Adrián López Rodríguez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Piscu»)
Adrián López
Información persoal
Nome Adrián López Rodríguez
Nacemento 25 de febreiro de 1987
Lugar de nacemento As Pontes de García Rodríguez
Altura 1,84 m.
Posición Defensa
Carreira xuvenil
As Pontes
2001–2006 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2006–2008 Deportivo B 12 (0)
2007–2010 Deportivo da Coruña 26 (1)
2010–2013 Wigan Athletic 11 (0)
2013–2015 Montreal Impact 1 (0)
2015–2016 Aarhus 5 (0)
2017–2018 Fredericia 16 (0)
2018–2019 Compostela 30 (2)
Selección nacional
2007 Galicia 2 (0)
Na rede
FIFA: 198148 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Adrián López Rodríguez, tamén coñecido como Piscu, nados nas Pontes de García Rodríguez o 25 de febreiro de 1987, é un exfutbolista galego.

Xogaba de defensa central e criouse nas canteiras do CD As Pontes e do Deportivo da Coruña. Xogou co Deportivo en Primeira División tres tempadas antes de iniciar un periplo por equipos de Inglaterra, Canadá e Dinamarca. A súa carreira futbolística, marcada polas lesións, rematou en 2019 na SD Compostela.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Deportivo[editar | editar a fonte]

Orixinario da vila coruñesa das Pontes de García Rodríguez, xogou no equipo local até a categoría infantil (12-13 anos), unha vez pasou desta categoría entrou no Deportivo da Coruña, na categoría cadete, e proseguiu a súa carreta futbolística nos xuvenís do Deportivo. Tras esta etapa na que destacou como central pasou ao filial do Deportivo da Coruña, o Fabril, no que xogou dúas tempadas. Alí comezou a ser coñecido entre a afección como Piscu, alcume que non lle gustaba ao xogador, para distinguilo do seu compañeiro Adrián López Álvarez.[1]

Na súa primeira tempada no Fabril (2006-07) conseguiu o ascenso de Terceira División a Segunda B. Ademais debutou co primeiro equipo na Copa do Rei, xogando os derradeiros minutos nos dous partidos da eliminatoria fronte ao Mallorca, o primeiro en Son Moix e o segundo en Riazor.[2]

Ao ano seguinte rematou co Fabril na primeira posición do seu grupo en Segunda B, sendo o equipo menos goleado da categoría, ao tempo que compaxinaba partidos co primeiro equipo, tralas lesións de Albert Lopo e Pablo Amo. O posto vacante no centro da zaga ocupouno nun primeiro momento o máis experimentado Aythami Artiles, quen callou actuación desafortunada. Por iso Miguel Ángel Lotina decidiu darlle a Adrián a oportunidade, quen non a desaproveitou para converterse nun fixo na defensa branquiazul.[3] O seu debut en Primeira División produciuse o 30 de setembro de 2007 na sexta xornada da Liga fronte ao Espanyol no Estadio Olímpico de Montjuïc. Desde o seu debut en Primeira xogou a totalidade dos minutos nun total de 15 partidos de liga, máis un de Copa do Rei. Destacou ademais que xogou como titular durante 13 xornadas seguidas, da 6 até a 18, correspondente ao 13 de xaneiro, cando causou baixa por gripe. Estas grandes estatísticas para un debutante en Primeira División permitíronlle ser seleccionado no once de ouro dos xogadores novos nacionais realizado por Fútbol Draft.[4]

Na tempada 2008/09 Lotina preferiu contar no equipo co xogador pontés, antes que co citado Aythami, que tivo que marchar cedido ao Xerez CD. Anotou o seu primeiro gol como profesional na xornada 24 contra o Valencia,[5] pero a súa contribución co equipo estancouse, xogando 8 partidos de liga, 3 de Copa do Rei e 8 na Copa da UEFA.

Na tempada 2009/10 disputou só 3 partidos de liga e 6 de copa, perdendo o tramo final de liga por unha fractura da clavícula sufrida contra o Valencia no mes de abril.[6] Tras finalizar a campaña a entidade coruñesa exerceu con Piscu unha opción unilateral de renovación en virtude dun convenio entre a LFP e a AFE.[7] O xogador, asesorado polo seu representante Eugenio Botas, non estaba de acordo coa renovación unilateral e non se presentou á pretemporada en Abegondo, para a que estaba citado, mentres o club aseguraba descoñecer o seu paradoiro. Uns días despois de que transcendese que o futbolista estaba adestrando co Wigan Athletic da Premier League inglesa, o Deportivo inscribiuno na lista de 25 xogadores para a tempada 2010/11.[8] A disputa entre o futbolista e o equipo debeu ser resolta pola FIFA. Durante ese período seguiu adestrando co equipo inglés.

Wigan Athletic[editar | editar a fonte]

Unha vez resolta esta situación, Adrián quedou libre para asinar contrato co equipo que desexase. O 31 de decembro de 2010 o Wigan Athletic confirmou a súa fichaxe oficial ata o final da tempada 2010-2011.[9] Nesa tempada disputou un só partido na Premier League e 3 partidos na FA Cup. Ademais xogou 3 partidos co equipo reserva.

O adestrador do equipo, Roberto Martínez, estaba contento co traballo do defensor galego, polo que Adrián acabou renovando o seu contrato por outros dous anos máis. Non tivo demasiado protagonismo na súa segunda tempada no equipo de Wigan, xogando o escaso número de 5 partidos de Premier League, así coma un na FA Cup e outro na League Cup. Así mesmo disputou outros 5 partidos co equipo de reservas.

