Segunda viaxe do Beagle

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Acuarela do debuxante do HMS Beagle Conrad Martens. Pintada durante a súa expedición a Terra do Fogo, que mostra nativos fueguinos remorcando o Beagle.

A segunda viaxe do Beagle, foi a segunda viaxe de expedición, realizada entre o 27 de decembro de 1831 e o 2 de outubro de 1836, polo barco HMS Beagle, na que participou Charles Darwin, baixo o mando do capitán Robert FitzRoy, que tomara o mando do barco na súa primeira viaxe ao suicidarse o anterior capitán. A expedición tiña a misión principal de facer medicións topográficas, e traballos cartográficos, xeolóxicos e faunísticos. FitzRoy pensara nas vantaxes que tería levar un experto en xeoloxía a bordo, e buscou un cabaleiro naturalista para que os acompañase como supernumerario. O xove graduado Charles Darwin que desexaba ver os trópicos antes de converterse en crego parroquial (que nunca chegaría a ser), aceptou esta oportunidade. Durante a época da viaxe Darwin estaba moi influenciado pola lectura da obra Principles of Geology (Principios de Xeoloxía) de Charles Lyell. Ao final da expedición Darwin xa adquirira fama de xeólogo e coleccionista de fósiles, e a publicación do seu diario, que se coñeceu como The Voyage of the Beagle (A viaxe do Beagle), deulle sona como escritor. Na primeira viaxe do Beagle (1826-30) non participara Darwin.

O Beagle nesta segunda viaxe navegou atravesando o océano Atlántico, e despois levando a cabo un detallado levantamento hidrográfico ao longo das costas da parte sur de Suramérica, volvendo a Europa cruzando o océano Pacífico pasando por Tahití e Australia, circunnavegando así o mundo. Aínda que estaba previsto que a expedición durase dous anos, en realidade o periplo durou case cinco.

Darwin dedicou a maior parte do tempo a facer exploracións por terra: tres anos e tres meses en terra, 18 meses no mar.[1] A pouco de iniciar a viaxe decidiu que escribiría un libro sobre xeoloxía, e mostrou ter grandes dotes para teorizar. En Punta Alta fixo o importante descubrimento duns fósiles xigantescos de mamíferos extintos, dos que daquela só se coñecían uns poucos espécimes. Recolleu mostras con habilidade e fixo detalladas observacións de plantas e animais, chegando a resultados que abanearon a súa crenza de que as especies eran fixas e lle proporcionaron as bases para formular as ideas que desenvolveu cando volveu a Inglaterra, o que culminou coa elaboración da súa teoría da evolución por selección natural.

Obxectivos da expedición[editar | editar a fonte]

Cronómetro do barco HMS Beagle

O principal propósito da expedición era realizar un levantamento hidrográfico da costa da parte sur de Suramérica. Este era unha continuación e corrección dos traballos realizados en levantamentos previos, para así elaborar unhas cartas náuticas exactas que mostrasen información de navegación e de profundidades para a mariña e o comercio.

Un memorándum do Almirantado daba instrucións detalladas para realizar a tarefa. O primeiro requisito era resolver os desacordos dos primeiros levantamentos sobre a lonxitude de Río de Xaneiro, que era esencial como o punto base para determinar distancias de meridiano. Os cronómetros mariños precisos necesarios para determinar a lonxitude só estiveron facilmente dispoñibles a partir de 1800; o Beagle levaba 22 cronómetros para poder facer correccións. O barco tiña que parar en determinados puntos para establecer o ritmo de catro días dos cronómetros e comprobalos por medio de observacións astronómicas: era esencial facer observacións en Porto Praia e Fernando de Noronha para calibralos con respecto aos levantamentos previos de Owen e Foster. Era importante para determinar a posición e límites dos arrecifes do arquipélago de Abrolhos, que se representaban incorrectamente no levantamento de Roussin, despois continuaban cara a Río de Xaneiro para decidir a lonxitude exacta da illa de Villegagnon.[2]

O "traballo real do levantamento" era despois dirixirse ao sur do Río de la Plata, con viaxes de volta a Montevideo para aprovisionarse; dábanse detalles das prioridades, incluíndo o levantamento de Terra do Fogo e as aproximacións aos portos das illas Falkland (Malvinas). A costa oeste sería despois levantada tan ao norte como o tempo e os recursos o permitisen. O comandante determinaría entón a súa propia ruta cara ao oeste: se a estación o permitía, podería levantar as illas Galápagos. Despois, o Beagle tiña que dirixirse a Point Venus, Tahiti e en Port Jackson, Australia que eran puntos coñecidos para verificar os cronómetros.[3]

Non se debería perder o tempo en facer debuxos moi elaborados; as cartas e planos deberían ter notas e vistas simples da terra tal como se vía desde o mar mostrando as alturas dos montes. Tamén se necesitaban rexistros continuos das mareas e condicións meteorolóxicas. Unha suxestión adicional era facer o levantamento xeolóxico dun atol de coral circular no océano Pacífico incluíndo o seu perfil de fluxos mareais, para investigar a formación de ditos arrecifes.[4]

Contexto e preparativos[editar | editar a fonte]

As expedicións previas de levantamentos a Suramérica realizáronse cos barcos HMS Adventure e HMS Beagle que estaban baixo o mando conxunto do comandante australiano Phillip Parker King. Durante a expedición, o capitán do Beagle, Pringle Stokes, suicidouse e o mando do barco déuselle ao xove aristócrata Robert FitzRoy, un sobriño de George FitzRoy, 4º duque de Grafton. Cando un dos botes do barco foi capturado por nativos fueguinos, FitzRoy capturou algúns deles como reféns. O capitán King retirouse despois do seu regreso aos peiraos de Devonport o 14 de outubro de 1830.[5]

FitzRoy, de 26 anos de idade, tiña a esperanza de comandar unha segunda expedición para continuar o levantamento de Suramérica, pero cando oíu que os Lords do Almirantado xa non a apoiaban, preocupouse cada vez máis sobre como facer regresar os fueguinos aos que se ensinara inglés coa idea de que puidesen converterse en misioneiros. Chegou a un acordo co propietario dun pequeno buque mercante para que o levase a el e outras cinco persoas a Suramérica, pero un amable tío seu tivo coñecemento disto e contactou co Almirantado. Pouco despois FitzRoy oíu que ía ser nomeado comandante do HMS Chanticleer para ir a Terra do Fogo, pero debido ás súas malas condicións, foi substituído polo Beagle. O 27 de xuño de 1831 FitzRoy foi comisionado como comandante da viaxe, e nomeáronse tamén os tenentes John Clements Wickham e Bartholomew James Sulivan.[6]

O capitán Francis Beaufort, que era o hidrógrafo do Almirantado, foi invitado para decidir sobre o uso que se lle podía dar á viaxe para continuar o levantamento, e discutiu con FitzRoy os plans para unha viaxe de varios anos, incluíndo unha continuación da viaxe arredor do mundo e establecer as distancias medias. O Beagle foi posto en servizo o 4 de xullo de 1831 baixo o mando do capitán Robert FitzRoy, que rapidamente non reparou en gastos para poñer a punto o Beagle. O Beagle foi amplamente reconstruído e reacondicionado. Como necesitaba unha nova cuberta, FitzRoy fixo elevar a cuberta superior considerablemente, uns 20 cm na popa e 30 cm a proa.[7] Os bergantíns de dous paus (brigs) da clase Cherokee tiñan a reputación de ser "barcos cadaleito", que se gobernaban mal e eran proclives a afundirse.[8] Ao facilitar que as cubertas drenasen máis rapidamente e se acumulase menos auga dentro das bordas, a cuberta elevada deulle ao Beagle unha mellor gobernación e fíxoo menos tendente a acumular peso na parte superior e envorcar. Un revestimento adicional do casco engadiulle ao barco unhas quince toneladas de peso ao seu desprazamento.[7]

O barco foi un dos primeiros en probar un pararraios inventado por William Snow Harris. FitzRoy obtivo cinco mostras do Sympiesometer, un tipo de barómetro sen mercurio patentado por Alexander Adie e preferido por FitzRoy, que consideraba que facía as lecturas precisas esixidas polo Almirantado.[7]

Ademais dos seus oficiais e tripulación, o Beagle levaba varios "supernumerarios", que eran pasaxeiros sen unha posición oficial. FitzRoy empregou un construtor de instrumentos matemáticos para conservar os 22 cronómetros mariños que levaban na cabina, e tamén enrolou o artista debuxante Augustus Earle.[7] Os tres nativos fueguinos que trouxera a Inglaterra na súa anterior viaxe retornarían a Terra do Fogo no Beagle xunto co misioneiro Richard Matthews.[6][9]

[editar | editar a fonte]

Para Beaufort e o destacado "cabaleiro de ciencia" de Cambridge a oportunidade para un naturalista de unirse a unha expedición axustábase aos seus desexos de revitalizar a política do goberno británico sobre a ciencia. Esta elite desdeñaba as investigacións feitas por diñeiro e pensaba que a filosofía natural era apropiada para os cabaleiros, non para os comerciantes. A clase dos oficiais do Exército e Mariña proporcionaba un modo de ascender nesta xerarquía; era común que o cirurxián do barco coleccionase espécimes nas viaxes, e Robert McCormick asegurárase a posición oficial de cirurxián no Beagle despois de ter formado parte de expedicións anteriores e ter estudado historia natural. Unha colección grande tiña un considerable valor social e atraía o interese público, e McCormick aspiraba a ter fama como naturalista explorador.[10] As coleccións feitas polo cirurxián do barco e outros oficiais eran propiedade do goberno, aínda que o Almirantado non era moi estrito nisto,[11] e destinábanse a importantes institucións, xeralmente o Museo Británico.[12] As instrucións do Almirantado para a primeira viaxe esixían aos oficiais "usar a máxima dilixencia en incrementar as colección de cada barco: a totalidade das cales debe entenderse que pertencen ao Público", mais na segunda viaxe esta esixencia foi omitida, e os oficiais eran libres de quedarse para eles todos os espécimes.[11]

As narracións que fixo FitzRoy lembran que, cando investigaban illas na primeira viaxe, lamentaran que ninguén a bordo fose un experto en mineraloxía ou xeoloxía para aproveitar a oportunidade para "determinar a natureza das rochas e terras" das áreas examinadas, e decidiu que se realizaba outra expedición similar "intentaría levar unha persoa cualificada para examinar o terreo; mentres que os oficiais, e eu mesmo, dedicariámonos á hidrografía."[13] Isto indicaba claramente a necesidade de levar un naturalista cualificado para examinar a xeoloxía, que pasaría considerables períodos en terra lonxe do barco. McCormick carecía de pericia en xeoloxía, e tiña que atender os seus deberes no barco.[14]

FitzRoy sabía que capitanear un barco podía implicar tensión e soidade; era moi consciente do suicidio do capitán Stokes na anterior viaxe, e o seu tío Viscount Castlereagh tamén se suicidara sometido ao estrés do exceso de traballo.[15] Por primeira vez estaría el completamente ao mando sen ningún oficial de mando ou capitán segundo con quen consultar, e suxeriuse que sentía a necesidade dun cabaleiro que lle fixese compaña e que compartise os seus intereses científicos e puidese cear con el como un igual.[16] Non hai probas directas disto, non obstante. Henslow describiu o posto "máis como un compañeiro que como un simple coleccionista", pro isto era mostra da súa confianza de que FitzRoy trataría o seu hóspede como cabaleiro naturalista. Outros barcos dese período levaban naturalistas civís non pagados.[17]

