos pashtun ghilzai e botando de Cabul ao goberno local. En 1749 os Imperio Mogol cédelle a soberanía sobre o Sindhi e todo o norte da India ao oeste do río Indo para salvar a capital india do ataque afgán. Ahmed shah dirixiuse entón cara ao oeste, a Herat, gobernada por un neto de Nadir Shah, logo dun ano de sitio caeu, polo que Ahmad puido enviar o seu exército para ocupar o norte do Hindu Kush, poñendo baixo o seu control aos turcomenos, usbecos, taxicos e hazaras. Invadiu a India, logrou o control do Punxab, Caxemira e a cidade de Lahore.

En 1757 saqueou Delhi, pero permitiu á dinastía Mogol manteren o control nominal coa condición de que recoñecese a súa soberanía sobre o Punxab, Sindhi e Caxemira, deixou en Delhi ao seu segundo fillo Timur Shah e regresou a Afganistán. O colapso dos Mughal, facilitou o xurdimento de novos poderes, así os maratis, dende a súa capital en Pune puxeron en perigo as novas conquistas de Ahmed, este fíxolle fronte con éxito, declarándolles a xihad (guerra santa islámica), á que se xuntaron pastúns doutras tribos e baluchis. En 1759 Ahmed entrou triunfante en Lahore e en 1761 enfrontouse con eles na batalla de Panipat e que supuxo a desfeita dos maratis.

O imperio Durrani era un dos máis grandes imperios islámicos da época, quizais o segundo despois do Imperio Otomán pero xa antes da súa morte comezou a dar síntomas de febleza. Os Sikhs a fins de 1761 conseguiron controlar a maioría do Punxab, en 1762 Ahmed atacou Lahore, despois de tomar a cidade santa sikh de Amritsar, masacrando a milleiros de sikhs, destruíndo os seus templos, pero Ahmed non puido impedir que os sikhs se fixesen co control de todo o Punxab.

No 1772 sucédelle o seu fillo Timur Shah, traslada a capital de Kandahar a Cabul, para facilitar o control do territorio do norte do Hindu Kush. Con el comezou un período de caos, de loita polo poder entre os diferentes clans pastúns e a perda dos territorios conquistados por Ahmed Shah. No 1780 asinouse un tratado co emir de Bukhara no que se estableceu o Amu Daria como fronteira setentrional de Afganistán. Tras a morte de Timur Shah, en 1793, viviuse un período de anarquía e arredor de 1818 os descendentes de Ahmed Sha só controlaban un radio de 160 km arredor de Cabul. En 1823, tras a caída da dinastía Durrani, Afganistán deixou de existir brevemente, fragmentándose en diversos principados.

Influencia europea[editar | editar a fonte]

Emir Xáh Shuja Durrani, sentado no seu Palacio de Cabul en 1839.

No 1826 Dost Mohamed conseguiu exercer suficiente control sobre os seus irmáns para proclamarse emir de Cabul e axiña tivo que repelir ataques dos sikhs no leste do río Khyber, e no 1834 parou unha invasión do antigo gobernante, Xáh Shuja, estas querelas internas permitiron que as forzas sikhs de Ranjit Singh ocuparan Peshawar. No 1836 as forzas de Dost Mohamed, baixo as ordes do seu fillo Mohamed Akbar Khan, derrotaron aos sikhs en Jamrud, pero non tentou reconquistar Peshawar. Na busca de aliados cos sikhs contactou co gobernador británico da India, Lord Auckland, a partir de entón Afganistán vai ser unha peza do xogo de poder en Asia Central entre dúas grandes potencias, Rusia e Gran Bretaña.

