Saltar ao contido

Teatro Jofre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Teatro Jofre
Vista da fachada.
Localización de Teatro Jofre en Galicia
Teatro Jofre
Localización no mapa de Galiza.
EnderezoPraza de Galicia, s/n
CidadeFerrol
PaísEspaña
Arquitecto/sFaustino Domínguez Domínguez,
Faustino Domínguez Coumes-Gay
Inauguración1892
Reapertura2006
Na rede
http://www.ferrol.es/jofre_es/Paginas/SelEvento.aspx
editar datos en Wikidata ]

O teatro Jofre é un espazo escénico inaugurado en 1892, situado na praza de Galicia, no barrio da Madalena, da cidade de Ferrol. É un dos referentes teatrais públicos de Galicia xunto ao teatro Rosalía de Castro da Coruña e unha institución cultural de Ferrol.

Contra o século XVIII Ferrol contaba co teatro do italiano Nicolás Settaro, onde se representaban funcións dramáticas, líricas e bailes. Este teatro foi destruído por un incendio, o que fixo que a cidade perdese o único teatro digno existente, facendo que os espectáculos se celebrasen en barracóns provisionais ou nos baixos máis amplos da cidade, que se acondicionaban a modo de teatriños. Co ascenso da Mariña de Guerra e dos estaleiros no século XIX a cidade medrou, construíndose novos edificios públicos, entre os que estaba o novo teatro.

En 1862, un grupo de ferroláns comezaron a construción do novo teatro. Os arquitectos Faustino Domínguez Domínguez e o seu fillo Faustino Domínguez Coumes-Gay, foron os autores do primeiro proxecto e do edificio final, respectivamente. A pesar de que os beneficios da empresa serían para o Hospital de Caridade, o que tiña que facilitar a construción, as obras non rematarían de non ser polo apoio do ferrolán Joaquín Jofre Maristany, residente en Buenos Aires. A importancia da súa persoa na construción do teatro fixo que se lle dese o seu nome. Trinta anos despois de comezadas as obras, o 19 de maio de 1892 o teatro foi inaugurado coa representación de El alcalde de Zalamea, de Calderón de la Barca.

En 1908 incorporou á súa programación proxeccións cinematográficas. En 1919 o teatro pasou á empresa Fraga, que encargou ao arquitecto Rodolfo Ucha a creación dunha nova fachada, engadindo un pórtico. O 4 de decembro de 1935 acolleu un mitin organizado pola Confederación Rexional Galaica da CNT no que participaron Federica Montseny, Jaime Baella e Claro José Sendón.

A finais do século XX o teatro Jofre pechou as súas portas tras anos de decadencia da actividade e do edificio. Finalmente foi comprado polo Concello de Ferrol, que, despois da rodaxe nel do filme Divertimento,[1] decidiu rehabilitalo, sobre todo polo impulso do entón Concelleiro de Cultura e anteriormente Deputado no Parlamento de Galicia (1990-1993), Director Xeral de Cultura no goberno do socialista Fernando González Laxe e deputado no Congreso, Bonifacio Borreiros. O encargado deste proxecto foi Rafael Baltar, finado en 2002, que actuou especialmente nos accesos ao edificio e na fachada sur, ademais de crear unha galería con miradoiro. Tamén foi reformado o interior para darlle máis luz e espazo escénico.[2] Tras as obras foi reinaugurado en 2006.

Entre xullo e agosto do 2011 o Jofre foi pechado polo Concello de Ferrol para levar a cabo a instalación dun novo pano devasa en substitución do antigo, que caera accidentalmente en marzo durante a montaxe dunha obra teatral. O teatro reabriuse o 30 de agosto do 2011 con motivo do Concurso Internacional de Gaita Constantino Bellón.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

A fachada orixinal do Teatro Jofre ocupaba a actual praza de Galicia, e contrastaba na súa sinxeleza co interior. Na actual destacan as columnas decoradas con elementos teatrais.

A planta ten forma de ferradura. O interior, de tres pisos decorados, e con frescos no teito que representan os xéneros teatrais, pintados por Jorge Busato e Fontana di Cento, está influído polos gustos do século XIX, inspirados, á súa vez, nos teatros barrocos italianos.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]