Alimentos transxénicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os alimentos transxénicos, tamén chamados alimentos sometidos a enxeñaría xenética, son aqueles que conteñen organismos modificados xeneticamente mediante técnicas de enxeñaría xenética. Dito doutro xeito, é un alimento elaborado a partir de seres vivos ós que lles incorporaron xenes doutro, para lograr en el a característica desexada. Proveñen na súa maior parte de plantas transxénicas, como o millo e a soia.

Os alimentos transxénicos non sempre conteñen as proteínas codificadas polos xenes transferidos, porque moitas delas exprésanse en partes das plantas distintas dos órganos dos que se extrae rendemento.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A enxeñaría xenética é a ciencia que manipula as secuencias do ADN. A mellora das especies que serán usadas como alimento foron un motivo común na historia: xa no 1909 tivo lugar a primeira fusión de protoplastos, e no 1927 obtivéronse mutantes de maior produtividade mediante irradiación con raios x nas sementes. Finalmente, no 1983 produciuse a primeira planta transxénica e no 1994 aprobouse a comercialización do primeiro alimento modificado xenéticamente. No ano 2007 os cultivos de transxénicos estendíanse en 114,3 millóns de hectáreas de 23 países, dos cales 12 eran países en vías de desenvolvemento. No 2006 nos Estados Unidos o 89% das plantacións de soia eran de variedades transxénicas, así como o 83% do algodón e o 61% do millo.

O primeiro alimento modificado pola enxeñaría en ser producido para o consumo masivo foi o tomate Flarv Svr. Os alimentos que posteriormente se modificaron foron a soia transxénica, cuxa constitución se modificou para facela máis resistente a herbicidas, e o millo, que se modificou para resistir determinados insectos e xerar maiores rendementos.

Efectos dos Alimentos Transxénicos[editar | editar a fonte]

Efectos na saúde humana[editar | editar a fonte]

O uso dos OMX aprobouse dunha maneira moi criticada por gran parte da comunidade científica. Seguiuse o criterio da equivalencia substancial, é dicir, a comparación dun organismo non modificado xeneticamente cun OMX equivalente, que se declaraba seguro se non se detectaba ningunha diferenza significativa.

Constatáronse os seguintes efectos sanitarios provocados polos transxénicos:

  • Aparición de novas alerxias por introdución de novas proteínas nos alimentos. Un caso coñecido é o do Millo Starlink, acontecido nos Estados Unidos no ano 2000. Atopáronse na cadea alimentaria trazas dun millo transxénico non autorizado para o consumo humano que provocou graves problemas de reaccións alérxicas.
  • Aparición de resistencias a antibióticos en bacterias patóxenas para o home. Algúns OMX utilizan xenes antibióticos como marcadores, é dicir, algúns transxénicos poden transferir ás bacterias a resistencia a determinados antibióticos que se utilizan para loitar contra enfermidades tanto humanas como animais (por exemplo, á amoxicilina). A Asociación de Médicos Británica recomendou prohibir o uso destes xenes marcadores.
  • Aparición de novos tóxicos nos alimentos, debido ós cultivos BT ou ás proteínas que se utilizan como marcadores nos OMX.
  • Incremento da contaminación nos alimentos por un maior uso de produtos na agricultura.

Porén, existen opinións favorables ó uso dos transxénicos. Segundo o doutor Thomas, os beneficios dos alimentos transxénicos para os consumidores veranse no futuro, cando saian dos laboratorios moitos dos produtos que actualmente se encontran en distintas fases de experimentación. Alimentos fortificados con vitaminas e micronutrintes esenciais, por exemplo, serán de gran utilidade para combater as deficiencias nutricionais que padece un elevado porcentaxe da humanidade. Incluso estase experimentando coa creación de alimentos que conteñan produtos medicinais. Os alimentos que conteñan vacinas son un bo exemplo disto.

Efectos no medio ambiente[editar | editar a fonte]

As variedades transxénicas contaminan xeneticamente a outras variedades da mesma especie ou a especies silvestres emparentadas. Por exemplo, en México, o centro de diversidade e orixe mundial do millo, os millos transxénicos importados dos Estados Unidos están contaminando as variedades tradicionais. Os casos son especialmente graves nos estados de Puebla e Oaxaca. En Europa a colza transxénica é un cultivo de alto risco, dado que existen parentes silvestres deste cultivo. A permisividade do goberno chinés respecto á importación de soia transxénica pon en perigo o centro de diversidade e orixe mundial deste cultivo, podendo ocorrer o mesmo que pasou en México có millo. A contaminación xenética é irreversíbel e impredecibel, non se pode volver á situación de partida. A polinización depende de factores naturais e, polo tanto, é imposíbel controlala.

