Universidade Laboral Crucero Baleares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°19′06″N 8°22′18″O / 43.318333333333, -8.3716666666667

Universidade Laboral Crucero Baleares
Corredor de entrada ao CRD
Enderezo
Datas
Educación
Xestión
Na rede

A Universidade Laboral “Crucero Baleares”, de Culleredo, foi un dos 21 grandes centros educativos que, coa denominación de Universidade Laboral[1], edificou o Ministerio de Traballo de España e que estaban sostidos polos mutualismos laborais. Inaugurada en 1964, foi o sexto destes grandes centros e o primeiro adicado ás profesións marítimo-pesqueiras, dentro do I Plan de Desenvolvemento Económico e Social. En 1981 converteuse en Centro de Ensinanzas Integradas.

Do proxecto á inauguración[editar | editar a fonte]

Orixe e localización[editar | editar a fonte]

As universidades laborais xorden da necesidade de atender a demanda de formación de persoal laboral para a industria do momento. A finalidade destes centros é a de dotar o traballador dunha completa formación humana, técnica e profesional, que lle permita desenvolver eficazmente a súa actividade laboral.

Para a súa localización elixiuse o lugar de Acea da Ama (O Burgo, Culleredo), debido á proximidade coa cidade da Coruña e á boa comunicación cos concellos limítrofes.[2]

Para a súa edificación foi precisa a adquisición de terreos, por compravenda voluntaria ou por trámite normal de expropiación, por seren insuficientes para o volume da obra que cumpría executar os terreos cedidos polos seus propietarios.

A Deputación da Coruña, o día 26 de xuño de 1957, fixo a doazón de 50 ha á Caja de Compensación y Reaseguro diante do notario D. Manuel Otero Peón (protocolo número 1.027). A superficie construída foi de 25.000 metros cadrados. Para a súa localización elixiuse a zona máis protexida do terreo dispoñible e reservouse espazo suficiente para un posible aumento das edificacións ante futuras demandas docentes. Parte deste soar, en Acea de Ama, era unha lameira (unha mina de caolín), nunha ladeira moi húmida e cunha suave pendente cara ao sur, e era aquí onde había que darlle acomodo a un complexo educativo, residencial, deportivo e de servizos.

Segundo recortes de prensa da época, outra parte deste terreo estaba considerado o mellor da parroquia de Vilaboa, xa que era onde os labregos producían o trigo que deu a fama ao saboroso “pan de Vilaboa”. Os propietarios cederon os seus terreos polo prezo de oito pesetas o metro cadrado. Algúns reclamaron e cobraron máis tarde a 12 pesetas/m².

Proxecto e construción[editar | editar a fonte]

O día 11 de agosto de 1960 fallouse o concurso de anteproxectos convocados para o seu deseño. O primeiro premio gañouno o proxecto presentado baixo o lema “El mar” e os autores eran os arquitectos Luis Laorga Gutiérrez e José López Zanón, coa colaboración do aparellador Manuel Otero. A eles encargóuselles a elaboración do proxecto definitivo.

A construción iniciouse en 1962 e foi realizada pola firma TERMAC, cun orzamento próximo aos sesenta millóns de pesetas. Prevíase unha capacidade de 300 alumnos internos e 500 externos.

A súa construción planificouse de acordo cos últimos avances e respectando a flexibilidade necesaria para facer posible a súa adaptación a futuros programas e esixencias pedagóxicas.

Construíronse edificios de planta baixa e de formas lixeiras, eludindo dentro do posible as escaleiras, coa finalidade de abaratar custos. Tamén se pensou na máxima concentración dos edificios para reducir os múltiples desprazamentos diarios.

A cimentación utilizada foi de tipo flotante, debido ás características pantanosas do terreo.

A estrutura no seu conxunto foi concibida en expansión horizontal, con predominio de planta baixa, xogando cos volumes e caídas de vertentes pregadas á topografía, enlazando e comunicando uns edificios con outros por medio de galerías cubertas despegadas do chan. Destacan os grandes muros de pedra coroados por beirados cubertos de formigón, que producen volumes de gran potencia. O problema das humidades resolveuse efectuando unha impermeabilización continua en material asfáltico, separando o piso do chan mediante unha cámara de aire.

