Arquipélago de Chiloé
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | Chile | ||||
Rexión | Rexión de Los Lagos | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 180.185 (2017) (19,63 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 9.181 km² | ||||
Bañado por | Océano Pacífico | ||||
Altitude | 2 m | ||||
O arquipélago de Chiloé, noutrora coñecido coma Nova Galicia (Nueva Galicia en castelán) áchase ao sur de Chile, entre os paralelos 41º e 43º de latitude sur. Comprende principalmente unha grande illa, a illa Grande de Chiloé, e un gran número de illas e illotes menores. O arquipélago ten unha superficie de 9181 km² e contaba cunha poboación total de 167 659 persoas no ano 2012.[1]. As illas foron “descubertas” e conquistadas no século XVI polo explorador vasco Martín Ruiz de Gamboa, ao servizo da Coroa española.
Administrativamente pertence á provincia de Chiloé (agás as illas Desertores, que pertencen a Palena), na Rexión de Los Lagos. No arquipélago hai 10 comunas: Ancud, Castro, Chonchi, Curaco de Vélez, Dalcahue, Puqueldón, Queilén, Quellón, Quemchi e Quinchao.[2]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Chiloé é unha transformación de Chilhué, a adaptación ao castelán de chillwe, palabra que en mapudungun significa 'lugar de chelles'.[3] Os chelles (Chroicocephalus maculipennis), tamén chamados de cáhuiles ou gaviotines, son aves brancas coa testa negra, moi frecuentes nas praias e lagoas do arquipélago.
O nome que se lle dá aos habitantes de Chiloé é chilotes, aínda que tamén se usou o de chiloense e chilhueño por considerar que o primeiro podería ter connotacións despectivas.[4][5][6][7]
Os primeiros exploradores e conquistadores que chegaron ás illas en 1567, denominárona «Nueva Galicia», pola semellanza paisaxística da Galiza do Vello Mundo[8] e por ser o xefe da expedición o vasco Martiño Ruíz de Gamboa, familiar do galego Rodrigo de Quiroga, gobernador de Chile. Outros topónimos, como Castro son seguramente de orixe galega.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Relevo e clima
[editar | editar a fonte]Xeomorfoloxicamente, o arquipélago corresponde aos contrafortes do cordal da Costa chileno, do que só os cumes emerxen do océano Pacífico tralo afundimento do val central.
A illa Grande de Chiloé ten forma rectangular, con prolongacións na península de Lacuy, a península de Rilán e con entradas na badía de Cucao a a canle Dalcahue. A costa occidental é escarpada e sen portos naturais. O cordal da Costa recibe os nomes de cordilleira do Piuchén ou de San Pedro, no sector norte, e de Pirulil, no sector sur. Preséntase coma unha sucesión de outeiros altos e cubertos de vexetación que na súa parte norte bordean os 800 m de altura e que non acadan máis de 500 m ao sur do lago Cucao. Entre estes outeiros altos e o mar interior hai chairas e outeiros máis baixos, dedicados á agricultura e á explotación forestal. Por mor da erosión dos glaciares, a costa oriental da illa Grande é moi sinuosa, chea de enseadas e promontorios, ao igual que a beiramar das illas menores.
As illas menores son de relevo ondulado e na súa maior parte están distribuídas en grupos de tres ou catro, mais algunhas están tan achegadas ás outras que fican unidas ao baixar a marea. As illas de maior superficie, despois da illa Grande, son Quinchao, Lemuy, Butachauques e Tranqui. Os grupos máis importantes son as illas Chauques, o grupo Chaulinec, o grupo Cahuach, o grupo Cailín e as illas Desertores.
O clima do arquipélago é semellante ao de Galiza, temperado marítimo chuvioso, con temperaturas medias duns 11 °C e precipitacións inferiores a 2000 mm anuais na súa parte oriental e uns 3000 mm na costa occidental da illa Grande e máis de 4000 mm en sectores altos do cordal do Piuchén. As nevaradas son pouco frecuentes, mais chove todo o ano.
