Édouard Manet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Édouard Manet
Nacemento 23 de xaneiro, 1832
Lugar de nacemento París, Francia
Morte 30 de abril, 1883
Lugar de morte París, Francia
Nacionalidade francesa
Eido Pintura
Movemento Realismo, Impresionismo
Traballos

O almorzo sobre a herba 1863
Olympia 1863

Un bar aux Folies Bergère 1882


Édouard Manet, nado en París o 23 de xaneiro de 1832 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1883, foi un pintor francés. Foi un dos primeiros artistas do século XIX a presentar temas cotiáns. A súa arte fixo de ponte entre o Realismo e o Impresionismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Manet naceu no seo dunha familia burguesa. A súa nai, Eugénie-Desirée Fournier, foi madriña do príncipe sueco, Charles Bernadotte, do cal a actual familia real sueca descende. Manet, quen se sentía fondamente un artista, negouse a facer os estudos de Dereito que seu pai, o xuíz Auguste Manet, lle predestinara. O seu tío, Charles Fournier, encoraxouno a ser pintor, e sempre levaba o xove Manet ó Louvre. Despois de fracasar na proba para o ingreso na mariña, Manet decidiu comezar unha carreira de artes, entrando no estudo do pintor académico Thomas Couture. Despois de seis anos de aprendizaxe, ante as reprimendas do seu mestre e o fracaso das súas pinturas, decidiu romper con el pra desenvolver un estilo de seu. Manet formouse dun xeito autodidacta copiando as obras mestras de todos os grandes museos europeos (Francia, Italia, Alemaña, Países Baixos e España). Nestas visitas, el absorbeu influencias do pintor holandés Frans Hals, e dos pintores españois Diego Vázquez e Francisco José de Goya.

En 1861, creu atopar o éxito coa súa pintura Portrait de M. et Mme Auguste Manet (Retrato do Señor Auguste Manet e Señora). Mais un ano despois, as cores e o erotismo de Lola de Valence (Lola de Valencia) levaríano ao escándalo.

En 1863, o célebre Déjeuner sur l'herbe (O almorzo sobre a herba) e a provocativa Olympia contribuirían á súa clasificación na categoría de "pintores intratables", séndolles negada aos seus traballos a entrada no Salon de Paris. Participando entón no Salon des Refusés, salón onde participaban outros pintores que, coma el, non podía expoñer no salón parisino. Algúns destes pintores eran Degas, Millet, Monet, Pissarro, Renoir, Sisley.

A partir de 1869, adicaríase a pintar sobre motivos mariños.

O 4 de setembro de 1870, coa proclamación da Terceira república francesa, Manet, fervente republicano, comprometeríase coa Garda Nacional.

En 1873, expón no salón "Le Bon Bock", cadro "naturalista" caracterizado pola influencia de Zola, co que recibe o recoñecemento do mercado da arte, vendendo moitos dos seus traballos, en parte grazas ao seu amigo Durand-Ruel.

En 1874, non se sente o suficientemente preto ao estilo dos impresionistas, polo que decide non expor xunto eles no estudo de Nadar. A pesares da súa amizade cos pintores desta escola, quen lle reclamaban lealdade, como Degas, Monet, Pissarro, Renoir, Sisley... e, sobre todo, Berthe Morisot a súa mentora, quen ademais casara co seu irmán o mesmo ano. O verán de 1874 traballaría no taller do seu iate entre as vilas interiores de Argenteuil e Gennevilliers, en compaña dos seus amigos Monet, Renoir e o poeta Stéphane Mallarmé. Baixo a súa influencia, desenvolvería un estilo ao "aire libre" moito máis claro e achegado aos impresionistas.

A partir de 1876 e durante os seus derradeiros anos, sentíndose sen folgos, e a pesares dunha grave doenza (que causa a amputación da súa perna esquerda), continúa pintando e expondo no Salón, adicándose a pintar obras de bodegóns, retratos e composicións florais. Entre os anos 1881 e 1882, exporía a súa derradeira obra mestra, Un bar aux Folies Bergère (O bar do Folies Bergère).