Inauguración[editar | editar a fonte]

Foi inaugurada o 12 de setembro de 1964, polo entón xefe do Estado Español, Francisco Franco. A denominación inicial de Universidad Laboral Crucero Baleares débese ao buque Baleares da Armada franquista afundido en 1936 durante a guerra civil española.

Instalacións[editar | editar a fonte]

Accédese ás instalacións mediante unha gran praza de 3.500 m², nun extremo da cal se atopa un mastro de navío con aparello de 38 m de altura, alegoría e símbolo da modalidade marítimo-pesqueira que se imparte no centro. É unha réplica do mastro do buque Baleares. Nas súas instalacións hai catro partes ben diferenciadas segundo as súas funcións:

Zona central[editar | editar a fonte]

Un gran vestíbulo dá acceso a un amplo salón de actos con patio de butacas e anfiteatro, cun volume de 5800 m³ e capacidade para 1200 persoas. O teito é de piñeiro rubio do Báltico, en forma de quilla de barco, que se prolonga polo amplo vestíbulo. Segundo varios expertos[quen?] este salón de actos ten unha acústica especialmente boa. Tamén se encontran nesta zona central as oficinas e as dependencias do reitorado. Estas dependencias foron adaptadas ás necesidades de funcionamento do actual centro educativo.

Internado[editar | editar a fonte]

Entrada ao Colexio Atlántico
Entrada ao Mare Nostrum

O internado da Universidade Laboral ocupa gran parte do edificio; estaba dedicado só ao alumnado masculino. Nun principio constaba de tres colexios, independentes entre si pero comunicados por galerías cubertas, cuxos nomes eran "Arzobispo Gelmírez", "Méndez Núñez" e "Almirante Vierna", con cabida para 104 alumnos cada un, polo que a capacidade total deste centro era de 312 internos, 700 mediopensionistas e 300 externos. Cada edificio consta dunha planta baixa, distribuída en salas de xogos, de estudos, despachos etc., e dúas alturas onde se encontran os cuartos. Hai ademais outras zonas de servizos: comedor, cociñas, lavandería, enfermería, residencia de empregados e amplos patios para o esparexemento dos alumnos.

Nunha posterior ampliación cuadriplicouse a capacidade para acoller alumnos internos e cambiáronse os nomes dos colexios polos seguintes: "Atlántico", "Gran Sol", "Cantábrico" e " "Mare Nostrum". Estes nomes aínda se conservan na actualidade. Tamén se mantén a estrutura dos edificios tal e como foi proxectada, aínda que no seu interior se fixeron reformas para adaptar estas instalacións ás necesidade actuais.

Capela[editar | editar a fonte]

Está cuberta por unha trama reticular con barras de aceiro que forman pirámides, dende cuxos vértices se proxecta a iluminación eléctrica. Tamén posúe vidreiras policromadas. O altar é un monólito horizontal de catro metros cun crucifixo e unha imaxe da Virxe do Carme, enriba dunha proa de barco que sobresae do muro. Esta imaxe é unha talla do século XVII. Actualmente parte desta capela está reconvertida en biblioteca escolar.

Aulas e talleres[editar | editar a fonte]

A terceira zona, dedicada toda ela ás ensinanzas, está composta de:

Instalacións deportivas[editar | editar a fonte]

Este centro destaca polas súas instalacións deportivas e pola grande extensión de zonas verdes que o rodean. Dispón de campo de fútbol, pista de baloncesto, piscina cuberta e climatizada, polideportivo, ximnasio, pistas de atletismo, campo de rugby etc.

Unha gran parte dos terreos da antiga Universidade Laboral foron cedidos á Xunta de Galicia para a construción do Parque de Acea da Ama, xestionado por medio da Secretaría Xeral do Deporte.

Ampliación das instalacións[editar | editar a fonte]

Primeira ampliación[editar | editar a fonte]

Segundo a prensa da época, no primeiro trimestre de 1967 saen a concurso as obras de ampliación das instalacións da Universidade Laboral, e a pretensión das autoridades era que no mes de outono estivesen rematadas as obras[3].