Canles
[editar | editar a fonte]De acordo ao tráfico marítimo de navegación interior tense a importante canal de Chacao, que separa a provincia de Llanquihue da costa norte da illa Grande de Chiloé. Hai bastantes canles secundarias que comunican as distintas illas, portos e vilas do arquipélago, sendo as máis importantes: Caucahué, Quicaví, Chauques, Dalcahue, Quinchao, Apiao, Lemuy, Yal, Queilen, Chaiguao, Yelcho, Laitec, San Pedro e Huamblad.
Estas canles obedecen á paulatina diminución da profundidade do chan sedimentario lonxitudinal ou depresión intermedia, que se interna baixo as augas no seno de Reloncaví, tamén a acción glaciar do cuaternario que xerou zonas de abrasión ou desgaste e áreas de deposición de sedimentos laciares (morenas), o que configurou esta rede de canles e illas. A xeomorfoloxía das canles tamén sería explicada pola meteorización provocada por axentes climáticos coma o vento, choiva e correntes mariñas, cuxas maiores evidencias son as escarpas ou cantís en certos sectores como a canle de Chacao, que evolucionaron por forzas mariñas e atmosféricas.
Hidrografía
[editar | editar a fonte]A illa de Chiloé posúe 56 foxas hidrográficas,[9] alimentadas polas choivas que caen na Cordilleira da Costa. Nas demais illas, os cursos de auga son escasos e na súa maioría proceden de napas subterráneas, aínda que tamén hai algúns que son desaugamentos de lagos e lagoas. Os ríos máis longos e caudalosos son o Medina e mailo Chepu, ambos os dous fan a foz no océano Pacífico. Outros ríos importantes son o Pudeto e mailo Butalcura.
O lago meirande é o Huillinco-Cucao, «que é a unión de dous lagos pequenos orixinados polo avance de glaciares»,[10] mais existen ademais arredor doutros 200 corpos lacustres.
Flora, fauna e agricultura
[editar | editar a fonte]A formación vexetal orixinal das illas era a selva valdiviana, unha fraga sempreverde con gran diversidade de especies vexetais, tanto grandes árbores como fentos e mofos. Entre as especies representativas desta foresta atópase o mirto ou arrayán (Luma apiculata), o carballo (Nothofagus dombeyi), a quila (Chusquea quila), o pangue (Gunnera spp.) e a abeleira (Gevuina avellana). Nos solos con mala drenaxe do Cordal da Costa medran o lárice (Fitzroya cupressoides) e mailo tepú (Tepualia stipularis).[11]
Coa chegada de pobos agricultores comezaron as cernadas, as queimas para despexar terreo para a agricultura e posteriormente para a gandaría, deste xeito moitas forestas convertéronse en leiras e pradeiras. Porén moitos destes terreos foron desleixados, e cubríronse con toxeiras do tan común arbusto galego, o toxo arnal (chamado na zona de espinillo) (Ulex europaeus), introducido polos europeos para facer sebes, mais que se converteu en especie invasora.
O cultivo da pataca practícase dende antes do século XVI e científicos coma Charles Darwin e Nikolái Vavílov crían que esta planta se orixinara en Chiloé, mais no ano 2005 David Spooner demostrou, por medio de análises xenéticas, que todos os pataqueiros cultivados teñen un antergo orixinario do sur do Perú. Existen unhas 400 variedades de patacas nativas que se cultivan en Chiloé, e grazas a algunhas delas se obtiveron máis do 90% das variedades que se consomen hoxe en todo o mundo.
A fauna nativa inclúe gran cantidade de especies de aves, das que unhas poucas especies son endémicas. Dos mamíferos terrestres, os máis grandes son o golpe ou raposa chilote ou de Darwin (Pseudalopex fulvipes), que só mora na illa Grande e no cordal de Nahuelbuta (no continente), e un pequeno veado chamado de pudú (Pudu pudu), un dos cervos máis pequenos do mundo. Por outra banda, as augas están habitadas por diversas especies de lobos mariños e os golfiños de Commerson (chamados aquí toninas) (Cephalorhynchus commersonii), e reciben as visitas esporádicas de varias especies de baleas. Particularmente importante é a área de alimentación para as baleas azuis (Balaenoptera musculus) que se estende dende o norte da Rexión de Los Lagos, pola costa oeste da illa Grande de Chiloé deica o golfo Corcovado.