A inicios de agosto, FitzRoy tratou sobre este posto con Beaufort, quen tiña unha rede de amigos científicos na Universidade de Cambridge.[18] A petición de Beaufort, o profesor de matemáticas George Peacock escribiu desde Londres ao profesor John Stevens Henslow sobre esta "rara oportunidade para un naturalista", dicindo que se "lle fixera unha oferta para recomendar unha persoa apropiada para ir como naturalista nesta expedición", e suxeriu o reverendo Leonard Jenyns.[19] Aínda que Jenyns case aceptou, e incluso empaquetara a súa roupa, preocupábano as súas obrigacións como vicario de Swaffham Bulbeck e a súa saúde, polo que ao final rexeitou a oferta. Henslow durante un breve período pensou en ir el, pero a súa muller "parecía tan triste" que axiña desbotou esa idea.[20] Ambos recomendaron o cabaleiro de 22 anos Charles Darwin que acababa de rematar o grao de Bacharel en Artes ordinario que era necesario para iniciar a carreira de párroco que pretendía cursar, e estaba facendo un estudo de campo de xeoloxía con Adam Sedgwick.[18]

Ofrecemento do posto a Darwin[editar | editar a fonte]

Darwin axustábase ben ao que se esperaba dun cabaleiro filósofo natural, e estaba ben adestardo como naturalista.[21] Cando estudara xeoloxía no seu segundo ano en Edimburgo parecéralle aburrida, pero desde a Pascua a agosto de 1831 aprendeu moito con Adam Sedgwick e desenvolveu un forte interese durante a súa viaxe de campo xeolóxica.[22] O 24 de agosto Henslow escribiu a Darwin dicindo:

...que eu considéroo a vostede a persoa mellor cualificada que coñezo que sexa probable que emprenda este traballo— Afirmo isto non supoñendo que vostede sexa un naturalista xa completo, pero si amplamente cualificado para coleccionar, observar e decatarse de calquera cousa que pague a pena tomar nota en Histoia Natural. Peacock ten a designación á súa disposición e se non pode encontrar un home que queira aceptar o posto, a oportunidade probablemente se perderá— O capt. F. quere un home (segundo eu creo) máis como compañeiro que como simple coleccionista e non aceptaría calquera por bo naturalista que for que non lle fose recomendado igualmente como cabaleiro. ... nunca houbo unha mellor oportunidade para un home con entusiasmo e espírito... Non teña ningunha modesta dúbida nin tema pola súa falta de cualificación pois eu asegúrolle que penso que vostede é o home exacto que estamos buscando.[23]

A carta recibiuna primeiro George Peacock, que rapidamente a enviou a Darwin engadindo máis detalles, confirmando que o "barco leva áncoras a finais de setembro". Peacock discutira a oferta con Beaufort, "el aprobábaa completamente e vostede pode considerar o posto á súa total disposición".[24] Cando Darwin volveu a casa o 29 de agosto e abriu as cartas, o seu pai puxo serias obxeccións á viaxe polo que ao día seguinte escribiu rexeitando a oferta,[25] e saíu a cazar na herdade do seu tío Josiah Wedgwood II. Coa axuda de Wedgwood, o pai de Darwin convenceuse de ceder e financiar a expedición do seu fillo, e o xoves 1 de setembro Darwin escribiu aceptando a oferta de Peacock.[26] Ese día, Beaufort escribiu dicíndolle a FitzRoy que o seu amigo Peacock tivera "éxito en conseguir un 'sabio' para vostede— Un tal Sr. Darwin, neto do ben coñecido filósofo e poeta— cheo de entusiasmo e iniciativa e que consideraba unha viaxe pola súa propia conta a S. América".[27] O venres Darwin partiu para Cambridge, onde pasou o sábado con Henslow recibindo consellos sobre os preparativos e referencias de expertos.[20]

Alexander Charles Wood (un estudante universitario cuxo tutor era Peacock) escribiu desde Cambridge ao seu curmán FitzRoy recomendando a Darwin.[28] O sábado 4 de setembro Wood recibiu a resposta de FitzRoy, na que "franca e cabaleirosamente" pero con firmeza se opoñía a que Darwin se unise á expedición; tanto Darwin coma Henslow entón "abandonaron o plan". Pero Darwin foi a Londres de todos modos, e á mañá seguinte foi ver FitzRoy, que lle explicou que prometera o posto ao seu amigo Mr. Chester (posiblemente o novelista Harry Chester), pero Chester rexeitárao nunha carta recibida uns cinco minutos antes de que Darwin chegase. FitzRoy salientou as dificultades como o pouco espazo que hai no barco e a comida sinxela.[29][30] Darwin estaba nos libros do Almirantado para recibir provisións por valor de £40 ao ano, e igual que os oficiais do barco e o capitán, el pagaría £30 ao ano á conta do comedor.[31] Incluíndo a roupa, o custo para el probablemente non chegaría a £500.[29] O barco levaría áncoras o 10 de outubro, e probablemente estaría navegando durante tres anos. Falaron e cearon xuntos, e pronto se caeron ben.[30] O tory (conservador) FitzRoy era cauteloso ante a perspectiva de ter como compañía este xove cabaleiro descoñecido de tradición whig (liberal), e posteriormente admitiu que a súa carta a Wood era como "botar un xerro de auga fría ao plan" nun "repentino horror ante a posibilidade de ter a alguén que non lle gustase a bordo". Díxolle máis tarde medio en broma a Darwin que, como "un ardente discípulo de Lavater", case rexeitara a Darwin baseándose na frenoloxía porque a forma (ou fisionomía) do nariz de Darwin indicaba unha falta de determinación.[32][33]

Preparativos de Darwin[editar | editar a fonte]

Aínda que seguiu familiarizándose con Fitzroy, indo xuntos de compras, Darwin apresurouse a arranxar as súas subministracións e equipamentos, recibindo consellos de expertos na preservación de espécimes como William Yarrell da Sociedade Zoolóxica de Londres, Robert Brown do Museo Británico, o capitán Phillip Parker King que liderou a primeira expedición, e o anatomista de invertebrados Robert Edmond Grant, que fora titor de Darwin en Edimburgo. Yarrell deulle valiosos consellos, e releou cos comerciantes para que Darwin pagase só £50 por dúas pistolas e un rifle, mentres que FitzRoy gastou £400 en armas de fogo.[33][34] O sábado 11 de setembro, FitzRoy e Darwin tomaron un barco para Portsmouth.[35] Darwin non estaba mareado, e tivera unha pracenteira "travesía de tres días". Por primeira vez viu o barco, que era "moi pequeno" e ateigado, coñeceu os oficiais,[36] e estaba contento de ter un camarote grande, compartido co axudante de topógrafo John Lort Stokes. O venres Darwin apresurouse a volver a Londres facendo "250 millas en 24 horas",[37] e pasando por Cambridge chegou a Shrewsbury o 22 de setembro para facer unha última visita rápida á familia e amigos, partindo para Londres o 2 de outubro.[35] Os atrasos que sufriu a partida do Beagle déronlle a Darwin unha semana extra para consultar expertos e completar o empaquetamento da súa equipaxe.[38] Despois de enviar os seus obxectos pesados por barco, tomou un coche xunto con Augustus Earle, e chegou a Devonport o 24 de outubro.[39]

O xeólogo Charles Lyell pediu a FitzRoy que rexistrase as observacións sobre características xeolóxicas como as rochas erráticas. Antes de que partisen de Inglaterra, FitzRoy deulle a Darwin unha copia do primeiro volume dos Principles of Geology de Lyell, que explicaba as características xeolóxicas como o resultado de procesos graduais que tiveron lugar durante períodos de tempo extremadamente longos.[40] Na súa autobiografía Darwin lembraba como Henslow lle dera o consello naquel momento de conseguir e estudar o libro, "pero de ningún modo aceptar as ideas que nel se propoñían".[41]

A posición de Darwin como naturalista a bordo era a dun hóspede medio financiado sen nomeamento oficial, e el podía abandonar a viaxe en calquera momento que fose adecuado. Ao inicio George Peacock avisouno de que "o Almirantado non está disposto a pagar un salario, aínda que lle dará un nomeamento oficial e aloxamento: porén, se fose necesario un salario estou inclinado a pensar que sería aceptado". Lonxe de querer iso,[24][42] a preocupación de Darwin era manter o control da súa colección. Era incluso remiso a estar nos libros do Almirantado para as provisións ata que se asegurou por FitzRoy e Beaufort que isto non afectaría aos seus dereitos de asignarse os seus espécimes.[31] Darwin non quería que a súa colección fose ao Museo Británico, xa que oíra que os espécimes da primeira viaxe do Beagle estaban aínda esperando ser descritos. Beaufort aseguroulle que el "non debería ter dificultades" con tal de que "os entregase a algunha institución pública" como a Sociedade Zoolóxica de Londres ou a Sociedade Xeolóxica de Londres. O propio Darwin pensaba que os seus novos descubrimentos deberían ir á "colección máis grande e central", non ao museo da Sociedade Filosófica de Cambridge que Henslow estaba fundando en Cambridge,[34][43] pero despois de conseguir o acordo voluntario de Henslow de recibir o envío dos espécimes, Darwin respondeu que esperaba doar algúns ao museo de Cambridge.[44]

Traballo de Darwin na expedición[editar | editar a fonte]

O capitán tiña que rexistrar o seu levantamento en documentos minuciosos, e Darwin tiña que levar un rexistro diario e cadernos detallados dos seus descubrimentos e especulacións, e un diario. Os cadernos de Darwin mostraron unha total profesionalidade que probablemente aprendera na Universidade de Edimburgo cando facía as súas notas de historia natural mentres exploraba as ribeiras do Firth of Forth co seu irmán Erasmus en 1826 e estudando os invertebrados mariños con Robert Edmund Grant durante algúns meses en 1827.[45] Darwin tamén coleccionara escaravellos en Cambridge, pero era un principiante noutras áreas da historia natural. Durante a viaxe de Darwin investigou pequenos invertebrados, mentres que coleccionaba espécimes doutros seres vivos para que os expertos os examinasen e describisen unha vez que o Beagle regresase a Inglaterra.[22] Máis da metade das súas notas zoolóxicas coidadosamente organizadas trataban de invertebrados mariños, e as notas rexistraban interpretacións moi razoadas do que descubriu sobre a súa complexa anatomía interna mentres deseccionaba espeécimes baixo o microscopio, e as de pequenos experimentos sobre a súa resposta á estimlación. As súas observacións en terra incluían intensos comentarios analíticos sobre as posibles razóns para o comportamento, distribución, e relación co seu ambiente dos seres vivos que viu. Fixo un bo uso da excelente biblioteca do barco de libros de historia natural, pero cuestionou continuamente a súa corrección.[46]

A xeoloxía era a "principal ocupación" de Darwin na expedición e as súas notas sobre ese tema eran case catro veces máis grandes que as súas notas zoolóxicas, aínda que fixo amplos rexistros de ambas. Durante a viaxe, escribiu á súa irmá que "non hai nada coma a xeoloxía; o pracer da caza de perdices dos primeiros días ou os primeiros días de caza non se podían comparar co descubrimento dun fermoso grupo de ósos fósiles, que contan as súas historias dos tempos pasados case cunha lingua viva". Para el, investigar a xeoloxía facía traballar o razoamento e dáballe oportunidades de teorizar.[45]

A viaxe do Beagle

A viaxe[editar | editar a fonte]

A Charles Darwin se lle dixo que se esperaba que o Beagle levaría áncoras a finais de setembro de 1831,[24] pero a súa posta a punto tardou máis tempo. Recibíronse as instrucións do Almirantado o 14 de novembro, e o 23 de novembro o barco foi movido para ancoralo, listo para partir. Varias galernas do oeste causaron atrasos, e forzáronlles a volver despois de partir o 10 e 21 de decembro. A borracheira de Nadal fixo perder outro día. Finalmente, na mañá do 27 de decembro, o Beagle deixou o seu ancoradoiro no Barn Pool, baixo o Monte Edgecumbe, na parte occidental da canle de Plymouth e partiu para a súa expedición topográfica.[47]

Illas atlánticas[editar | editar a fonte]

