Tute

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xogador de tute sostendo as súas cartas.

O tute é un xogo de naipes con varias modalidades, para dúas, tres ou catro persoas. A súa premisa ou o obxectivo do xogo pode resumirse en que consiste en sumar tantos. Úsase a baralla española de 40 cartas, agás no tute subastado e no tute cabrón, onde se retiran os douses.

Valor das cartas[editar | editar a fonte]

Puntuación de cada carta:

  • Ás: 11 puntos
  • Tres: 10 puntos
  • Rei: 4 puntos
  • Cabalo: 3 puntos
  • Sota: 2 puntos

O resto de cartas (7, 6, 5, 4 e 2) non teñen valor, e denomínanse cartas brancas.

Ademais desta puntuación tamén se engaden 10 puntos á baza última do xogo.

Diferentes tipos de tute[editar | editar a fonte]

  • Tute (orixinal)
  • Tute habaneiro
  • Tute arrastrado ou indómito
  • Tute subastado
  • Tute por parellas
  • Tute gaña-perde
  • Tute cabrón

Regras básicas[editar | editar a fonte]

O tute (tute corrente ou orixinal) é un xogo de cartas para dúas parellas. Están prohibidos os sinais e as pistas ao compañeiro. Cada parella debe ter máis puntos que a parella contraria para gañar.

Sempre hai un pau que trunfa (as cartas dese pau gañan ás dos outros paus). Se un xogador tira unha carta, o xogador da dereita debe tirar outra carta do mesmo pau e sempre superando o valor da carta que está na mesa. Se non pode superar ese valor, poderá tirar calquera carta do mesmo pau. Se un xogador non ten ningunha carta dese pau terá que fallar, é dicir, terá que tirar unha carta do pau que trunfe. Se xa hai na mesa algunha carta do pau que trunfa, o xogador terá que fallar cunha carta superior a esa e, en caso de que o trunfo que teña non sexa superior ao que está na mesa, ou non teña trunfo, poderá tirar calquera carta que crea favorecerlle o seu xogo.

Cando todos os xogadores teñan tirado unha carta, o equipo da carta gañadora (a máis alta ou a carta de fallo) gaña as cartas que hai na mesa (gaña unha baza) e gárdaas para contar a súa puntuación cando se teñan xogado todas as cartas.

Empezando a xogar[editar | editar a fonte]

Repártense tódalas cartas e sácase o trunfo en cada rolda. Cada vez que se xoguen tódalas cartas o xogador á dereita do que repartiu antes reparte e saca unha carta de trunfo e así sucesivamente. Para sacar o trunfo hai que levantar a última carta e o pau que saia será o que trunfe.

Cando se teñan xogado tódalas cartas, cóntanse os puntos e o equipo que máis puntos teña é o que gaña.

Cantando[editar | editar a fonte]

Para cantar é necesario ter:

  • Cabalo e rei do pau que trunfa: cántanse as 40.
  • Cabalo e rei doutro pau: cántanse 20.
  • Catro reis ou catro cabalos: cántase tute (opcional).

Se algún equipo canta as 40 ou 20, súmase esa puntuación (40 ou 20) á puntuación total das súas cartas. Se algún equipo canta tute gaña dous xogos (nalgúns lugares se se canta tute, gáñase toda a partida).

Só se pode cantar cando o noso equipo fai a primeira baza. Se se teñen dous ou máis cantes, cántase a primeira vez cando se consegue a primeira baza, outra vez cando se consegue a segunda etc., dando sempre prioridade ás 40 (é dicir, sempre se cantan primeiro as 40 e despois o resto de cantes doutros paus).

Puntuacións[editar | editar a fonte]

Se os equipos sacan 65 puntos cada un empatan (xa que a puntuación máxima é 130), nese caso gaña a parella que levou as dez últimas (a última baza). Se un equipo pasa dos 65 puntos gaña un xogo. Superando os 100 puntos gáñanse dous xogos. O equipo que chegue a oito xogos gaña a partida (isto último pode variar segundo o lugar).

  • Se un equipo non chega a 30 puntos, non pode sumar os puntos dos seus cantes.
  • Se alguén canta 20, haberá que superar 75 puntos para gañar.
  • Se alguén canta 40, haberá que superar 85 puntos para gañar.

Outras consideracións[editar | editar a fonte]

  • Arrastrar: Dise cando un xogador sae polo pau que trunfa.
  • Achicarse: Se alguén falla unha carta os seguintes xogadores poden achicarse, é dicir, unha vez que alguén falle os demais xogadores non deberán ter en conta a norma de superar a carta (a non ser que tamén fallen). Achícase tamén o que tendo un as opta por non xogalo para tratar de "comer" o tres.
  • Tira-las cartas: Se un xogador ve que ten unhas cartas moi malas (a puntuación das cartas que ten na man non supera os 10 puntos) pode tira-las cartas, é dicir, dar por perdido o xogo e darlle automaticamente dous xogos ao rival. Isto faise porque o xogador pensa que xa ten perdido e así aforra xogar unha partida que cre que non gañará.
  • Renuncio: Un xogador fai renuncio se comete un erro ó xogar as cartas. Un renuncio faise cando se tira unha carta dun pau que non é o que debería, cando non se supera o valor do pau podendo facelo, cando se falla e non se tería porque fallar ou cando se canta e é mentira. Se un equipo canta renuncio está acusando o equipo rival de xogar mal (sen querer ou a propósito), entón compróbanse as xogadas e se se demostra que se fixo renuncio o equipo gañará dous xogos. No caso de que un equipo cante renuncio e se comprobe que non hai tal o equipo contrario será o que gañe dous xogos.