No arquipélago desenvolveuse unha raza propia de besta, o cabalo chilote ou mampato, un animal de menos de 1,25 metros de altura á cruz, e unha raza ovina, a ovella chilota. Ambas as dúas descenden de gando introducido nas illas polos galegos e españois no século XVI.
Endemismos
[editar | editar a fonte]Por mor do prolongado illamento que as profundas canles mariñas lle conferiron a este arquipélago, un importante caudal da súa diversidade biolóxica acadou o nivel de endemismo insular reprodutivo, é dicir, defiren xeneticamente dos seus parentes continentais. Por exemplo, no tocante das aves, atópase o concón chilote (Strix rufipes sanborni), a diuca chilota (Diuca diuca chiloensis), o rayadito chilote (Aphrastura spinicauda fulva), e o diucón chilote (Xolmis pyrope fortis).[12] Entre os seus mamíferos endémicos salienta a donicela trompuda chilota (Rhyncholestes raphanurus raphanurus).
Poboación
[editar | editar a fonte]Demografía
[editar | editar a fonte]Evolución da poboación de Chiloé a través da súa historia:
- 1550: 30.000 (est.)[13]
- 1553: 50.000 (est.)[14]
- c. 1603: 22.000 (est.)[15]
- 1609: 10.000 (est.)[16]
- 1765: 13.000 (est.)[17]
- 1784: 26.337[18]
- 1785: 26.703[17]
- 1793: 30.000 (est.)[19]
- 1812: 36.000 (est.)[20]
- 1820: 40.000 (est.)[21]
- 1827: 42.309[22]
- 1835: 43.832[17]
- 1843: 48.641[17]
- 1851: 70.000 (est.)[23]
- 1854: 61.586[17]
- 1865: 72.574[17]
- 1895: 77.750[24]
- 1907: 87.595[4]
- 1920: 109.337 ha.[4]
- 1930: 92.067 ha.[4]
- 1940: 101.706 ha.[4]
- 1952: 102.505 ha.[25]
- 1960: 102.543 ha.[25]
- 1992: 130.389 ha.[26]
Segundo o Censo Nacional de Poboación do ano 2002, a poboación total da provincia é de 154.766 persoas, das que un 55,95% corresponde a poboación urbana. Concéntrase na costa oriental, que presenta condicións ambientais máis axeitadas ca a costa oeste, xa que os ventos son menos intensos, a pluviometría é menor (isto explicado polo Cordal da Costa), hai maior dispoñibilidade de terra idónea para a agricultura, por mor da existencia de solos trumaos, aluviais, con abundante achega hídrica de regatos e choivas, terreos ondulados e chans, xunto coa presenza de badías e canles que permiten a comunicación e transporte marítimos.
Todas a vilas áchanse na beiramar, agás Huillinco que fica na beira do lago do mesmo nome. As principais son:
- Castro (29.148 hab.). Cidade porto e capital da provincia de Chiloé desde 1982. É a terceira cidade máis antiga de Chile con existencia continuada, fundada polo Mariscal galego Martiño Ruiz de Gamboa en 1567 (Nome tipicamente galego). Nela salientan os palafitos, o mercado, e a igrexa de San Francisco, declarada Monumento Nacional e Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Na comuna de Castro atópase parte do Parque Nacional Chiloé.
- Ancud (27.292 hab.). Data de 1767, foi a capital da provincia de Chiloé até 1982 e é a segunda cidade máis importante da illa. Aló atópase o Museo Rexional de Ancud, que conserva obxectos históricos, artesanais e representacións de seres mitolóxicos. Ademais nos seus arredores existen unha serie de fortes como o Forte Ahui e Santo Antonio que foron construídos no século XVIII.
- Quellón (13.656 hab.), a terceira cidade máis grande de Chiloé. Foi fundada en 1906 por unha compañía destilatoria que decaeu en 1952. O seu nome orixinal era Llauquil.
- Dalcahue (4.933 hab.). Poboado coñecido pola súa Igrexa de Nosa Soeñora das Dores (Monumento Nacional e Patrimonio da Humanidade) e pola súa feira artesanal que se efectúa os domingos á mañá. Alí pódense atopar tecidos e cestaría provenientes das localidades veciñas. É paso de obriga para cruzar á illa de Quinchao.
