Erich Honecker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Erich Honecker (1976)
Sinatura de Erich Honecker

Erich Ernst Paul Honecker, nado en Neunkirchen o 25 de agosto de 1912 e finado en Santiago de Chile o 29 de maio de 1994, foi un político comunista alemán. Do 3 maio de 1971 ao 18 de outubro de 1989 foi o político máis influínte da República Democrática Alemá dado o seu cargo de secretario xeral do Comité central do Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED).

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Antes da Segunda Guerra Mundial foi funcionario do Partido Comunista de Alemaña (KPD), sendo condenado a dez anos de cárcere durante os tempos do nazismo. Despois da guerra fundou a organización xuvenil FDJ (Xuventude Libre Alemá), da cal foi presidente do 1946 ó 1955. Como secretario de seguridade do comité central do SED, a súa labor organizativa foi determinante na construción do Muro de Berlín, así como na autorización de disparo nas fronteiras interalemás. Dirixiu e representou á RDA durante as décadas de 1970 e 1980 dados os seus cargos de secretario xeral do Comité central do SED, presidente do Consello de Estado da RDA e Presidente do Consello de Defensa Nacional. O recoñecemento da República Democrática Alemá como membro pleno da ONU no 1973 é considerado o seu maior éxito.

Honecker foi recibido polo chanceler Helmut Kohl en setembro de 1987 durante a súa visita oficial a República Federal de Alemaña. A finais da década de 1980 o contexto económico mundial, as relacións ca potencia dirixente soviética e incluso a propia política interior da RDA tornáronse cada vez máis tensas e difíciles.

Erich Honecker foi obrigado a dimitir polo Politburó do SED o 18 de outubro de 1989. En 1992 foi convocado a xuízo en Berlín por violación dos dereitos humanos na RDA, pero o proceso suspendeuse debido a unha enfermidade. As acusacións baseábanse no seu papel como xefe de estado da xa disolta RDA, ligándolle cos respectivas faltas ó dereito que controvertidamente se lle atribuían. Honecker trasladouse de inmediato xunto a súa familia en Chile, onde feneceu en maio de 1994.