A enfermería na actualidade

A ampliación adxudicouse á empresa Entrecanales y Tavora por un orzamento de 78.404.796,04 pesetas[4].

Aconsecuencia directa desta reforma foi a ampliación da capacidade da zona de residencias, que pasará de acoller 312 alumnos a 1.200. Tamén se ampliaron os talleres, as aulas e os servizos xerais (cociña, lavandería, enfermería, instalación deportivas, etc.).

Esta nova construción non seguiu a mesma regra de todo o complexo xa existente.

Modernización[editar | editar a fonte]

Coa adaptación á nova Lei de Educación de 1970, no curso 1971-1972 instáuranse os estudos de bacharelato, o que supuxo a necesidade de ampliar as instalacións especialmente no que se refire a laboratorios, aulas e zona residencial. Segundo prensa da época concédese un presuposto extraordinario de 15 millóns de pesetas para levar a cabo a devandita modernización.

Posteriormente, nos anos 90, fíxose outra remodelación de toda a residencia, por medio da cal se transformaron as habitacións e os baños, pasando de ter capacidade para catro ou seis alumnos e baños comúns, a ser dobres e co baño incorporado.

O hórreo da Laboral

Hórreo[editar | editar a fonte]

O hórreo instalado nunha zona de parque do centro procede dunha doazón feita polo Concello de Culleredo en agradecemento á Universidade Laboral e ao Ministerio de Traballo pola cesión duns terreos para a construción dun colexio nacional de EXB. Este acto tivo lugar o 18 de agosto de 1973, presidido polo ministro de traballo Licinio de La Fuente.

Colexio de mediopensionistas: "Mariñas"[editar | editar a fonte]

A súa creación responde á necesidade de darlle solución á demanda do alumnado que asiste ás clases pero que non é interno.

No curso 1973-1974 constitúese a Unidad Formativa de Alumnos Mediopensionistas e tamén a Asociación de Pais de Alumnos Mediopensionistas. Esta unidade recibiu nos cursos seguintes o nome de "Colexio Mariñas". A partir do curso 1975-1976 produciuse a incorporación do alumnado feminino nas aulas e, por tanto, tamén neste colexio.

O edificio consta de dúas plantas, dotado de aulas de estudos e servizos necesarios para atender a elevada demanda dos alumnos mediopensionistas. Os beneficiarios deste servizo reciben bolsas da Dirección Xeral de Promoción Social do Ministerio de Traballo, e son estudantes procedentes dos concellos limítrofes de Culleredo: Oleiros, Sada, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, etc.

Na actualidade segue conservando o mesmo nome, pero a utilidade cambiou e a partir de 1989, cando pasou a ser zona de docencia con aulas e talleres nas cales se imparten as especialidades da rama marítimo-pesqueira.

Organigrama[editar | editar a fonte]

Desde a inauguración ata a conversión en centro de ensinanzas integradas, a organización da Universidade Laboral tiña a seguinte estrutura:

Padroado[editar | editar a fonte]

Estaba constituído por un presidente, catro vogais, un representante da xefatura agronómica, un representante da xefatura de industria, un representante do distrito universitario, sete representantes do mutualismo laboral, un representante das caixas de aforros benéficas, un representante da Subsecretaria da Mariña Mercante, dous representantes de libre designación e un secretario.

Persoal directivo[editar | editar a fonte]

Estaba conformado por un reitor, un vicereitor-xefe de talleres, un secretario xeral, un administrador, un xefe de estudos e un director decano-xefe de residencias.

Reitores[editar | editar a fonte]

Durante o primeiro curso (1964-1965) desempeñou o cargo de vicerreitor Eliseo Vigón Escobar. Os seguintes reitores foron os seguintes:

  • Demetrio Díaz Sánchez (1965-1970).
  • Federico Gómez Rodríguez de Castro (1970-1971).
  • Antonio Faraldo Tenreiro (1971-1975).
  • Martín Díaz González (1975-1978).
  • Tomás Lisnier Lage (1978-1981). Foi o primeiro reitor elixido democraticamente.
  • Pascual Sempere Verdú (1981-1982).
  • Francisco Aurelio López Saavedra (1982-1986).
  • Ramón Montoliu Trillo (1986-1989).

