Espermatozoide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Espermatozoide fecundando un óvulo

Un espermatozoide ou espermatozoo[1][2], do grego clásico σπέρμα (seme) e ζῷον (ser vivo), é a célula haploide que constitúe o gameto masculino. Os espermatozoides fórmanse no interior dos testículos, e únense ó ovocito para formar o cigoto. Un cigoto é unha célula con todo os cromosomas propios da especie e que se vai converter xeralmente nun embrión.

O espermatozoide é o resultado dunha meiose no testículo a partir dunha célula proxenitora. Este é o proceso de espermatoxénese.

Esta célula posúe:

  • Cabeza: Esta porta a información xenética (unha copia de cada xene, xa que é unha célula haploide). Tamén achamos o acrosoma, resultado da fusión de lisosomas. Porta enzimas histolíticos para furar a membrana pelúcida do ovocito. Toda esta infraestrutura está rodeada dunha membrana que se prolonga ó pescozo.
  • Pescozo: É unha estrutura estreita na que se achan microtúbulos modificados e o inicio do flaxelo.
  • Peza media: Nela atópanse as mitocondrias, que subministran a enerxía necesaria. Empregan como combustible as reservas do espermatozoide, pero sobre todo os nutrientes do seme, como a glicosa.
  • Cola, que será quen mova esta célula. Só contén unha membrana que engloba os microtúbulos do interior.
Espermatozoide maduro humano.

Espermatoxénese[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Espermatoxénese.

Proceso polo cal as células xerminais primordiais (espermatogonias) convértense en gametos masculinos. Ten unha duración aproximada de 74 días. O proceso comeza e desenvólvese nos testículos e remata coa maduración final no epidídimo.[3] Lévase a cabo durante toda a vida do individuo, aínda que disminúe co comezo da andropausia. Consta de varias etapas: mitose, meiose I, meiose II e espermioxénese. Estas fases non ocorren á vez en todas as células senón que maduran de forma asincrónica e helicoidal ao largo do túbulo seminífero. Empeza o día 24 do embrión pero non será ata a puberdade cando comecen as meioses e se formen os primeiros espermatozoides.[4]

  • Mitose: as espermatogonias (2n) de fenotipo Ad replicaranse formando 2 células fillas idénticas diploides e pouco diferenciadas. A espermatogonia permanece en mitose 16 días.
  • Meiose I: as espermatogonias de fenotipo Ap poden dar lugar a espermatocitos secundarios (n). Este proceso dura 24 días.
  • Meiose II: os espermatocitos secundarios en poucas horas convértense en espermátidas (n).
  • Espermioxénese: non confudir coa espermatoxénese. Nesta última etapa as espermátidas (n) convértense en espermatozoides. O proceso dura 24 días. Durante este tempo, redúcese o citoplasma, o núcleo alárgase situándose na cabeza. As mitocondrías situaranse no pescozo e os centriolos na peza media para formar o flaxelo. O último paso ocorre no epidídimo, onde se obtén o acrosoma (contén enzimas necesarios para a fecundación) e o glicolema (protexe ó gameto do pH ácido da vaxina).[5]
    Proceso final de espermioxénese.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para espermatozoo.
  2. Jaime Gómez Márquez et al. Dicionario de bioloxía galego-castelán-inglés. 2010 Xunta de Galicia. Páxina 73
  3. "Espermatogénesis" (en castelán). 2021-12-31. 
  4. "Espermatozoide" (en castelán). 2021-12-28. 
  5. Carlson, Bruce M. (2009). Embriología Humana y Biología del Desarrollo. Elsevier.