Saltar ao contido

Lagosta europea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lagosta (crustáceo)»)
Lagosta europea
Palinurus elephas
Johan Christian Fabricius 1787 Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
 Nome curto
P. elephas Editar o valor en Wikidata
 Combinación orixinal
 Sinonimia
Palinurus vulgaris Latreille, 1803
Conservación
 Identificador UICN
Clasificación taxonómica
ReinoAnimalia
FiloArthropoda
SubfiloCrustacea
ClaseMalacostraca
OrdeDecapoda
FamiliaPalinuridae
XéneroPalinurus
EspecieP. elephas
Identificadores
Freebase/m/0283989 Editar o valor en Wikidata
UNIIYTQ2BZC79L Editar o valor en Wikidata
ITIS97657 Editar o valor en Wikidata
OTT535217 Editar o valor en Wikidata
Wikidata G:Commons C:Commons

A lagosta europea ou común (Palinurus elephas, Fabricius 1787) é un crustáceo macruro (é dicir, de abdome ben desenvolvido), un dos mariscos máis valorados, tanto en Galicia[1] como no resto do Estado. Tamén se denomina lagosta vermella.

Descrición

[editar | editar a fonte]
Debuxo do pintor xaponés Kuniyoshi Utagawa.

Corpo robusto, dividido entre cefalotórax (pereión) e abdome (pleón), ámbolos dous cubertos por un exoesqueleto de natureza calcaria (casca), de forma máis ou menos cilíndrica, dotado de numerosos saíntes de tamaños desiguais dispostos en liñas lonxitudinais (ós que lle debe o seu nome inglés: Spiny lobster). A casca está dividida por sucos lonxitudinais e transversais, aspecto característico da familia Palinuridae.

Os adultos son de cor castaña ou violácea e no abdome presenta manchas amarelas simétricas. Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecémo-la lagosta no prato, cociñada, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

O rostro está formado por un pequeno saínte con dúas espiñas laterais, diverxentes e prominentes (como cornos), sobre os ollos, que son pedunculados, globosos e de cor vermella.

O primeiro par de antenas son pequenas (anténulas), curtas e bifurcadas ó final. O segundo par de antenas está moi desenvolvido, chegando a ser máis longas có corpo do animal, e constan dunha base ou pedúnculo curto e espiñoso e un látego formado por incontables artellos. As antenas teñen unha función esencialmente táctil.

Cola de lagosta cocida.
Cola de lagosta cocida.

O abdome é grande e arqueado. De aí a súa vella clasificación como macruro, en contraposición ós braquiuros, como a centola, de abdome pequeno e recollido baixo o cefalotórax.

Posúe seis segmentos (pleuras) móbiles. Cada segmento posúe un par de a modo de pequenas patas (pleópodos) que, nesta especie, non son útiles para a natación. A súa función é copuladora e ovíxena: as femias suxeitan a posta de ovos contra o abdome con estes pleópodos.

O último segmento abdominal está transformado nunha aleta caudal membranosa. Está constituída por unha placa central (telson, redondeado ou truncado) e catro uropodios.

Posúe cinco pares de patas locomotoras (pereiópodos), coma tódolos crustáceos decápodos, rematados nunha uña forte, excepto o primeiro par, máis curto e ancho e rematado nunha pinza pequena e fráxil. Nas femias, o último par de patas tamén remata en pinza (carácter que serve para diferencia-los exemplares dun e doutro sexo).

Mide entre 25 e 35 cm e pesa ó redor de 1 kg, aínda que pode chegar ós 50 cm e pesos de 4–7 kg. A madurez sexual alcánzase ós 4-5 anos, cuns 20 cm de lonxitude. No Mediterráneo son xa maduras ós 3 anos, cuns 10 cm.

As lagostas son unisexuais (cos sexos separados). O desenvolvemento é moi lento, chegando ós 15-20 anos. Como tódolos invertebrados dotados de exoesqueleto, muda e cambia de casca periodicamente. A lagosta presenta numerosas mudas anuais, que van a menos coa idade (10 veces no primeiro ano, 1-2 veces ó ano cando vellos).