Ensinanzas[editar | editar a fonte]

Os plans de estudos que seguían as universidades laborais establécense en 1957 [5], para a "iniciación profesional" ou "preaprendizaxe" e para o primeiro curso de "aprendizaxe", e un ano despois para os cursos segundo e terceiro[6].

Os estudos que se podían realizar nas universidade laborais distribuíanse en dous grupos:

  • Ensinanzas regradas. As que se impartían de acordo coas normas legais vixentes: formación profesional industrial; bacharelato laboral (marítimo-esqueira), elemental e superior; formación técnica, de grao medio e superior; e formación social.
  • Ensinanzas non regradas. As que impartía a universidade de acordo cos plans establecidos polo Consello Técnico de Universidades Laborais e aprobados pola Xefatura do Servizo de Mutualidades Laborais, e que estaban orientadas á formación de profesionais e técnicos segundo as necesidades da produción. A ordenación destas ensinanzas era privativa da Universidade Laboral, entanto que non estivesen reguladas oficialmente. Considéranse dentro deste grupo as ensinanzas correspondentes ao perfeccionamento profesional e a capacitación social dos traballadores. Cursos de adultos: mecánicos navais de primeira e de segunda, soldadura ou aqueles outros que demandase a industria do momento.

Bolsas[editar | editar a fonte]

Tramitación[editar | editar a fonte]

A procedencia dos alumnos abarcaba a totalidade do Estado español, pero os estudantes próximos á Universidade Laboral, excepto aqueles que fosen orfos, non podían acceder a estas bolsas. No mes de maio de cada ano convocábanse para o próximo curso nas universidades laborais; os interesados tiñan que poñerse en contacto con algún dos seguintes organismos, a través dos cales recibían a información: delegacións provinciais de mutualidades laborais; o Servizo Central de Universidades Laborais, do Ministerio de Traballo (Madrid); universidades laborais.

Concesión[editar | editar a fonte]

Para o ingreso nestes centros necesitábase cumprir os seguintes requisitos:

  • Requisitos de idade: de 12 a 17 anos para os estudos de bacharelato elemental, oficialía industrial, transformación, 1º de bacharelato laboral, superior e estudos superiores de facultades universitarias.
  • Ser mutualista ou fillo de mutualista.
  • Ser orfo de mutualista falecido en accidente de traballo (700 días de cotización).
  • Ser fillo de pensionista ou pensionista de orfandade.
  • Ser fillo de mutualista titular de familia numerosa.
  • Xente nova que, sen cumprir as condicións anteriores, consiga sufragar a totalidade da bolsa a través do Padroado de Igualdade de Oportunidades ou que logre que unha entidade particular sufrague a contía da bolsa.

Neste senso, é de destacar a existencia dun informe que data de xaneiro de 1966 feito desde o Servizo de Extensión Cultural da Universidade Laboral no que se considera unha incongruencia que os fillos dos mariñeiros, por non ser estes mutualistas, non poidan concorrer como bolseiros a esta universidade a pesar da súa condición marítimo-pesqueira. No curso 1967-1968 resolveuse favorablemente este conflito e os fillos dos mariñeiros puideron estudar como alumnos bolseiros neste centro.

Actividades culturais e deportivas[editar | editar a fonte]

Actividades culturais[editar | editar a fonte]

Nesta Institución sempre se valorou moito a ocupación do tempo libre tanto no aspecto cultural como no deportivo, partindo sempre da premisa de “dotar o alumnado dunha completa formación humana”. Así, no aspecto cultural cabe destacar:

