Parchís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Taboleiro actual de Parchís.

O parchís é un xogo de mesa orixinario de India moi popular en España. Xógase cun taboleiro, un dado e catro fichas por xogador.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Pachisi hindú

O xogo do parchís ten a súa orixe nun xogo moi popular da India chamadoPachisi, Parcheesi, Parchesi e tamén coñecido como Vinte e cinco. Na India xógase desde hai séculos nun taboleiro ou pano en forma de cruz. As súas variantes máis antigas son duns 2.600 anos.

O nome do xogo ven da palabra hindú pacis que significa 25. O taboleiro actual do parchís ten 100 cuadrículas, 25 por cada un dos catro participantes. Na súa orixe 25 era a puntuación máxima que se podía acadar nun xogo antecesor chamado Chaupar, no que lanzábanse os caparazóns de cauri (un molusco de vivas cores que chegou a empregarse como moeda) utilizándoos como dados. Aínda hoxe pódense ver nos palacios de Agra e de Allahabad xigantescos taboleiros de Parchisi con cuadrículas de mármore branco e vermello, nos que o emperador Akbar I o Grande, un gran xefe mongol do século XVI, xogaba empregando como fichas a dezaseis concubinas do seu harén con roupas coloreadas apropiadamente. Hai evidencias da existencia de variedades similares de este xogo na India no século IV.

O xogo do Parchís ten moitas variantes ou denominacións: Ludo (en latín "eu xogo", introducido en Inglaterra en 1896 durante a ocupación británica da India), o Parcheesi (nos EUA desde mediados do século XIX), o Vinte e cinco, o Menschärgere-dich-nicht (Alemaña en 1910), o Jeu de Dada (Francia).

O xogo chegou a España nos anos 1920, cando xa era moi popular no mundo. O baixo prezo, que fose fabricado e vendido por moitas marcas e as súas fáciles regras foron pezas fundamentais para que chegara en poucos anos a ser un xogo moi coñecido e popular por todo o país. vendíase en tódalas tendas de xogos e o seu taboleiro de cartón, plástico ou madeira adoitaba levar polo outro lado un xogo da oca ou un taboleiro de xadrez tamén empregado para xogar ás damas.

Descrición[editar | editar a fonte]

O taboleiro ten 100 cuadrículas divididas en catro quendas de colores diferentes. En sentido antihorario as cores son: amarela, azul, vermella e verde numeradas dende o 1 ata o 68. Cada 5 ou 7 cuadrículas hai unha marcada cun círculo (chamada seguro). Nas catro esquinas do taboleiro cada xogador pon as súas 4 fichas da súa cor, é a casa ou inicio do xogo. Cada xogador ten un dado da súa cor e un gobelete tamén da mesma cor.

O xogo[editar | editar a fonte]

Xógase en quendas de dous, tres ou catro xogadores aínda que a finais do século XX fixéronse taboleiros para seis e oito xogadores. Cada xogador ten catro fichas da súa cor. O xogo iníciase tirando cada xogador o seu dado. Comeza o xogo o que saque o número máis alto ou o primeiro que saque un cinco. Cas catro fichas na casa (onde se inicia o xogo) o primeiro cinco permite sacar dúas fichas ao taboleiro de xogo. Se sae un seis no dado cóntase coas fichas e vólvese tirar. Se saen tres seises seguidos a última ficha que foi movida ten que volver á posición inicial do xogo, a casa. Se ao mover ficha cae nunha cuadrículas ocupada que non sexa o seguro a ficha que alí estaba está morta e debe volver á casa da súa cor. O outro xogador avanzará vinte postos con calquera das fichas que ten. Nalgunhas variantes do xogo debe contar coa mesma ficha. Gaña o xogador que chegue con tódalas súas fichas á parte central do taboleiro da súa cor.

O xogo é unha metáfora da cultura hindú. A morte, volta ao inicio e así ata chegar ao final da viaxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para parchís.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]