O 30 de abril de 1883 produciríase a súa morte, días despois da amputación da súa perna esquerda o 19 de abril. Trala súa morte en París, deixaría tras del, o Grupo dos Batignolles (véxase o cadro), ademais dumha colección de máis de catrocentos cadros sen contar un sennúmero de pasteis, bosquexos, etc.

As súas pinturas, incomprendidas na época, axudaron a preparar o camiño da pintura moderna, sendo Manet o líder da "vangarda" (avant-garde). O pintor é a míudo considerado como un dos país do impresionismo. A súa pintura é considerouse, dentro do impresionismo, máis realista ás dos seus compañeiros Claude Monet e Camille Pissarro.

En 1893, ironicamente o seu cadro Olympia, rexeitado en 1863, foi aceptado finalmente no Musée du Louvre.

Manet, en imitación do enton estilo predominante, o Realismo, iniciado por Gustave Courbet, pintaba temas cotiáns, como pedintes, cafés, touradas, e outros eventos e escenarios. El produciu poucas obras relixiosas, mitolóxicas ou historicas.

Infancia[editar | editar a fonte]

Édouard Manet naceu o 23 de xaneiro de 1832 no número 5 da rúa Bonaparte, no barrio parisino de Saint-Germain-des-Prés. O seu pai, Auguste, un fervente republicano, era un alto funcionario do ministerio de xustiza francés, descendente dunha ilustre familia burguesa da capital. A súa nai, Mme Manet (nada Fournier), era a filla dun diplomático destinado en Estocolmo, que lograra conseguir a confianza do rei de Suecia, ata o punto de ser este o padriño da nai de Manet. Malia as austeras costumes da súa familia, o xove Édouard axiña descubriu o mundo da arte grazas á influencia dun tío un pouco excéntrico, o capitán Edouard Fournier, quen levou dende xa moi novos a Edouard e máis o seu irmán Eugène ás galerías de arte do Museo do Louvre.

Á idade de doce anos, Édouard Manet foi enviado ao collège Rollin (hoxe en día lycée Jacques Decour), ao pé de Montmartre. Xa no liceo, tería como profesor de historia ao xove Henri Wallon, quen chegaría a ser a pedra angular da Terceira república francesa. O rendemento escolar de Manet semella ter sido moi decepcionante: o rapaz adoitaba distraerse, non se aplicaba demasiado e daba mostras de insolencia. Manet adoitaba adornar os seus cadernos con historietas, sobre os asasinatos dos seus mestres e compañeiros de clase, chegando a ser coñecido por iso entre os seus compañeiros.

A viaxe aBrasil[editar | editar a fonte]

L'Évasion de Rochefort
1881 (143 x 114 cm)
Kunsthaus, Zúric.

Os malos resultados obtidos por Édouard fixeron que os seus pais revisasen á baixa as ambicións que tiñan postas no seu fillo máis vello. Tendo desbotado a posible carreira no mundo xurídico, os país de Manet decidiron que fose marine a pesares da súa negativa. Un primeiro fracaso na entrada á Escola Naval impediría que o xove comezase con éxito a súa carreira como marine, séndolle imposto un programa de formación, polo que sería embarcado como aprendiz de piloto no barco-escola Havre et Guadeloupe con destino Río de Xaneiro (1848). A súa estadía en Brasil daríalle un gusto polo exótico e as mulleres, ademais de achegarlle unha brutal confrontación coa realidade da escravitude. Todas estas influencias seguirían sendo evidentes en moitas das súas obras, especialmente na súa Olympia . Na súa viaxe, o xove Manet viviría un fondo e espiritual reencontro co mar que se mantería ao longo da súa vida, véndose reflectida nunha serie de mariñas como L'Évasion de Rochefort, polemista homeaxe a Henri Rochefort e a súa fuxida da colonia penal de Nova Caledonia.

Aprendizaxe no estudio de Thomas Couture[editar | editar a fonte]

Portrait du Tintoret par lui-même, copia da tea do Louvre
1854 (61 x 51 cm)
Musée des Beaux-Arts de Dijon

Édouard Manet volveu de América do sur o mes de xuño de 1849. A experiencia adquirida durante a longa viaxe, porén, non sería de abondo para entrar na Escola Naval, volvendo a ser rexeitado. Lonxe de aflixirse, este contratempo axudaría a Manet a decidirse por unha carreira artística. No outono do mesmo ano, o mozo obtería o permiso dos seus país para entrar no estudio do pintor Thomas Couture, onde permanecería preto de seis anos.