- Chonchi (4.588 hab.). Coñécese coma a «cidade dos tres pisos», caracterízase polas súas construcións en alcipreste. A súa orixe é de 1754. Nela atópase a entrada ao Parque Nacional Chiloé e a meirande parte da súa superficie.
- Achao (3.452 hab.). Localidade situada na illa Quinchao. Todos os anos, durante a primeira fin de semana de febreiro, realízase o Encontro das illas do Arquipélago, que reúne o folclore da comuna e das achegadas, ademais das 10 illas que forman parte da súa administración (Alao, Apiao, Chaulinec, Tac, Cahuach, Lin Lin, Llingua etc.). Achao foi fundada en 1743.
- Queilén (1.912 hab.). É un porte asentado nunha longa península. Os xesuítas radicáronse en Queilén no século XVIII, mais a vila só puido xurdir a fins do século XIX. Atópase a unha hora de Chonchi.
- Quemchi (1.665 hab.). Dedícase á pesca e á agricultura. É berce dun dos escritores máis importantes de Chile, Francisco Coloane, quen recibiu o Premio Nacional de Literatura en 1964.
- Cucao. O único asentamento na costa occidental da illa Grande. Pertence á comuna de Chonchi e ten coma actividades produtivas relevantes a pesca e mailo turismo. Na veciñanza de Cucao está a entrada principal ao Parque Nacional Chiloé.
A poboación descende principalmente da mestura entre os aborixes (huilliches, cuncos, paios e chonos) e os colonizadores galegos e españois, con posteriores contribucións de chilenos doutras rexións e uns poucos estranxeiros (p. ex.: alemáns e croatas). Durante a época colonial existían vilas de indios (Queilen, Chonchi, Tenaún), españois (Chacao e Quenac) e outros mixtos (Castro, Dalcahue etc.), co que a proporción de cada etnia tiña variación local. Aínda na actualidade existen apelidos característicos de cada sector, rastros das antigas encomendas e reducións.
Cultura de Chiloé
[editar | editar a fonte]A nivel cultural, o arquipélago de Chiloé presenta trazos que a diferencian do resto do país: unha prolífica riqueza folclórica e cultural derivada do seu illamento; a música ostenta «gran vitalidade, tempos áxiles e ritmos vibrantes»[27] con danzas de riscos estilísticos propios e diferenciábeis—como a cueca chilota ou o valse chilote, entre outros—,.[28] a arquitectura ten formas construtivas e estilísticas propias que configuraron á escola chilota de arquitectura relixiosa en madeira,[Cómpre referencia] o fervor relixioso mantén intactos institucións como os fiscais[29] ou expoñentes escultóricos provenientes da Escola chilota de imaxinería.[30][31]
Historia
[editar | editar a fonte]Primeiros poboadores
[editar | editar a fonte]Existen varias teorías sobre o poboamiento de Chiloé. Algunhas postulan que parte da poboación aborixe tiña orixe polinésica, e outras que toda a poboación procedía de descendentes da migración que chegou ás Américas polo Estreito de Bering. A teoría máis aceptada até o momento é a segunda, que postula que o poboamento se realizou por vía terrestre antes da separación definitiva da illa no final da Era Glacial, arredor do 8000 a. C. por parte de pobos indíxenas do sur de Chile, e posteriormente en embarcacións de madeira que cruzaron a canle de Chacao. Os vestixios humanos máis antigos están datadps en 5.000-6.000 anos e se encontraron baixo unha vivenda en Puente Quilo na comuna de Ancud.
Os chonos son os primeiros habitantes coñecidos do arquipélago, mais posteriormente foron desprazados cara ao sur polos huilliches, o grupo mapuche da zona sur. Os chonos eran excelentes mariños que podían navegar extensións de milleiros de quilómetros nas súas embarcacións chamadas de dalcas. Un dos seus costumes era o curanto, unha comida feita nun buraco no chan que se cociña con pedras requecidas e se cobre con follas. Despois do seu contacto cos huilliches tamén practicaron incipientemente a agricultura, principalmente da pataca, mentres que os huilliche eran agricultores que adoptaron os costumes mariñeiros dos chonos por mor do contacto cultural e das necesidades que lles impuxo o medio.