  • Revistas que se publicaban nos distintos colexios: Jarcia (a primeira e máis importante; a súa primeira edición foi en outono de 1965 e tiña unha gran tiraxe, xa que se enviaba ás autoridades, aos pais dos alumnos, aos antigos alumnos, etc.); Timón; Proa; Horma; Horizonte; Enxebre; Xente (revista falada); A Curuxa (periódico mural) e UNI. Revista de la Hermandad de Antiguos Alumnos (tutelada e financiada polo Ministerio de Traballo).
  • Numerosas actividades culturais que se realizaban especialmente as fins de semana: cine, cine club, teatro, conferencias, actuacións musicais, festivais artísticos, visitas culturais a distintas localidades, marchas, acampadas, etc.
  • Círculos e clubs de cine, prensa, arte, historia, arqueoloxía, arte dramática, poesía, pintura, música, fotografía, etc.
  • Recepción de visitas de diversos persoeiros da época, e intercambios de alumnado con outras residencias, concursos de traballos inéditos, participación en certames e exposicións de traballos feitos polos propios alumnos, etc.
  • Impartición de diversos cursos de formación durante o verán nestas instalacións.

O Servizo de Extensión Cultural foi moi activo, xa que era desde onde se coordinaban as actividades culturais. Desde este departamento potenciouse a creación do Seminario de Estudos de Graduado Social, co seu plan de estudos correspondente e os requisitos necesarios para acceder á titulación (xaneiro de 1966).

Outro tipo de actividade que tiña moita repercusión era o de servizos á comunidade, cuxa finalidade era a de facer traballos que fosen visibles e tivesen repercusión de cara á comunidade, tanto dentro do centro como no exterior, xa que se facían actividades en varios concellos limítrofes. Así, por exemplo, no curso 1972-1973 fíxose limpeza do contorno e comezouse a construción dun estanque e no curso 1973-1974 fíxose unha plantación de 4.000 piñeiros nos terreos da laboral; limpeza e embelecemento das marxes da avenida Alfonso Molina, na entrada da Coruña, ou unha misión xuvenil en Miño a través da cal se iniciou un parque de marisqueo seguindo as directrices do Plan de Marisqueo de Galicia.

Actividades deportivas[editar | editar a fonte]

O deporte foi sempre potenciado en todas as súas variedades: fútbol, baloncesto, balonmán, béisbol, rugby, voleibol, atletismo, hóckey sala e hóckey herba, tenis, etc. Tamén se potenciaron moito as actividades náutico-pesqueiras (cursos de natación, mergullo, pesca submarina, remo, etc.). Hai que destacar tamén a importancia que tiñan os xogos de mesa (tenis de mesa, tute, xadrez, parchís, etc.).

Os alumnos da Universidade Laboral acudían a todo tipo campionatos locais, galegos e estatais.

De todas estas actividades hai numerosa documentación gráfica recollida nas memorias dos distintos colexios.

Transformación en Centro de Ensinanzas integradas[editar | editar a fonte]

En xullo de 1972 dáse o primeiro paso para a desaparición das universidades laborais como institucións autónomas[7]. A súa normalización e integración no réxime académico da Lei Xeral de Educación foi o primeiro paso para a súa transformación definitiva.

A reforma de 1978 dá por finalizadas as mutualidades laborais e crea a Seguridade Social[8]. Como consecuencia disto, os centros das universidades laborais pasaron a depender do Ministerio de Educación e Ciencia por intermedio dun organismo autónomo chamado Instituto Nacional de Enseñanzas Integradas. É importante sinalar que a creación deste organismo foi máis unha necesidade de regulación administrativa e financeira, que docente. En agosto de 1979 regulouse a normativa básica desa nova entidade[9], pero este organismo foi suprimido no ano 1980[10]. Os centros docentes (centros de ensinanzas integradas) procedentes do extinguido Instituto Nacional de Enseñanzas Integradas regúlanse en 1981 e establécese o seguinte organigrama[11]:

  • Unipersoais: director, vicedirector, xefe de estudos, xefe de talleres e laboratorios, xefe de residencias, administrador e secretario.
  • Colexiados: consello de dirección, claustro de profesores, xunta de residencias e xunta económica.

No ano 1982 prodúcese o traspaso das funcións e os servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación (ensinanza non universitaria)[12], e no ano 1989 os centros de ensinanzas integradas de Galicia divídense en dous entes autónomos, tanto en funcións como en xestión. Tamén hai unha división dos espazos.

