Revolución Rusa de 1917

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Revolución Bolxevique")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Flag of Russia.svg
Historia de Rusia
Primeiros eslavos orientais
Cázaros
Principado de Kiev
Principado de Vladimir-Súzdal
República de Novgorod
Bulgaria del Volga
Invasión mongola de Rusia
Horda de Ouro
Principado de Moscova
Kanato de Kazán
Imperio Ruso
Revolución de 1905
Revolución de 1917
  Revolución de Febreiro
  Revolución de Outubro
Guerra Civil rusa
RSS Federativa de Rusia
Federación Rusa
Vladimir Lenin e Iosif Vissarionovich Stalin, 1919

A Revolución rusa foi o proceso revolucionario comezado en 1917, que rematou co vello imperio dos tsares da dinastía Romanov e deu comezo á Unión Soviética, primeiro dos estados en aplicar o socialismo como sistema político e económico.

A Revolución comprendeu dúas fases distintas:

Antecedentes[editar | editar a fonte]

"Non queremos loitar, mais defenderemos os soviets!"

Até 1917, o Imperio Ruso foi unha monarquía absolutista. A monarquía era sustentada principalmente pola nobreza rural, propietaria da meirande parte das terras cultivables. Das familias desa nobreza saían os oficiais do exército e os principais dirixentes da Igrexa Ortodoxa Rusa.

Pouco antes da Primeira Guerra Mundial, Rusia tiña a maior poboación de Europa, con preto de 171 millóns de habitantes en 1914. Batíase tamén co maior problema social do continente: a extrema pobreza da poboación en xeral. Entre 1860 e 1914, o número anual de estudantes universitarios medrou de 5.000 a 69.000, e o número de xornais diarios medrou de 13 a 856.

A poboación do Imperio Ruso era formada por pobos de diversas etnias, linguas e tradicións culturais. Cerca do 80% desta poboación era rural e o 90% non sabía ler nin escribir, sendo duramente explotada polos señores feudais. Coa industrialización creouse progresivamente unha clase obreira, igualmente explotada, mais con maior capacidade reivindicativa, organizativa e aspiracións de ascenso social. A situación de extrema pobreza e explotación en que vivía a poboación tornouse así nun campo fértil para o florecemento de ideas socialistas.

Causas[editar | editar a fonte]

Despois da guerra ruso-xaponesa que deixara en evidencia a escasa capacidade tecnolóxica do imperio, e que tivera como consecuencia a Revolución de 1905, comezou un rápido proceso de industrialización que aumentou coa entrada de Rusia na Primeira Guerra Mundial, a consecuencia inmediata foi a aparición dun proletariado fabril que, como as masas campesiñas, vivía na miseria, agravada como consecuencia da guerra, cada vez máis o réxime tsarista era impopular non só entre a "intelligentsia" e o proletariado máis tamén nas masas campesiñas.

Oposición ao réxime[editar | editar a fonte]

Nicoláo II, marzo de 1917.

Na época existían en Rusia catro principais partidos políticos que actuaban na clandestinidade e no exilio, o Partido Constitucional Democrático formado por burgueses liberais que aspiraba a converter Rusia nun Estado equiparable ao do resto de Europa, o Partido Social Revolucionario que representaba á esquerda moderada, os menxeviques que desexaban fondas reformas sociais só despois de instaurarse un réxime democrático, e os bolxeviques dirixidos por Vladimir Lenin que pretendían unha revolución social inmediata.

Do tsarismo ao goberno de Kérenski[editar | editar a fonte]

En febreiro do ano 1917 os soldados encargados de reprimir as manifestacións espontáneas cada vez máis fortes das descontentas capas populares en Petrogrado (actual San Petersburgo) e ademais fartos da guerra, uníronse a estas alzáronse en armas contra os seus oficiais e se formaron os soviets de obreiros, campesiños e soldados, organizacións controladas polos partidos da esquerda e que mantiñan de xeito fáctico o control sectorial nas mans dos traballadores, soldados, etc. do eido ao que pertencían. Abandonado pola súa principal baza, o exército, o tsar abdica. Trala abdicación de Nicolao II, establécese unha república cun goberno provisional, elixido por unhas cortes unicamerais (a Duma). Noméase presidente do parlamento ao liberal Lvov, e dende o mes de xullo polo socialrevolucionario Aleksandr Kérenski. Este, trala súa chegada ao poder, promete reformas e eleccións a unha asemblea constituínte. Malia todo isto, o poder na rúa tíñano os soviets e os enfrontamentos entre o goberno e os soviets foron constantes mentres a sensación de fracaso se estendía entre os traballadores ao non ver satisfeitas as súas reivindicacións, proseguir a guerra e seguir o enfrontamento entre os menxeviques e os bolxeviques no seo dos soviets ao reclamar os segundos todo o poder para os soviets seguindo as Teses de abril, mentres os primeiros querían antes de comezar os cambios sociais a consolidación dun réxime democrático.