O Beagle pasou por Madeira sen parar para confirmar unha posición. Despois, o 6 de xaneiro chegou a Tenerife nas illas Canarias, pero tivo que pasar unha corentena alí debido a que había cólera en Inglaterra. Aínda que estaban tentadoramente preto da cidade de Santa Cruz de Tenerife, para gran decepción de Darwin, denegóuselles o permiso de desembarcar. Cando melloraron as condicións do tempo, partiron dalí. O 10 de xaneiro Darwin probou unha rede de plancto que ideara para que fose arrastrada por detrás do barco, o que sería a segunda vez que se utilizaba unha rede dese tipo despois do uso que fixera dela en 1816 John Vaughan Thompson. Ao día seguinte, comprobou que a rede recollera un gran número de animais lonxe de terra e escribiu "Moitas destas criaturas tan abaixo na escala da natureza son moi requintadas nas súas formas e vivas cores. Xeran unha sensación de marabilla de que tanta beleza fose aparentemente creada para tan pequeno propósito."[48]

Seis días despois fixo o seu primeiro desembarco en Porto Praia na illa volcánica de Santiago nas illas de Cabo Verde. Aquí é onde empeza a descrición de Darwin na súa obra publicada Diario.[49] A súa impresión inicial foi que era unha illa volcánica desolada e estéril, pero despois de visitar a cidade chegou a un profundo val onde "viu por primeira vez a gloria da vexetación tropical" e tivo "un día glorioso", descubrindo abraiantes novidades no que vía e oía. FitzRoy montou tendas e un observatorio na illa de Santa Maria, Cabo Verde (Quail island nos papeis de Darwin) para determinar a posición exacta das illas, mentres que Darwin recolleu numerosos animais mariños, deleitándose nos vistosos corais e pozas de marea, e investigando a xeoloxía da illa.[50]

Aínda que o libro de Daubeny que había na biblioteca do Beagle describía a xeoloxía volcánica das illas Canarias, dicía que a estrutura das illas de Cabo Verde era "coñecida demasiado imperfectamente". Darwin vía a illa de Santa Maria e a súa clave para comprender a estrutura da illa de Santiago, e fixo coidadosos estudos da súa estratigrafía á maneira en que o aprendera con Adam Sedgwick. Recolleu espécimes e describiu unha capa de rocha branca dura formada de cachos de coral e cunchas mariñas situada entre capas de rochas volcánicas negras, e decatouse doutra capa branca similar que discorría horizontalmente nos cantís negros de Santiago a 12 m por riba do nivel do mar. As cunchas eran, ata onde podía recoñecer, "do mesmo tipo que as do día de hoxe". Especulou que en tempos xeolóxicos recentes un fluxo de lava cubrira esta area con cunchas que estaban sobre o leito do mar, e despois os estratos foran elevándose de vagariño ata chegar ao nivel en que están hoxe. Os Principles of Geology de Charles Lyell presentaban unha tese de elevación gradual e descenso da codia terrestre ilustrada polos niveis cambiantes do Templo de Serapis (Italia). Darwin apoiaba implicitamente Lyell ao salientar que "o dr. Daubeny cando menciona o estado actual do templo de Serapis dubida da posibilidade de que unha superficie do país se elevase sen agretar os edificios que estaban sobre ela. Estou seguro de que en Santiago nalgúns lugares unha cidade podería terse elevado sen danar nin unha casa."[51] Nunha carta a Henslow escribiu que "A xeoloxía era enormemente interesante e eu creo bastante nova: hai algúns feitos a grande escala de elevación de costas ... que serían do interese do sr. Lyell.[52] Mentres estaba aínda na illa, Darwin acariñou a idea de escribir un libro de xeoloxía,[53] e despois escribiu que "vendo unha cousa nunca vista por Lyell, un aínda a vía parcialmente a través dos seus ollos".[54]

O costume era que o cirurxián do barco fixese de naturalista, e o cirurxián do Beagle Robert McCormick quería ter fama e fortuna como explorador.[55] Cando se encontraron por primeira vez ao inicio da viaxe, Darwin comentou que "O meu amigo [McCormick] é un asno, pero trotamos moi amablemente".[44] Paseaban polos campos da illa de Santiago xuntos,[56] e Darwin, influenciado por Lyell, encontraba a visión do cirurxián pasada de moda.[52] Atoparon un grande baobab, que FitzRoy mediu e debuxou. Darwin seguiu facendo "expedicións a cabalo" con Benjamin Bynoe e Rowlett para visitar Ribeira Grande e São Domingos. FitzRoy ampliou a súa estadía na illa a 23 días, para completar as súas medidas do magnetismo.[57] Darwin seguidamente escribiu a Henslow que a súa colección incluía "varios espécimes dun polbo, que posuían o marabilloso poder de cambiar de cor; igualando a calquera camaleón, e evidentemente acomodando os cambios de cor coa cor do fondo polo que pasaba, o gris amarelento, marrón escuro e vermello eran as cores prevalecentes: este feito parece ser novo, ata onde eu puiden descubrir."[52] Henslow respondeu que "O feito non é novo, pero calquera observación recente será moi importante."[58]

A McCormick molestábanlle cada vez máis os favores que FitzRoy lle daba a Darwin para axudarlle a que fixera as súas coleccións. O 16 de febreiro, FitzRoy desembarcou unha pequena partida da que formaba parte el mesmo e Darwin nas Rochas de San Pedro e San Pablo, onde atoparon aves tan mansas que podían matarse sen esforo, mentres que un exasperado McCormick quedou dando a volta ás illas nun segundo pequeno bote.[59] Aquela tarde os novatos foron saudados nunha cerimonia por un pseudo-Neptuno, e pola mañá cruzaron o ecuador facendo a tradicional cerimonia de cruzamento da liña do ecuador.[60]

Darwin tiña unha posición especial como hóspede e un igual social do capitán, polo que os oficiais subalternos chamábano "señor" (sir) ata que o capitán o alcuñou Filos, significando "filósofo do barco", e este converteuse no seu alcuño respectuoso e adecuado.[61]

Topografando Suramérica[editar | editar a fonte]

En Suramérica, o Beagle levou a cabo o seu traballo de levantamento indo a un lado e a outro ao longo da costa para poder medir coidadosamente e comprobar as medicións. Darwin fixo longas viaxes terra adentro con compañeiros de viaxe das distintas localidades. Pasou moito tempo fóra do barco, tornando a el cando estaba acordado cando o Beagle volvía a porto, onde se podía recibir correo, e as notas, diarios e coleccións de Darwin podían ser enviadas a Inglaterra. Asegurárase que as súas coleccións serían da súa propiedade e eran embarcadas camiño de Inglaterra para que chegasen a mans de Henslow en Cambridge, onde esperarían o seu regreso. Outros a bordo, como FitzRoy e outros oficiais eran naturalistas amadores e déronlle a Darwin unha xenerosa axuda e tamén facían coleccións para a Coroa, as cales despois o Almirantado destinaba ao Museo Británico.[62]

O paraíso tropical e a escravitude[editar | editar a fonte]

Debido á forte mareira só permaneceron en Fernando de Noronha un día para facer as observacións necesarias, e Fitzroy decidiu partir para Baía, Brasil, para comprobar os cronómetros e aprovisionarse de auga.[2][63] O 28 de febreiro chegaron ao continente, e presenciaron a magnífica vista da cidade agora coñecida como Salvador, con grandes barcos no porto espallados por toda a baía. Ao día seguinte, Darwin estaba nun "arrebato de pracer" paseando pola selva tropical costeira, e dando "longos paseos para naturalizarse" xunto con outros continuou engadindo "éxtases a anteriores éxtases".[64] Encontrou que a visión da escravitude era ofensiva e cando FitzRoy defendeu esta práctica ao describir a visita a un propietario de escravos cuxos escravos responderon "non" ao preguntarlles o seu amo se querían ser libres, Darwin suxeriu que as respostas dadas en tales circunstancias non tiñan valor. Incomodado porque as súas palabras fosen cuestionadas, FitzRoy púxose furioso e apartou Darwin da súa compañía. Os oficiais déranlle un nome a esas explosións de mal xenio do capitán, que era "café quente", pero en cuestión de horas FitzRoy desculpouse e pediu a Darwin que permanecese.[65] Posteriormente, FitzRoy tivo que permanecer en silencio cando os visitou o capitán Paget e contou "feitos sobre a escravitude tan repugnantes" que refutaban as súas afirmacións.[66] As medicións topográficas dos bancos de area arredor do porto estaban completas o 18 de marzo, e o barco navegou pola costa para medir a extensión e profundidade dos arrecifes de Abrolhos, completando e corrixindo as medicións de Roussin.[67]

O 4 de abril entrou no porto de Río de Xaneiro, para facer observacións da lonxitude desde a illa Villegagnon. Darwin gozou das vistas da cidade e despois fixo unha expedición ao interior, volvendo ao barco o 24 de abril. Daquela Robert McCormick xa deixara o barco, con permiso do almirante ao mando e volveu a Inglaterra. O cirurxián axudante Benjamin Bynoe actuaría como cirurxián no seu lugar.[67] McCormick sentíase "moi decepcionado" nas súas "expectativas de levar a cabo as miñas buscas de historia natural, ao poñérense todos os obstáculos para que fose a terra e fixese coleccións" mentres que o cabaleiro Darwin recibía todas as invitacións dos dignatarios dos portos e dábanselle todas as facilidades para empaquetar as súas coleccións.[68]
O 26 de abril Darwin trasladouse a unha casa que alugara en Botafogo, e permaneceu alí con outros tres cando o Beagle partiu o 10 de maio para volver a comprobar as observacións de Baía.[67] FitzRoy atopara unha discrepancia de 6,4 km na distancia de meridiano de lonxitude entre as súas medidas e as de Albin Roussin, e decidiu voolver. Un mariñeiro, un grumete e un xove aspirante a gardamariña colleran unha febre despois de visitar o río Macacu, e morreron. Cando o barco tornou a Río o 3 de xuño, FitzRoy confirmou que as súas medidas de Baía e as dos arrecifes de Abrolhos eran correctas, e enviou estas correccións a Roussin. Levaron áncoras de Río o 5 de xullo.[69]

Descubrimento de fósiles[editar | editar a fonte]

Despois de pasar por algunhas tormentas, o Beagle chegou a Montevideo o 26 de xullo de 1832, e fixo observacións para o control dos cronómetros. Un intento de recalar en Bos Aires para obter información foi frustrado polos oficiais, despois FitzRoy estivo de acordo en solicitar á tripulación (e Darwin) ocupar brevemente un forte de Montevideo para dispersar unha revolución que tivera lugar alí. O 22 de agosto, despois de facer sondaxes na baía de Samborombón, o Beagle empezou traballos topográficos pola costa desde Cabo San Antonio.[70]

Caricatura dunha escena na cuberta de aloxamento mentres estaban ancorados en Bahía Blanca, pintado arredor do 24 de setembro de 1832. Darwin é a figura central cun sombreiro alto, Fitzroy a segunda figura á súa esquerda. A acuarela atribúese ao artista de abordo Augustus Earle.[71]

En Bahía Blanca, na parte sur da actual provincia de Bos Aires, Darwin cabalgou terra adentro pola Patagonia acompañado de gauchos: viulles usar boleadoras para derrubar "avestruces" (ñandús), e comer armadillo asado. Con FitzRoy, fixo un "cruceiro moi pracenteiro pola baía" o 22 de setembro, e a uns 16 km do barco pararon uns momentos en Punta Alta. Nuns acantilados baixos preto do punto no que Darwin encontrou unhas formación de conglomerados que contiñan moitas cunchas e dentes e ósos fosilizados de mamíferos xigantescos extinguidos,[72] en estratos preto dunha capa de terra con cunchas e fósiles de armadillos, que lle suxeriron depósitos de marea calma en lugar dunha catástrofe.[73] Con axuda (que posiblemente incluía o xove mariñeiro Syms Covington que actuaba como o seu servente[74]) Darwin recolleu numerosos fósiles durante varios días,[75] divertindo a outros cos "cargamentos de aparente lixo que el frecuentemente traía a bordo".[76]