  • Efectos descoñecidos ou impredecibles: a enxeñaría xenética aplicada para a creación dos cultivos transxénicos parte do principio de que os xenes teñen unha función en si mesmos, sen ter en conta ningún outro factor interno ou externo do organismo. Resulta imposible predecir o comportamento dos novos xenes introducidos en ecosistemas complexos, xa que o coñecemento científico ó respecto é aínda moi limitado.
  • Contaminación do solo: por exemplo, as plantas Bt (os millos cuxo cultivo é tolerado polo Goberno de España pertencen a dous tipos de millo Bt) producen unha toxina insecticida chamada Bt, a cal acumúlase no terreo.
  • Desaparición de biodiversidade: a contaminación xenética pon en perigo variedades e especies cultivadas tradicionalmente. O aumento do uso de produtos químicos elimina ou afecta gravemente á flora e á fauna.
  • Incremento do uso de pesticidas: aumenta a contaminación química. Coas plantas tolerantes a herbicidas, o agricultor pode usar maiores cantidades de agrotóxicos para acabar coas chamadas "malas herbas". Existen datos que demostran que, debido a isto, se están utilizando moitos máis pesticidas nos cultivos transxénicos que nos tradicionais, o que aumentaría a contaminación química. Porén, existen discrepancias ó respecto, pois segundo outros os vexetais transxénicos permiten diminuír o uso de pesticidas e herbicidas, o que é positivo para o medio ambiente. Ademais o diminuír o uso destes produtos redúcense os custos e aumenta a produtividade da terra.

Controversia[editar | editar a fonte]

Defensores[editar | editar a fonte]

Os científicos e enxeñeiros aseguran que o contido nutricional dos alimentos transxénicos é de maior calidade, polo que o risco de alerxias a determinados alimentos diminúe e o metabolismo mellora. Afirman tamén que estes alimentos se logran sen alterar as cualidades beneficiosas do produto.

Outros defenden o tema argumentando que:

  • Os alimentos transxénicos (aprobados e comercializados) non provocaron nin una soa morte nin unha soa alerxia en humanos tras máis de 20 anos no mercado. Estes alimentos son sometidos a maiores controis sanitarios que os alimentos que proveñen de cultivos tradicionais ou ecolóxicos, polo que a súa salubridade está aínda máis garantida.
  • Os transxénicos poderían contribuír a un descenso nos prezos dos alimentos e paliar gran parte da fame do mundo se se legalizasen en todos os países, xa que posúen unha maior resistencia á seca, pragas, salinidade etc., polo que teñen un índice de produción de alimentos por hectárea bastante maior á dos cultivos tradicionais.

Opositores[editar | editar a fonte]

Os grupos opositores deste tipo de alimentos están formados principalmente por ecoloxistas, asociacións de dereitos do consumidor, científicos e políticos. Estes buscan que se etiqueten estes alimentos por diferentes motivos: uns pola súa preocupación sobre a seguridade alimenticia, outros pola dependencia económica, polo seu impacto ambiental etc. Xurdiron en varios países do mundo e baséanse en:

  • Ameazas para a saúde, como a resistencia ós antibióticos, xa que moitas plantas transxénicas conteñen un xene de resistencia ós antibióticos, que se utiliza como unha marca de secuencia xenética que permite verificar que porcentaxe da manipulación xenética funcionou e canto fallou.
  • Novas alerxias, xa que a maioría dos transxénicos conteñen xenes de virus, bacterias, bolboretas, escorpións etc. e estase a experimentar con xenes de vaca en plantas de soia, con xenes de couza en mazás e ata con xenes de rata en leitugas. Estes alimentos estraños á dieta dunha persoa poderían aumentar os riscos de presentas novas alerxias, principalmente en nenos e bebés.
  • Diversas amezas ó medio ambiente.

Principais empresas e países produtores de alimentos transxénicos[editar | editar a fonte]

A empresa Monsanto ten o 80% do mercado das plantas transxénicas, seguida por Aventis, co 7%, Syngenta (antes de Novartis) co 5%, BASF co 5% e DuPont co 3%. Estas empresas tamén producen o 60% dos plaguicidas e o 23% das sementes comerciais.

Case dous terzos dos cultivos transxénicos que se producen no mundo atópanse nos Estados Unidos (59%). Aínda que a superficie plantada de cultivos transxénicos neste país segue crecendo, a súa proporción da superficie mundial diminuíu rapidamente, ó incrementar Arxentina (20%), Brasil (6%), Canadá (6%), China (5%), Paraguai (2%) e Sudáfrica (1%) as súas plantacións. Así, os transxénicos cultívanse en 7 países industrializados tales como Estados Unidos, Canadá, Australia, España, Alemaña, Romanía e Bulgaria e en 11 países en desenvolvemento: Arxentina, China, Sudáfrica, México, Indonesia, Brasil, India, Paraguai, Uruguai, Colombia, Chile, Honduras e Filipinas.