A súa derradeira tempada tampouco foi mellor, xogando os mesmos partidos en Premier League e FA Cup e un máis na League Cup. A tempada foi mala para os Latics pese a gañar a FA Cup,[10] xa que descenderon á League Championship. Tralo descenso, Adrián deixou o equipo inglés. Durante a súa estancia no Wigan Athletic Piscu adaptouse a xogar no lateral dereito cando o equipo o precisou, aínda que é unha posición onde non se sentía tan cómodo.

Montreal Impact[editar | editar a fonte]

Unha vez rematou o seu contrato co Wigan decidiu probar sorte na MLS, asinando co equipo canadense do Montreal Impact,[11] no que coincidiu con xogadores de sona mundial como Alessandro Nesta ou Marco Di Vaio. Asinou contrato o 26 de xullo do 2013, pero só puido disputar un partido da Liga de Campións da CONCACAF, xa que sufriu unha grave lesión do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo dereito cando só levaba un mes no seu novo equipo. A mala sorte cebouse co xogador pontés cando, xa recuperado da lesión de xeonllo, recaeu da mesma antes dun partido do equipo reserva do Montreal. O seu adestrador, Frank Klopas, sinalou o infortunio do xogador, que estaba traballando moi ben co equipo reserva e co que contaba para o primeiro equipo.[12] Tras dúas tempadas nas que apenas puido xogar, deixou o equipo canadense ao rematar o seu contrato.

Aarhus GF[editar | editar a fonte]

En xullo de 2015 asinou contrato co Aarhus GF da Superliga danesa, máxima categoría do fútbol danés, por seis meses, xa que tras tanto tempo sen xogar o equipo non quixo arriscar cun contrato longo.[13] Porén o equipo danés renovoulle o contrato polo que quedaba de tempada, satisfeito co rendemento do xogador, malia non facerse coa titularidade. Acabada a tempada desvinculouse do equipo danés.

FC Fredericia[editar | editar a fonte]

Despois da súa primeira tempada en Dinamarca, o defensa galego recaeu das molestias no xeonllo e dedicou a seguinte tempada a recuperarse consultando a distintos re-adaptadores físicos.[14] A súa recuperación permitiulle asinar co FC Fredericia da Primeira División Danesa, a segunda categoría do fútbol no país nórdico. Malia que lle custou un pouco facerse cun posto no 11 titular, tendo unha participación intermitente no comezo da competición ligueira, mediada a tempada o central galego conseguiu a titularidade e só as sancións e lesións o apartaron do campo. Deste xeito xogou un total de 16 partidos de liga, e 5 partidos da copa danesa. Precisamente foi nesta competición onde tivo a oportunidade de marcar cadanseu gol nas dúas primeiras roldas da competición nos partidos que xogaron e gañaron contra o Esbjerg fB e o RKG Klarup.

SD Compostela[editar | editar a fonte]

En agosto de 2018 volveu a Galicia para fichar pola SD Compostela, de Terceira División. Tras debutar con gol fronte ao Polvorín, xogou un total de 31 partidos, case todos como titular, e foi unha das pezas clave na clasificación do equipo para a promoción de ascenso. Ao remate da tempada retirouse do fútbol.[15]

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi convocado coa Selección de fútbol de España sub-21, aínda que non chegou a debutar. Tamén foi convocado pola Selección de fútbol de Galicia para dous partidos, os que disputou contra as seleccións do Camerún e Irán.

Tras a retirada[editar | editar a fonte]

Despois de deixar a práctica do fútbol fundou a empresa Export Players, dedicada á representación de futbolistas.[16]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Deportivo
Wigan Athletic

Montreal Impact

  • Canadian Championship: 2014[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jiménez, José Luis (3 de decembro de 2007). "El central «mileurista»" (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  2. "El Deportivo encarrila la eliminatoria en Mallorca" (en castelán). 10 de xaneiro de 2007. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  3. 6 de novembro de 2007. "El canterano Piscu, la cara positiva de la lesión de Alberto Lopo" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13/07/2015. 
  4. "Piscu, en la selección de los mejores jóvenes de la Liga" (en castelán). 20 de maio de 2008. Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  5. "Gol de Adrián ao Valencia.". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2016. 
  6. "Adrián operado dunha fractura de clavícula.". 
  7. O Deportivo renova a 'Piscu'
  8. Lendoiro anuncia que o Deportivo outorgou unha ficha a Piscu
  9. "O Wigan confirma a fichaxe do 'rebelde' Piscu". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 01 de xaneiro de 2011. 
  10. Rob Draper (11/05/2013). "O Wigan gaña a FA Cup 2012-2013.". 
  11. "Adrián asina polo Montreal Impact". 
  12. "Frank Klopas destaco o gran traballo e o infortunio de Adrián.". 
  13. "El AGF danés ficha al central español Adrián López "Piscu"" (en castelán). 9 de xullo de 2015. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  14. "La tercera vida de Piscu". La Voz de Galicia (en castelán). 2017-04-24. Consultado o 2017-08-04. 
  15. "Compos y Bergan cogen forma de cara a la nueva temporada" (en castelán). 5 de xullo de 2019. Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  16. Barreiros, Pedro (16 de abril de 2020). "El nuevo proyecto de Piscu, unir las universidades americanas y el fútbol gallego". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26 de febreiro de 2021. 
  17. Kurtis Larson (04/06/2014). "O Montreal Impact gaña a Canadian Championship.". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]