A maior parte do segundo día dedicouno a desenterrar un gran cranio que Darwin encontrou incrustado en rocha branda, e pareceulle que estaba relacionado cos rinocerontes.[77] O 8 de outubro volveu ao xacemento e encontrou unha mandíbula e un dente que puido identificar usando o Dictionaire classique de Bory de Saint-Vincent. Escribiu a casa describindo isto e o gran cranio como fósiles de Megatherium, ou quizais Megalonyx, e fixo notar excitado que os únicos espécimes en Europa estaban na colección real de Madrid.[78][79] Na mesma capa atopou unha gran superficie de placas poligonais de armadura ósea. O seu pensamento inmediato foi que eran restos dun enorme armadillo igual ás pequenas criaturas comúns na área, pero seguindo as desorientadoras descricións de Cuvier do espécime de Madrid e unha noticia xornalística sobre un fósil atopado por Woodbine Parish, Darwin pensou que a armadura ósea que posuía identificaba o fósil como un Megatherium.[80][81] Con FitzRoy, Darwin percorreu 48 km a través da baía para chegar a Monte Hermoso o 19 de outubro, e atopou numerosos fósiles de pequenos roedores que contrastaban cos enormes mamíferos edentados de Punta Alta.[82][83] En novembro en Bos Aires "mercou fragmentos dalgúns ósos enormes" que "lle aseguraron pertencían a antigos xigantes!!",[84] e seguidamente aproveitou todas as oportunidades para conseguir fósiles "por ouro ou galopando".[85]

En Montevideo en novembro o correo que chegara de casa incluía unha copia do segundo volume de Principles of Geology de Charles Lyell,[41] unha refutación do lamarckismo na cal non había antepasados compartidos por diferentes especies ou un progreso global que concordase co cambio xeolóxico gradual, senón un ciclo continuo no cal as especies aparecían misteriosamente, moi adaptados aos seus "centros de creación", e despois extinguíanse cando o ambiente cambiaba desvantaxosamente.[86]

Terra do Fogo[editar | editar a fonte]

O seu encontro cos nativos de Terra do Fogo na súa viaxe do Beagle fixo a Darwin crer que a civilización evolucionara co tempo desde un estado máis primitivo.

Chegaron a Terra do Fogo o 18 de decembro de 1832 e Darwin sorprendeuse do que percibiu como gran salvaxismo dos naivos yaghan, en forte contraste co comportamento "civilizado" dos tres fueguinos que volveron como misioneiros (aos que se lles dera o nome de York Minster, Fuegia Basket e Jemmy Button). Describiu o primeiro encontro con nativos fueguinos como "sen excepción o espectáculo máis curioso e interesante que teña contemplado: non podía crer o grande que era a diferenza entre os homes salvaxes e os civilizados: é maior que entre un animal domesticado e un salvaxe, posto que no home hai un maior poder de mellorar." En contraste, dixo de Jemmy que "me parecía aínda marabilloso, cando pensaba en todas as súas moitas boas cualidades, que tivese sido da mesma raza e sen dúbida compartido o mesmo carácter, que os salvaxes miserables degradados que atopamos primeiro aquí". Catro décadas despois, el lembraba estas impresións en The Descent of Man para apoiar o seu argumento de que os humanos desdendían dunha "forma inferior", e a sociedade civilizada orixinárase gradualmente desde un estado primitivo. Lembraba o moito que os fueguinos a bordo do Beagle "se semellaban a nós en disposición e na maioría das nosas facultades mentais."[87])

Na illa de "Buttons Land" o 23 de xaneiro de 1833 fundaron unha misión, con cabanas, xardíns, mobles e louza, pero cando regresaron nove días despois as posesións foran squeadas e repartidas equitativamente entre os nativos. Matthews renunciou, volvendo ao barco e deixando alí os tres fueguinos civilizados para que continuasen os traballos misioneiros. O Beagle seguiu ata as illas Falkland ou Malvinas, chegando xusto despois da restauración do mandato británico (eran disputadas polas Provincias Unidas de Río da Prata). Darwin estudou as relacións das especies cos hábitats e encontrou fósiles antigos similares aos que atopara en Gales. Fitzroy trouxo unha goleta para axudar nos traballos topográficos, e volveron despois á Patagonia, onde este foi reparado, poñéndolle un novo fondo de cobre e renomeándoo como Adventure. Darwin era axudado por Syms Covington na conservación dos espécimes e a súa recolección foi tan exitosa que, co acordo de FitzRoy, tomou Covington como servente a tempo completo cun salario de 30 libras ao ano.[88]

Gauchos, ñandús, fósiles e xeoloxía[editar | editar a fonte]

Os dous barcos navegaron ata Río Negro en Arxentina e o 8 de agosto de 1833 Darwin pasou outra xornada en terra cos gauchos. O 12 de agosto coñeceu o xeneral Juan Manuel de Rosas, que estaba entón ao mando dunha expedición punitiva na súa campaña militar contra "indios" nativos, e obtivo del un pasaporte. Cando estaba cruzando as pampas os gauchos e indios faláronlle a Darwin dunha rara especie menor de ñandú, a Rhea pennata.[89] Despois de pasar tres días en Bahía Blanca cansou de esperar polo Beagle e o 21 de agosto volveu visitar Punta Alta onde revisou a xeoloxía do lugar á luz dos seus novos coecementos, preguntándose se os ósos eran máis antigos que as cunchas. Tivo moito éxito na busca de ósos, e o 1 de setembro encontrou un esqueleto case completo cos ósos aínda na súa posición anatómica.[90][91]

Partiron de novo e o 1 de outubro examinando os cantís do río Carcarañá encontrou "un enorme dente rillador" despois nun cantil do río Paraná viu "dos grandes grupos de ósos inmensos" que eran demasiado moles para recollelos pero un fragmento de dente identificounos como de mastodontes.[92][93] A enfermidade retívoo en Santa Fe, e despois de ver a coiraza fosilizada dun enorme armadillo incrustada nunha rocha, quedou desconcertado ao atopar un dente de cabalo na mesma capa de rocha, xa que os cabalos foran introducidos no continente coa chegada dos europeos.[94][95] Tomou un barco de río para baixar o río Paraná e chegar a Buenos Aires, pero quedou retido por unha revolución, xa que os rebeldes aliados a Rosas bloquearon a cidade. O pasaporte axudoulle nesa circunstancia e con Covington conseguiu escapar nun barco cargado de refuxiados. Reuniuse co Beagle en Montevideo.[96]

Como os traballos topográficos estaban aínda en progreso Darwin partiu a outra viaxe de 400 km ao "galope" pola Banda Oriental para ver o río Uruguai e visitar a estancia do sr. Keen preto de Mercedes no Río Negro. O 25 de novembro "oíu de algúns ósos xigantes, que como de costume resultaron ser de Megatherium", pero só puido extraer uns poucos fragmentos rotos; despois ao día seguinte visitou unha casa próxima e mercou por uns dous xelíns "unha cabeza de Megatherium que debeu de ser cando a atoparon case perfecta", aínda que desde entón os dentes romperan e a mandíbula inferior se perdera. O sr. Keen encargouse de embarcar o cranio río abaixo ata Bos Aires.[97][98][99] En Las Piedras un crego mostroulle fósiles incluíndo unha cola con forma de maza que el debuxou e denominou "arma extraordinaria".[99][100] As súas notas incluían unha páxina que mostraba a súa interpretación de que os cantís das ribeiras dos ríos expoñían dous estratos formados nun estuario interrompidos por un estrato formado debaixo do mar, o que indicaba que a terra se elevara e descendera.[101]

Ilustración do ñandú Rhea pennata (o ñandú de Darwin), publicada en 1841 na descrición de John Gould de aves recollidas na viaxe do Beagle.

De volta a Montevideo, a Darwin presentáronlle Conrad Martens, o artista substituto traído a bordo do Beagle despois de que Augustus Earle o abandonase debido a problemas de saúde. Viaxaron ao sur, recalando en Puerto Deseado o 23 de decembro, e o seguinte día Darwin cazou un guanaco que lles serviu de carne para o Nadal. A inicios do novo ano, Martens cazou un ñandú, que se deleitaron comendo antes de que Darwin se decatase de que era o esquivo ñandú menor, e conservou os restos.[89] O 9 de xaneiro de 1834, 180 km máis ao sur, alcanzaron Puerto San Julián e explorando a xeoloxía lcoal en cantís preto do porto, Darwin encontrou fósiles de fragmentos dunha columna vertebral e unha pata traseira "dalgún gran animal, que eu figureime que era un Mastodon".[102][98] O 26 de xaneiro entraron no estreito de Magalláns e na baía Saint Gregory encontraron patagóns "xigantes" medio civilizados duns 1,8 m de altura, descritos por Darwin como "excelentes naturalistas prácticos". Un díxolle que os ñandús menores eran a única especie naquel lugar tan ao sur, mentres que os ñandús grandes habitaban máis ao norte, e as dúas especies encontrábanse arredor de Río Negro.[103]

Despois de facer traballos topográficos en Terra do Fogo volveron o 5 de marzo de 1834 para visitar os misioneiros, pero encontraron as cabanas desertas. Despois aproximáronse a eles unhas canoas e viron que un dos nativos era Jemmy Button, que perdera as súas posesións e establecérase ao xeito dos nativos, tomando esposa. Darwin nunca vira "un cambio tan completo e penoso". Jemmy subiu a bordo e ceou usando os cubertos correctamente, falando inglés tan ben coma sempre, e despois aseguroulles que "non tiña o menor desexo de tornar a Inglaerra" e estaba "feliz e contento", deixándolles uns presentes de pel de londra e puntas de frecha antes de regresar á canoa para reunirse coa súa muller.[104] Darwin escribira da súa primeira visita que "vendo tales homes, un a penas pode crer que son próximos situados no mesmo mundo. .... É un asunto común preguntarse que praceres da vida poden gozar algúns dos animais menos dotados? Canto máis razoable sería preguntarse isto con respecto a estes homes",[105] xa que Jemmy se adaptara facilmente á civilización e despois escolleu volver aos seus modos primitivos. Isto formula complicadas preguntas; e facía tremer as ideas amparadoras de Charles Lyell, expresadas no volume 2 dos seus Principles of Geology, de que as razas humanas "mostraban só unha lixeira desviación do estándar común", e que a aceptación da transmutación significa renunciar á crenza humana "na alta xenealoxía da súa especie".[106]

Nese período Darwin escribiu Reflection on reading my Geological notes, que era o primeiro dunha serie de ensaios incluídos nas súas notas.[99] Especulou sobre as posibles causas de que a terra se elevase repetidamente, e sobre unha historia da vida na Patagonia como unha secuencia de especies nomeadas.[107]

Volveron ás illas Falkland o 16 de marzo, xusto despois dun incidente no que gauchos e indios mataron varios membros do asentamento de Vernet, e axudaron a esmagar a revolta. Darwin deuse conta do inmenso número de organismos dependentes dos "bosques" de algas kelp.[108] Recibiu información de Henslow de que o seu primeiro envío de espécimes chegara a Cambridge, e que os fósiles suramericanos foran moi aprezados polo experto William Clift, xa que correspondían a criaturas ata entón descoñecidas e a novas características do Megatherium, e foron mostradas por William Buckland e Clift aos mellores especialistas da ciencia británica, creándolle unha boa reputación a Darwin.[98][109]

O Beagle navegou agora polo sur da Patagonia, e o 19 de abril unha expedición da que formaban parte FitzRoy e Darwin partiu a bordo de botes subindo tan lonxe como fose posible polo río Santa Cruz, e todos os participante fixeron quendas por equipos para arrastrar os botes río arriba. O río cortaba unha serie de elevacións e despois mesetas que formaban amplas chairas cubertas de cunchas e croios, e Darwin discutiu con FitzRoy a súa interpretación que estas terrazas foran ribeiras que se elevaran gradualmente de acordo coas teorías de Lyell. Víanse a distancia varios ñandús menores, pero eran demasiado esquivos para capturalos.[89] A expedición achegouse aos Andes pero tivo que dar volta.