Centro Residencial Docente[editar | editar a fonte]

En 1989 suprímense os centros de ensinanzas integradas da Coruña, Vigo (Pontevedra) e Ourense, e créanse os institutos de educación secundaria e profesional e os centros residenciais docentes da Coruña, Vigo e Ourense, para o funcionamento dos cales a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria estableceu o seguinte organigrama[13]:

Unha sala de estar para alumnos.
  • Unipersoais: xerente (director), xefe de residencias e directores de colexios residenciais.
  • Colexiados: consello de residencias e claustro.

No decreto que regula estes centros establécense ademais as bases da convocatoria de bolsas para o alumnado residente, os obxectivos dos centros residenciais docentes e as funcións e as competencias dos órganos e persoal de residencias.

No ano 2001 esta residencia pasou a ser mixta.

Instituto de Educación Secundaria "Universidade Laboral"[editar | editar a fonte]

O outro ente autónomo que xorde da división anteriormente citada é o IES Universidade Laboral que se rexerá pola mesma normativa que os outros centros destas características xa existentes na Comunidade Autónoma Galega.

Outros datos[editar | editar a fonte]

  • No curso 1970-1971 contábase no centro cunha axencia da Caixa de Aforros da Coruña para facilitar a dispoñibilidade dos cartos que os pais enviaban aos seus fillos.
  • No curso 1973-1974 a cantidade de alumnado procedente das catro provincias galegas alcanza por primeira vez máis do 50 % da totalidade do alumnado.
  • Durante o curso 1973-1974, con motivo dunha visita do director xeral de Promoción Social, Efrén Borrajo Dacruz, anúnciase a concesión dos créditos necesarios para a creación dentro da Universidade Laboral dun colexio universitario de altos estudos pesqueiros.
  • No curso 1976-1977 existe un convenio coa UNED polo cal a UNL acolle nas súas dependencias o centro asociado da UNED.

Situación actual[editar | editar a fonte]

A superficie inicial de 50 hectáreas coa que contaba a Universidade Laboral foise dividindo entre distintos organismos:

  • No ano 1977, Autopistas del Atlántico expropia unha parte destes terreos para a construción dun tramo A Coruña-Santiago.
  • Complexo deportivo de Acea de Ama (xestionado pola Secretaría Xeral de Deportes e Xuventude).
  • Colexio público Sofía Casanova.
  • Centro residencial docente
  • IES Universidade Laboral.
  • IES Eduardo Blanco Amor.
  • IES Rego de Trabe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Zafrilla Tobarra, Ricardo: Universidades Laborales: un proyecto educativo falangista para el mundo obrero (1955-1978). Ediciones Universidad de Castilla-La Mancha, colección tesis doctorales nº 73, ISBN 84-89958-32-7
  2. Boletón Oficial del Estado. Número 149. 28 de maio de 1956. Páxina 3.460.
  3. Diario La Noche. 2 de marzo de 1967.
  4. Boletín Oficial del Estado. 4 de abril de 1967.
  5. Decreto do 26 de agosto de 1957, (BOE do 18 de setembro), para a iniciación profesional ou preaprendizaxe.
  6. Orde do 12 de decembro de 1958. Boletín Oficial do Ministerio de Traballo do 2 de xaneiro de 1959.
  7. Decreto do 21 de xullo de 1972, da Presidencia do Goberno (BOE do 30 de outubro).
  8. Real Decreto Lei 36/78, do 16 de novembro, sobre xestión da institución da Seguridad Social, a saúde e o emprego.
  9. Real Decreto 2049/1979, do 14 de agosto (BOE do 28 de agosto), sobre organización e funcións do Instituto Nacional de Enseñanzas Integradas. .
  10. Real Decreto 2183/1980, do 10 de outubro (BOE do 15 de outubro), sobre supresión e reestruturación de órganos da Administración central do Estado.
  11. Real Decreto 1708/1981, do 3 de agosto (BOE do 8 de agosto), polo que se regulan os centros docentes do extinguido Instituto Nacional de Enseñanzas Integradas.
  12. Real Decreto 1763/1982, do 24 de xullo (BOE do 24 de xullo), sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación.
  13. Decreto 43/1989, do 2 de marzo (DOG do 31 de marzo), polo que se transforman os centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]