No 1838 asínase un acordo entre Auckland, Ranjit Singh e Shuja no que se recoñecía o goberno sikh sobre as antigas provincias afganas conquistadas, Herat debía permanecer independente, e Dost Mohamed debía ser substituído por un gobernante próximo aos intereses británicos, isto supón o comezo da Primeira Guerra Anglo-Afgá (1838-1842). As tropas británicas comandadas por William McNaughton entran polo Punxab, toman Quetta en marzo de 1839, un mes despois chegan a Kandahar sen loita. En xullo atacan a fortaleza de Ghazni, e vencen ás tropas de Dost Mohamed, o que provoca a marcha ao exilio deste, en agosto de 1839 Shuja foi de novo entronizado en Cabul, aos 30 de perder o poder. Parte das tropas británicas retornan á India, pero en outubro de 1841 prodúcese unha revolta de parte das tribos afgás que apoian ao fillo de Dost Mohamed, Mohamed Akbar Khan, o 1 xaneiro de 1842 asínase un acordo entre o comandante británico Elphinstone e os rebeldes para a retirada das tropas británicas de Afganistán, pero son atacadas o 6 de xaneiro por guerreiros ghizai cando volvían á India, provocando 3.000 mortos.

Shuja só se mantén no poder ata abril de 1842, no outono de 1842 as tropas británicas de Kandahar e Peshawar entran en Cabul para rescataren aos prisioneiros británicos.
En abril de 1843 Dost Mohamed volve a Cabul. A invasión estranxeira deu ás tribos afganas un temporal sentido da unidade.

Caricatura política onde se ve a Sher Alí Khan cos seus «amigos», Reino Unido e Rusia (1878).

Durante a segunda guerra anglo-sikh (1848-1849) tentou tomar Peshawar, pero fracasou. No 1855 polo Tratado de Peshawar os británicos normalizan as relacións diplomáticas con Afganistán, no 1857 foille engadido un addendum permitindo aos británicos ter presenza militar en Kandahar durante un conflito cos iranianos, que atacaran Herat no 1856. No 1863 Dost reconquistou Herat coa axuda británica, Dost morreu uns meses máis tarde, sucedeulle o seu terceiro fillo, Sher Alí, pero Cabul permaneceu en mans do seu irmán maior Mohamed Afzal ata 1868. Sher Alí móstrase preocupado pola expansión cara ao sur de Rusia, que en 1873 tomara as terras do khan de Khiva, Sher Alí pediu o apoio británico, pero os británicos rexeitaron darlle apoio. Cando os rusos envian unha misión diplomática a Cabul o 22 de xullo de 1878, os británicos enviaron a súa propia delegación a Cabul, pero foi rexeitada polo goberno afgano, o 22 de novembro unha forza británica de 40.000 homes entraron en Afganistán por tres puntos diferentes, Sher Ali alarmado tentou recorrer ao tsar para que o axudase, incapaz de o facer, volveu a Mazar-e Sharif, onde morreu en febreiro.

Coas tropas británicas ocupando a maioría do país, Yaqub Khan o novo gobernante asinou o Tratado de Gandamak en maio de 1879 para parar a invasión do resto do país. A cambio dun subsidio anual e vagas promesas de asistencia en caso de invasión exterior os asuntos exteriores quedaban en mans dos británicos, e Afganistán cedeu varias áreas fronteirizas aos británicos.

Abdur Rahman Khan.

Yaqub abdicou en outubro 1881 en Abdur Rahman Khan, coñecido como o Emir de Ferro, recibiu a axuda británica para centralizar e reforzar o estado afgano, xa dende o comezo do seu reinado tivo que facer fronte a varias rebelións, para ás veces fixo uso dunha política de dureza, con execucións e deportacións masivas, incluíndo o traslado das tribos pasthuns rebeldes do sur e centro sur cara ao norte favorecéndoos fronte á poboación orixinaria non pasthún, co que creaba unha poboación local pasthún leal fronte ás demais minorías étnicas, ao tempo que organizou un sistema de gobernadores provinciais, que erosionou a organización tribal, e un exército permanente que actuaba directamente baixo as súas ordes.

O primeiro poblemas coas potencias vai ser o incidente de Panjdeh no 1885 no que os rusos derrotan ás tropas afganas e toman o oasis de Merv. No 1893 Abdur Rahmar tivo que aceptar unha misión presidida por Sir Mortimer Durand, secretario de asuntos exteriores da India Británica para definir os límites entre Afganistán e a India Británica, a fronteira que definiu vai ser coñecida como a Liña Durrand, e non tivo en conta a realidade xeográfica ou cultural, permanecendo como un factor de tensión entre os gobernos de Afganistán e a India Británica e con Paquistán, a nova fronteira supuxo a división dos pasthuns en dous estados.