Darwin resumiu a súa especulación no seu ensaio sobre a Elevation of Patagonia. Aínda que era unha conxectura, desafiaba as ideas de Lyell. Darwin valeuse das medidas feitas polos oficiais do Beagle e as súas propias para propoñer que as chairas foran elevadas en sucesivas etapas por forzas que actuaban nunha ampla área, en vez de por accións a menor escala nun movemento continuo. Porén, apoiou Lyell ao encontrar probas que descartaban un diluvio repentino cando os procesos normais eran subitamente acelerados. As cunchas mariñas que encontraron moi terra adentro aínda conservavan as súas cores, o que indicaba que o proceso fora relativamente recente, e puido afectar á historia humana.[110]

Costa oeste de Suramérica[editar | editar a fonte]

O Cerro La Campana, que Darwin ascendeu o 17 de agosto de 1834.

O Beagle e o Adventure topografaron agora o estreito de Magalláns antes de navegar ao norte rodeando a costa oeste , chegando á illa de Chiloé no húmido e boscoso arquipélago de Chiloé o 28 de xuño de 1834. Despois pasaron os seguintes seis meses facendo o levantamento da costa e das illas de máis ao sur. En Chiloé, Darwin encontrou fragmentos de lignito negro e madeira petrificada, e polo menos dous dos cales foron descubertos despois en 2011 pola British Geological Survey gardados baixo chave nas súas coleccións coa etiqueta "plantas fósiles non rexistradas". Unha preparación en portaobxectos poñía "Chiloe, C. Darwin Esq".[111]

Chegron a Valparaíso o 23 de xullo. Despois de varios paseos pola área, Darwin obtivo cabalos e o 14 de agosto partiron cara á volcánica cordilleira dos Andes cunha compañía. Tres días despois pasaron un agradable día no cumio de Cerro La Campana. Darwin visitou unha mina de cobre e pasou cinco días gabeando polas montañas antes de dirixirse a Santiago de Chile. No seu camiño de volta, o 20 de setembro enfermou e tivo que pasar un mes en cama. É posible que contraese alí a enfermidade de Chagas, o que lle seguiu causando problemas de saúde ao seu regreso a Inglaterra, pero este diagnóstico dos síntomas é discutido. Soubo que o Almirantado reprendera FitzRoy por comprar o Adventure. FitzRoy tomouno mal, vendendo o barco e anunciando que regresaría a volver a comprobar o seu levantamento, entón dimitira do seu mando dubidando da súa cordura, pero os seus oficiais convencérono de retirar a súa dimisión e continuar. O artista Conrad Martens abandonou o barco e tomou unha pasaxe para Australia.[112]

Despois de esperar por Darwin, o Beagle partiu o 11 de novembro para topografar o arquipélago de Chonos. Desde aquí viron a erupción do volcán Osorno nos Andes. Navegaron cara ao norte, e Darwin facíase preguntas sobre os fósiles que atopara. Os Mastodon (nome hoxe obsoleto) e Megatherium xigantes estaban extinguidos, pero non atopara signos xeolóxicos dunha "debacle diluvial" ou do cambio das circunstancias que, segundo a idea de Lyell, facían que as especies non estivesen xa adaptadas ao lugar onde foron creadas. Estaba de acordo coa idea de Lyell do "nacemento e morte gradual das especies", pero, a diferenza de Lyell, Darwin era remiso a crer nas ideas de Giovanni Battista Brocchi de que as especies extintas dalgún modo se fixeran vellas e extinguíranse.[113][114]

Concepción despois dun terremoto, debuxado polo lugartenente John Clements Wickham do Beagle.

Chegaron ao porto de Valdivia o 8 de febreiro de 1835, e doce días mais tarde Darwin estaba en terra cando foi testemuña dun forte terremoto e regresou encontrando a cidade portuaria gravemente danada. Navegaron uns 320 km ao norte a Concepción, onde chegaron o 4 de marzo, atopando a cidade desolada polo mesmo terremoto, as súas réplicas e un tsunami, coa catedral tamén en ruínas. Darwin pecatouse dos horrores da morte e a destrución, e FitzRoy estableceu coidadosamente que os bancos de mexillóns estaban agora por riba do nivel da marea alta, o que era unha clara evidencia da elevación do terreo uns 2,7 m por causa do terremoto, o que foi confirmado un mes máis tarde. Experimentaran o proceso gradual da emerxencia dun continente do océano como indicara Lyell.[115][116]

De volta en Valparaíso, Darwin partiu noutra expedición aos Andes e o 21 de marzo chegou á divisoria de augas continental a 4 000 m de altura: incluso aquí atopou cunchas mariñas fósiles ns rochas. Sentiu que aquela vista gloriosa "era como observar unha tormenta, ou oír na Orquestra completa un Coro do Mesías."[117] Despois de ir a Mendoza volveron por un paso diferente e atoparon un bosque petrificado de árbores fosilizados, cristalizados nunha escarpa de arenito que lle mostrou que estiveran nunha praia do Pacífico cando se afundiu a terra, enterrándoos en area, que se comprimira formando rocha, e despois gradualmente foron elevados xunto co continente para acabar a 2 100 m de altura nas montañas. Regresando a Valparaíso coa metade dun cargamento de mula de espécimes escribiu ao seu pai sobre os seus descubrimentos, que se eran aceptados, serían cruciais para a teoría da formación do mundo. Despois doutra esgotadora expedición aos Andes mentres que o Beagle era reparado volveu ao barco e navegaron ata Lima, pero encontraron alí unha insurrección armada e tiveron que permanecer no barco. Alí estaba escribindo as súas notas cando se deu conta de que a idea de Lyell de que os atois de coral estaban nas beiras de volcáns extintos que se elevaban tiña menos sentido que considerar que os volcáns estaban afundíndose gradualmente para que así os arrecifes de coral arredor da illa se fosen construíndo por si mesmos preto do nivel do mar e acabasen converténdose no atol a medida que o volcán desaparecía debaixo. Esta era unha teoría que examinaría cando chegou máis adiante a tales tipos de illas.[118]

Illas Galápagos[editar | editar a fonte]

Unha semana despois da partida de Lima, o Beagle alcanzou as illas Galápagos o 15 de setembro de 1835. O seguinte día o capitán FitzRoy botou áncoras preto do sitio onde está a actual cidade de Puerto Baquerizo Moreno na illa de San Cristóbal (ou illa Chatham nos escritos de Darwin). No lugar agora coñecido como Cerro Tijeretas, Darwin pasou a súa primeira hora en terra nas illas Galápagos.[119]

Darwin esperaba ansiosamente ver algunhas illas volcánicas de recente formación, e aproveitou todas as oportunidades para ir a terra mentres que o Beagle se movía metodicamente arredor das illas para cartografar a costa. Atopou rochas de lava volcánica negras rotas abrasándose á calor do forte sol, e fixo notas xeolóxicas detalladas das característricas incluíndo conos volcánicos como chemineas que lle lembraron as fundicións de ferro da industrial Staffordshire.[120] Quedou decepcionado ao non atopar volcáns activos ou estratos que indicasen unha elevación como esperaba, aínda que un dos oficiais atopou cunchas de ostras rotas moi por riba do nivel do mar nunha das illas.[121] As abondosas tartarugas xigantes das Galápagos parecéronlle case antediluvianas, e as grandes iguanas mariñas parecían "lagartos torpes moi repugnantes" ben adaptados ao seu hábitat; sinalou que alguén lles chamou "pillabáns da escuridade".[120] Darwin aprendeu de Henslow a estudar a distribución xeográfica das especies, e especialmente de especies ligadas en illas oceánicas e nos continentes próximos, así que se esforzou en recoller plantas en flor. Encontrou matos de arbustos delgados "de penoso aspecto" moi comúns de só dez especies, e moi poucos insectos. As aves no tiñan extraordinariamente medo aos humanos, e na súa primeira nota de campo rexistrou que o mímido de San Cristóbal (Mimus melanotis) era similar aos que vira no continente.[22][122]

Os diversos mímidos das Galápagos que Darwin capturou eran semellantes ao mimido chileno Mimus thenka, pero diferentes de illa en illa.

O Beagle navegou á illa Floreana (ou illa Charles). Por casualidade foron recibidos polo inglés Nicolas Lawson, que actuaba como Gobernador das Galápagos para a República do Ecuador, que os acompañou á colonia penal. Dixéronlle que as tartarugas diferían na forma da súa coiraza de illa en illa, e Darwin anotou a afirmación de Lawson de que ao ver unha tartaruga podía "prononciarse con certeza sobre de que illa a trouxeran".[123] Aínda que Darwin lembrou isto despois, non prestou moita atención nese momento. Porén, encontrou un paxaro mímido e anotou que "afortunadamente observei por casualidade" que difería do espécime da illa de San Cristóbal, así que de aí en adiante anotou onde se capturara cada mímido.[22][122] Recolleu industriosamente todos os animais, plantas, insectos e réptiles, e especulou sobre poden descubrir "por futura comparación a que distrito ou 'centro de creación' deben ser asociados os seres organizados deste arquipélago."[124] Neste estado os seus pensamentos reflectían o rexeitamento de Lyell da transmutación de especies.[125]

Seguiu na illa Isabela, Galápagos (ou illa Albemarle), onde Darwin veu unha pequena columna de fume que saía dun volcán recentemente activo. O 1 de outubro desembarcou preto da Cova Tagus e explorou o cráter Beagle.[126] Alí viu as súas primeiras iguanas de terra de Galápagos. Os pozos de auga eran decepcionantemente inadecuados para beber, pero atraían bandadas de pequenos paxaros e Darwin fixo a súa única nota sobre os pimpíns das illas e non se preocupou de etiquetalos por illas.[127] Capturou unha terceira especie de mímido.[122]

Despois de pasar polo norte da illa Pinta (ou illa Abingdon), illa Genovesa (ou illa Tower) e illa Marchena (ou illa Bindloe), Darwin foi desembarcado na illa de Santiago, Galápagos (ou illa James) durante nove días xunto co cirurxián Benjamin Bynoe e os seus serventes, e recolleu afanosamente toda sorte de espécimes mentres que o Beagle regresou á illa de San Cristóbal para cargar auga doce.[128]

Despois de facer máis traballos topográficos, o Beagle partiu en dirección a Tahití o 20 de outubro de 1835. Darwin escribiu as súas notas, e para a súa gran sorpresa encontrou que todos os mímidos capturados nas illas Floreana, Isabela, Santiago e San Cristóbal eran diferentes de illa en illa.[22] Escribiu: "Esta ave que está tan estreitamente asociadas á Thenca de Chile (Callandra de B. Ayres) é singular por existir como variedades ou distintas especies nas diferentes illas. Teño catro espécimes doutras tantas illas. Estas se verá que son de 2 ou 3 variedades. Cada variedade é constante na súa propia illa...".[129]

De Tahití a Australia[editar | editar a fonte]

Navegaron polo Pacífico, ceando as tartarugas das Galápagos que cargaran na bodega, e pasaron o atol de Puka-Puka (illa Honden) o 9 de novembro. Pasaron polo arquipélago das Tuamotus, das que Darwin salientou que tiñan unha "aparencia pouco interesante; unha longa e brillante praia branca cuberta cunha liña baixa brillante de vexetación verde." Ao chegaren a Tahití o 15 de novembro en seguida encontrou interese na vizosa vexetación e os nativos intelixentes amables que mostraban os beneficios da Cristiandade, refutando as alegacións que lera sobre misioneiros tiránicos que anulaban as culturas indíxenas.[130]

O 19 de decembro chegaron a Nova Zelandia, onde Darwin pensou que os tatuados māoris eran salvaxes cun carácter dunha orde moi inferior á dos tahitianos, e anotou que eles e as súas casas eran "noxentamente sucias e ofensivas". El viu que os misioneiros trouxeran melloras no carácter e novas prácticas agrícolas como unha exemplar "granxa inglesa" empregando nativos. Richard Matthews foi deixado aquí co seu irmá maior Joseph Matthews que era misioneiro en Kaitaia. Darwin e FitzRoy estaban de acordo en que os misioneiros estiveran inxustamente mal presentados en panfletos, especialmente nun escrito polo artista Augustus Earle, que el deixara no barco. Darwin tamén coñeceu moitos residentes ingleses na maioría dun carácter desprezable, incluíndo convitos fuxidos de Nova Gales do Sur. O 30 de decembro deixaron con alegría Nova Zelandia.[131]