Conquista española
[editar | editar a fonte]Este proceso empezou co descubrimento de América por Cristovo Colón en 1492, e o posterior descubrimento do Estreito de Magalláns en 1520 por Fernão de Magalhães. En 1540 Alonso de Camargo avistou as costas de Chiloé mentres viaxaba ao Perú. Anos despois, Pedro de Valdivia organizou unha expedición co fin de recolectar información xeográfica. Puxo ao mando da expedición ao capitán (probabelmente galego) Francisco de Ulloa, quen chegou ao Canal de Chacao en 1553, e recorreu as illas do arquipélago. El é considerado o primeiro europeo en coñecer Chiloé.
En 1558 o andaluz Juan Fernández Ladrillero ingresa ás canles de Chiloé e toma contacto cos aborixes. Nese mesmo ano, García Hurtado de Mendoza inicia outra expedición que toma posesión destas illas para a corona española. En 1567 comeza o proceso de conquista en Chiloé, fundándose a vila de Castro. A illa foi orixinalmente bautizada co nome de Nova Galicia, mais o termo non prosperou e se mantivo a voz huilliche Chiloé.
Colonia
[editar | editar a fonte]Despois do desastre de Curalaba (1598), no que os mapuches venceron e mataron o gobernador de Chile, Chiloé quedou separado do resto das posesións españolas porque todas as cidades entre o río Biobío e a canle de Chacao foron abandonadas ou destruídas. Os españois solicitaron repetidas veces despoboar as illas a causa da miseria e o illamento no que dicían vivir, mais non se lles fixo caso pola relevancia estratéxica que este asentamento tiña para España.
En 1767 o rei autorizou ao vicerrei do Perú para que se fixese cargo da súa defensa e entregase o seu goberno ao militar que el mesmo dispuxese. O catalán Amat, usando dita atribución ao ano seguinte, substituíu o gobernador de Chiloé Manuel Fernández de Castelblanco polo capitán Carlos de Beranger i Renaud. A anexión de Chiloé ao vicerreinado tivo o carácter de transitoria, pois o decreto do vicerrei Amat sinalaba que era só "por agora e mentres durasen as operacións que se van emprender para a súa fortificación", tarefa que cumpriu Beranger levantado o Forte e Vila Real de San Carlos de Chiloé, actual cidade de Ancud (1768). Finalmente, en 1784 creouse a Intendencia de Chiloé, dependente de Lima, no canto de estar baixo a xurisdición da Capitanía Xeneral de Chile.
Nos primeiros anos os mercedarios e franciscanos estiveron a cargo do labor espiritual. En 1608 chegaron os primeiros xesuítas, e en 1612 fundaron a primeira igrexa en Castro para evanxelizar os nativos. Os xesuítas foron facendo capelas por todo o arquipélago; contra 1767 xa había 79, e hoxe pódense atopar máis de 150. Trala expulsión da poboación xesuíta en 1767, a Orde Franciscana asumiu a asistencia relixiosa da illa desde 1771.
A finais do século XVIII a creación da ruta terrestre do Camiño Real permitiría o fornecemento e comunicación de Chiloé con toda a rexión norte comprendida entre Valdivia e Chiloé; mitigando deste xeito a dependencia dos barcos provenientes do Callao cos produtos indispensábeis, abrinso así un mercado efectivo para os chilotes.[32]
Independencia e República
[editar | editar a fonte]Durante a guerra de Independencia de Chile, a poboación de Chiloé aliniouse no bando "realista" (oposto á independencia) e se enviaron tropas regulares e de milicianos a combater ao continente. Despois da batalla de Maipú (1818), que foi a vitoria definitiva do bando "patriota" (indenpendentista), continuou a guerra no sur a través da chamada Guerra a Morte, batallas agora sostida por tropas irregulares, e o gobernador Antonio Quintanilla apoiou en parte estes esforzos. A república de Chile fixo tres intentos de conquistar o arquipélago, en 1820, 1824 e 1826, coñecidos como campañas a Chiloé. A campaña de xaneiro de 1826 saldouse coa derrota das forzas realistas e o territorio de Chiloé foi anexado ao resto de Chile logo da sinatura do tratado de Tantauco.