É unha especie demersal, que vive nos fondos rochosos onde poida agocharse en covas e gretas, a profundidades de 20 a 70 metros, se ben no inverno desprázase a profundidades de 250 m ou máis.

Presente no atlántico oriental, desde a altura de Irlanda ou o sur de Noruega ata os Azores e Mauritania. Tamén é moi abundante no Mediterráneo.

A alimentación é omnívora, principalmente carnívora, a base de moluscos, outros crustáceos, equinodermos, algas etc.

En Galicia cada vez é máis escasa, pola sobrepesca á que é sometida con capturas anuais que rondan os 2000 kg (con máximos de 5.207 kg en 2016 e mínimos de 334 kg en 2021.[2] Boa parte da lagosta que se comercializa procede do Reino Unido.

Péscase con nasas especiais (nasas lagosteiras), pero ás veces vén enleada noutras artes de pesca.

O talle mínimo permitido para a lagosta capturada en augas galegas é de 95 mm de lonxitude do cefalotórax.[3]

A lagosta no mercado e na cociña

[editar | editar a fonte]

Normalmente, comercialízase a partir de cetarias, nas que se estabula trala captura ata o momento da súa venda.

A presentación habitual é fresca, viva. Recoñécese sen dificultade: o abdome debe de estar curvado cara a dentro e, cando a collemos na man adoita batelo con forza. Ademais, mostra reaccións reflexas nos ollos, antenas e patas ó contacto.

Tamén pode atoparse conxelada, pero neste caso se trata de lagostas foráneas.

Existe no mercado un sucedáneo de forma e sabor semellante ás colas de lagosta, baixo o nome de “colas de mar”. Trátase dun preparado elaborado a base de surimi (músculo de peixe picado e texturizado).

Consómese cocida en salpicón ou con distintas salsas, e tamén á prancha.

Festa da lagosta

[editar | editar a fonte]

Celébrase na Guarda, o último domingo de xuño.

Sinonimia histórica

[editar | editar a fonte]
  • Palinurus vulgaris Latreille 1804
  • Palinurus quadricornis Fabricius 1798
  • Astacus elephas Fabricius 1787

Denominación noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • castelán, asturiano: langosta
  • vasco: Otarrain
  • catalá: llagosta
  • valenciano: llangosta
  • francés: langouste, langouste rouge
  • inglés: Spiny lobster, Common Spiny lobster
  • portugués: lagosta
  • italiano: aragosta
  • alemán, danés: languste
  • grego: astakos
  • holandés: langoesten

Especies semellantes

[editar | editar a fonte]

No comercio pódense atopa-las seguintes especies semellantes:

  • lagosta moura ou mauritánica, tamén chamada lagosta rosada ou lagosta diamante, procedente das costas africanas (Palinurus mauritanicus), máis grande e ancha cá nosa.
  • lagosta verde ou real, tamén chamada lagosta portuguesa (Panulirus regius), de menor tamaño cá nosa.

Non parece razoable confundi-la lagosta co lumbrigante (Homarus gammarus), pero ás veces podemos atopar textos que describen este último baixo a denominación de lagosta (ou lagosta americana).

A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

  1. "É unha das especies máis cobizadas do noso mar" (Guía do consumidor de peixe fresco, Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, 1999, 178).
  2. "Pesca de Galicia. Lagosta SLO" (en castelán). Consultado o 20.11.2025. 
  3. Regulamento (UE) 2019/1241 do Parlamento Europeo e do Consello, de 20 de xuño de 2019, sobre a conservación dos recursos pesqueos e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas... (DO L 198 de 25.07.2019). O regulamento establece nos anexos V, VI e VII as medidas mínimas de peixes, crustáceos e moluscos, entre eles lagostas e lumbrigantes. Aínda que a norma foi modificada numerosas veces trata súa publicación, mantéñense vixentes as medidas das especies que nos interesan.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]