A primeira vista de Australia o 12 de xaneiro de 1836 lembroulle a Patagonia, pero o interior era mellor e axiña se encheron de admiración na animada cidade de Sydney. Nunha viaxe ao interior atopou un grupo de aborixes que parecían "de bo humor e agradables e parecían estar moi lonxe de ser seres completamente degradados como xeralmente se representaban". Fixéronlle unha mostra de lanzamento de lanza por un xelín, e reflectiu tristemente sobre o rápido que estaba diminuíndo o seu número.[132] Nunha gran granxa de ovellas uniuse a unha partida e colleu o seu primeiro marsupial, un Potoridae (rata canguro). Reflexionando sobre os estraños animais do país pensou que un non crente "poderia exclamar 'Seguramene dous Creadores distintos deberon estar traballando; os seus obxectos, porén, foron o mesmo e certamente o final en cada caso é completo'," porén, unha formiga león que estaba vendo era moi similar ao seu equivalente europeo. Esa tarde viu incluso o estraño ornitorrinco e deuse conta de que o seu peteiro era brando, a diferenza dos espécimes conservados que el vira. As historias aborixes de que poñían ovos só eran cridas por uns poucos europeos.[133][134]

O Beagle visitou Hobart en Tasmania, onde Darwin quedou impresionado pola agradable alta sociedade dos colonos, pero anotou que na illa os "aborixes negros foron todos trasladados e mantidos (en realidade como prisioneiros) nun promontorio, cuxo istmo está vixiado. Eu creo que non era posible evitar este paso cruel; aínda que sen dúbida a mala conduta dos brancos levou primeiro á necesidade."[135] Despois navegaron polo estreito de King George no suroeste de Australia, un deprimente asentamento que despois foi substituído pola colonia do río Swan. Darwin quedou impresionado pola "boa disposición dos aborixes negros... Aínda que son verdadeiros salvaxes, é imposible non sentir unha inclinación a que che gusten eses homes tan tranquilos e bos." Proporcionáronlles arroz cocido para unha festa de baile "Corrobery" aborixe realizada polos homes de dúas tribos para gran pracer de mulleres e nenos, unha "escena bárbara moi ruda" na cal todos parecían moi animados, "movéndose todos en espantosa harmonía" e "perfectamente ao seu gusto".[136] A partida do Beagle nunha tormenta foi atrasada porque o barco quedou varado. Foi refrotado e continuou o seu camiño.

As illas Cocos e o Índico[editar | editar a fonte]

As instrucións que recibiu FitzRoy do Almirantado ordenaban facer un detallado estudo xeolóxico dun atol de coral circular para investigar como se orixinaban os arrecifes de coral, e especialmente discernir se se orixinaban do fondo do mar ou de cumes de volcáns extintos, e os efectos das mareas medidos con aparellos especialmente construídos. Elixiu as illas Cocos (ou Keeling) do océano Índico, e en canto chegaron a elas o 1 de abril toda a tripulación se puxo a traballar.[137] Darwin encontrou alí unha economía baseada nos cocos, que servía tanto ao pequeno asentamento coma á vida silvestre. Había unha variedade limitada de plantas nativas e ningunha ave terrestre, pero os cangrexos ermitáns estaban por todas partes en grandes cantidades. As lagoas estaban ateigadas dunha rica variedade de invertebrados e peixes, e examinou a estrutura do atol á luz da teoría que desenvolvera en Lima, pola que os arrecifes que circundaban as illas convertíanse en atols a medida que a illa se afundía.[138] Esta idea foi apoiada polas numerosas sondaxes que FitzRoy fixera, que mostraban unha pendente abrupta por fóra do arrecife sen corais vivos a partir dos 10–15 m de profundidade.[139]

Atavesaron o Índico e ao chegaren a Mauricio o 29 de abril de 1836, Darwin quedou impresionado pola civilizada prosperidade da antiga colonia francesa que pasara a poder británico. Percorreu a illa examinando as súas montañas volcánicas e arrecifes de coral costeiros. O topógrafo xeral capitán Lloyd levouno montando no único elefante da illa a ver unha chaira coralina elevada.[134][140] Naqueles días FitzRoy estaba escribindo a súa Narrative oficial das viaxes do Beagle, e despois de ler o diario de Darwin propúxolle incorporalo ao relato, unha suxestión que Darwin discutiu epistolarmente coa súa familia.[141]

O Beagle chegou ao Cabo de Boa Esperanza o 31 de maio. En Cidade do Cabo Darwin recibiu unha carta datada o 29 decembro da súa irmá Carolina onde lle dicía que a súa fama estaba estendéndose. O 18 de novembro de 1835 Sedgwick leu os extractos das notas xeolóxicas de Darwin á Sociedade Xeolóxica de Londres, e destas informárase na revista The Athenæum o 21 de novembro. O 25 de decembro o seu pai recibiu unha carta de Henslow que dicía que Darwin sería un dos primeiros naturalistas do seu tempo, e adxuntou algunhas copias dun libro de extractos das cartas de Darwin sobre xeoloxía de Suramérica, que foran impresas para unha distribución privada. O seu pai "non se moveu da súa cadeira ata que leu ata a última palabra do teu libro e estaba moi contento; gustoulle moito a forma simple e clara con que ti dabas a túa información".[142][143] Darwin estaba horrorizado con que as súas descoidadas palabras do diario estivesen impresas, pero dixo (en castelán) No hay remedio (non hai remedio).[144] Explorou a xeoloxía da área, chegando a conclusións sobre a formación de lousas e as inxeccións de vetas de granito en forma líquida, que diferían das ideas de Lyell e de Sedgwick. O zoólogo Andrew Smith mostroulle certas formacións, e despois discutiu sobre os grandes animais que viven en zonas de vexetación escasa, mostrando que a ausencia dunha vexetación vizosa non explicaba extinción de criaturas xigantes en Suramérica.[145]

O 15 de xuño Darwin e FitzRoy visitaron o famoso astrónomo sir John Herschel, que estaba en Cidade do Cabo. No seu diario Darwin denominou esta visita "o máis memorable evento que, durante un longo período de tempo, eu tivese a fortuna de gozar." O seu entusiasmo pola ciencia fora estimulado en Cambridge ao ler o libro de Herschel sobre filosofía da ciencia, que guiou as súas teorizacións durante a viaxe.[145] As súas discusións non están rexistradas, pero uns poucos meses antes, o 20 de febreiro de 1836, Herschel escribira a Lyell loando os seus Principles of Geology como un libro que causaría "unha total revolución na [súa] materia, ao alterar enteiramente o punto de vista desde o cal debía a partir de entón ser contemplada." e abriría unha vía para a simple especulación sobre "ese misterio de misterios, a substitución de especies extintas por outras." O propio Herschel pensaba que a extinción catastrófica e renovación era "unha concepción inadecuada do Creador", e por analoxía con outras causas intermedias "a orixe de novas especies, podía incluso chegar a ser coñecida, encontraríase que é natural en contraste cun proceso milagroso".[146]

En Cidade do Cabo os misioneiros eran acusados de causar tensión racial e ser especuladores económicos, e despois de que o Beagle se fixo ao mar o 18 de xuño FitzRoy escribiu unha carta aberta ao South African Christian Recorder evanxélico sobre o Estado moral de Tahití incorporando extractos do seu diario e do de Darwin para defender a reputación dos misioneiros. Este déuselle a un barco que pasaba que o levou a Cidade do Cabo converténdose na primeira obra de FitzRoy (e Darwin) que foi publicada.[147]

Travesía do Atlántico e regreso a casa[editar | editar a fonte]

Navegando polo Atlántico sur, o 8 de xullo fixeron escala na illa de Santa Helena durante seis días. Darwin aloxouse preto da tumba de Napoleón, e cando escribiu a Henslow pedindo ser proposto para a Sociedade Xeolóxica de Londres, mencionoulle as súas sospeitas de "que a diferenza da maioría das illas volcánicas a súa estrutura é bastante complicada. Parece estraño que este pequeno centro dunha distinta creación debería, como se afirma, levar signos dunha recente elevación."[145][148] Vagou cun guía pola illa, anotando os seus complexos estratos inclinados que mostraban liñas de falla entrelazadas con diques volcánicos. Examinou os leitos de rocha no alto dos montes que foran considerados de cunchas mariñas, o que mostraría que Santa Helena se elevara do océano en tempos recentes, pero Darwin identificounos como cunchas de especies extintas terrestres. Anotou que os bosques foran destruídos polas cabras e porcos que se fixeran silvestres desde que foran introducidos en 1502,[149] e a vexetación nativa só dominaba nas altas cristas montañosas abruptas, sendo substituída no resto dos lugares por especies importadas.[150]

Durante a súa estadía na illa Darwin tiña un acusado interese na bioxeografía da illa, e a súa descrición de Santa Helena como un "pequeno centro de creación" no seu diario xeolóxico reflicte a especulación de Charles Lyell no volume 2 de Principles of Geology de que a illa actuaría como un "foco de forza creativa".[145] Posteriormente recordou a súa crenza na fixeza das especies, pero "ata onde podo lembrar, ocasionalmente rondaban a miña mente dúbidas ocasionais".[151] Cando organizaba as súas Ornithological Notes entre mediados de xuñon e agosto,[152] Darwin ampliou as súas notas iniciais sobre o mímido das Galápagos Mimus thenca:[22]

Estes paxaros están estreitamente ligados en aparencia á Thenca de Chile ou Callandra de la Plata. ... En cada illa cada tipo encóntrase exclusivamente alí: os hábitos de todos son indistinguibles. Cando lembro, o feito de que pola forma do corpo, forma das escamas e tamaño xeral, os españois poden enseguida pronunciarse de que illa se debeu traer cada tartaruga. Cando vexo esas illas unha á vista da otra, e [pero ] que posuían dun escaso stock de animais, no que vivían estes paxaros, pero diferían lixeiramente en estrutura e enchían o mesmo lugar na Natureza, eu debo sospeitar que son só variedades.
O único feito de tipo similar do que son consciente, é a diferenza constantemente afirmada — entre o raposo con forma de lobo das illas Falkland Leste e Oeste.
Se hai o máis lixeiro fundamento para estas observacións valería moito a pena examinar a zooloxía dos arquipélagos; pois tales feitos [inserido minarían] minan a estabilidade das especies.[153]

O termo "minaría" inserido no texto en vez de "minan" foi engadido despois de escribir o que agora se considera a primeira expresión destas dúbidas sobre que as especies son inmutables, o que o levou a convencerse da transmutación das especies e, por tanto, da evolución.[125] Opoñéndose á transmutación, Lyell propuxo que as variedades se orixinan debido aos cambios no ambiente, pero estas variedades viviron en condicións similares aínda que cada unha na súa propia illa. Darwin acababa de revisar inconsistencias similares en xéneros de aves do continente como Pteroptochos.[154] Aínda que as súas sospeitas sobre o raposo das illas Falkland puideron non ter fundamento, as diferenzas na tartaruga das Galápagos entre illas foron lembradas, e posteriormente escribiu que quedou grandemente impresionado desde marzo de 1836 polo carácter dos fósiles de Suramérica e das especies do arquipélago das Galápagos, anotando que "Estes feitos orixinan (especialmente máis tarde) todos os meus puntos de vista".[155]

O Beagle recalou na illa de Ascensión o 19 de xullo de 1836, e Darwin quedou encantado de recibir cartas das súas irmás con noticias de que Sedgwick escribira o seguinte: "Está facéndoo admirablemente ben en Suramérica e xa enviou a casa unha colección digna de toda alabanza. Foi a mellor cousa do mundo para el que partise en viaxe de descubrimento. Había certo risco de que se convertese nun home folgazán: pero o seu carácter quedará agora consolidado, e se Deus lle dá unha longa vida, terá unha gran sona entre os naturalistas de Europa."[156] Darwin máis tarde lembrou como "gabeei por montañas... cun paso lixeiro e fixen resoar as rochas volcánicas baixo o meu martelo xeolóxico!."[157] Estaba de acordo co dito atribuído ao pobo de Santa Helena que "Sabemos que vivimos nunha rocha, pero o pobre pobo de Ascension vive sobre cinzas", e anotou o coidado que tiñan para manter as "casas, xardíns e campos situados preto do cumio da montaña central".[158] (Na década de 1840 Darwin traballou con Hooker, que propuxo en 1847 que a Mariña Real británica importase especies de árbores, un proxecto que empezou en 1850, o cal levou á creación dun bosque nuboso artificial.[159])

O 23 de xullo levaron áncoras outra vez, anceiando chegar a casa, pero FitzRoy quería asegurar a exactitude das medidas de lonxitude e así dirixiu o barco á outra beira do Atlántico regresando a Baía en Brasil para volver a comprobar as lecturas. Darwin estaba contento de ver as belezas da selva por última vez, pero agora comparou "a maxestuosa mangueira cos castiñeiros de Indias de Inglaterra."[160] A viaxe de retorno foi atrasada outros 11 días porque o tempo forzou o Beagle a refuxiarse na costa de Pernambuco, onde Darwin examinou rochas buscando signos de elevación, e anotou os "mangleirais como herbas de rango" e investigou os invertebrados mariños en varias profundidades dos bancos de area. O Beagle partiu de volta a casa o 17 de agosto.[145] Despois dunha travesía bastante tormentosa incluíndo unha parada nas Azores para cargar subministracións, o Beagle acabou finalmente a súa singradura en Falmouth, Cornwall, Inglaterra o 2 de outubro de 1836. Agora unha placa conmemora o seu punto de arribada en Falmouth, Cornwall.