O pintor Thomas Couture é considerado como unha das figuras máis senlleiras da arte académica da segunda metade do século XIX, caracterizada polo gusto case exclusivo pola arte antiga e os suxeitos marcados pola gravidade. Couture e coñecido pola súa obra mestra Les Romains de la décadence, exposta no Salon de Paris de 1847. Porén, o seu estilo pasaría por anovador, comparado cos estilos doutros academicistas, moito máis apagados, monótonos e cargados. Isto explica a decisión de Manet de escoller a Couture como o seu mestre.

Manet adicouse durante os seis anos de formación, á aprendizaxe das técnicas básicas de pintura ademais da copia das grandes obras mestras expostas no Museo do Louvre como Autoportrait du Tintoret, Jupiter et Antiope de Tiziano o Hélène Fourment et ses enfants, de Rubens. O seu atractivo polo modero xa era apreciable na época, conseguindo o permiso de Delacroix para reproducir a súa obra La Barque de Dante, de aquela exposta no Musée du Luxembourg. Nesta época o xove pintor realizou algunhas obras orixinais, aínda que probablemente as destruiría debido á falta de aprobación.

Venus de Urbino, copia da tea da Galería Uffizi de Florencia
1856 (24 x 37 cm) Col. particular

Ademais de formarse no estudo, Manet levaría a cabo unha seríe de viaxes culturais por Europa, visitando por exemplo o Rijksmuseum de Amsterdam no mes de xullo de 1852. Ademais dos Países Baixos, Manet tamén visitaría Italia durante dúas ocasións: a primeira, en 1853, co seu irmán Eugène na que tería a oportunidade de copiar a famosa Venus de Urbino de Tiziano, na Galería Uffizi de Florencia, obra que o influiría para pintar posteriormente a súa Olympia. Durante a segunda viaxe, en 1857, Manet volvería á cidade dos Médici para admirar os murais de Andrea del Sarto no claustro da Annunziata. Ademais dos Países Baixos e Italia, o artista visitaría durante a súa viaxe do ano 1853, Alemaña e a Europa central, visitando especialmente os museos das cidades de Praga, Viena, Múnic ou Dresden.

A independencia manifestada por Manet contribuiría paseniñamente a tensar a relación entre o xove pintor e o seu mestre. Couture, desconcertado pola obstinación do seu pupilo a elixir suxeitos simples e realistas ademais de modelos vestidos, faría que o seu mestre manifestase que Manet non sería máis que o «"Daumier do seu tempo»[1], dito doutro xeito, un caricaturista con gustos ordinarios. A grande diverxencia artística entre Manet e o seu mestre faría que, en 1856, o xove Manet abandonase o estudo establecéndose co seu amigo Balleroy nun estudo de seu.

Período realista e hispano[editar | editar a fonte]

O home de Velázquez[editar | editar a fonte]

Le Buveur d'absinthe
1858-1859 (180,5 x 105,6 cm)
Ny Carlsberg Glyptotek, Copenhaguen.

Despois de pasar anos copiando e aprendendo dos grandes mestres, foi no Salón de 1859 onde Manet se decidiu a expor por primeira vez unha das súas obras, titulada Le Buveur d'absinthe. A tea, de factura netamente realista, denota a influencia innegable de Gustave Courbet, contituíndo sobre todo unha brillante homeaxe ao pintor que Manet sempre considerou coma un modelo a seguir e coma «o pintor dos pintores»[2], Diego Velázquez. De feito existe unha grande semellanza entre a obra do pintor francés e o Menipo do mestre español.

Moitas das pinturas de Édouard Manet inclúen referencias máis evidentes ou sutís do seu ilustre devanceiro. O personaxe do cadro, dun xeito cómico dabondo, fará unha reaparición incongruente nunha tea posterior, Le Vieux Musicien, tea senlleira por ser a maior feita polo pintor no que a dimensións se refire.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. in J.-E. Blanche, Manet, Paris, 1924
  2. Lettre à Zacharie Astruc, septembre 1865

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Édouard Manet