Baía de Guantánamo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da Baía de Guantánamo amosando os límites aproximados da base naval estadounidense.

A Baía de Guantánamo é un enclave na illa de Cuba controlado polos Estados Unidos de América. Localízase ó extremo sueste de Cuba, na provincia de Guantánamo nas coordenadas 19.54.42.95 N 75.09.11.75 O e contén unha base naval estadounidense de aproximadamente 116 km², ben coñecida na actualidade polo seu campo de detención militar para prisioneiros supostamente vencellados ó grupo terrorismo Al Qaida.

Historia[editar | editar a fonte]

A Estación Naval na Baía de Guantánamo estableceuse en 1898, cando Estados Unidos obtivo o control de Cuba por parte de España ó final da Guerra hispano-estadounidense, seguindo coa invasión da Baía de Guantánamo en 1898. O goberno de Estados Unidos obtivo unha concesión perpetua que comezou o 23 de febreiro de 1903, outorgada por Tomás Estrada Palma, primeiro presidente da República de Cuba.

O recentemente formado protectorado estadounidense incorporou a emenda Platt na Constitución cubana. O tratado cubano-estadounidense establecía, entre outras cousas, que Estados Unidos tería completo control e xurisdición sobre a baía de Guantánamo, con propósitos de operar estacións navais e de embarque, mentres que recoñecía que a República de Cuba mantiña a súa soberanía.

En 1905 houbo un requirimento de ocupación de Cuba durante 3 anos debido en parte á Enmenda Platt. Un tratado de 1934 reafirmou o dereito de paso a Cuba e os seus socios comerciais a través da baía, modificando o pago anual dunha renda de 2000 dólares en moedas de ouro, ó valor equivalente en 1934 de 4085 dólares estadounidenses do Tesouro (U.S. Treasury Dollars), e agregou o requirimento de que a terminación desta renda requiriría o consentimento de ambos gobernos, ou o abandono da propiedade por Estados Unidos. En 1961, remata a relación entre Estados Unidos e Cuba, tras a Revolución Cubana.

Na actualidade a base Gitmo en Guantánamo é a única base estadounidense en operación nun país socialista. Desde a chegada ó poder de Fidel Castro soamente cobrou unha renda de aluguer, mentres que firmemente rexeita cobrar a calquera outro goberno, xa que ve esta base como ilexítima. Aínda que non existen relacións diplomáticas entre Estados Unidos e Cuba, Estados Unidos accedeu a mandar de regreso a fuxitivos da lei cubana a autoridades de Cuba, e Cuba pola súa parte accedeu a regresar a Estados Unidos a fuxitivos da lei estadounidense que cometesen delitos en Guantánamo.

O control deste territorio cubano nunca foi popular entre os cubanos. O goberno de Cuba denunciou constantemente que o artigo 52 da Convención de Viena de 1969, declara unha abolición dun tratado se se conclúe que se empregara a forza ou intervención, neste caso a inclusión da Emenda Platt na constitución cubana. Estados Unidos advertiu á Convención Constitucional de Cuba sobre non modificar a emenda, e ordenou ás tropas estadounidenses non abandonar Cuba ata que os termos sexan adoptados como unha condición para garantir independencia a Estados Unidos

O goberno cubano deixou de prover o abastecemento de auga para a base, causando que Estados Unidos importase a auga desde Xamaica e a construción de plantas de desalinización. Na actualidade a base é autosuficiente e produce a súa propia auga de consumo e electricidade. Só dous cubanos, ambos os dous de idade avanzada, cruzan aínda a Porta Nordeste diariamente para traballaren dentro da base; pero o goberno cubano prohibe máis recrutamento de persoal. Conta ademais con centro comercial, 8 bares, restaurantes, estación de bombeiros, gasolineira, unha capela, piscina, dous cines ó aire libre, un hospital, unha casa de cambios, unha estación de radio e dous colexios.