De novo en casa[editar | editar a fonte]

En 1837 o HMS Beagle partiu para un exame cartográfico de Australia, mostrado aquí nunha acuarela de 1841 de Owen Stanley.

Despois do seu regreso, Darwin colleu rapidamente un coche a casa, chegando tarde de noite o 4 de outubro de 1836 a The Mount House, a casa familiar de Shrewsbury, Shropshire. Darwin segundo consta foise directamente a cama e saudou a súa familia pola mañá no almorzo. Despois de estar dez días poñéndose ao día coa familia foise a Cambridge e buscou o consello de Henslow para organizar a descrición e catalogación das súas coleccións.

O pai de Darwin deulle unha asignación que lle permitía deixar de lado outras carreiras, e como celebridade científica cunha reputación establecida polos seus fósiles e a publicación de Henslow das súas cartas sobre xeoloxía de Suramérica, percorreu as institucións sociais de Londres. Nesa época formaba parte do "establishment científico", colaborando con naturalistas expertos para describir os seus espécimes, e traballando sobre as ideas que estivo desenvolvendo durante a viaxe. Charles Lyell deulle un entusiasta apoio. En decembro de 1836, Darwin deu unha conferencia na Sociedade Filosófica de Cambridge. Escribiu un artigo probando que Chile, e o continente Suramericano, estaban elevándose lentamente, que el leu na Sociedade Xeolóxica de Londres o 4 de xaneiro de 1837.[161]

Darwin pensou en publicar o seu diario mesturado co relato de FitzRoy, pero os seus parentes, incluídos Emma e Hensleigh Wedgwood, instárono a que o publicase por separado. O 30 de decembro a cuestión quedou decidida por FitzRoy seguindo o consello de William Broderip de que o diario de Darwin fose o terceiro volume da Narrative. Darwin púxose a traballar en reorganizar e recortar o seu diario, e incorporar material científico das súas notas. Completou o seu Journal and Remarks (agora coñecido normalmente como The Voyage of the Beagle) en agosto de 1837, pero FitzRoy foi máis lento e os tres volmes foron publicados en agosto de 1839.[162]

Syms Covington permaneceu con Darwin como o seu servente, despois o 25 de febreiro de 1839 (pouco despois da voda de Darwin) Covington despediuse amistosamente e migrou a Australia.[163]

Publicacións expertas sobre as coleccións de Darwin[editar | editar a fonte]

Darwin mostrou unha grande habilidade como coleccionista e fíxoo o mellor que puido cos libros de referencia que tiña no barco. Era agora o campo de recoñecidos especialistas expertos o establecer que espécimes eran descoñecidos, e facer as súas consideradas decisións taxonómicas definindo e nomeando novas especies.[164]

Fósiles[editar | editar a fonte]

Richard Owen tiña grande experiencia en anatomía comparada e os seus xuízos profesionais revelaban unha sucesión de especies similares nun mesmo lugar, dándolle pistas a Darwin do que posteriormente lembraría como eixe central da súa nova visión.[164] Owen coñeceu Darwin o 29 de outubro de 1836 e rapidamente fíxose cargo da tarefa de describir estes novos fósiles. Daquela os únicos mamíferos fósiles suramericanos completamente descritos eran tres especies de Mastodon e o xigantesco Megatherium.[165] O 9 de novembro Darwin escribiu á súa irmá que "algúns deles están converténdose en grandes tesouros." O esqueleto case completo de Punta Alta estaba aparentemente moi emparentado cos osos formigueiros, pero era dun tamaño extraordinario similar ao dun cabalo pequeno. A gran cabeza de rinoceronte comprada por dous xelíns preto de Mercedes non era un megaterio, senón "ata onde podo adiviñar, debeu de ser un animal rillador. Concibir unha rata ou unha lebre dese tamaño... Que famosos gatos debería haber naqueles tempos!"[166] Nos seguintes anos Owen publicou descricións dos fósiles máis importantes, nomeando varios como novas especies.

Un esqueleto de Scelidotherium en París.

Os fósiles de Punta Alta incluían unha cabeza case perfecta e tres fragmentos de cabezas de Megatherium cuvierii, a mandíbula dunha especie relacionada que Owen denominou Mylodon darwinii, e as mandíbulas de Megalonyx jeffersonii. O esqueleto case completo foi nomeado como Scelidotherium por Owen, que encontrou que tiña os ósos case nas posicións relativas correctas.[75] No lugar próximo dos estratos de Monte Hermoso os numerosos roedores atopados incñuían especies ligadas ao Ctenomys brasiliensis e o Hydrochoerus hydrochaeris (capibara).[83]

Owen decidiu que os fósiles con armadura ósea de placas poligonais encontrados en varias localizacións non eran de Megatherium como implicaban as descricións de Cuvier, senón dun armadillo xigante como Darwin por un momento tamén pensara. Owen encontrou unha descrición dun espécime anterior non nomeado que el denominou Glyptodon clavipes en 1839.[167] O descubrimento de Darwin de Punta Alta, unha grande superficie duns 0,91 por 0,61 m dobrada cos ósos das dedas aínda dentro da armadura dobrada,[75] foi identificado como un gliptodonte lixeiramente máis pequeno denominado Hoplophorus por Lund ese mesmo ano.[78][167]

O enorme cranio atopado preto de Mercedes foi nomeado como Toxodon por Owen,[168] que mostrou que o "enorme dente rillador" dos cantís do río Carcarañá era un molar desta especie.[169] Os achados de preto de Mercedes tamén incluían un gran fragmento de armadura de Glyptodon e unha cabeza que Owen identificou inicialmente como un Glossotherium, pero despois decidiu que era un Mylodon.[170] Owen atopou fragmentos da mandíbula e un dente doutro Toxodon no conxunto de fósiles traídos de Punta Alta.[75]

Os fósiles da zona de Santa Fe incluían o dente de cabalo, que desconcertara a Darwin, xa que anteriormente se pensaba que os cabalos chegaran ás Américas no século XVI levados polo home, ao lado dun dente de Toxodon e un dente de Mastodon andium (agora Cuvieronius hyodon). Owen confirmou que o dente de cabalo era unha especie equina extinguida suramericana que nomeou como Equus curvidens, e a súa idade foi confirmada por un dente de cabalo corroído atopado entre os fósiles de Punta Alta.[171] Este descubrimento foi despois explicado como parte da evolución do cabalo, que evolucionara en América, onde despois se extinguira e só sobrevivira no Vello Mundo.

