Patagonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Situación da Patagonia

A Patagonia é unha rexión xeográfica situada na parte máis austral de Suramérica, que abranxe territorios da Arxentina (Patagonia oriental) e de Chile (Patagonia occidental), separados pola cadea dos Andes.

Cbre un área duns 673 000 km2.[1] Está arrodeada polas augas do océano Atlántico polo leste (coas illas Malvinas a uns 600 km), do océano Pacífico polo oeste e polo paso de Drake ao sur. Porén, o límite norte da Patagonia é moi discutido na actualidade. A Patagonia arxentina, sita ao leste dos Andes, sitúase ao sur dos ríos Neuquén e Colorado; a Patagonia occidental, iníciase ao sur do paralelo 39º S, mais excluíndo o arquipélago de Chiloé. A Patagonia arxentina inclúe as provincias de Neuquén, Río Negro, Chubut, Santa Cruz, e Tierra de Fuego, así como partes meridionais das provincias de Buenos Aires, Mendoza e La Pampa. A Patagonia chilena abranxe a parte meridional da rexión de Los Lagos, e mais as rexións de Aysen e rexión de Magallanes. Para ambos países exclúense as porción da Antártida que reclaman os dous.

A rexión comprende a parte sur dos Andes con lagos, fiordes, bosques húmidos e glaciares no oeste e desertos e mesetas no leste. No seu límite está o Cabo de Fornos.[1]

Breve historia[editar | editar a fonte]

A Patagonia foi descuberta en 1520 polo portugués Fernão de Magalhães, que dou nome a numerosos puntos xeográficos notábeis que atopou ao seu paso, entre eles o estreito de Magalláns, que separa o continente da illa meirande da Terra do Fogo. Patagonia significa «Terra dos grandes pés». Magalláns e a súa tripulación avistaron unha tribo de xigantes con grandes pés, bautizándoa como «Patagóns» ou «Grandes pés». Posteriormente outros exploradores atopáronos tamén e fixeron debuxos deles.

O 21 de outubro de 1520, o navegante portugués descubriu o estreito ou paso que leva hoxe o seu nome, que permitiu a súa frota cruzar do océano Atlántico ao Pacífico. Os lumes que acendían os indios fueguinos, deron lugar a que se chamase o territorio Terra do Fogo (en castelán Tierra del Fuego)

Expansión chilena e arxentina no XIX[editar | editar a fonte]

Seguindo as últimas recomendación de Bernardo O'Higgins, o presidente chileno Manuel Bulnes enviou unha expedición ao Estreito de Magalláns, que funda Fuerte Bulnes en 1843. Cinco anos despois, o goberno chileno trasladou ese asentamento a Punta Arenas, que se converteu no máis antigo dos asentamentos fixos na Patagonia meridional, feito que foi decisivo para as reclamacións que Chile presentaría sobre os territorios do extremo sur do continente e illas.

Tanto a expansión arxentina como a chilena aumentaron as confrontacións cos pobos indíxenas que vivían alí. En 1870, emprendeuse a controvertida Conquista do Deserto, por parte do goberno de Buenos Aires. A campaña foi dirixida polos Ministros da Guerra, Adolfo Alsina e Julio Argentino Roca, en etapas sucesivas, que non só someteron aos indíxenas, senón que os exterminaron, segundo apuntan algúns historiadores. Para mediados de 1880, a campaña cumprira os obxectivos marcados.

Tamén chegaron, ao longo do séculos XIX e XX, misioneiros e inmigrantes, sendo notábel o asentamento de galeses no val do río Chubut.

Galería de fotos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Patagonia". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-07-01. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]