Detención de prisioneiros[editar | editar a fonte]

No último cuarto do século XX, a base foi empregada como centro de reclusión para refuxiados cubanos e haitianos interceptados en alta mar. Porén, comezando en 2002, unha pequena porción da base foi empregada para acoller dentro dos campos X-Ray (Raios X), Delta e Echo (Eco), a prisioneiros sospeitosos de nexos con Al-Qaeda e o exército talibán que foron capturados en Afganistán. A publicidade máis recente divulgou a transferencia de prisioneiros o 22 de setembro de 2004, cando 10 prisioneiros foron traídos dende Afganistán. Finalmente, foron encarcerados na base sen ningún cargo.

Baía de Guantánamo.

O status legal tan peculiar da Baía de Guantánamo foi un factor para elixila como centro de detención. Debido a que a soberanía da Baía de Guantánamo reside con Cuba, o goberno estadounidense argumentou que a xente detida en Guantánamo se atopaba legalmente fóra do seu país e non tiñan os dereitos constitucionais que terían se estivesen detidos nel. Durante 2004, a corte suprema rexeitou este argumento no caso Rasul contra Bush coa decisión maioritaria, e estableceuse que os prisioneiros en Guantánamo teñan acceso a cortes estadounidenses, citando o feito de que Estados Unidos ten o control exclusivo sobre a Baía de Guantánamo.

Estados Unidos clasifica os prisioneiros encarcerados nos campos Delta e Echo como combatentes inimigos ilegais, pero non contempla o artigo 5 do tribunal que se require pola Lei Internacional para avalalos. Isto outorga ós prisioneiros os dereitos da Cuarta Convención de Xenebra (GCIV), en oposición á Terceira Convención de Xenebra (GCIII) que trata exclusivamente sobre prisioneiros de guerra. O 9 de novembro de 2004 o xuíz James Robertson da Corte de Distrito de Estados Unidos estableceu que a administración de George W. Bush sobrepasou a súa autoridade ó tratar os devanditos prisioneiros como combatentes inimigos nun tribunal militar e negarlles o acceso ás probas usadas contra eles.

Unha soldado observa un grupo de presos na Base de Guantánamo.

O 30 de novembro de 2004, o xornal New York Times publicou extractos dun memorando interno da administración de Bush, 2, no que se refire a un informe do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR). O informe indica varias actividades nas que, se di, eran "equivalentes a tortura": exposición de ruidos ou música molesta, temperaturas extremas por tempo prolongado ou malleiras. Tamén se informou da existencia dun equipo científico de comportamento (BSCT), tamén chamado Biscuit, e a comunicación de información médica confidencial ós equipos de interrogación por parte dos médicos da base (debilidades, fobias, etc.), dando por resultado a perda da confianza ós médicos por parte dos presos na base.

O acceso do CICR á base foi condicionado, dado que é normal para as operacións humanitarias do CICR que os informes sexan confidenciais, algunhas fontes informaron sobre discusións que tiveron lugar nos cuarteis xerais do CICR, xa que algúns dos involucrados querían facer público o informe, ou enfrontarse coa administración dos Estados Unidos. Os xornais publicaron que a administración e o Pentágono viron o informe do CICR en xullo de 2004 pero rexeitaron as súas conclusións [1]. A historia apareceu orixinalmente en varios periódicos, incluíndo The Guardian, do Reino Unido [2], e o CICR reaccionou sobre o artigo cando este se filtrou en maio [3].

O 31 de maio de 2005, o presidente de Estados Unidos, George W. Bush denunciou un novo informe sobre dereitos humanos que reflectían a situación sobre as acusacións de abuso de prisioneiros en Gitmo e outras prisións militares, etiquetando ó informe de "absurdo", segundo un informe de Associated Press [4]. No mesmo día dos comentarios de Bush, apareceron novas alegacións de prisioneiros en Guantánamo, nunha reportaxe alén das mesmas axencias, onde se afirmaba que membros de tribos afgás tiñan motivos ocultos para testemuñaren contra presuntos terroristas.

O 14 de febreiro de 2006 un borrador do informe de cinco expertos da ONU solicita o peche das instalacións de detidos tras concluír que as prácticas de alimentación forzada e diversas técnicas de interrogatorios equivalían a actos de tortura. Mentres que en Washington, o portavoz do Departamento de Estado, Sean McCormack, criticou o borrador do informe da ONU catalogándoo de rumores.

En decembro de 2007 EEUU mantiña 290 detidos en Guantánamo.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Camp Delta Manual

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]