Os ósos de Mastodon "moles como o queixo" do río Paraná foron identificados como dous esqueletos xigantescos de Mastodon andium, e identificáronse tamén dentes de mastodonte procedentes da zona de Santa Fe e do río Carcarañá.[172] Os fragmentos de columna vertebral e unha pata traseira de Puerto San Julián, que Darwin pensara procedían "dalgún grande animal, supoño que un Mastodon" presentáronlle a Owen dificultades, xa que a criatura que el denominou Macrauchenia parecía ser un "xigantesco e moi extraordinario paquidermo", ligado ao Palaeotherium, pero con afinidades coa llama e o camelo.[173] Os fósiles de Punta Alta comprendían un dente de paquidermo que se pensaba que probablemente era de Macrauchenia.[75]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Browne & Neve 1989, p. 16
  2. 2,0 2,1 FitzRoy 1839, pp. 24–26
  3. FitzRoy 1839, pp. 26–33
  4. FitzRoy 1839, pp. 33–40
  5. Browne & Neve 1989, pp. 3–4
  6. 6,0 6,1 FitzRoy 1839, pp. 13–16
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 FitzRoy 1839, pp. 17–22
  8. "HMS Beagle – Port of science and discovery – Port Cities". Consultado o 2009-01-30. 
  9. Browne & Neve 1989, pp. 4–5
  10. Browne 1995, pp. 150–151, 204–209
  11. 11,0 11,1 "Letter 131 – Darwin, C. R. to FitzRoy, Robert (19 Sept 1831)". Darwin Correspondence Project. 
  12. Browne 1995, p. 208
  13. King 1839, p. 385
  14. van Wyhe 2013, p. 3.
  15. Desmond & Moore 1991, p. 104
  16. Browne 1995, pp. 148–149
  17. van Wyhe 2013, pp. 5–7.
  18. 18,0 18,1 Browne & Neve 1989, pp. 4–7
  19. "Darwin Correspondence Project » letter: 104 – Peacock, George to Henslow, J. S., (6 or 13 August 1831)". Consultado o 2014-11-11. 
  20. 20,0 20,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 115 – Darwin, C. R. to Darwin, S. E., (4 Sept 1831)". Consultado o 2014-11-11. 
  21. van Wyhe 2013, p. 6.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 Gordon Chancellor; Randal Keynes (October 2006). "Darwin's field notes on the Galapagos: 'A little world within itself'". Darwin Online. 
  23. "Darwin Correspondence Project – Letter 105 — Henslow, J. S. to Darwin, C. R., 24 Aug 1831". Consultado o 2008-12-29. 
  24. 24,0 24,1 24,2 "Darwin Correspondence Project – Letter 106 — Peacock, George to Darwin, C. R., (26? Aug 1831)". Arquivado dende o orixinal o 18 de febreiro de 2009. Consultado o 2009-01-28. 
  25. "Darwin Correspondence Project » letter: 107 – Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 30 (Aug 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  26. "Darwin Correspondence Project » letter: 112 Darwin, C. R. to Beaufort, Francis, 1 Sept (1831)". Consultado o 2014-11-12. 
  27. "Darwin Correspondence Project » letter: 113 – Beaufort, Francis to FitzRoy, Robert, 1 Sept (1831)". Consultado o 2014-11-12. 
  28. Browne 1995, pp. 158–159
  29. 29,0 29,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 117 Darwin, C. R. to Darwin, S. E., (5 Sept 1831)". Consultado o 2014-11-12. 
  30. 30,0 30,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 118 – Darwin, C. R. to Henslow, J. S., (5 Sept 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  31. 31,0 31,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 132 – Darwin, C. R. to Fox, W. D., 19 (Sept 1831)". Consultado o 2014-11-14. 
  32. Browne 1995, pp. 160–161
    Darwin, C. R. Recollections of the development of my mind & character [Autobiography [1876-4.1882] CUL-DAR26.1–121 Transcribed by Kees Rookmaaker. Darwin Online. p. 49
  33. 33,0 33,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 122 – Darwin, C. R. to Darwin, S. E., (9 Sept 1831)". Consultado o 2014-11-12. 
  34. 34,0 34,1 "Darwin Correspondence Project » letter: 123 – Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 9 (Sept 1831)". Consultado o 2014-11-12. ,
    Darwin, C. R. (1831). "CUL-DAR29.3.78". darwin-online.org.uk. Consultado o 2014-11-13. recomendacións atribuídas a Benjamin Leadbeater, Henslow, Yarrell, Phillip Parker King, John Lort Stokes, Robert Edmond Grant e Frederick William Hope 
  35. 35,0 35,1 John van Wyhe ed. "Darwin's 'Journal' (1809–1881). CUL-DAR158.1–76". Darwin Online. pp. 7 verso–8 verso. Consultado o 2014-11-13. 
  36. "Darwin Correspondence Project » letter: 126 – Darwin, C. R. to Darwin, S. E., (14 Sept 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  37. "Darwin Correspondence Project » letter: 127 – Darwin, C. R. to Darwin, S. E., 17 (Sept 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  38. "Darwin Correspondence Project » letter: 142 – Darwin, C. R. to FitzRoy, Robert (10 Oct 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  39. "Darwin Correspondence Project » letter: 139 – Darwin, C. R. to FitzRoy, Robert (4 or 11 Oct 1831)". Consultado o 2014-11-13. 
  40. Browne & Neve 1989, pp. 12
  41. 41,0 41,1 Keynes 2001, p. 27
  42. "Letter 119 – Darwin, C. R. to Darwin, S. E. (6 Sept 1831)". Darwin Correspondence Project. 
  43. Browne 1995, pp. 208–209
  44. 44,0 44,1 "Letter 144 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 30 (Oct 1831)". Darwin Correspondence Project. Consultado o 2010-08-01. 
  45. 45,0 45,1 Keynes 2000, pp. ix–xi.
  46. Keynes 2000, pp. x.
  47. Keynes 2001, pp. 4–17.
    FitzRoy 1839, p. 42.
  48. Keynes 2001, pp. 19–22
  49. Darwin 1839, pp. 1–7.
  50. Keynes 2001, pp. 22–26
  51. Herbert 1991, pp. 164–170.
  52. 52,0 52,1 52,2 "Letter 171 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 18 May & 16 June 1832". Darwin Correspondence Project. Consultado o 2010-08-01. En canto ao doutor, regresou a Inglaterra, xa que elixiu facerse desagradable ao capitan e a Wickham. Era un filósofo de tempos bastante antigos; en Santiago pola súa conta fixo observacións xerais durante a primeira quincena e recompilou feitos particulares durante a última. 
  53. Darwin 1958, p. 81
  54. Letter to L. Horner, Down, 29 August 1844
  55. Freeman 2007, p. 196
  56. Keynes 2001, pp. 26–28
  57. Keynes 2001, pp. 28–34
  58. "Letter 196 — Henslow, J. S. to Darwin, C. R., 15 & 21 Jan (1833)". Darwin Correspondence Project. Consultado o 8 July 2011. 
  59. Browne 1995, pp. 202–204
  60. FitzRoy 1839, pp. 56–58.
    Keynes 2001, pp. 36–38.
  61. Browne 1995, p. 195
  62. Browne & Neve 1989, pp. 11–17
  63. FitzRoy 1839, pp. 58–60.
  64. Keynes 2001, pp. 41–44.
  65. Darwin 1958, pp. 73–74.
  66. Keynes 2001, p. 45
  67. 67,0 67,1 67,2 Keynes 2001, pp. 48–65.
  68. Browne 1995, p. 210
  69. FitzRoy 1839, pp. 74–81.
  70. FitzRoy 1839, pp. 94–97.
  71. Armitstead, Claire (2015-11-25). "Unique watercolour of Darwin on HMS Beagle tipped to fetch upwards of £50,000 at auction". the Guardian. Consultado o 2015-11-25. 
  72. Keynes 2001, pp. 104–109; p. 109, Keynes indica que agora o sitio está baixo base naval de Porto Belgrano.
  73. 'Cinnamon and port wine': an introduction to the Rio Notebook, Bahía Blanca, September—October 1832.
  74. "The Journal of Syms Covington – Chapter Three". Arquivado dende o orixinal o 2006-08-26. Consultado o 2008-07-29. 
  75. 75,0 75,1 75,2 75,3 75,4 Darwin 1846, p. 84.
  76. FitzRoy 1839, pp. 106–107.
  77. Keynes 2001, p. 107.
  78. 78,0 78,1 Keynes 2001, p. 109
  79. "Darwin Correspondence Project – Letter 188 — Darwin, C. R. to Darwin, C. S., 24 Oct & 24 Nov (1832)". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  80. "Darwin Correspondence Project – Letter 192 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., (26 Oct–) 24 Nov 1832". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  81. Browne 1995, pp. 223–224
     Darwin 1835, p. 7
     Desmond & Moore 1991, p. 210
     Eldredge 2006
  82. Keynes 2001, p. 110
  83. 83,0 83,1 Darwin 1846, p. 81.
  84. Barlow 1967, p. 64.
  85. Barlow 1967, p. 92.
  86. Desmond & Moore 1991, p. 131
  87. Darwin 1871, pp. 34–35, 180–181
  88. Desmond Moore, pp. 134–138
  89. 89,0 89,1 89,2 Barlow 1963, pp. 271–5.
  90. Barlow 1945, pp. 193–196.
  91. "Darwin Correspondence Project – Letter 215 — Darwin, C. R. to Darwin, C. S., 20 Sept (1833)". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  92. Keynes 2001, p. 193.
  93. "Darwin Correspondence Project – Letter 229 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 12 Nov 1833". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  94. "'Filled with astonishment': an introduction to the St. Fe Notebook". Darwin Online. 
  95. Barlow 1945, p. 210.
  96. Keynes 2001, pp. 195–198.
  97. Keynes 2001, pp. 203–204.
  98. 98,0 98,1 98,2 "Darwin Correspondence Project – Letter 238 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., Mar 1834". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  99. 99,0 99,1 99,2 "'A man who has seen half the world': Introduction to the Banda Oriental Notebook". 
  100. 'Banda Oriental S. Cruz.' Beagle field notebook. EH1.9, p. 36, a typical Glyptodont tail.
  101. 'Banda Oriental S. Cruz.' Beagle field notebook. EH1.9, p. 37
  102. Keynes 2001, pp. 208–214
    Barlow 1967, p. 84.
  103. Barlow 1963, p. 272.
  104. Keynes 2001, pp. 226–227.
  105. Keynes 2001, pp. 222–223
  106. Desmond Moore, pp. 146–147
  107. Herbert 1995, p. 23.
  108. Keynes 2000, p. xix.
  109. "Darwin Correspondence Project – Letter 213 — Henslow, J. S. to Darwin, C. R., 31 Aug 1833". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  110. Herbert 1991, pp. 174–179.
  111. "Joseph Hooker, botanist to the Survey". British Geological Survey. Arquivado dende o orixinal o 03 de xullo de 2017. Consultado o 17 January 2012. 
  112. Keynes 2001, pp. 249–264
  113. Charles Darwin (February 1835). "The position of the bones of Mastodon (?) at Port St Julian is of interest". 
  114. "Darwin Online: 'Hurrah Chiloe': an introduction to the Port Desire Notebook". 
  115. Keynes 2001, pp. 292–303.
  116. Desmond & Moore 1991, pp. 158–162
  117. Keynes 2001, pp. 308–309
  118. Herbert 1991, pp. 187–190
  119. Grant, K. Thalia and Estes, Gregory B. "Darwin in Galapagos: Footsteps to a New World." 2009. Princeton University Press. [1]
  120. 120,0 120,1 Keynes 2001, pp. 353–354.
  121. Darwin 1845, pp. 114–115.
  122. 122,0 122,1 122,2 Gould 1839, pp. 62–64
  123. Keynes 2000, p. 291.
  124. Keynes 2001, p. 356.
  125. 125,0 125,1 Keynes 2000, p. xix.
       Eldredge 2006
  126. Grant, K. Thalia and Estes, Gregory B. "Darwin in Galapagos: Footsteps to a New World." 2009 Princeton University Press. [2]
  127. Keynes 2001, pp. 357–360.
  128. Keynes 2001, pp. 360–367.
  129. Keynes 2000, p. 298.
  130. Keynes 2001, pp. 364–378
  131. Keynes 2001, pp. 380–395
  132. Keynes 2001, pp. 398–399.
  133. Keynes 2001, pp. 402–403.
  134. 134,0 134,1 "Darwin Online: 'Coccatoos & Crows': An introduction to the Sydney Notebook". 
  135. Keynes 2001, pp. 408–410.
  136. Keynes 2001, pp. 410–412.
  137. FitzRoy 1839, pp. 38–39, 629–637.
  138. Keynes 2001, pp. 413–419.
  139. Darwin 1845, pp. 467–468.
  140. Darwin 1845, pp. 483–486.
  141. "Darwin Correspondence Project – Letter 301 — Darwin, C. R. to Darwin, C. S., 29 Apr 1836". 
  142. "Darwin Correspondence Project – Letter 291 — Darwin, C. S. & Langton, Charlotte to Darwin, C. R., 29 Dec (1835)". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  143. Darwin 1835, Darwin 1836, "Darwin Correspondence Project – Letter 290 – Darwin, R. W. to Henslow, J. S., 28 Dec 1835". 
  144. "Darwin Correspondence Project – Letter 302 — Darwin, C. R. to Darwin, E. C., 3 June 1836". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  145. 145,0 145,1 145,2 145,3 145,4 "Darwin Online: 'Runaway Rascals': an introduction to the Despoblado Notebook". 
  146. van Wyhe 2007, p. 197
    Babbage 1838, pp. 225–227
  147. Browne 1995, pp. 330–331
    FitzRoy, R; Darwin, C (September 1836). "A letter, containing remarks on the moral state of Tahiti, New Zealand, &c.". South African Christian Recorder. pp. 221–238. At Sea, 28th June, 1836 
  148. "Darwin Correspondence Project – Letter 304 — Darwin, C. R. to Henslow, J. S., 9 July 1836". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  149. Darwin 1844, pp. 89–90.
  150. Darwin 1845, pp. 486–488.
  151. Poulton 1896, pp. 28–29.
  152. Keynes 2000, p. xx.
  153. Barlow 1963, p. 262.
  154. Hodge 2009, pp. 93–98.
  155. Barlow 1933, p. xiii.
  156. "Darwin Correspondence Project – Letter 288 — Darwin, S. E. to Darwin, C. R., 22 Nov 1835". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  157. Darwin 1958, pp. 81–82.
  158. Keynes 2001, pp. 431–432
  159. Falcon, Howard (1 September 2010). "Creation of an artificial cloud forest". Bbc.co.uk. Consultado o 2010-09-18. 
  160. "Darwin Correspondence Project – Letter 306 — Darwin, C. R. to Darwin, S. E., 4 Aug (1836)". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. Consultado o 29 de outubro de 2017. 
  161. Darwin, C. R. (1837). "Observations of proofs of recent elevation on the coast of Chili, made during the survey of His Majesty's Ship Beagle commanded by Capt. FitzRoy R.N.". Proceedings of the Geological Society of London 2: 446–449. 
  162. Keynes 2001, p. xviii–xx.
  163. Keynes 2001, p. 449.
  164. 164,0 164,1 Herbert 1980, p. 11.
  165. Owen 1840, p. 13
  166. "Darwin Correspondence Project – Letter 321 — Darwin, C. R. to Darwin, C. S., (9 Nov 1836)". Arquivado dende o orixinal o 16 de xaneiro de 2009. 
  167. 167,0 167,1 Owen 1840, pp. 106–108
  168. Owen 1837, pp. 541–542
  169. Owen 1840, pp. 16–18
  170. Darwin 1846, p. 92
  171. Darwin 1846, p. 90
  172. Darwin 1846, pp. 88–92.
  173. Darwin 1846, p. 95

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]