O regreso de Lenin e a Revolución de Outubro[editar | editar a fonte]

Mentres se produce todo isto, os bolxeviques, facción maioritaria do Partido Obreiro Socialdemócrata de Rusia, de ideoloxía marxista, medraba fortemente, tanto en influencia política como en militancia. O seu líder, Vladimir Illich Ulianov, alcumado polos seus camaradas como "Lenin", regresaba do exilio imposto polo tsar. Os seus discursos incendiarios, propoñían a fin da etapa burguesa e a revolución proletaria, con tres puntos clave: a sinatura da paz con Alemaña (lembremos que dende 1914 se desenvolve no marco internacional a Primeira Guerra Mundial); a entrega de terras aos campesiños; e o control obreiro das fábricas. A súa compaña foi un éxito, os soldados abandonaban as frontes e volvían para as súas casas e os bolxeviques consideraron que chegara o seu momento. Os días 24 e 25 de outubro (6 e 7 de novembro segundo o calendario occidental) os bolxeviques conseguiron que os soviets de Petrogrado e Moscova, controlados por eles, se lanzasen á revolución ocupando as súas milicias armadas os centros neurálxicos, incapaz de controlar a situación o goberno fuxiu. En 24 horas, os soviets de Petrogrado conseguen ocupar o poder no marco do seu I Congreso, instaurando o Consello de Comisarios do Pobo, formado polos delegados electos dos sovietes, quen elixen como presidente a Lenin, aínda así os bolxeviques continuaban a ser unha minoría dentro da esquerda e varios xenerais tsaristas ocupaban grandes rexións de Rusia.

As primeiras medidas do goberno soviético[editar | editar a fonte]

O Consello de Comisarios do Pobo concede as terras aos campesiños, transfire o control das fábricas aos soviets das mesmas e outorga o dereito de autodeterminación a numerosas nacionalidades que compoñían o imperio ruso, fírmase a paz con Alemaña mediante o Tratado de Brest-Litovsk e co obxectivo de intentar crear unha federación internacional de estados socialistas, créase a República Socialista Federativa Soviética de Rusia, que sería a principal república das que formarían a Unión Soviética. Tamén se procedeu ao fusilamento do tsar e dos seus fillos o 16 de xullo de 1918.

De 1918 ate 1922 o goberno soviético mantívose con dificultades, debido á guerra civil contra o exército branco, formados por partidarios do tsar e do antigo réxime. Alén diso, as potencias estranxeiras interviñan activamente no país. Para solucionar os problemas económicos derivados destas dúas dificultades principales, veu á luz a Nova Política Económica, coñecida tamén como comunismo de guerra.

Influencia exterior da Revolución rusa[editar | editar a fonte]

A revolución rusa fascinou a moitos traballadores e organizáronse partidos comunistas que estaban convencidos da posibilidade de repetir nos seus países o que acontecera no Imperio Ruso, entre 1918 e 1924 en moitos países europeos houbo intentos revolucionarios de tomar o poder pero a maioría dos partidos socialistas europeos mantiveron unha actitude expectante e de certa desconfianza, viran como en Rusia acabara o capitalismo pero o novo réxime que o substituíra rachaba coa traxectoria política seguida polo socialismo europeo e pouco a pouco os partidos socialistas acabaron por posicionárense en contra do modelo soviético, cando en 1919 se decidiu a creación da Terceira Internacional que tiña por obxecto a revolución mundial segundo o modelo bolxevique case todos os partidos socialistas se negaron a participar nela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Nikolai Krestinski.
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Revolución Rusa de 1917

Outros artigos[editar | editar a fonte]