Despois da independencia de Chile, Chiloé viuse beneficiado coa apertura do comercio e foi centro de fornecemento dos baleeiros estranxeiros. Dende mediados do século XIX e até principios do século XX foi o principal produtor de travesas para o camiño de ferro de todo o continente. Daquela comezaron a formarse novas vilas industiais coma Dalcahue, Chonchi e Quemchi. Desde 1895 fóronse entregando terras no norte da illa a colonos alemáns e doutros países europeos.
A finais do século XX, Chiloé seguiu o modelo imposto en todo Chile e experimentou cambios nos seus sistemas de vida. As novas empresas de acuicultura, como as salmoeiras, trouxeron beneficios para os chilotes, como a xeración de emprego, mais tamén problemas, como a alteración dos ecosistemas e o cambio social.
En 1972 presentouse por vez primeira o proxecto de construción dunha ponte que permitise unir a Illa Grande co territorio continental. A idea da construción deste viaduto só comezaría a se concretar durante o goberno de Ricardo Lagos o que lanzou o proxecto como parte das obras para celebrar o bicentenario do país. Porén, durante 2006, o proxecto do Ponte Bicentenaria foi cancelado logo que o custo estimado superase os orzamentos iniciais. O día 21 de maio de 2012, o presidente Sebastián Piñera anunciou a construción da ponte cun custo máximo de 762 millóns de dólares.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Instituto Nacional de Estatísticas (INE) (ed.). "CENSO 2012, Características Demográficas, Sociales, Culturales y Económicas de la Población" (PDF). Consultado o 19 de xaneirro de 2014.
- ↑ Subsecretaría de Desarrollo Regional y Administrativo. "Regiones - Provincias - Comunas" (PDF). División Político Administrativa de Chile. Consultado o 19 de xaneiro de 2014.
- ↑ Cavada, Francisco Javier (1910). Apuntes para un vocabulario de provincialismos de Chiloé (República de Chile): Precedidos de una breve reseña histórica del archipiélago. Punta Arenas. p. 153.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Rodolfo Urbina B. (2002). La vida en Chiloé en los tiempos del fogón, 1900-1940. Valparaíso: Universidad de Playa Ancha Editorial, pp. 49-52. ISBN 978-956-7906-86-4.
- ↑ Greve, Ernesto (1936). La nomenclatura geográfica y la terminología técnica. Imprenta universitaria. p. 218.
- ↑ Cárdenas, Renato (1997). El libro de los lugares de Chiloé. Orígenes. p. 128.
- ↑ Oroz, Rodolfo (1966). La lengua castellana en Chile. Facultad de filosofía y educación, Universidad de Chile. p. 541.
- ↑ ABC (18 de abril de 2013). "Descubriendo Chiloé: Así es la Galicia chilena". Consultado o 7 de xuño de 2013.
Os españoles, al tomar posesión de ella en 1567, la llamaron Nueva Galicia por su similitud paisajística con la región galaica de nuestra Península Ibérica.
- ↑ Hidalgo L., Jorge (1989). Culturas de Chile: prehistoria, desde sus orígenes hasta los albores de la Conquista. Editorial Andrés Bello. p. 460. ISBN 978-956-130-879-4.
- ↑ Iriarte Walton, Agustín (2008). Mamíferos de Chile. Lynx. p. 420. ISBN 978-849-655-331-6.
- ↑ Nótese que os nomes comúns foron dados polos europeos con homónimos de especies diferentes que existían no Vello Mundo, pero que son completamente diferentes, é o caso do carballo, o lárice ou a abeleira, que nada teñen que ver coas especies europeas (distinta familia e xénero).
- ↑ Araya, Braulio; Millie, Guillermo (2005). Guía de campo de las aves de Chile (9na ed.). Editorial Universitaria. p. 80.
- ↑ Horacio Zapater Equioiz. "Huincas y mapuches (1550-1662)" Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. Historia. No. 30, 1997, Instituto de Historia (Pontificia Universidad Católica de Chile), pp. 441-504 (véxase pp. 485). Estimación de Sergio Villalobos.