No 1896 Rusia concedeulle a Afganistán o corredor de Wakhan, un territorio kirguís, para estratexicamente evitar ter fronteira directa co Imperio Británico.

O Rei Habibullah Khan do Afganistán.

O seu fillo Habibullah Khan sucedeulle no trono no 1901, grazas ao apoio do exército creado por seu pai. No 1904 queda delimitada a fronteira con Irán. Durante a Primeira Guerra Mundial Afganistán permaneceu neutral. O 20 de febreiro de 1919, Habibullah Khan foi asasinado nunha xornada de caza.

Reformas de Amanullah Khan e guerra civil[editar | editar a fonte]

Sucedeulle Amunallah Khan, que declarou a total independencia de Afganistán e atacou aos británicos en maio de 1919, nesta Terceira guerra anglo-afgana, Amunallah tivo éxito nos primeiros días ao contar co apoio das tribos pasthun de ámbalas beiras da fronteira, os británicos recobráronse da sorpresa inicial e ao final chegouse ao Acordo de Rawalpindi, polo que se permitía a Afganistán ter a súa propia política exterior, en parte para frear a influencia da Revolución Bolxevique de 1917, que nos seus esforzos por calmar aos musulmáns do seu país os líderes soviéticos trataron de establecer relacións cordiais cos estados musulmáns veciños, no caso de Afganistán o gobierno soviético tratou de estreitar, ao mesmo tempo que intentaba impedir o apoio británico á contrarrevolución.

Amanullah envía representantes a Moscova en 1919, Lenin recibe á misión de Cabul e responde enviándolle un representante para ofrecer axuda ao goberno de Amanullah, malia iso as relacións soviético-afgana flutuaron dependendo do valor de Afganistán para os líderes soviéticos, a pesar de Afganistán intentar a recuperación dos oasis de Merv e Panjdeh, non conseguiu facerse con eles.

En maio de 1921 asínase o Tratado de Amizade Afgano-soviético, os soviéticos axudaron a Amunallah con diñeiro, tecnoloxía e equipamento militar, aínda que Amunallah quedou decepcionado coa política soviética, especialmente coa represión dos musulmáns da Unión Soviética. Os británicos viron con preocupación as relacións afgano-soviéticas, especialmente cando os soviéticos introducen algúns aeroplanos, e coa política de Amunallah de apoiar aos nacionalistas indios, mesmo dándolle asilo en Cabul e aos Pasthúns da India.

Amanullah efectúa grandes reformas para modernizar Afganistán, axúdase de conselleiros turcos para profesionalizar o exército e mesmo crear unha forza aérea, aínda que vai contar coa oposición dos sectores máis tradicionais, liderados polo ministro da guerra, Mohamed Nadir Khan, que acabará demitindo, ás medidas reformistas afectaron a todos os ámbitos da sociedade, dende a adopción do calendario solar, a xeralización e mesmo obriga de usar a vestimenta occidental en Cabul, a mellora xurídica da posición da muller, a abolición da escravitude, a introdución da educación secular, a restruturación , a reorganización e a racionalización da estrutura dos impostos, as campañas anticorrupción, a adopción do sistema métrico decimal, a creación dun Banco Nacional (Bank-i-Melli), a introdución do afgani como nova moeda foron algunhas das moitas medidas modernizadoras.

En 1923 apróbase a primeira Constitución, porén a Sharia seguiu a ser a fonte da lexislación, aumentando a súa influencia despois da rebelión de Khost de 1924, aínda así os líderes relixiosos sempre estiveron receosos das reformas relixiosas de Amanullah.
En novembro de 1928 rebélase a tribo pasthún dos Shinwari en Jalalabad, a medida que as forzas tribais se achegaban a Cabul, as tropas reais quedaban reducidas por desercións masivas, entrementres as tribos taxicas avanzaban polo norte cara a Cabul.

En xaneiro de 1929 Amunallah abdica no seu irmán máis vello, Inayatullah, que reina só tres días antes de marchar ao exilio na India, unha tentativa posterior para reconquistar Cabul por Amanullah falla e este exíliase definitivamente en Italia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]