- ↑ Rodolfo Urbina Burgos & Dante Montiel Vera. Radio Amiga
- ↑ Urbina, Rodolfo. Población indígena, encomienda y tributo en Chiloé: 1567-1813 Serie Monografías Históricas N° 16. Instituto de Historia. Pontificia Universidad Católica de Valparaíso.
- ↑ Enciclopedia de Chile. Minería, Industria, Servicios y Regiones. Tomo II. Barcelona, España: Editorial Océano, pp. 536, edición por Daniel Torras & Carlos Sampayo, dirección: Carlos Gispert, 2001.
- ↑ 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 Anales de la Universidad de Chile correspondientes a 1866. Tomo XXVIII. Santiago de Chile: Imprenta Nacional, 1866, pp. 274.
- ↑ Gabriel Guarda (1978). Historia urbana del Reino de Chile. Santiago de Chile: Editorial Andrés Bello, pp. 212
- ↑ Thayer Ojeda, Luis (1989). Orígenes de Chile: elementos étnicos, apellidos, familias. Editorial Andrés Bello. Santiago de Chile, pp. 204.
- ↑ Thayer Ojeda, 1989: 272
- ↑ Diego Barros Arana (1856). Las campañas de Chiloé, 1820-1826: Memoria histórica presentada a la Universidad de Chile en la sesion solemne de 7 de diciembre de 1856. Santiago de Chile: Imprenta del Ferrocarril, pp. 13
- ↑ Fernando Campos Harriet (1960). Desarrollo educacional, 1810-1960. Santiago de Chile: Editorial Andrés Bello.
- ↑ Francisco de P. Mellado (1851). Enciclopedia moderna: Diccionario Universal de literatura, ciencias, artes, agricultura, industria y comercio. Tomo VIII. Madrid: Establecimiento tipográfico de Mellado, pp. 214.
- ↑ La Revista de Chile. Tomo IV. Sociedad Anónima La Revista de Chile, 1900, pp. 147.
- ↑ 25,0 25,1 Fabián Almonacid Zapata (2009). La Agricultura Chilena Discriminada(1910-1960): Una Mirad de Las Políticas Estatales y el Desarrollo Sectorial Desde el Sur. Madrid: CSIC, pp. 280. ISBN 978-84-00-08869-9.
- ↑ Tania Carrasco, Diego A. Iturralde & Jorge Enrique Uquillas (2003) [1999]. Doce experiencias de desarrollo indígena en América Latina. Quito: Ediciones ABYA-YALA, ISBN 9978-04-542-2.
- ↑ Garrido, Waldo Fabian (2009). "Variations on Musica Chilota" (PDF). Proceedings of the 2nd International Conference on Music Communication Science (ICoMCS2) (en inglés) (Sídney). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de maio de 2013. Consultado o 15 de xaneiro de 2013.
- ↑ Jorquera Cornejo, María Antonieta; Días de Ancos, Pilar. "Folklore de La Ligua (provincia de Petorca, Chile)" (PDF). Culturas Populares, Revista Electrónica (7): 1–12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de novembro de 2011. Consultado o 15 de xaneiro de 2013.
- ↑ Nahuelhanca Muñoz, (Fray) Luis Alberto (1999). Los Apóstoles del Archipiélago: El aporte evangelizador de los Fiscales en la Iglesia local de Chiloé, Chile. Santiago de Chile: Provincia franciscana de la Santisima Trinidad. p. 261.
- ↑ Vázquez de Acuña, Isidoro (1956). Costumbres religiosas de Chiloé y su raigambre hispana (PDF). Santiago: Centro de Estudios Antropológicos. p. 107.
- ↑ Hanisch Espíndola, Walter (1982). La Isla de Chiloé, capitana de rutas australes. Santiago de Chile: Academia Superior de Ciencias Pedagógicas de Santiago. p. 266.
- ↑ María Ximena Urbina Carrasco. La Frontera “De Arriba” Chilena y el camino de Chiloé a Valdivia. Temas Americanistas N° 18. Pontificia Universidade Católica de Valparaíso.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Arquipélago de Chiloé |
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Chiloé |